Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 27 de marzo de 2019 Páx. 16163

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a infraestrutura eléctrica correspondente á ampliación da subestación de Conso 220 kV con dúas novas posicións denominadas ADIF-1 e ADIF-2, no termo municipal de Vilariño de Conso, na provincia de Ourense (expediente IN407A 2017/14-3).

Feitos.

Primeiro. O 12.7.2017 a empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. presentou a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica correspondente á ampliación da subestación de Conso 220 kV con dúas novas posicións denominadas ADIF-1 e ADIF-2, acompañada do proxecto de execución, declaración responsable do proxectista e separata técnica para o concello de Vilariño de Conso.

Esta ampliación da subestación de Conso, que ten por obxecto facilitar o acceso á rede de transporte de enerxía eléctrica ao Tren de Alta Velocidade, aparece recollida no documento Planificación enerxética. Plan de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica 2015-2020, aprobado polo Consello de Ministros do 16.10.2015.

A infraestrutura eléctrica citada afecta o termo municipal de Vilariño de Conso (Ourense) e conta coas seguintes características básicas técnicas: ampliación da subestación de Conso de 220 kV, con dúas posicións (rúa 5 posición ADIF-1, rúa 8 posición DIF-2, cun interruptor respectivamente); a tensión é a 220 kV, tecnoloxía AIS, intemperie dobre barra e con intensidade de curtocircuíto 40 kA.

Segundo. O 17.7.2017, a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura eléctrica citada (expediente IN407A 2017/14-3).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 25 de setembro de 2017 e no Boletín Oficial da provincia do 16 de agosto.

Durante o período de información pública presentouse un escrito de alegacións, con data do 12.9.2017, por parte de Iberdrola Generación, S.A.U. na súa condición de propietaria do predio onde se asenta a subestación de Conso (anexa á súa Central Hidroeléctrica de Conso) e que se verá afectada pola infraestrutura eléctrica proxectada, solicitando a modificación do proxecto para incluír as súas afeccións e que se garanta a non afección ao normal funcionamento, explotación e mantemento da súa central hidroeléctrica. Deste escrito de alegacións deuse traslado a Red Eléctrica de España, S.A.U., quen presentou a súa contestación ao respecto.

Terceiro. O 17.11.2017, a empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. presentou a solicitude de declaración de utilidade pública da infraestrutura eléctrica correspondente á ampliación da subestación de Conso 220 kV con dúas novas posicións denominadas ADIF-1 e ADIF-2, acompañada dunha addenda ao proxecto de execución e da declaración responsable do proxectista.

Esta addenda ten por obxecto a inclusión no proxecto de execución da relación de bens e dereitos afectados (RBDA) pola infraestrutura eléctrica citada.

Cuarto. O 21.11.2017, a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura eléctrica citada (expediente IN407A 2017/14-3).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 22 de decembro de 2017, no Boletín Oficial da provincia do 16 de decembro, no xornal La Región do 22 de decembro e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Vilariño de Conso.

Así mesmo, o 22.11.2017, a xefatura territorial enviou notificación individual a Iberdrola Generación, S.A.U., como propietario do único predio afectado pola devandita infraestrutura eléctrica, que aparece na RBDA incorporada como anexo á citada resolución pola que se realizou o trámite de información pública.

Durante o período de información pública presentouse un escrito de alegacións, con data do 26.12.2017, por parte de Iberdrola Generación, S.A.U., solicitando a denegación da utilidade pública da infraestrutura eléctrica proxectada debido a que o predio afectado xa dispón da utilidade pública outorgada no seu día ao aproveitamento hidroeléctrico e, no caso de non atender esta denegación, que se garanta a non afección ao normal funcionamento, explotación e mantemento da súa central hidroeléctrica. Deste escrito de alegacións deuse traslado a Red Eléctrica de España, S.A.U., quen presentou a súa contestación ao respecto.

Quinto. O 23.11.2017, a xefatura territorial trasladou a separata técnica do proxecto de execución da infraestrutura eléctrica citada ao Concello de Vilariño de Conso, pola súa condición de Administración con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Este concello non contestou a petición de informe, nin a reiteración desta petición, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización da infraestrutura eléctrica citada, de acordo co disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Sexto. O 12.4.2018, a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital emitiu informe favorable sobre a infraestrutura eléctrica citada (ampliación da subestación de Conso 220 kV mediante a instalación de dúas novas posicións denominadas ADIF-1 e ADIF-2), de conformidade co exixido no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Sétimo. O 23.4.2018, os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre o proxecto de execución e a súa addenda da infraestrutura eléctrica citada.

Oitavo. O 24.5.2018, a empresa Red Eléctrica de España, S.A.U. presentou un escrito en que desistiu da súa solicitude de declaración de utilidade pública da infraestrutura eléctrica citada, porque segundo manifesta chegou a un acordo de cesión de uso do solo con Iberdrola Generación, S.A.U.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segunda. A xefatura territorial emitiu o 26.4.2018 proposta de autorizacións administrativas previa e de construción e de declaración de utilidade pública da infraestrutura eléctrica correspondente á ampliación da subestación de Conso 220 kV con dúas novas posicións denominadas ADIF-1 e ADIF-2.

Terceira. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e na Resolución do 19.2.2014 da Consellería de Economía e Industria pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

• Outorgar a Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a infraestrutura eléctrica correspondente á ampliación da subestación de Conso 220 kV con dúas novas posicións denominadas ADIF-1 e ADIF-2, no termo municipal de Vilariño de Conso, na provincia de Ourense (expediente IN407A 2017/14-3).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución presentado pola empresa promotora, Red Eléctrica de España, S.A.U., denominado ampliación subestación de Conso 220 kV, asinado por Luis Cabezón López (enxeñeiro industrial, colexiado nº 12.864 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), visado por este colexio con data do 13.6.2017 e nº 201701804; e no cal figura un orzamento de 1.558.534 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha da infraestrutura eléctrica que se autoriza será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela logo das comprobacións técnicas que consideren oportunas.

Sexta. En canto aos bens e aos dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora deberá realizar as correspondentes afeccións de acordo cos condicionados e cos informes emitidos por estes.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta resolución por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Oitava. Esta resolución emítese sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións obxecto dela.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de maio 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas