Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 22 de abril de 2019 Páx. 19508

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (PO 19/2017).

Eu, María Blanco Aquino, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento ordinario 19/2017 deste xulgado do social, seguido contra a empresa New Caro Store, S.L., sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución, cuxa parte dispositiva se xunta:

«Sentenza.

A Coruña, 27 de marzo de 2019.

Jorge Hay Alba, maxistrado do Xulgado do Social número 2 da Coruña, vendo os presentes autos seguidos neste xulgado co número 19/2017, sendo parte el dun lado, como demandante, Lucía Vázquez García, asistida pola letrada Adelina Santin Freijo, e como demandada New Caro Store, S.L., administrador concursal de New Caro Store, S.L. e Fogasa, que non comparecen, sobre reclamación de cantidade, ditou en nome do rei a seguinte sentenza:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A parte demandante presentou demanda que por quenda correspondeu a este Xulgado do Social número 2 da Coruña, na cal, tras expor os feitos e alegar os fundamentos de dereito que estimou pertinentes, remataba suplicando que se ditase sentenza conforme o pedido.

Segundo. Admitida a trámite a dita demanda, sinalouse a realización do acto de xuízo e este tivo lugar na data sinalada en todas as súas fases co resultado que consta na acta redactada para o efecto e que quedou debidamente gravada no correspondente soporte CD. Unha vez concluído o acto do xuízo, quedaron os autos vistos para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos observáronse as normas legais de procedemento.

Decisión.

Que, estimando a demanda interposta pola demandante Lucía Vázquez García, con citación do Fogasa, debo condenar e condeno a empresa New Caro Store, S.L., en situación de concurso, a que lle aboe á demandante a cantidade de 3.156,43 euros polos conceptos reclamados en demanda, máis xuros correspondentes.

Notifíqueselles esta resolución ás partes, ás cales se fará saber que contra ela só cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se deberá anunciar ante este xulgado no prazo de cinco días contado a partir da notificación desta sentenza, e no propio termo se o recorrente non goza do beneficio de xustiza gratuíta deberá ao anunciar o recurso entregar xustificante acreditativo de consignar a cantidade obxecto de condena na conta de depósitos e consignacións que este xulgado ten aberta no Banco de Santander desta cidade.

E igualmente deberá no momento de interpor o recurso consignar a suma de 300 euros en concepto de depósito especial para recorrer.

Así, por esta a miña sentenza, definitivamente xulgando, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicación. Expídoa eu, letrada da Administración de xustiza, para facer constar que na mesma data da sentenza se deposita na Secretaría deste xulgado a anterior sentenza para a súa notificación e publicidade na forma permitida e ordenada pola Constitución e as leis. A seguir, expídase testemuño da sentenza para a súa unión aos autos. Dou fe.

E para que lle sirva de notificación en legal forma a New Caro Store, S.L., en ignorado paradoiro, expido a presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia».

Advírteselle á destinataria que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, agás o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 28 de marzo de 2019

A letrada da Administración de xustiza