Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 29 de abril de 2019 Páx. 20833

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 26 de abril de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa dirixido ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 452053.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios/as

BS324A. Mozos e mozas individualmente, inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil (en diante, SNGX) e que figuren como beneficiarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

BS324B. Entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude.

BS324C. Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Segundo. Obxecto

O obxecto é a concesión de subvencións para os proxectos de mobilidade transnacional dirixidas á mocidade inscrita no SNGX no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, non ocupada nin integrada nos sistemas de educación ou formación, para a realización de prácticas formativas non laborais en entidades/empresas públicas ou privadas en países europeos, durante un período mínimo de 2 meses e máximo de 3, cun mínimo de 100 horas formativas mensuais.

O período de realización das prácticas formativas non laborais nas empresas ou entidades rematará en todo caso o 30 de novembro de 2019.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 26 de abril de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa dirixido ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Cuarto. Contía

A contía global da convocatoria é de 1.945.311,00 euros, cofinanciada nun 91,89 % pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo.

A distribución de créditos é a seguinte:

BS324A: 653.819,00 € con cargo á aplicación 13.05.313A.480.0

BS324B: 941.492,00 € con cargo á aplicación 13.05.313A.481.0

BS324C: 350.000,00 € con cargo á aplicación 13.05.313A.460.0

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Sexto. Outros datos

Todas as entidades e persoas ás cales se lles conceda a subvención recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida, se así o solicitan.

A concesión da subvención tramítase en réxime de concorrencia competitiva e efectúase, en cada procedemento, por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

As subvencións están suxeitas ao réxime de custos simplificados baseados en custos unitarios. Na convocatoria establécense unhas táboas con importes que varían en función do país de destino, do número e da duración das mobilidades, así como do número de persoas que participen nos proxectos. Os conceptos subvencionables son:

– No procedemento BS324A, gastos para a realización das prácticas formativas non laborais, inclúe custos de aloxamento e manutención das persoas participantes, viaxe ao país de destino, transporte local e seguros de accidentes e responsabilidade civil, así como o seguro médico e subvencións para o apoio lingüístico.

– Nos procedementos BS324B e BS324C, ademais dos gastos para a realización das prácticas formativas non laborais (custos de aloxamento e manutención, viaxe ao país de destino, transporte local e seguros de accidentes e responsabilidade civil, así como o seguro médico dos mozos/as participantes), establécense outros gastos de apoio á organización e execución da mobilidade que comprende apoio a aspectos organizativos (que inclúen gastos como a convocatoria, a selección, o apoio lingüístico e a preparación sociocultural de participantes) e gastos de execución dos proxectos (apoio para as viaxes de mentores da entidade de envío e apoio para os gastos da entidade de acollida).

O prazo para xustificar as accións subvencionadas será o 9 de decembro de 2019.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social