Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Martes, 23 de abril de 2019 Páx. 19728

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se inicia o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.

Pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 11 de decembro de 2018 (DOG núm. 240, do 18 de decembro), publicouse o Pacto subscrito pola Administración sanitaria coas organizacións sindicais CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., UGT e CSIF sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.

Este pacto aplicarase a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias referidas no parágrafo anterior, baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro. Non serán de aplicación a aquelas categorías/especialidades que se encontran incluídas no ámbito da Resolución do 13 de xuño de 2016, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se dispón a publicación do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG do 30 de xuño).

Ao abeiro do número 2.1 do citado pacto, esta dirección xeral, en uso das competencias que lle atribúe o artigo 4 da Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 139, do 20 de xullo)

RESOLVE:

Primeiro. Iniciar o prazo para a inscrición das persoas interesadas nas listas de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia, nas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área que se especifican no anexo II da presente resolución, así como na categoría de médico/a de admisión e documentación clínica.

Segundo. A selección de aspirantes efectuarase consonte o disposto na Resolución do 11 de decembro de 2018 pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria (DOG núm. 240, do 18 de decembro). Así mesmo, e consonte ao número 4 da citada resolución, se aplicaranse con carácter xeral as normas establecidas no vixente pacto sobre selección temporal de persoal estatutario (DOG núm. 123, do 30 de xuño de 2016).

En desenvolvemento das normas referidas no parágrafo anterior, tamén serán de aplicación as bases contidas no anexo I desta resolución.

Terceiro.

1. Esta resolución e as súas bases vinculan á Administración e ás persoas aspirantes que soliciten participar no procedemento de selección.

2. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2019

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Bases do procedemento de selección

Primeira. Requisitos de participación

Poderán inscribirse nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria, nas categorías/especialidades que se detallan no anexo II da presente resolución, as persoas interesadas que, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes que se indica na base cuarta, reúnan os seguintes requisitos:

a) Idade: ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder da idade de xubilación forzosa.

b) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/dos correspondente/s nomeamento/s.

c) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

d) Titulación: estar en posesión da titulación que para cada unha das categorías/especialidades que se convocan se especifica no anexo II desta resolución ou estar en condicións de obtela dentro do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais ao abeiro do disposto no Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva comunitaria 2005/36/CE e o Real decreto 459/2010, do 16 de abril.

e) Protección xurídica do menor. Non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por tráfico de seres humanos, de conformidade coa previsión contida no artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, segundo a redacción efectuada pola Lei 26/2015, do 28 de xullo.

f) Aboamento das taxas por dereito de primeira inscrición que, se é o caso, correspondan, segundo o disposto na base oitava.

Os requisitos de participación deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período de permanencia na lista ata a formalización do oportuno nomeamento.

Segunda. Solicitude de inscrición

2.1. A inscrición resulta obrigatoria para todas as persoas interesadas en figurar nas listas que se elaboren para as categorías/especialidades previstas no anexo II da presente resolución.

2.2. As persoas interesadas deberán cubrir unha única solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e), á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no anexo VI, e que logo de formalizada electronicamente deberán asinar e presentar nos lugares e prazo indicados nas bases terceira e cuarta, respectivamente.

2.3. No formulario de inscrición farase constar expresamente a categoría/especialidade á cal se opta, así como o distrito ou distritos sanitarios que a persoa aspirante seleccione como opción/opcións preferente/s. De non concretar ningún, se entenderá que opta por calquera deles.

2.4. Non se admitirán as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou riscadura no formulario de inscrición, así como en calquera dos documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos.

2.5. As solicitudes vincularán as persoas aspirantes nos termos consignados no modelo normalizado. Non entanto, e dentro do prazo de presentación de instancias admitiranse as renuncias á inscrición, así como as modificacións que resulte necesario efectuar nalgún dos datos contidos nela.

Terceira. Lugar de presentación

O formulario de inscrición, logo de formalizado electronicamente, dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e poderanse presentar por rexistro electrónico, de forma presencial no rexistro xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarta. Prazo de presentación

4.1. Para a primeira xeración de listas, poderanse formalizar as solicitudes desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución e ata o 30 de xuño de 2019, ambos incluídos. Os méritos computables serán os causados ata o 15 de xuño de 2019 e que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4.2. Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición será aberta e permanente. De rexistrar a inscrición no expediente electrónico con posterioridade ao 30 de xuño de 2019, o/a aspirante figurará nas seguintes xeracións de listas que se efectúen nas respectivas categorías/especialidades, as cales se realizarán anualmente, a partir do 30 de xuño.

Quinta. Ámbito de inscrición e compatibilidade

5.1. O ámbito territorial de inscrición nestas listas comprenderá todos os servizos do nivel hospitalario incluídos no Sistema público de saúde de Galicia, ben que as persoas aspirantes poderán seleccionar aquel distrito e/ou distritos no/nos que soliciten prestar os seus servizos con carácter preferente, de entre todos os que figuran no anexo III.

5.2. Cada solicitude de inscrición irá referida a unha única categoría e, de ser o caso, especialidade.

5.3. Todas as listas de persoal licenciado sanitario serán compatibles entre si e, ademais, serán subsidiarias para os efectos de formalización de nomeamentos nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes, as listas das categorías de pediatra de atención primaria e as listas de facultativo/a especialista de área de Pediatría e as súas áreas específicas.

Sexta. Acreditación de requisitos e méritos

6.1. Cada unha das persoas interesadas en participar neste procedemento de selección deberá proceder a rexistrar no seu expediente electrónico persoal (Fides/Expedient-e) os seus datos persoais, requisitos e méritos. O acceso ao Expedient-e efectuarase a través da páxina web (www.sergas.es) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 92, do 15 de maio).

6.2. Efectuado o rexistro electrónico dos requisitos e méritos deberá imprimirse a solicitude de validación, que estará dispoñible en Fides/Expedient-e, na epígrafe de «informe».

6.3. Xunto coa solicitude de validación, deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos e méritos rexistrados no formulario de inscrición e Expedient-e. Tal acreditación deberá efectuala a persoa interesada mediante documento orixinal ou copia compulsada antes de que remate o prazo previsto na base cuarta, de non telo efectuado con anterioridade nun momento posterior ao 20 de xullo de 2011, suposto no cal non terá que achegarse novamente a documentación presentada, agás a que supoña actualización de méritos xa presentados.

A documentación acreditativa dos requisitos e méritos deberá dirixirse a unha unidade de validación e presentarse nalgún dos lugares previstos na base terceira desta resolución.

6.4. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia rexistrasen no sistema informático os seus requisitos e méritos sen que presentasen a documentación correspondente, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión dentro do prazo previsto na base cuarta desta resolución para que poidan ser, se é o caso, valorados no primeiro proceso de xeración de listas.

6.5. Non será necesario acreditar documentalmente a seguinte información ao dispoñer dela esta Administración sanitaria:

– A superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición das dúas últimas convocatorias OPE das categorías/especialidades a que opta a/o aspirante, a medida que estas sexan convocadas.

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

– A formación impartida pola antiga Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria xunto coa impartida pola actual Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS).

– Os datos validados no sistema informático Expedient-e. Non obstante, a Administración poderá requirir, en calquera momento, a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

6.6. A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición, así como a consignación de datos falsos nela, levará consigo a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades a que houber lugar.

6.7. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes para a primeira xeración de listas non será tido en conta, para este primeiro proceso, a presentación de ningún documento acreditativo de méritos.

Os méritos que non consten rexistrados en Fides/Expedient-e nin acreditados documentalmente na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de cada proceso de xeración non serán obxecto de valoración nese proceso.

Sétima. Procedemento de elaboración das listas

7.1. As listas elaboraranse de conformidade co previsto no punto 2.1 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria, así como segundo o disposto nas bases precedentes desta resolución.

7.2. A xeración das listas efectuarase a través do sistema informático (Fides/Expedient-e/Procesos), a que se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

7.3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde, logo do anuncio no Diario Oficial de Galicia, a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, coa asignación ás primeiras da puntuación correspondente segundo o disposto no baremo aplicable, consonte ao disposto na norma 2.2 do pacto vixente, ou daquel que o substitúa.

7.4. As persoas excluídas, respecto da causa e/ou causas concretas da súa exclusión, así como as persoas admitidas, respecto dos resultados provisionais de baremación, poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte á súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten admitidas nin excluidas disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

7.5. A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren, con carácter definitivo as/os aspirantes excluídas/os e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitiva das persoas aspirantes admitidas nas referidas listas.

7.6. Contra a exclusión definitiva, así como contra os resultados da baremación definitiva, poderanse interpoñer os recursos administrativos e/ou xudiciais que prevexa a resolución referenciada no número 7.5 anterior.

Oitava. Aboamento de taxas

8.1. De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 240, do 11 de decembro), como requisito necesario para participar neste proceso, as persoas aspirantes deberán aboar previamente en concepto de dereitos de inscrición nas listas o importe de 17,60 € e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

8.2. O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, seranlles facilitados ás persoas interesadas nas direccións das áreas de xestión integrada e estarán publicados, así mesmo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. A non presentación deste impreso de autoliquidación, en que deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co formulario de solicitude de inscrición, determinará a exclusión da persoa aspirante.

8.3. Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es) e, dentro desta, á lenda «Oficina virtual tributaria». Premerase entón a lenda «Servizos de acceso libre», e logo, situándose no menú da marxe esquerda, premerase «Taxas, prezos, multas e sancións», escolléndose a opción «Pago telemático de taxas e prezos». Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado (modelo 730) e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos o dito xustificante substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.

8.4. Estarán exentas do aboamento desta taxa as persoas que acrediten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de seren membros de familia numerosa de categoría xeral, terán unha bonificación do 50 %. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % as persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data de publicación da presente resolución e non estivesen percibindo prestación ou subsidio por desemprego.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas, respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, a través do título oficial de familia numerosa, ou con certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

8.5. As persoas excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se aproben as listas definitivas de persoas aspirantes excluídas, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Novena. Nomeamentos a tempo parcial

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas deberán facer constar no espazo habilitado no formulario de inscrición a súa voluntaria aceptación ou non ás ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e ámbito respectivo.

En defecto de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización do dito tipo de nomeamentos.

Décima. Indispoñibilidade transitoria de aspirantes

De non existiren nun distrito sanitario aspirantes dispoñibles que seleccionasen como opción preferente ese ámbito, acudirase ás persoas aspirantes que seleccionaron como preferentes os distritos limítrofes máis próximos, antes de acudir ao primeiro aspirante dispoñible por orde de puntuación na lista xeral.

Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, considéranse distritos limítrofes máis próximos os que se determinan, respecto de cada distrito, no anexo IV.

Décimo primeira. Entrada en vigor das listas

As listas que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data que se indique na resolución pola que se publique a relación definitiva de persoas aspirantes excluídas e as puntuacións definitivas e orde de prelación final das persoas aspirantes admitidas.

A publicación das listas formalizarase na páxina web do organismo (www.sergas.es).

O chamamento e demais características da xestión das listas serán as previstas no Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria e, na falta do anterior, as previstas no Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

ANEXO II

Categorías/especialidades incluídas no ámbito destas listas e titulacións

Categoría: facultativo/a especialista de área.

Especialidade

Titulación

Alergoloxía

Título oficial da especialidade de Alergoloxía.

Análises Clínicas

Título oficial da especialidade de Análises Clínicas ou Bioquímica Clínica.

Anatomía Patolóxica

Título oficial da especialidade de Anatomía Patolóxica.

Anestesioloxía e Reanimación

Título oficial da especialidade de Anestesioloxía e Reanimación.

Anxioloxía e Cirurxía Vascular

Título oficial da especialidade de Anxioloxía e Cirurxía Vascular.

Aparello Dixestivo

Título oficial da especialidade de Aparello Dixestivo.

Cardioloxía

Título oficial da especialidade de Cardioloxía.

Cirurxía Cardiovascular

Título oficial da especialidade de Cirurxía Cardiovascular.

Cirurxía Oral e Maxilofacial

Título oficial da especialidade de Cirurxía Oral e Maxilofacial.

Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía

Título oficial da especialidade de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía.

Cirurxía Pediátrica

Título oficial da especialidade de Cirurxía Pediátrica.

Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora

Título oficial da especialidade de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora.

Cirurxía Torácica

Título oficial da especialidade de Cirurxía Torácica.

Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo

Título oficial da especialidade de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo.

Dermatoloxía Médico Cirúrxica e Venereoloxía

Título oficial da especialidade de Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía.

Endocrinoloxía e Nutrición

Título oficial da especialidade de Endocrinoloxía e Nutrición.

Inmunoloxía

Título oficial da especialidade de Inmunoloxía.

Farmacia Hospitalaria

Título oficial da especialidade de Farmacia Hospitalaria.

Hematoloxía e Hemoterapia

Título oficial da especialidade de Hematoloxía e Hemoterapia.

Medicina Física e Rehabilitación

Título oficial da especialidade de Medicina Física e Rehabilitación.

Medicina Intensiva

Título oficial da especialidade de Medicina Intensiva.

Medicina Interna

Título oficial da especialidade de Medicina Interna.

Medicina Nuclear

Título oficial da especialidade de Medicina Nuclear.

Medicina Preventiva e Saúde Pública

Título oficial da especialidade de Medicina Preventiva e Saúde Pública.

Microbioloxía e Parasitoloxía

Título oficial da especialidade de Microbioloxía e Parasitoloxía.

Nefroloxía

Título oficial da especialidade de Nefroloxía.

Neurocirurxía

Título oficial da especialidade de Neurocirurxía.

Neurofisioloxía Clínica

Título oficial da especialidade de Neurofisioloxía Clínica.

Neuroloxía

Título oficial da especialidade de Neuroloxía.

Obstetricia e Xinecoloxía

Título oficial da especialidade de Obstetricia e Xinecoloxía.

Oftalmoloxía

Título oficial da especialidade de Oftalmoloxía.

Oncoloxía Médica

Título oficial da especialidade de Oncoloxía Médica.

Oncoloxía Radioterápica

Título oficial da especialidade de Oncoloxía Radioterápica.

Otorrinolaringoloxía

Título oficial da especialidade de Otorrinolaringoloxía.

Pediatría e as súas áreas específicas

Título oficial da especialidade de Pediatría e as súas áreas específicas.

Pneumoloxía

Título oficial da especialidade de Pneumoloxía.

Psiquiatría

Título oficial da especialidade de Psiquiatría.

Radiodiagnóstico

Título oficial da especialidade de Radiodiagnóstico.

Radiofísica Hospitalaria

Título oficial da especialidade de Radiofísica hospitalaria.

Reumatoloxía

Título oficial da especialidade de Reumatoloxía.

Uroloxía

Título oficial da especialidade de Uroloxía.

Xeriatría

Título oficial da especialidade de Xeriatría.

Categoría: médico/a de admisión e documentación clínica.

Categoría

Titulación

Médico/a de Admisión e Documentación Clínica

Graduado/Licenciado en Medicina.

ANEXO III

Distritos sanitarios que se poden seleccionar como opción preferente

1. Ferrol

2. A Coruña

3. Cee

4. Santiago de Compostela

5. A Barbanza

6. Lugo

7. A Mariña

8. Monforte

9. Ourense

10. Verín

11. O Barco de Valdeorras

12. O Salnés

13. Pontevedra

14. Vigo

ANEXO IV

Distritos limítrofes máis próximos

1. Para Ferrol. A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, A Barbanza e A Mariña, nesta orde.

2. Para A Coruña. Cee, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e O Salnés, nesta orde.

3. Para Cee. A Coruña, Santiago de Compostela, A Barbanza, O Salnés e Pontevedra, nesta orde.

4. Para Santiago de Compostela. A Barbanza, A Coruña, O Salnés, Pontevedra e Vigo, nesta orde.

5. Para A Barbanza. Santiago de Compostela, O Salnés, Pontevedra, Vigo e A Coruña, nesta orde.

6. Para A Mariña. Lugo, Monforte, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, nesta orde.

7. Para Lugo. Monforte, A Mariña, A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela, nesta orde.

8. Para Monforte. Lugo, A Mariña, Ourense, O Barco de Valdeorras e Verín, nesta orde.

9. Para Ourense. Verín, O Barco de Valdeorras, Monforte, Santiago de Compostela e Lugo, nesta orde.

10. Para Verín. Ourense, O Barco de Valdeorras, Monforte, Santiago de Compostela e Vigo, nesta orde.

11. Para O Barco de Valdeorras. Ourense, Verín, Monforte, Lugo e Santiago de Compostela, nesta orde.

12. Para O Salnés. Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, A Barbanza e A Coruña, nesta orde.

13. Para Pontevedra. O Salnés, Vigo, Santiago de Compostela, A Barbanza e Ourense, nesta orde.

14. Para Vigo. Pontevedra, O Salnés, Santiago de Compostela, Ourense e A Barbanza, nesta orde.

ANEXO V

Procedemento de acreditación de méritos

a) Formación académica

Acreditarase, segundo o suposto, mediante orixinal ou copia compulsada do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo/a aspirante e data en que foron causados. No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que o/a aspirante realizou todos os cursos de doutoramento e indicar o programa e créditos obtidos. Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro (UE) achegarase xunto coa copia compulsada do título, a súa tradución xurada ou equivalente e credencial de recoñecemento da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

As titulacións obtidas no estranxeiro (non UE) deberán acreditarse coa achega da copia compulsada do título, a súa tradución xurada ou equivalente e documento de homologación ou validación expedido polo Ministerio de Educación español.

O expediente académico e cualificacións obtidas requiren, para a súa valoración, a presentación da certificación de recoñecemento ou equivalencia oficial.

Supostos específicos.

a) A acreditación da formación máster efectuarase mediante orixinal ou copia compulsada do título ou certificación da Universidade en que conste ter sido superada polo/a aspirante a formación conducente á obtención do referido título, datas de realización e o número de horas ou créditos ECTs asignados á dita actividade formativa.

Poderá requirirse á persoa aspirante a achega do programa formativo nos supostos en que non quede suficientemente acreditado a relación do seu contido co ámbito das ciencias da saúde.

b) A docencia universitaria impartida acreditarase mediante certificación da respectiva universidade na cal se fará constar expresamente o cargo docente, tipo de vinculación, departamento ou área de coñecemento en que se impartiu a docencia e datas de inicio e fin da vinculación.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado o mérito.

b) Formación continuada

a) Recibida: acreditarase tal mérito mediante copia compulsada do certificado de asistencia ao curso en que deberá constar o organismo ou a entidade que convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados. Poderá requirirse á persoa aspirante a achega do programa formativo ou categoría/s destinataria/s.

No suposto de cursos acreditados pola Comisión Nacional ou Autonómica de Formación Continuada deberá constar o logotipo da respectiva comisión e, ademais, o número de expediente se se trata de actividades formativas posteriores a abril de 2007.

Normas específicas para a formación en liña. Valoraranse aqueles diplomas de cursos en liña en que conste o número de créditos, número de expediente e logotipo da Comisión de Formación Continuada. Non será necesario que conste o número de expediente se se trata de cursos anteriores a abril de 2007.

Serán válidos, ademais, aqueles diplomas asinados dixitalmente por Dixital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable polo órgano de selección. Noutro suposto deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa que conterá toda a información exixida neste punto.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro das ditas datas.

Valoraranse os módulos ou partes integrantes dun curso nos supostos en que quede debidamente acreditada a carga lectiva e horas/créditos asignados de forma diferenciada.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica.

O órgano de selección resérvase o dereito de poder exixir ao aspirante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

b) Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou da entidade convocante na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

c) Formación especializada

No suposto de titulacións obtidas en España, acreditarase tal mérito mediante orixinal ou copia compulsada do título expedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou certificación emitida pola respectiva Comisión de Docencia ou Rexistro Nacional de Especialistas en Formación do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de ter completado o período de formación conducente á obtención do título da respectiva especialidade, que deberá indicar a data de superación.

No suposto de titulacións obtidas noutros Estados da Unión Europea achegarase xunto coa copia compulsada do título, a súa tradución xurada ou equivalente e credencial de recoñecemento da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

As titulacións obtidas no estranxeiro (non UE) deberán acreditarse coa achega da copia compulsada do título, a súa tradución xurada ou equivalente e documento de homologación ou validación expedido polo Ministerio de Educación español.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

d) Docencia de formación sanitaria especializada

Acreditarase mediante certificación asinada pola Comisión de Docencia do centro onde se tivese impartido esta, nela deberán constar expresamente os períodos de desenvolvemento de tal actividade e condición na que se impartiu esta.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

e) Experiencia profesional

A experiencia profesional en institucións públicas acreditarase mediante certificación emitida pola Dirección de Recursos Humanos do centro ou órgano equivalente na cal deberá constar a seguinte información: categoría/especialidade, tipo de vínculo (fixo, temporal, atención continuada, formación, promoción profesional temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións/nº de horas no suposto de vínculos de atención continuada, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

A experiencia profesional en centros privados acreditarase mediante certificación da empresa na cal deberá constar a información arriba indicada, ou contrato laboral. En ambos os supostos xunto coa citada documentación deberá presentarse un informe de vida laboral emitido polo INSS.

No suposto de institucións sanitarias públicas, tal certificación deberá facer constar expresamente a natureza pública da institución e a súa integración no sistema sanitario público do Estado respectivo. Noutro caso a experiencia profesional non será obxecto de valoración.

No suposto de institucións sanitarias privadas concertadas deberá quedar debidamente acreditado no certificado a existencia dun concerto co respectivo servizo de saúde autonómico ou sistema sanitario público dun país da Unión Europea nos períodos de vinculación. Noutro suposto, tal mérito non será valorado.

No suposto de institucións sanitarias privadas acreditadas para a docencia, deberá quedar debidamente acreditado no certificado que se achegue a condición de institución acreditada no ámbito do SNS ou sistema sanitario público dun país da Unión Europea para a formación de especialidades de profesións sanitarias.

A actividade de investigación acreditarase mediante copia compulsada do contrato ou nomeamento administrativo en que conste a súa vinculación como persoal investigador, datas de inicio e fin e a pertenza ao sistema sanitario público da institución sanitaria por cuxa conta e dependencia se realiza a actividade de investigación. Noutro suposto, tal mérito non será obxecto de valoración.

Non será necesario acreditar documentalmente a experiencia profesional nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, así como a condición de centro concertado co Servizo Galego de Saúde.

Puntuación específica por conciliación.

As situacións de permiso por paternidade e maternidade, redución de xornada por motivos familiares e excedencia por coidado de fillos/as e familiares acreditaranse mediante certificación da súa concesión expedida pola Dirección do centro en que deberán constar as datas de inicio e fin.

O persoal fixo ou temporal que nos últimos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria viñese prestando os seus servizos no Sergas non terá que presentar ningunha documentación acreditativa de tales situacións.

f) Publicación de traballos científicos e de investigación

Revistas científicas indexadas en Pubmed. Non será necesaria a súa acreditación documental. O/a aspirante consignará na aplicación informática, no espazo habilitado para o efecto, o código de identificación PMID e rexistrará manualmente a información relativa a número de sinaturas, número de orde de sinaturas e tipo de publicación. O sistema realizará a captura automática da información relativa aos outros campos da base de datos de Pubmed para a súa posterior validación.

Revistas científicas indexadas no CSIC (ICYT, ISOC), IBECS, Web of Science (Wos), Embase, PsycINFO. Acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivo de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberá constar o nome da revista, o título do traballo, o seu autor e a data de publicación.

Libros/capítulos de libro editados en papel. Deberá achegarse copia compulsada das follas en que conste o título do libro, o título do capítulo, o autor, editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, lugar e ano de publicación e índice da obra. Ademais deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación está avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Libros editados en formato electrónico. Acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial ou organismo público con competencias de xestión e arquivo de publicacións, na cal se fará constar a autoría do capítulo e demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública, académica, sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

g) Premios de investigación

Acreditarase tal mérito mediante copia compulsada do diploma de concesión. Se no diploma non consta expresamente o seu ámbito, deberá complementarse tal documentación coa achega das bases de convocatoria do premio.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

h) Proxectos de investigación

A participación como investigador principal nun proxecto de investigación acreditarase mediante copia da publicación oficial da resolución de convocatoria, sempre que consten os datos necesarios para identificar o proxecto e o investigador, ou certificado de participación expedido polo organismo financiador, en que consten os datos identificativos do interesado e do proxecto en que participa.

A participación como investigador colaborador acreditarase mediante a presentación da copia de resolución de convocatoria se nela consta tal participación. O/a aspirante deberá constar como parte do equipo investigador definido no documento de solicitude do proxecto ou en documento posterior que así o acredite no caso de que houbera cambios no equipo investigador ao longo da súa vixencia.

No suposto de que o organismo convocante non expida certificados de participación deberá achegarse certificado asinado polo investigador principal en que conste a identidade do/dos colaborador/es, notificación acreditativa de concesión do proxecto ao investigador principal expedida polo organismo e copia do proxecto orixinal enviado á convocatoria en que deberá constar a identidade dos investigadores colaboradores.

Noutro suposto, non se entenderán debidamente acreditados tales méritos.

i) Estadías formativas

Acreditaranse mediante certificación do responsable da estadía (director do centro) ou do organismo público concedente da axuda (no caso de estadías financiadas no marco dun programa de Recursos Humanos), en que se faga constar o obxecto da estadía e as datas de inicio e fin.

Non serán tidas en conta as rotacións externas realizadas durante o período formativo da respectiva especialidade.

j) Patentes

As patentes solicitadas e aceptadas acreditaranse coa inscrición no Rexistro de Patentes.

As patentes que se encontren en explotación acreditaranse coa achega do acordo de explotación da patente.

k) Compulsa de documentos

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se acheguen deberán estar cotexadas polo responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por notario ou funcionario público acreditado para a realización de tales funcións.

l) Tradución de documentos

Os títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español deberán acompañarse da súa tradución ao castelán ou galego, que deberá efectuarse:

a) Por tradutor xurado, debidamente autorizado ou inscrito en España.

b) Por calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) Pola representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán/cidadá o/a solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.

Respecto dos traballos científicos e de investigación redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español, non será necesario presentar copia traducida.

ANEXO VI

Instrucións de acceso ao expediente electrónico (Fides)

A Oficina Virtual do Profesional (Fides) constitúe o punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e os/as profesionais con que mantén unha vinculación, así como coas persoas aspirantes e profesionais doutros servizos de saúde que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo, configurándose como a plataforma de acceso ao expediente electrónico do/da profesional ou aspirante.

O acceso a Fides, poderase realizar desde:

– A internet (profesionais do Servizo Galego de Saúde e procedentes doutros servizos autonómicos de saúde).

– A intranet do Servizo Galego de Saúde (só dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, e desde equipos informáticos situados fisicamente na rede corporativa).

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Os profesionais do Servizo Galego de Saúde, así como os que procedan doutro servizo de saúde autonómico poderán acceder desta forma a Fides a través do enderezo http://fides.sergas.es.

É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través da internet (no enderezo www.cert.fnmt.es), ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Economía e Facenda).

Se o usuario xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do usuario mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dunha lectora de tarxetas. Non se requirirá lectora de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipo.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (Punto de Acreditación Electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención especializada e atención primaria do organismo.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os/as profesionais actualmente vinculados ao Servizo Galego de Saúde, así como aqueles profesionais procedentes doutros servizos de saúde que nalgún momento do pasado tiveran algún tipo de vinculación co citado organismo, serán, tanto o acceso á xestión do expediente electrónico e á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo, así como ao resto de funcionalidades existentes na Oficina Virtual do Profesional (Fides).

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os profesionais que nunca tiveron un vínculo co Servizo Galego de Saúde serán, tanto o acceso á xestión do expediente electrónico como á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo.

A primeira vez que un profesional acceda con certificado dixital a Fides, solicitaráselle que cubra un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso a Fides desde a internet sen certificado dixital pode efectuarse a través do enderezo http://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave 365, que permite aos/ás cidadáns/cidadás maiores de idade identificarse tanto en Fides como na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.

Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave 365 neste enderezo: https://sede.xunta.gal/chave365

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía so estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipos informáticos situados fisicamente na rede corporativa do citado organismo.

Os/as profesionais cun vínculo activo terán, mediante este sistema, acceso á totalidade de servizos e funcionalidades de Fides, incluído o acceso á xestión do expediente electrónico.

O acceso a Fides realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para acceder ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na sede electrónica do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura á disposición dos aspirantes un manual de instrucións sobre o acceso e funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados en que pode atopar a información relativa aos seus méritos e normas de validación da documentación que deben achegar.