Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Martes, 30 de abril de 2019 Páx. 20983

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2019 pola que se convoca o curso monográfico O novo réxime das viaxes combinadas e servizos de viaxe vinculados.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico O novo réxime das viaxes combinadas e servizos de viaxe vinculados de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

Este curso monográfico ten como principal obxectivo coñecer o novo marco establecido polo Real decreto lei 23/2018, do 21 de decembro, de transposición de directivas en materia de marcas, transporte ferroviario e viaxes combinadas e servizos de viaxe vinculados.

Este curso resulta imprescindible para o persoal inspector dada a aplicación inmediata desa normativa e o importante volume de problemas que xeran as viaxes combinadas, o que se traduce na necesidade de coñecer o novo marco normativo para afrontar axeitadamente tanto a investigación dos feitos denunciados en relación con esas viaxes como o asesoramento realizado ás persoas usuarias turísticas e ás persoas profesionais do sector das axencias de viaxes, que demandan unha información continua e permanente sobre esta nova regulamentación.

2. Contidos.

Como temas principais que se tratarán neste curso monográfico destacan os seguintes.

– Ámbito de aplicación e definicións.

– Responsabilidade por erros na reserva.

– Viaxes combinadas: información precontractual; carácter vinculante; contido do contrato e documentación; carga da proba; cesión do contrato da viaxe; modificación do prezo; modificación doutras cláusulas do contrato; resolución, cancelación e desistencia; redución do prezo e indemnización por danos e perdas; garantías.

– Servizos de viaxe vinculados: protección fronte á insolvencia, información precontractual.

– Prescrición e réxime sancionador.

– Formularios de información.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público adscrito á Axencia de Turismo de Galicia, tanto da inspección de turismo como das unidades tramitadoras que realice funcións de asesoramento e información en materia de viaxes combinadas, así como persoal da inspección de consumo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

4. Desenvolvemento.

Duración: 10 horas lectivas.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 8 e 9 de maio de 2019.

Horario: de mañá.

5. Número de prazas: 30.

6. Inscrición.

1. O prazo para a inscrición estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 5 de maio de 2019.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto e achegando os documentos que indiquen a súa situación administrativa e tipo de persoal.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

9. Publicación das listaxes de selección do alumnado.

A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe de persoas seleccionadas para participar neste curso monográfico, así como a listaxe de reservas cun número adecuado de persoas, no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de reservas.

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia á actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

12. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

13. Certificado de asistencia oficial.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública