Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 2 de abril de 2019 Páx. 16889

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se ditan instrucións para a determinación da oferta de prazas nas titulacións oficiais de grao e máster nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece no seu artigo 43 que as comunidades autónomas efectuarán a programación da oferta de ensinanzas das universidades públicas da súa competencia e os seus distintos centros, de acordo con elas e conforme os procedementos que establezan.

A Secretaría Xeral de Universidades é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a ordenación, planificación e execución das competencias en materia de universidades e ensinanzas universitarias correspondentes a esta consellería.

O punto 2 do artigo 7 do Real decreto 412/2014, do 6 de xuño, polo que se establece a normativa básica dos procedementos de admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao, establece o seguinte:

«A Conferencia Xeral de Política Universitaria velará por garantir o dereito dos estudantes a concorrer a distintas universidades. Para tal fin, antes do 30 de abril de cada ano, a Conferencia Xeral de Política Universitaria fará público o número máximo de prazas que para cada titulación e centro ofrecen cada unha das universidades públicas para o seguinte curso académico. As ditas prazas serán propostas polas universidades e deberán contar coa aprobación previa da Administración educativa que corresponda».

Así mesmo, o Acordo de protocolo e boas prácticas no proceso de establecemento da oferta de prazas e titulacións, comunicado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte o 9 de maio de 2014, determina que para a fixación da oferta, a Conferencia Xeral de Política Universitaria só terá en conta as titulacións de grao e máster que rematasen o proceso de verificación nese momento.

O 20 de marzo de 2017 asinouse entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as tres universidades galegas o acordo para a definición dos principios reitores da planificación da oferta académica universitaria no Sistema universitario de Galicia (en adiante, SUG) ata o curso 2020-2021, entre os que destaca o mantemento do tamaño do sistema, instando a reflexionar sobre os diversos factores a ter en conta á hora de establecer a oferta de prazas en cada titulación.

A necesaria adecuación da oferta académica ás demandas reais do alumnado que accede aos estudos universitarios no SUG implica unha reflexión sobre a taxa de cobertura efectiva das prazas ofertadas para cada titulación.

Así mesmo, unha vez consolidada a transformación derivada da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, existen datos de egresados en graos e másters que permitirán afondar nos axustes da oferta, sempre cos criterios de realismo e moderación que permitan avanzar cara á adecuación do SUG ás demandas da nosa comunidade.

Tendo en conta o anterior, a Secretaría Xeral de Universidades considera necesario facer públicas unhas instrucións sobre os criterios para ter en conta para a determinación da oferta de prazas nas universidades públicas do SUG, de cara a facilitar a programación da oferta en titulacións de grao e máster universitarios nos sucesivos cursos académicos.

En virtude das competencias outorgadas no capítulo III do Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional,

DISPOÑO:

Artigo único

Apróbanse as seguintes instrucións para a determinación da oferta de prazas nas titulacións oficias de grao e máster nas universidades do Sistema universitario de Galicia:

Primeira. No mes de marzo de cada ano, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a través da Secretaría Xeral de Universidades, solicitará ás universidades do SUG a remisión da proposta de prazas para ofertar para cada unha das titulacións oficiais de grao e máster para o seguinte curso académico, co fin de proceder á súa análise e aprobación previa á súa presentación na Conferencia Xeral de Política Universitaria.

Segunda. As universidades fixarán, para cada curso académico, un número máximo de prazas de novo ingreso para cada unha das titulacións oficiais de grao e máster que oferten.

Terceira. As universidades só poderán incluír na proposta de oferta de prazas as titulacións que conten nese momento coa preceptiva resolución de verificación positiva do Consello de Universidades. En todo caso, só poderán impartirse no curso académico posterior aquelas titulacións que, antes do 15 de setembro, conten coa autorización de implantación do departamento competente en materia de universidades da Xunta de Galicia.

Cuarta. Non poderán ser incluídas na proposta as seguintes titulacións de grao e máster:

a) As que non conten na data de presentación da proposta coa resolución favorable de verificación do Consello de Universidades.

b) As que non teñan superado o preceptivo procedemento de renovación da acreditación.

c) As que teñan iniciado o procedemento de extinción do plan de estudos, a supresión das ensinanzas ou a revogación da autorización de implantación.

d) Os másteres universitarios que nos tres cursos anteriores non acadaron unha media igual ou superior ao mínimo de alumnos de novo ingreso establecido no artigo 6 do Decreto 222/2011, agás:

– Os vinculados a programas Erasmus Mundus.

– Os que habiliten para o exercicio dunha profesión regulada en España, segundo o establecido na normativa estatal e europea aplicable.

– Os que sexan o único máster universitario ofertado nese centro.

– Aqueles que presenten un número de matrícula en constante crecemento, resultando unha media igual ou superior a 18 alumnos/nas.

Quinta. A oferta dun novo grao deberá implicar a retirada doutro no centro afectado, ou ben a redución da oferta de prazas autorizadas en número equivalente á ofertada no novo título. A redución de prazas poderá realizarse no conxunto dos centros afectados pertencentes ao mesmo campus, sempre e cando se respecte o número mínimo de alumnos establecido no Decreto 222/2011.

Sexta. As universidades poderán propoñer a redución do número de prazas ofertadas para unha titulación cando se dean as seguintes circunstancias:

1. Exceso de oferta: a non cobertura sistemática das prazas ofertadas unha vez rematado o proceso de chamamentos por parte da CIUG durante os últimos tres anos.

2. Número de egresados: cando a taxa de graduación sexa sistematicamente inferior ao 35 % durante os últimos tres cursos. Neste caso, o centro responsable presentará un plan fundamentado para acadar unha taxa de graduación polo menos do 35 % nos seguintes tres anos.

Sétima. As universidades poderán propoñer o incremento do número de prazas ofertadas para unha titulación. Para estes efectos, a universidade presentará unha valoración conxunta das seguintes circunstancias:

1. Demanda social: empregarase como indicador a nota de corte dos tres últimos cursos, así como a lista de agarda resultante unha vez rematado o proceso de chamamentos da CIUG.

2. Necesidade social: teranse en conta os informes de organismos nacionais e internacionais sobre a oferta do mercado laboral no sector, así como os estudos de colectivos profesionais sobre a idoneidade da oferta.

3. Egresados: poderase incrementar a oferta cando a taxa de gradación da titulación sexa sistematicamente do 50 % ou superior.

4. Taxa de empregabilidade: tomaranse como indicador os resultados do estudo da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

5. Cotización á Seguridade Social: empregarase como indicador a porcentaxe de emprego e o tipo de traballo polo que cotiza o egresado segundo os datos oficiais do Goberno de España.

Oitava. A variación na oferta de prazas en titulacións que sexan ofertadas por mais dunha universidade, terá en conta o equilibrio da oferta dentro do Sistema universitario de Galicia.

Novena. Recibidas as propostas de oferta de prazas, acompañadas de ser o caso da motivación oportuna que xustifique os incrementos ou as reducións con base nas circunstancias previstas nos puntos anteriores, a Secretaría Xeral de Universidades comprobará que estas se axustan aos criterios recollidos nas presentes instrucións. En caso contrario, requirirase a universidade propoñente para que, no prazo de 10 días, facilite as aclaracións ou motivacións que considere convenientes para que a dita proposta sexa autorizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e trasladada á Conferencia Xeral de Política Universitaria.

De non atender adecuadamente ao dito requirimento, a Consellería modificará a proposta presentada para a/as concreta/s titulación/s afectadas, axeitándoa ás determinacións da presente instrución, e dará traslado dela á Conferencia Xeral de Política Universitaria.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2019

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades