Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 29 de abril de 2019 Páx. 20636

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social

DECRETO 43/2019, do 11 de abril, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego da Familia e da Infancia.

A Convención sobre os Dereitos do Neno, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa Resolución 44/25, do 20 de novembro de 1989, ratificada por España o 30 de novembro de 1990, parte da proclamación na Declaración Universal de Dereitos Humanos do dereito da infancia a coidados e asistencia especiais e considera que a familia, como grupo fundamental da sociedade e medio natural para o crecemento e benestar dos seus membros, e en particular dos nenos, debe recibir a protección e asistencia necesarias para poder asumir plenamente as súas responsabilidades dentro da comunidade. O seu obxectivo fundamental é avanzar ao máximo no cumprimento dos dereitos da infancia e adolescencia, así como nos seus deberes e responsabilidades. Iso debe realizarse abordando de maneira transversal e multidisciplinar a atención á infancia e adolescencia, mediante a coordinación e cooperación efectiva, eficiente e eficaz dos distintos axentes implicados en garantir, promover e defender os seus dereitos.

A importancia da infancia e da familia e o seu papel na sociedade son obxecto de recoñecemento expreso polo noso ordenamento xurídico. Así, a Constitución española, no seu artigo 39.1, establece como un dos principios reitores da política social e económica a obriga de todos os poderes públicos de asegurar a protección social, económica e xurídica da familia, e sinala que as nenas e os nenos gozarán da protección prevista nos acordos internacionais que velan polos seus dereitos.

A Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, é un marco regulador que garante aos menores unha protección uniforme en todo o territorio do Estado e introduce cambios destinados a reforzar o dereito do menor a que o seu interese superior sexa unha consideración primordial. Esta norma foi obxecto de modificación pola Lei orgánica 8/2015, do 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia e pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, co fin de dar resposta aos cambios sociais producidos que demandan unha mellora na protección xurídica dos menores e dar cumprimento efectivo ao artigo 39 da Constitución.

A dita Lei orgánica serviu como marco de referencia para que a Comunidade Autónoma aprobase a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, ao abeiro do establecido nos números 23 e 24 do artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, que lexitiman a Xunta de Galicia para a actuación lexislativa en materia de familia e infancia.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, constitúe o marco normativo de referencia en que se inscribe e ten cabida o conxunto de actuacións públicas en materia de apoio á familia e a convivencia.

De acordo co previsto na referida lei, o apoio á familia e aos núcleos de convivencia debe responder necesariamente á complexidade da nosa sociedade e debe dar solución ás diferentes situacións que impiden ou dificultan tanto a formación e a constitución de novas familias ou grupos estables de convivencia coma o desenvolvemento integral das xa constituídas.

Así, débeselles dar o apoio necesario á maternidade e á atención das persoas ao cargo, potenciar a integración familiar das persoas maiores, paliar as dificultades notorias de conciliación da vida persoal, laboral e familiar e, ademais, procurar o sostemento da estabilidade da familia minimizando os danos derivados dos procesos de desestruturación familiar e, en particular, no que afecte os dereitos dos fillos e das fillas e dos membros máis vulnerables da familia.

A atención á infancia non se pode desligar do apoio á familia, por ser esta o ámbito natural de desenvolvemento integral dos nenos, nenas e adolescentes, sendo o benestar destes un factor favorecedor dunha sociedade máis xusta e equilibrada. Este apoio á familia e a defensa do interese da persoa menor, a protección dos seus dereitos, a súa participación activa na sociedade como suxeito activo e a súa integración na comunidade, en especial dos colectivos máis vulnerables, fan necesario o desenvolvemento de políticas activas deseñadas coa achega de todos os colectivos sociais.

A sección II, capítulo II do título I do Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, regula, dentro das institucións de promoción e apoio á familia, o Observatorio Galego da Familia, configurado como un órgano colexiado de carácter consultivo e de apoio ao desenvolvemento de políticas sociofamiliares, adscrito á Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude.

Por outra banda, o Decreto 184/2008, do 24 de xullo, creou o Observatorio Galego da Infancia como órgano colexiado de participación, investigación, asesoramento, análise, estudo e proposta en políticas de atención á infancia e á adolescencia, adscrito ao departamento da Administración autonómica con competencias en materia de infancia.

A optimización dos recursos públicos e a eficacia na xestión son principios básicos que guían a actuación da Xunta de Galicia, segundo se establece na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. A existencia dun observatorio único da familia e da infancia, como institución de promoción e apoio á familia e á infancia, permite unha actuación integral neses ámbitos en prol dunha maior eficiencia e eficacia na protección e promoción dos seus dereitos e intereses.

Neste sentido, o título preliminar da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, denominado «Disposicións xerais», prevé no artigo 4.1.b) a creación do Observatorio Galego da Familia e da Infancia como órgano colexiado de carácter asesor e de apoio, análise, investigación, estudo e proposta de actuacións en materia de familia e infancia, adscrito á consellería competente en materia de familia.

O artigo 4.3 da dita lei determina que, mediante regulamento, se establecerá a súa composición e funcións, polo que, en cumprimento deste artigo, dos preceptos básicos da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a través desta norma se aproban a composición e as funcións do Observatorio Galego da Familia e da Infancia.

Respecto á súa estrutura, este decreto consta de 15 artigos, agrupados en dous capítulos, tres disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I, que leva por rúbrica «Disposicións xerais», regula cuestións de carácter xeral: o obxecto, a natureza e adscrición, o réxime xurídico, os obxectivos e as funcións do Observatorio Galego da Familia e da Infancia.

O capítulo II, co nome «Normas de organización e funcionamento», está dedicado á composición do observatorio, regula en artigos diferenciados as figuras das persoas titulares da Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría e vogalías, a duración do mandato, o réxime de funcionamento do observatorio e a publicidade dos datos, informacións, traballos e actuacións que desenvolva.

Na parte final en relación coas disposicións adicionais, a primeira regula o réxime económico. Na disposición adicional segunda regúlase a obriga dos membros do observatorio de respectar o dereito á intimidade e confidencialidade da información no desempeño da súa actividade. A disposición adicional terceira establece o prazo de constitución do observatorio.

A disposición transitoria única declara a pervivencia da regulación anterior en canto non se proceda a constituír o Observatorio Galego da Familia e da Infancia.

A disposición derrogatoria única contén unha cláusula de derrogación da normativa vixente.

Nas disposicións derradeiras, a primeira establece o mandato de habilitación para o desenvolvemento normativo e a disposición derradeira segunda establece a entrada en vigor deste decreto.

Consonte o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, esta disposición foi sometida a trámite de audiencia, a información pública e conta con todos os informes correspondentes.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Política Social, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de abril de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación do Observatorio Galego da Familia e da Infancia, así como a regulación da súa composición, das súas funcións e o réxime de funcionamento.

Artigo 2. Natureza e adscrición

O Observatorio Galego da Familia e da Infancia é un órgano colexiado de carácter asesor e de apoio, análise, investigación, estudo e proposta de actuacións en materia de familia e de infancia, adscrito á consellería competente en materia de familia.

Artigo 3. Réxime xurídico

O Observatorio Galego da Familia e da Infancia rexerase polas disposicións deste decreto, así como polas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento e execución.

En todo o non previsto nas normas anteriores aplicaranse as normas establecidas para os órganos colexiados na sección 3ª do capítulo II, título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 4. Obxectivos

O observatorio terá como obxectivos:

a) Fomentar o papel da familia como unidade básica de convivencia e garantir a súa protección integral.

b) Propoñer actuacións dirixidas a promover os dereitos da infancia recoñecidos na Convención sobre os Dereitos do Neno e no resto do ordenamento xurídico.

c) Desenvolver actividades de investigación, estudo e análise técnica que permitan coñecer e facer un seguimento da realidade social das familias de Galicia, o grao de satisfacción das necesidades da infancia, así como o impacto das políticas públicas desenvolvidas en materia de familia e infancia.

d) Facer efectiva a participación dos axentes sociais implicados nas cuestións que afecten a familia e a infancia, así como a participación da familia e a infancia na sociedade.

e) Promover a colaboración e coordinación entre as distintas administracións e institucións públicas e privadas que desenvolven actividades a favor da familia, da infancia e da adolescencia.

Artigo 5. Funcións

1. Este observatorio, para a consecución dos seus fins, exercerá as seguintes funcións:

a) Actuar como órgano de recompilación, análise e intercambio da información dispoñible en diferentes fontes autonómicas, estatais e internacionais sobre a familia e os nenos, nenas e adolescentes.

b) Propoñer a realización de estudos, investigacións e informes técnicos que permitan un mellor coñecemento da situación da familia e da infancia en Galicia e a detección das súas necesidades e demandas sociais.

c) Avaliar o impacto das políticas fiscais, laborais e sociais desenvolvidas polos distintos departamentos das administracións na situación das familias e da infancia galegas.

d) Formular propostas e recomendacións sobre liñas estratéxicas e prioridades de actuación en materia de políticas familiares e de infancia no ámbito da Comunidade Autónoma Galega.

e) Servir de canle para a actuación coordinada e harmónica entre os distintos departamentos das administracións públicas no ámbito da familia e a infancia.

f) Canalizar as propostas das organizacións sociais que desenvolven as súas actividades no ámbito da familia e da infancia.

g) Promover as actuacións necesarias para sensibilizar a toda a cidadanía no coñecemento e respecto dos dereitos da infancia en Galicia e no mundo.

h) Promover a elaboración e desenvolvemento dos plans e estratexias de familia, de infancia e adolescencia e avaliar a súa execución.

i) Elaborar informes e ditames por petición dos órganos competentes da Comunidade Autónoma sobre as materias da súa competencia.

j) Impulsar a incorporación da perspectiva da familia e infancia no ordenamento xurídico galego, de xeito que se tomen en consideración as necesidades da infancia, da adolescencia e das familias galegas.

k) Participar, elevar propostas e manter contactos con outros órganos de similar natureza, promovendo os encontros entre profesionais e persoas expertas, tanto no ámbito autonómico e estatal como internacional, para facilitar o intercambio de experiencias, investigacións e traballos nesta materia.

2. No exercicio das funcións establecidas neste artigo terase en conta e integrarase de xeito transversal a perspectiva de xénero e a relación recíproca entre familia e infancia e igualdade de xénero.

CAPÍTULO II

Normas de organización e funcionamento

Artigo 6. Composición

1. O Observatorio Galego da Familia e da Infancia terá a seguinte composición:

a) Presidencia.

b) Vicepresidencia.

c) Secretaría.

d) Vogais:

1º. Un/unha vogal, con rango mínimo de xefatura de servizo, designado/a en representación dos órganos dependentes da Presidencia e un/unha representante por cada unha das consellerías da Xunta de Galicia.

2º. Unha persoa en representación do órgano competente en materia de estatística.

3º. Unha persoa en representación da Delegación do Goberno en Galicia.

4º. Unha persoa en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

5º. Unha persoa en representación de cada unha das tres universidades galegas.

6º. Unha persoa representante da Fiscalía da Comunidade Autónoma de Galicia, proposta polo/a fiscal superior de Galicia.

7º. Un número de persoas equivalente ao de representantes sindicais en representación da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

8º. Unha persoa en representación de cada unha das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia, así como das presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas que non teñan a condición de máis representativas.

9º. Unha persoa representante da Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia (POI Galicia).

2. Na designación de vogais procurarase que o Observatorio teña unha composición de xénero equilibrada, segundo o previsto no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

3. Por cada membro titular deberase designar un suplente para o caso de que aquel/a non poida asistir.

4. A participación no Observatorio terá carácter gratuíto e non dará dereito a percibir de ningún tipo de indemnización en concepto de axudas de custo ou gastos de desprazamento.

Artigo 7. A Presidencia

1. A Presidencia do Observatorio Galego da Familia e da Infancia correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de familia.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal que impida o desenvolvemento das súas funcións, a persoa titular da Presidencia será substituída pola persoa titular da Vicepresidencia.

3. As funcións da persoa titular da Presidencia son:

a) Desempeñar a representación do Observatorio.

b) Dirixir, promover e coordinar a actuación do Observatorio.

c) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do Pleno e fixar a súa orde do día.

d) Presidir as sesións, moderar os debates e dirixir as deliberacións e votacións e asegurar o cumprimento das leis.

e) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos do Observatorio expedidas polo/a secretario/a.

g) Nomear e separar, se é o caso, os/as vogais titulares e suplentes representantes das entidades e organizacións mencionadas no artigo anterior.

h) Desempeñar calquera outra función que lle atribúa o Observatorio ou sexa inherente a súa condición de presidente/a.

Artigo 8. A Vicepresidencia

1. A Vicepresidencia do Observatorio Galego da Familia e da Infancia correspóndelle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de familia.

2. Correspóndenlle á Vicepresidencia as seguintes funcións:

a) Asistir a persoa titular da Presidencia nas sesións do Observatorio.

b) Exercer as funcións atribuídas á persoa titular da Presidencia en caso de ausencia, vacante, enfermidade ou outra causa legal.

c) Exercer aquelas funcións que lle sexan delegadas pola persoa titular da Presidencia do Observatorio.

Artigo 9. A Secretaría

1. A Secretaría correspóndelle a unha persoa funcionaria da consellería competente en materia de familia, designada pola persoa titular desta.

2. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituída pola persoa funcionaria que expresamente designe a persoa titular da Presidencia.

3. Correspóndenlle á Secretaría as seguintes funcións:

a) Asistir ás reunións do Pleno, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do Observatorio por orde do/a presidente/a, así como as citacións aos membros deste.

c) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

d) Remitir, xunto coa convocatoria da próxima sesión e a orde do día desta, a acta da sesión anterior para a súa aprobación.

e) Expedir, co visto e prace da persoa titular da Presidencia, certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales deba ter coñecemento.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

Artigo 10. As vogalías

1. Os/as vogais titulares do Observatorio Galego da Familia e da Infancia e as persoas suplentes que os/as substitúan nos supostos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa lexítima debidamente xustificada, serán nomeados e separados pola persoa titular da Presidencia do Observatorio por proposta das entidades e órganos citados no artigo 6.

2. Correspóndelles ás vogalías as seguintes funcións:

a) Recibir cunha antelación mínima de sete días a convocatoria que conteña a orde do día das reunións, salvo nos supostos de urxencia apreciada pola Presidencia do Observatorio, en que a antelación mínima será de corenta e oito horas.

b) Asistir ás reunións.

c) Participar nos debates das sesións, exercer o seu dereito a voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Formular rogos e preguntas.

e) Cantas funcións sexan inherentes á súa condición.

3. Os/as vogais cesarán nas súas funcións por algunha das causas seguintes:

a) Finalización do mandato.

b) Renuncia expresa.

c) A revogación da representación por parte da organización ou entidade que o/a propuxo.

d) Falecemento.

e) A declaración de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.

f) Calquera outra causa xustificada que impida o exercicio das funcións asignadas.

As circunstancias anteriormente sinaladas deben comunicarse á Secretaría do Observatorio.

Artigo 11. Duración do mandato

1. Os membros do Observatorio que teñan a dita condición por razón do seu cargo desempeñarán as súas funcións polo tempo que dure o exercicio deste.

2. O mandato da persoa titular da Secretaría e os/as vogais titulares será de catro anos a partir da data da sesión constitutiva, sen prexuízo da súa posible reelección e do establecido no número 3 do artigo anterior.

Transcorrido o período de mandato, continuarán na súa respectiva representación e funcións ata que se produzan os novos nomeamentos e renovacións.

Artigo 12. Funcionamento

1. O Observatorio Galego da Familia e da Infancia funcionará en Pleno e en grupos de traballo.

2. Para a válida constitución do Pleno do Observatorio requirirase a presenza das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, daquelas que as substitúan e da metade, polo menos, dos/as seus membros.

3. Cando a índole dos asuntos incluídos na orde do día así o requira, a Presidencia do Observatorio poderá invitar ás sesións do Pleno e dos grupos de traballo persoas expertas e/ou técnicas na materia, que asistirán con voz pero sen voto.

Artigo 13. O Pleno

1. O Pleno é o órgano superior do Observatorio e estará integrado por todos os membros previstos no artigo 6.

2. Correspóndelle ao Pleno o exercicio das funcións sinaladas no artigo 5, así como a elaboración dun regulamento de réxime interno.

3. O Pleno reunirase en sesión ordinaria dúas veces ao ano e en sesión extraordinaria cantas veces sexa convocado pola súa Presidencia, pola súa iniciativa ou por proposta dun terzo dos seus membros.

4. Os acordos adoptaranse por maioría dos membros presentes, e decidirá en caso de empate o voto de calidade da Presidencia.

Artigo 14. Grupos de traballo

1. Para o exercicio das súas funcións o Pleno poderá acordar a creación de grupos de traballo para analizar cuestións concretas relacionadas coa familia e coa infancia.

2. Os grupos de traballo estarán limitados no seu funcionamento polo tempo que requira o estudo do tema que orixinou a súa constitución.

3. O acordo de constitución de cada grupo de traballo deberá especificar a súa composición, funcións encomendadas e o prazo para a súa constitución.

4. Os grupos de traballo estarán formados por membros do Observatorio, entidades e asociacións máis representativas da Comunidade Autónoma que desenvolvan as súas accións no ámbito da familia e a infancia e organizacións, asociacións e colectivos que representen os seus intereses, así como persoas expertas e/ou persoal técnico da Administración competentes na materia obxecto do traballo, que serán designados pola Presidencia do Observatorio.

Artigo 15. Publicidade

1. O Observatorio Galego da Familia e da Infancia difundirá os datos, información, traballos e actuacións que elabore a través dun sitio web específico dentro do portal institucional da Xunta de Galicia. Tal publicidade debe axustarse ao establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. Os datos, informacións, traballos e actuacións elaborados polo Observatorio Galego da Familia e da Infancia facilitaranse, sempre que sexa posible, en formatos dispoñibles para a súa reutilización e difusión mediante a súa inclusión no Catálogo de información reutilizable da Administración xeral e do sector público autonómico.

Disposición adicional primeira. Réxime económico

De conformidade coa disposición adicional primeira da Lei 3/2011, do 30 de xuño, a constitución e posta en funcionamento do Observatorio Galego da Familia e da Infancia non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á consellería competente en materia de familia.

Disposición adicional segunda. Confidencialidade

Os membros do Observatorio e toda aquela persoa que participe neste están obrigados a respectar o dereito á intimidade e á confidencialidade da información que, se é caso, poidan coñecer no desempeño da súa actividade, de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, así como o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e o Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE.

Disposición adicional terceira. Constitución do Observatorio

O Observatorio Galego da Familia e da Infancia constituirase dentro dos tres meses seguintes á entrada en vigor deste decreto.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio

En canto non se procede a constituír o Observatorio Galego da Familia e da Infancia continuarán en vigor a sección II, capítulo II, título I, do Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, así como o Decreto 184/2008, do 24 de xullo, polo que se crea o Observatorio Galego da Infancia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogados a sección II, capítulo II, título I, do Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, así como o Decreto 184/2008, do 24 de xullo, polo que se crea o Observatorio Galego da Infancia, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposicións derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de familia para ditar as disposicións necesarias para facilitar o correcto funcionamento do Observatorio da Familia e da Infancia, así como para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de abril de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social