Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Venres, 26 de abril de 2019 Páx. 20621

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 12 de abril de 2019 pola que se fai pública resolución que decreta a caducidade de concesión administrativa no porto de Combarro.

De conformidade co disposto nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015 (BOE número 236, do 2 de outubro), do procedemento administrativo común das administracións públicas, e por motivos de interese público que o fan aconsellable, faise público, mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, que o 29 de marzo de 2019 a Presidencia de Portos de Galicia emitiu resolución que decreta a caducidade da concesión administrativa outorgada o 15 de decembro de 2006 á mercantil Combarromar, S.A., con CIF *****2547, con destino á construción e explotación de instalacións para a navegación recreativa no porto de Combarro (Poio).

Para os efectos do establecido no artigo 43.3 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación da resolución prodúcese coa posta á disposición na sede electrónica desta administración o día 29 de marzo de 2019.

A resolución emítea a Presidencia de Portos de Galicia con base nas competencias que lle confire a ese órgano o artigo 12.3.j) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, pola concorrencia da causa imperativa de caducidade prevista na condición xeral 43ª, alínea b), do título da concesión.

A declaración de caducidade implica con efectos inmediatos a extinción anticipada do título e a perda das garantías constituídas, así como a reversión a esta administración, gratuítas e libres de cargas, das obras e instalacións obxecto da concesión nos termos que se recollen no título da concesión.

Por aplicación do establecido no artigo 91.7 da Lei 6/2017, Portos de Galicia non asumirá ningún tipo de obriga laboral ou económica da persoa titular da concesión, vinculada ou non á actividade obxecto do título extinguido.

Os servizos técnicos competentes de Portos de Galicia realizarán as actuacións precisas que requira a extinción anticipada da concesión administrativa e a formalización da acta de reversión ao dominio público portuario, nun prazo máximo de tres (3) meses contados desde a notificación da resolución ao interesado, agás causa xustificada aceptada por Portos de Galicia.

Antes da data que se sinale para o levantamento da acta de reversión, e de acordo co previsto no artigo 91.1 da Lei 6/2017, se non o fixo con anterioridade, o interesado deberá retirar fóra do espazo portuario todos os materiais, equipamentos ou elementos que sexan da súa propiedade e que non revertan gratuitamente a Portos de Galicia, sen que as instalacións experimenten ningún quebrantamento; no caso de incumprimento, a dita retirada efectuaríaa Portos de Galicia de maneira subsidiaria e por conta dos interesados.

Con independencia das comunicacións que en vía de execución desta resolución efectúe esta entidade pública, fáiselle saber a Combarromar, S.A. a obriga que lle incumbe de dar traslado a todas aquelas persoas titulares de dereitos e/ou intereses nas instalacións, tanto en terra coma na lámina de auga, en virtude de contratos asinados como concesionario.

O expediente completo está na sede dos servizos centrais da entidade pública empresarial Portos de Galicia, onde poderá ser consultado, de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas.

A resolución de caducidade, que esgota a vía administrativa, pode ser obxecto de recurso contencioso-administrativo que deberá ser interposto nun prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación que se efectuase ao interesado máis arriba sinalado ou, noutro caso, contado desde a publicación desta cédula, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, e tamén pode ser obxecto de recurso potestativo de reposición que se interporá, ante a Presidencia de Portos de Galicia, no prazo dun mes contado desde a mesma data.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia