Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 17 de abril de 2019 Páx. 19161

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Lucus Sport Advance.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Lucus Sport Advance, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 31 de xaneiro de 2019, Constantino Saques Pereira, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Lucus Sport Advance constituíse en escritura pública outorgada en Lugo o 21 de xaneiro de 2019, ante o notario Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, con número de protocolo 203, por Constantino Saques Pereira, Club Deportivo Lugo, S.A.D. e Frisaques, S.L.U.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto primordial «fomentar os valores inherentes á práctica deportiva, en especial do fútbol e as súas especialidades, e a promoción desta como instrumento educativo susceptible de contribuír ao desenvolvemento integral da personalidade de quen o practica, e tamén como factor de integración social en beneficio daqueles que padecen calquera tipo de marxinación, así como promover e difundir todos os aspectos culturais vencellados ao deporte».

4. Na escritura de constitución constan os datos relativos á personalidade dos fundadores, á súa capacidade e vontade de constituíren a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación e natureza, o seu domicilio, obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das súas rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos seus beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Constantino Saques Pereira como presidente, Nacor Saques Salgado, como vicepresidente, María Paz Bergantiños Cruz, como secretaria, e Raquel Saques Salgado como vogal.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Lucus Sport Advance, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade con esta proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 20 de marzo de 2019 clasificouse como de interese deportivo a Fundación Lucus Sport Advance e adscribiuse á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009 en relación co Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Lucus Sport Advance, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Lucus Sport Advance, polo que, á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas do 4 de abril de 2019,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Lucus Sport Advance.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pódese interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2019

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza