Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Martes, 30 de abril de 2019 Páx. 20975

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 46/2019, do 11 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Covelo, do treito antigo da EP-5106, comprendido entre os puntos quilométricos 6+530 e 7+355.

Segundo a teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Covelo solicita á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade do tramo da estrada EP-5106 entre os puntos quilométricos 6+530 e 7+355, que discorre polo barrio de Redondo, na parroquia de Barcia de Mera, unha vez que a deputación remate as obras de acondicionamento do tramo antigo da EP-5106 Covelo-Barcia de Mera, desde o punto quilométrico 6+550 ata o punto quilométrico 7+350.

A Deputación Provincial de Pontevedra no Pleno da Corporación Provincial levado a cabo o día 28.9.2018 aceptou o cambio de titularidade proposto.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de abril de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Covelo, do treito antigo da EP-5106, comprendido entre o punto quilométrico 6+530 e o punto quilométrico 7+355.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Covelo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación.

Artigo 4

Corresponderán ao Concello de Covelo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de abril de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade