Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 29 de marzo de 2019 Páx. 16499

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2019 pola que se dá publicidade dunha encarga ao medio propio Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec).

De conformidade co artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e co artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á seguinte encarga a medios propios coas seguintes características:

– Resolución do 13 de marzo de 2019, do director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), pola que se lle encarga ao medio propio Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec), a prestación do servizo de divulgación e apoio técnico para a xestión de axudas no ámbito das áreas de rehabilitación integral de carácter supramunicipal.

– Actividade: a realización de funcións de, por unha banda, acadar a maior divulgación, difusión e nivel de información posibles entre os cidadáns sobre o alcance das axudas tramitadas polo IGVS en materia de áreas de rehabilitación integral supramunicipais, especialmente no ámbito das correspondentes aos Camiños de Santiago, para garantir a maior eficacia posible na consecución dos fins públicos perseguidos, así como a maior eficiencia na xestión dos recursos públicos, permitindo, ao mesmo tempo, transmitir aos cidadáns os valores que informan as actuacións públicas do IGVS no ámbito da rehabilitación, de xeito que se permita trasladar á cidadanía os avances, resultados e beneficios que se van producindo como consecuencia da execución destas e, por outra, a realización de tarefas de apoio na xestión de axudas tramitadas polo IGVS neste ámbito.

– Natureza e alcance do encargo: encarga a medio propio, ao ter a empresa Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en cumprimento do establecido nos artigos 10 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no punto 2 da disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

– Prazo de vixencia: desde o día 1 de abril de 2019 ata o 31 de marzo de 2021.

– Financiamento: tramitouse con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, aplicación orzamentaria 07.83.451A.227.99 e código de proxecto 2016 00009.

– O importe total máximo do encargo acadará os douscentos corenta e dous mil douscentos noventa e un euros con oitenta e cinco céntimos (242.291,85 €).

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2019

A presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
P.D. (Resolución do 19.4.2018)
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo