Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Martes, 30 de abril de 2019 Páx. 21094

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2019 pola que se procede á apertura dun período de elección de provisor de asistencia sanitaria especializada na Xestión Integrada de Vigo.

O Servizo Galego de Saúde formalizou, con data do 1 de setembro de 2014, un concerto coa entidade Hospital Povisa, S.A. para a prestación dos servizos de asistencia sanitaria especializada incluídos na súa carteira de servizos, á poboación beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo Servizo Galego de Saúde, que libremente o elixan, asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aquel outros que a Administración determine do concello de Vigo.

Na cláusula 1.2 do prego de prescricións técnicas particulares deste concerto, establécese que a Xerencia do Servizo Galego de Saúde, por resolución, establecerá o procedemento e o prazo para que os beneficiarios da Seguridade Social, que ten a obriga de protexer, poidan elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada.

Na estipulación segunda do concerto recóllese que, con periodicidade anual, no mes de maio de cada ano de vixencia, abrirase un prazo de trinta (30) días naturais en que exercer ese dereito.

Co obxecto de facer efectiva a posibilidade de elección indicada, por medio da presente

ACORDO:

Primeiro. Os beneficiarios da Seguridade Social dos centros de saúde dos concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar así como os dos centros de saúde de Coia, Coruxo, Navia, López Mora, Pintor Colmeiro, Nicolás Peña e Rosalía-Beiramar, estes últimos no concello de Vigo, poderán solicitar a inclusión no complexo hospitalario universitario da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo, ou ser asignados á area de Povisa, como provisores de asistencia sanitaria especializada.

Segundo. A solicitude de cambio de provisor de asistencia sanitaria especializada efectuarase pola persoa autorizada ou mediante titor/a legal, quen achegará a seguinte documentación:

a) Solicitude de acordo cos modelos que estarán dispoñibles na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

b) Documento identificativo da persoa solicitante: DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro (TIE) ou pasaporte, que deberán ser presentados no momento de formular a solicitude.

No caso de ser presentada a solicitude por un/unha titor/a ou persoa autorizada:

– Fotocopia do DNI, TIE ou pasaporte do interesado/a.

– Documento acreditativo da titoría legal ou, se for o caso, orixinal da autorización específica do interesado/a.

A solicitude presentarase no centro de saúde que, por razón de residencia, lle corresponda á persoa interesada, ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo.

Se a documentación presentada non está completa ou ten algún defecto, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta coa indicación de que, se así non o fixer, considerarase que desiste da súa petición.

Terceiro. Tamén será posible efectuar a opción de cambio a través da internet, nas condicións que se explicitan na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Cuarto. Non será posible tramitar a opción de cambio nos seguintes supostos:

a) Mentres a persoa usuaria estea hospitalizada nun ou noutro hospital, ou ben cando teña iniciado un tratamento de radioterapia e/ou quimioterapia.

b) Cando as solicitudes recibidas rebasen o límite máximo de persoas usuarias que Povisa pode ter asignados segundo o concerto.

Quinto. O período para que os beneficiarios da Seguridade Social indicados no acordo primeiro da presente resolución exerzan o seu dereito a elixir libremente o provisor de asistencia sanitaria especializada, será o comprendido entre o 2 e o 31 de maio de 2019.

Sexto. As solicitudes de cambio para un ou outro hospital entenderanse estimadas se se cumpren as condicións referidas na presente resolución, sendo a data de cambio a que corresponda á súa mecanización efectiva na Unidade de Tarxeta Sanitaria. Os usuarios poderanse informar deste aspecto na área administrativa do seu centro de saúde.

As solicitudes desestimadas comunicaranse sempre por escrito en que conste o motivo da desestimación.

Sétimo. A presente resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2019

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde

missing image file