Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 27 de marzo de 2019 Páx. 16129

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Ponteareas

EDICTO (PO 427/2017).

Sentenza: 106/2018

Procedemento ordinario 427/2017

Procedemento de orixe: familia, patria potestade 427/2017

Sobre: privación de patria potestade

Demandante: María del Carmen Alonso Oujo

Procuradora: María Martínez Novelle

Avogado: Antón Nogueiro Robledo

Demandado: Ángel Caballero Pérez

Ponteareas, catro de decembro de dous mil dezaoito.

Vistos por min, Juan Laborda Rodríguez, xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Ponteareas e do seu partido, os presentes autos de xuízo ordinario sobre patria potestade, seguidos co número 427/2017 por instancia de María del Carmen Alonso Oujo, representada pola procuradora Sra. Martínez Novelle e asistida do letrado Sr. Nogueiro Robledo, fronte a Ángel Caballero Pérez, en situación de rebeldía, sendo parte o Ministerio Fiscal.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A persoa expresada deduciu demanda en que, tras expor os feitos e fundamentos de dereito que tivo por convenientes, terminou suplicando que se ditase sentencia en que se acordasen as medidas que se interesan.

Segundo. Admitida a trámite a demanda e emprazada a parte demandada para que comparecese e contestase a demanda, non presentou o escrito correspondente, polo que foi declarado en situación de rebeldía.

Terceiro. Tras contestar a demanda o Ministerio Fiscal, convocáronse as partes para realizar a audiencia previa. No dito acto a parte demandante ratificouse no seu escrito de demanda e propuxo como proba documental, ao igual que o Ministerio Fiscal. Tras a súa admisión, quedaron os autos vistos para sentenza.

Cuarto. Na tramitación deste procedemento observáronse todas as formalidades legais.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A parte demandante na súa demanda solicita unicamente a privación da patria potestade que posúe o demandado respecto ao seu fillo menor, sobre a base de que veu incumprindo as súas obrigas parentais con respecto a el de forma reiterada.

Segundo. O artigo 154 do Código civil regula o contido da patria potestade, que inclúe o deber dos proxenitores de velar por eles, telos na súa compaña, alimentalos, educalos e procurarlles unha formación integral; o artigo 170 da mesma lei permite a privación total e parcial para algún dos proxenitores por sentenza fundada no incumprimento dos deberes inherentes a ela ou ditada en causa criminal ou matrimonial.

Respecto diso, sinala a sentenza da Sección 6ª da Audiencia Provincial de Pontevedra do 18 de xullo de 2016 que «a privación da patria potestade é unha medida certamente grave, de carácter sancionador para os casos en que se produce abandono do cumprimento de deberes paterno-filiais que obedezan a unha conduta acreditada como voluntaria e non imposta polas circunstancias».

A proba practicada no acto da vista pon de manifesto que o proxenitor leva bastante tempo sen ter contacto ningún co seu fillo menor de idade. Pero, ademais, proba do seu desinterese é a propia rebeldía procesual en que se situou.

Exposto o anterior, a conclusión lóxica que se desprende é que o demandado, a pesar de ser o pai biolóxico do menor, é un completo descoñecido para el e, máis importante, nunca exerceu as funcións que o artigo 154 do Código civil lle impón como pai. Iso é así, ademais, non só polo exposto no acto do xuízo polos declarantes, senón pola propia incomparecencia e rebeldía do demandado, que, aínda que non se pode asimilar a achantamento ou conformidade, si que debe ser entendida como unha pasividade total no coidado do seu fillo.

Por tanto, concorre o presuposto legalmente exixido polo artigo 170 do Código civil, o que implica a estimación da demanda. Ademais, vista a manifestación que se formula en conclusións, procede deixar sen efecto a obriga de pagamento de pensión de alimentos no seu día acordada.

Terceiro. Dada a especial natureza deste procedemento non procede pronunciamiento ningún en canto ás custas.

Parte dispositiva:

Que debo estimar e estimo integramente a demanda interposta por instancia de María del Carmen Alonso Oujo contra Ángel Caballero Pérez e, en consecuencia, acordo a privación da patria potestade que este último posúe respecto ao seu fillo Ángel Enrique Caballero Alonso, con extinción da obriga de pagamento de pensión de alimentos acordada pola sentenza ditada no procedemento de divorcio 336/2011.

Sen pronunciamiento en canto a custas.

Notifíqueselles a presente sentenza ás partes, facéndolles saber que non é firme e que contra ela poden interpor recurso de apelación neste xulgado para o seu coñecemento pola Audiencia Provincial de Pontevedra, no prazo de vinte días, contados desde o seguinte á notificación, logo do depósito da caución establecida na DA 15ª da LOPX.

Así, por esta a miña sentenza, da cal se expedirá certificación nos presentes autos, pronúncioo, mándoo e asínoo, do cal eu, a letrada da Administración de xustiza, dou fe.

Dilixencia. Na mesma data, eu, a letrada da Administración de xustiza, dou fe da súa publicación.