Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 29 de marzo de 2019 Páx. 16420

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 13 de marzo de 2019 de aprobación definitiva da modificación do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Oleiros para o cambio de uso nas parcelas de equipamento da urbanización Mesón da Auga.

O Concello de Oleiros remitiu a modificación puntual referida en solicitude do informe previsto no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 144.16 do seu regulamento (RLSG) aprobado polo Decreto 143/2016.

Analizada a documentación achegada polo Concello, subscrita en novembro de 2018 polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira; e vista a proposta literal de Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O planeamento vixente no concello de Oleiros é o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) con aprobación definitiva parcial condicionada por Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 11.3.2009 (DOG do 17.4.2009); e Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 11.12.2014 (BOP do 12.2.2015; DOG do 26.1.2015).

2. A modificación promóvese de oficio polo Concello de Oleiros, a petición de Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 28.8.2017 informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

4. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación mediante resolución de data do 15.9.2017, en que se resolve non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

No marco do proceso de consultas previas, contestou, ademais da SXOTU, a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, respondendo o 8.9.2017 que non era previsible que as actuacións proxectadas tiveran impacto nas súas competencias.

5. Consta informe do arquitecto municipal do 1.12.2017 e informe xurídico do 4.12.2017, da coordinadora de servizos urbanísticos, favorables á aprobación inicial da modificación (artigo 60.6 da LSG).

6. O día 14.12.2017 o Pleno do Concello de Oleiros aprobou inicialmente a modificación; e foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (anuncios en La Voz de Galicia do 11.1.2018 e Diario Oficial de Galicia do 17.1.2018).

7. Trámite de solicitude dos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG):

a) Solicitáronse os informes sectoriais preceptivos, constando a emisión dos seguintes:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 1.2.2018 en que se manifesta que non é necesario informe da Comisión Galega de Protección Civil.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe favorable do 5.4.2018.

– Instituto de Estudos do Territorio: informe do 9.5.2018, sen obxeccións.

Non consta a emisión do informe solicitado á Dirección Xeral de Augas de Galicia, tendo rematado o prazo previsto para a súa emisión o día 30.4.2018, polo que se entende emitido en senso favorable (artigo 60.7 da LSG).

b) Déuselle audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Cambre, Culleredo e Sada. Respondeu A Coruña o 21.2.2018 indicando que a modificación non ten incidencia no seu planeamento. O resto dos concellos contaban cun prazo para responder que finalizaba o 30.4.2018, data a partir da cal continúa o procedemento (2º parágrafo do artigo 60.7 da LSG).

8. O 7.11.2018 a Secretaría Xeral de Transporte do Ministerio de Fomento remitiu un informe favorable da Dirección Xeral de Aviación Civil do 30.10.2018 con respecto das servidumes aeronáuticas no ámbito da modificación.

9. Consta o informe favorable da Demarcación de Estradas en Galicia, recibido no Concello o 15.1.2018, con respecto das posibles afeccións da modificación á N-VI.

10. Consta informe xurídico da coordinadora de Servizos Urbanísticos, do 19.11.2018, favorable á aprobación provisional da modificación (artigo 60.6 da LSG).

11. O Concello Pleno do 29.11.2018 acordou aprobar provisionalmente a modificación.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

O ámbito da modificación está constituído por tres parcelas situadas en solo urbano consolidado. O seu obxectivo é dar resposta ás necesidades en materia de dotacións da poboación da urbanización de Mesón da Auga, corrixindo determinacións do PXOM respecto aos usos destas parcelas, respectando os usos do proxecto de reparcelación do Plan parcial de equipamento educativo e comercial-social (usos previstos nun principio para este ámbito e con que constan inscritas no rexistro da propiedade).

As vivendas construídas en execución do plan parcial contan coa zona verde, ao sur do ámbito, que lle dá servizo na contía exixida no momento do seu desenvolvemento. Non así co resto de dotacións previstas no inicio: equipamentos docentes, servizos técnicos de infraestrutura e servizos urbanos.

O PXOM vixente ten unha discordancia respecto do cumprimento dos estándares, xa que no cálculo de dotacións e zonas verdes existentes considera as parcelas dotacionais definidas no proxecto de reparcelación, e non as tres parcelas reflectidas nos planos de ordenación 2.32 e 2.36, que recollen unhas zonas verdes que non figuran nin na memoria xustificativa nin no estudo económico (páx. 19 do documento).

O documento propón unha nova ordenación das tres parcelas obxecto de modificación, asignándolles os usos inicialmente previstos polo plan parcial (e inscritos no Rexistro da Propiedade), do seguinte xeito:

– Dotación escolar «D»: zona destinada á instalación dun equipamento escolar de titularidade pública. Queda afecta ao servizo público correspondente, cunha superficie de 1.863,22 m2, subscrito en novembro de 2018 polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira baixo a ordenanza do PXOM vixente para este tipo de dotacións (artigo 121. Sistema de equipamento e dotacións).

– Comercial e social «SC»: zona destinada ao equipamento comercial cunha superficie de 947,83 m2, e a ordenanza recollida no número 4 do documento, que incorpora, xunto aos definidos no plan parcial, a posibilidade dos usos dotacionais.

– Reserva de «Servizos Técnicos de Infraestruturas»: zona destinada a instalacións e infraestruturas de titularidade da Comunidade de Propietarios da urbanización. Cunha superficie de 611,24 m2 e baixo a ordenanza definida no PXOM en vigor para este tipo de dotacións (artigo 120. Sistema de infraestruturas de servizos técnicos).

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación achegada polo concello de Oleiros, púidose observar que acada a integridade documental exixida; e posta en comparación coa normativa urbanística vixente que lle resulta aplicable, comprobouse o axuste da modificación a ela, non cabendo formular obxeccións á proposta municipal.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1 e 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 4 do PXOM de Oleiros, para o cambio de uso nas parcelas de equipamento da urbanización Mesón da Auga.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda