Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Venres, 26 de abril de 2019 Páx. 20596

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 8 de abril de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publican as resolucións dos recursos de reposición interpostos contra a clasificación do monte veciñal en man común Abuíme-ampliación, do concello do Saviñao (expediente 6/2017).

Para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 27.3.2019, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera, Carlos Vázquez Díaz e Antonio José López-Acuña Herrero, e da secretaria Lucía Belver Quiroga, adoptou os seguintes acordos:

Monte de Abuíme-ampliación (expediente 6/2017), pertencente aos veciños da parroquia de Abuíme, no termo municipal do Saviñao. Na reunión do xurado do 8 de novembro de 2018 acordouse, aceptando a proposta do Servizo de Montes, clasificar como veciñal en man común unha superficie de 269 hectáreas, de conformidade coas parcelas e lindeiros que constan na resolución do expediente.

• O 17 de decembro de 2018 ten entrada un escrito presentado pola Deputación Provincial de Lugo, en que manifesta que, a pesar de que no antecedente de feito décimo noveno da resolución se recollen as alegacións feitas con respecto a tres parcelas que se corresponden con tramos de vías da súa titularidade, na resolución inclúense as ditas vías no cadro de parcelas obxecto da ampliación.

Dado traslado ao Servizo de Montes destas alegacións, que se tramitan como recurso de reposición, o día 9 de xaneiro de 2019 emítese informe en que se recoñece a existencia dun erro na resolución, e que as vías de comunicación alegadas pola Deputación, que se corresponden con parcelas catastrais da súa titularidade, deberíanse ter excluído da superficie que se clasificará neste expediente. Elaboran unha nova descrición e cartografía adaptada a tal exclusión, e a superficie de ampliación queda en 267,5 ha e cunha superficie total do monte de 427,5 ha.

Examinado o devandito recurso, o xurado, por unanimidade, acorda estimar o recurso de reposición interposto, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso e proceder ás oportunas modificacións no expediente de acordo co informe do Servizo de Montes.

• O día 27 de decembro de 2018 recíbese escrito de Eva Rodríguez Rodríguez, como presidenta da comunidade de Abuíme, en que se interpón recurso de reposición contra o devandito acordo, amosando a súa desconformidade coa exclusión do perímetro clasificado de varias parcelas pertencentes a distintos titulares catastrais por considerar que o xurado se baseou para a súa exclusión en datos catastrais e non en ningunha escritura de propiedade ou documento acreditativo desta.

A resolución impugnada foi notificada expresamente á comunidade propietaria a través do sistema Notifica.gal e consta recibida o día 19.11.2018.

O recurso foi presentado no Rexistro do Edificio Administrativo de Pontevedra o 27.12.2018, polo tanto, fóra de prazo.

Examinado o devandito recurso, o xurado, por unanimidade, acorda inadmitir o recurso de reposición interposto, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso.

Contra estas resolucións, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 8 de abril de 2019

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo