Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 16 de abril de 2019 Páx. 18897

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 3 de abril de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) (código de procedemento TR320A).

O Decreto 135/2018, do 4 de outubro, polo que se regulan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial (Premios RSE Galicia) sinala que, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de emprego e relacións laborais, realizarase a convocatoria de cada edición e a aprobación das correspondentes bases, así como que en cada orde de convocatoria se concretarán os aspectos establecidos no seu artigo 4, polo que, mediante a presente orde, se establecen as bases reguladoras e se convocan os Premios RSE Galicia na súa terceira edición.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria establece que lle corresponde a esta consellería o exercicio das competencias e funcións, entre outras, no relativo á promoción da responsabilidade social empresarial.

Consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, tras os informes preceptivos, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar as bases reguladoras e convocar os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia), (código de procedemento TR320A).

Artigo 2. Entidades candidatas

Poderán optar aos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia todo tipo de empresas, públicas ou privadas, galegas ou que conten con sede ou con centros de traballo en Galicia.

Artigo 3. Tipoloxía de premios

Os recoñecementos dos Premios Responsabilidade Social Empresarial de Galicia son de dous tipos: Premio á Responsabilidade Social Empresarial, en que haberá 3 categorías, pequena, mediana e grande empresa e Mención á Conciliación, que non ten categorías sendo independente o tamaño da empresa.

Artigo 4. Valoración da empresa segundo tipoloxía

1. No Premio á Responsabilidade Social Empresarial, a valoración da empresa realizarase dun xeito integral nos tres ámbitos: laboral-económico, ambiental e de acción social. O xurado terá en conta os seguintes aspectos en que deberá destacar a empresa:

1.1. No ámbito laboral-económico:

a) Creación de emprego de calidade e indefinido.

b) Implantación de medidas para a redución de taxas de absentismo inxustificado, enfermidades profesionais e de número de accidentes de traballo.

c) Promoción do desenvolvemento individual e profesional das persoas traballadoras mediante plans de formación, promoción, cualificación así como desenvolvemento de actuacións e habilidades das persoas para mellorar a súa empregabilidade.

d) Investir en novas tecnoloxías.

e) Contar con plan de igualdade ou con medidas positivas en materia de igualdade que vaian máis alá dos requerimentos legais convencionais.

f) Adopción de medidas para a prevención do acoso laboral, sexual e o acoso por razón de xénero.

g) Aplicar unha igualdade retributiva.

h) Contar coa presenza de mulleres nos órganos de goberno e administración da empresa e outras similares.

i) Integrar un goberno responsable da empresa.

j) Sistematizar as canles de diálogo entre a empresa e os distintos grupos de interese.

k) Dispoñer dun código ético ou similar.

l) Dispoñer de órganos específicos responsables de velar pola adopción e aplicación de programas en materia de RSE e/ou de igualdade.

m) Reportar información financieira e/ou non financieira aos órganos de control.

n) Inexistencia de multas significativas e de sancións por incumprimento da normativa laboral.

ñ) Apoio explícito ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

o) Emprego de mulleres mozas.

p) Emprego de modelos de publicidade igualitaria e non sexista nas comunicacións comerciais.

q) Promoción interna nos niveis en que as mulleres estean en menor proporción que os homes.

r) Outros criterios alegados pola empresa e que veñan fixados polo Global Reporting Initiative (GRI).

1.2. No ámbito ambiental:

a) Innovacións en produtos e servizos, en sistemas ou procesos de produción, con fins ambientalmente sustentables.

b) Campañas de información e sensibilización ambiental entre os grupos de interese internos e/ou externos e a sociedade en xeral.

c) Plans ou actuacións de eco-eficiencia no consumo de enerxía, auga e recursos naturais.

d) Tratamento de residuos.

e) Establecemento de medidas de aforro de enerxía, reciclaxe e transportes alternativos para redución de custos.

f) Inexistencia de multas significativas e de sancións por incumprimento da normativa ambiental.

g) Outros aspectos alegados pola empresa e que veñan fixados polo Global Reporting Initiative( GRI).

1.3. No ámbito de acción social:

a) Recoñecemento da diversidade.

b) Procura da igualdade de oportunidades e integración social.

c) Compromiso coa comunidade.

d) Actividades de voluntariado.

e) Inexistencia de multas significativas e de sancións por incumprimento da normativa social.

f) Outros aspectos alegados pola empresa e que veñan fixados polo Global Reporting Initiative (GRI).

2. Na Mención á Conciliación distinguirase a iniciativas empresariais que de maneira significativa propicien a conciliación laboral, familiar e persoal e a corresponsabilidade. O xurado terá en conta os seguintes aspectos en que deberá destacar a empresa:

a) Medidas de usos de tempo que faciliten que o seu persoal poida organizarse mellor, á vez que se mellora a organización empresarial.

b) Promoción da igualdade efectiva entre homes e mulleres en todos os ámbitos relacionados coa actividade da empresa.

c) Dotación de salas de repouso e lactación nos centros de traballo para as traballadoras embarazadas e nais e pais nos casos de lactación.

d) Recursos e estruturas para o coidado doutras persoas.

e) Medidas que posibiliten o desenvolvemento persoal.

f) Promoción interna nos niveis en que as mulleres estean en menor proporción que os homes.

g) Modificación de roles entre mulleres e homes que posibiliten a implicación de ambos coa familia, co fogar ou co traballo.

h) Desenvolvemento de medidas innovadoras para a conciliación e a corresponsabilidade tales como: teletraballo, flexibilidade horaria, sistemas de compensación de días e horas, xornadas intensivas ou comprimidas, permisos especiais para situacións de emerxencia, xornadas especiais en períodos de vacacións escolares.

i) Incentivos á solicitude de permisos de paternidade.

j) Reducións de xornada ou excedencias para o coidado de fillos e fillas ou de persoas dependentes a cargo.

h) Outros aspectos alegados pola empresa e que veñan fixados polo Global Reporting Initiative (GRI).

Artigo 5. Categorías

O Premio á Responsabilidade Social Empresarial, en función do tipo de empresa, contará con tres categorías:

Categoría a): pequena empresa: para empresas que ocupen ata 49 persoas traballadoras.

Categoría b): mediana empresa: para empresas que ocupen a 50 e ata 249 persoas traballadoras.

Categoría c): grande empresa: para empresas que ocupen a 250 ou máis persoas traballadoras.

Artigo 6. Prazo de presentación das candidaturas

1. O prazo para a presentación das candidaturas será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A presentación de candidaturas ou, se for o caso, a súa posterior aceptación, leva consigo o sometemento ao establecido nesta convocatoria.

3. Todos os requisitos exixidos ás entidades solicitantes entenderanse cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de candidaturas.

Artigo 7. Forma de presentación das candidaturas e da documentación

As candidaturas serán presentadas polas empresas que opten a estes premios (segundo modelo anexo I).

As propostas das candidaturas presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa proposta de candidatura presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da proposta de candidatura aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das propostas de candidatura poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da proposta de candidatura deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da proposta de candidatura e o número de expediente se se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa candidatura deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa completa en que se desagreguen e numeren as accións desenvolvidas pola empresa, cun máximo de 20 folios a dúas caras, asinada por quen representa a candidata, en que se expoñan os méritos e circunstancias que concorran, que deberá conter:

– Identificación da empresa candidata.

– Breve descrición do obxecto social da candidata.

– As accións desenvolvidas pola empresa, coa indicación dos datos máis relevantes como, o período de execución, os obxectivos fixados, as persoas da organización implicadas, a achega financeira ás medidas desenvolvidas, os resultados obtidos, así como plans futuros de implantación de novas medidas, indicando, neste caso, o prazo de execución.

b) Criterios de valoración segundo o establecido no anexo II.

c) No caso de ter un sitio web, deberá indicar a páxina ou páxinas en que se dedican á responsabilidade social. Os sitios web deberán cumprir o disposto na Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico, e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

d) Poderá achegarse o material adicional que se considere pertinente para a presentación da candidatura, como fotografías, vídeos.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade candidata.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Composición e funcionamento do xurado

1. O xurado, no cal se procurará acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes, estará composto por:

a) A presidencia correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

b) Vogais:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais.

– Unha persoa en representación de cada unha das consellerías con competencias en materia de economía, de política social, de igualdade, e de ambiente, designadas polas persoas titulares das consellerías respectivas con rango non inferior ao de titular de subdirección xeral.

– Tres persoas representantes por proposta das organizacións empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito galego.

– Tres persoas representantes por proposta das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito galego.

c) Dúas persoas expertas en materia de responsabilidade social empresarial designadas pola presidencia.

2. A secretaría do xurado correspóndelle a unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral de Emprego, designada pola presidencia do xurado, que actuará con voz e sen voto.

3. A presidencia do xurado procederá á súa convocatoria e constitución. Así mesmo, fará público o nome das persoas que o compoñen na páxina web: http://rse.xunta.gal

4. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta orde e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. Unha vez recibidas as candidaturas, as persoas expertas en materia de responsabilidade social empresarial realizarán unha análise pormenorizada das memorias presentadas así como do resto da documentación recollida no artigo 8, e emitirán un informe a través do cal o xurado determinará cales son as candidaturas gañadoras.

6. O xurado reunirase cantas veces sexa necesario podendo, se o precisa, pedir aclaración ou información á persoa responsable da candidatura.

7. O xurado poderá requirir das empresas participantes toda aquela información ou documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados e para verificar calquera aspecto referente á documentación achegada.

8. Para a adxudicación dos recoñecementos o xurado terá en conta, as medidas ou iniciativas para implantar a responsabilidade social na empresa, sinalados no artigo 4.1 e 2 e os criterios de valoración do artigo 11 desta orde de convocatoria.

9. Os seus acordos adoptaranse por maioría simple, dirimindo o voto da persoa titular da presidencia no caso de empate. As deliberacións do xurado son confidenciais.

10. O xurado poderá conceder premios compartidos, mencións compartidas ou declarar o premio ou mención deserto, se considera que as propostas presentadas non reúnen os méritos suficientes para ser galardoadas.

11. O xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non previstos nestas bases, así como todas as cuestións que poidan subscribirse con motivo dos premios.

12. A decisión do xurado será inapelable.

Artigo 11. Criterios de valoración

1. Para a adxudicación dos premios ou da mención o xurado terá en conta ademais os seguintes criterios de valoración (anexo II):

a) Arraigo en Galicia da empresa candidata, determinado polo número de anos que a empresa leve implantada na comunidade autónoma:

– De 1 a 2 anos: 2 puntos.

– De 2 a 3 anos: 4 puntos.

– De 3 a 5 anos: 6 puntos.

– De 5 a 10 anos: 8 puntos.

– Máis de 10 anos: 10 puntos.

b) Memorias de sustentabilidade ou de responsabilidade social empresarial. No caso de que se acheguen, deberán indicar os anos a que corresponden. Só se terán en conta as memorias presentadas nos tres últimos anos precedentes a esta convocatoria. As memorias deberán estar elaboradas segundo estándares ou normas internacionais, estatais ou mediante a ferramenta Xunta Pro RSE, debendo estar verificadas. Así mesmo, deberá indicarse si están verificadas ou non.

c) Certificacións en materia de responsabilidade social empresarial de que deberá achegar xustificación.

d) Permanencia no tempo dos proxectos, medidas ou iniciativas implantadas en materia de responsabilidade social empresarial. Deberá indicarse o tempo que se prevé que duren.

e) Número de persoas traballadoras da empresa a que benefician as medidas establecidas, distinguindo entre mulleres e homes.

2. Cada un dos puntos terá unha valoración máxima de 10 puntos, podendo lograr cada candidatura un máximo de 50 puntos.

3. O xurado poderá verificar na empresa a aplicación das boas prácticas alegadas.

Artigo 12. Concesión e retirada

1. Unha vez adoptada a decisión do xurado, a presidencia elevará a proposta á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria quen resolverá a concesión do premio e mención.

2. O prazo máximo para resolver a resolución do premio ás candidaturas presentadas será de tres meses desde que finalice a presentación de candidaturas.

3. A resolución de concesión farase pública a través da páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria: http://rse.xunta.gal

4. A Consellería de Economía, Emprego e Industria ante os incumprimentos graves das empresas galardoadas, coñecidos con posterioridade, poderá retirar o premio ou mención concedidos mediante a apertura e tramitación dun expediente con audiencia á persoa interesada e que se rexerá polas disposicións administrativas contidas no título IV da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Difusión dos premios

A Consellería de Economía, Emprego e Industria procurará a maior difusión destes premios e dará información, de carácter non persoal, subministrada polas empresas premiadas e finalistas en publicacións, a través da web rse.xunta.gal, redes sociais, medios de comunicación e demais ferramentas de divulgación.

Artigo 14. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia –Consellería de Economía, Emprego e Industria– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file