Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Mércores, 20 de marzo de 2019 Páx. 14676

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 27/2019, do 7 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello da Lama do treito antigo da estrada EP-0306 ponte do Verdugo-Cambeses-Barcia (PO-240 a 0+070 ponte sobre o río Verdugo).

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello da Lama solicita á Deputación Provincial de Pontevedra o cambio de titularidade da ponte sobre o río Verdugo e a explanada adxacente ou espazo de dominio público sobrante unha vez que se realicen as obras incluídas no proxecto de acondicionamento da ponte e explanada sobre o río Verdugo. A Lama.

A Deputación Provincial de Pontevedra no Pleno da Corporación Provincial que tivo lugar o día 31.7.2018 aceptou o cambio de titularidade proposto.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de marzo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello da Lama, do treito antigo da EP-0306 ponte do Verdugo-Cambeses-Barcia (PO-240 a 0+070 sobre o río Verdugo), cunha lonxitude total de 111 metros.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello da Lama deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello da Lama, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade