Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Mércores, 20 de marzo de 2019 Páx. 14678

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 28/2019, do 7 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito Camiño Portugués-Conxo, de clave AC/17/012.10.4, no concello de Santiago de Compostela.

Antecedentes:

Primeiro. O día 18 de xullo de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 137 o Anuncio do 10 de xullo de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o documento básico de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito Camiño Portugués-Conxo, de clave AC/17/012.10.4, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións e certificados presentados, o 4 de marzo de 2019 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito Camiño Portugués-Conxo, de clave AC/17/012.10.4.

Este proxecto de construción ten por obxecto acadar unha imaxe identitaria internacional común ao longo do Camiño, concretamente para mellorar a integración do peregrino na entrada da cidade de Santiago de Compostela, facilitando a dita percepción e diminuíndo a tensión de tráfico sobre o Camiño, así como favorecendo a mobilidade peonil nesta área ao priorizar ao peregrino sobre o tráfico rodado.

Máis concretamente, preténdese reordenar o itinerario do Camiño de Santiago ao seu paso polo núcleo de Conxo de Abaixo, mellorando a visual do peregrino ao longo da traza do camiño e reducindo o tránsito de vehículos. Tamén cabe destacar a gran importancia que a dita actuación terá para os veciños do lugar.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, neste caso, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Por outra banda, o artigo 80 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG do 16 de maio), determina que a aprobación da delimitación dos Camiños de Santiago levará implícita a declaración de interese social e a de necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos para os fins de expropiación forzosa, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes tanto dos tramos necesarios para a funcionalidade da traza coma dos bens localizados no seu ámbito delimitado necesarios para a conservación, protección ou servizo do Camiño.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de marzo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito Camiño Portugués-Conxo, de clave AC/17/012.10.4.

Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade