Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Mércores, 13 de marzo de 2019 Páx. 13890

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 26 de febreiro de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Zobra do concello de Lalín e a de Carballeda, Munín e Subirol do concello do Irixo, ao respecto da estrema común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 4 de febreiro de 2019, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Zobra no concello de Lalín e a de Carballeda, Munín e Subirol no concello do Irixo, ao respecto da estrema común dos seus montes.

Feitos:

Primeiro. O 25.5.2017 Basilio Ramos Taboada, presidente da Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Carballeda, Munín e Subirol, presentou un escrito no Rexistro da Oficina Agraria Comarcal do Carballiño (nº 541/RX 1364830), no que comunica, en aplicación do artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, a realización e o acordo do deslindamento parcial entre esta comunidade do concello do Irixo (Ourense), e a CMVMC estremeira da parroquia de Zobra no concello de Lalín, provincia de Pontevedra.

Segundo. Con esta solicitude achega o documento denominado Memoria de deslindamento entre a CMVMC da parroquia de Zobra (concello de Lalín-Pontevedra) e a CMVMC de Carballeda, Munín e Subirol (concello do Irixo-Ourense), composto polos seguintes documentos:

– Memoria descritiva con planos topográficos.

– Acta do deslindamento practicado.

– Certificados dos acordos ratificados nas asembleas xerais de comuneiros.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz do Irixo.

– CD cos arquivos en formato pdf dos documentos, e formato shp dos puntos medidos.

Terceiro. O 16.11.2018 notifícase á CMVMC de Zobra o requirimento do informe de validación gráfica alternativa (IVGA) da Dirección Xeral de Catastro, en virtude do disposto na Lei 13/2015, do 24 de xuño, de reforma da Lei hipotecaria de 1946 e do texto refundido da Lei de catastro inmobiliario, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2004, do 5 de marzo (BOE nº 151, do 25 de xuño de 2015). Requírese co seguinte condicionado:

«A liña do deslindamento do IVGA entre ambas comunidades deberá limitarse ás parcelas catastrais onde exista condición de estremeiros entre ambas comunidades de montes veciñais en man común, é dicir, ten que respectar as parcelas catastrais con titularidade distinta das CMVMC de Zobra e a CMVMC de Carballeda, Munín e Subirol».

O 20.11.2018, o presidente da CMVMC de Zobra achega os seguintes IVGA, respectando as parcelas catastrais con distinta titularidade das CMVMC obxecto de deslindamento.

– CSV: F993VRXC420D8R4R.

– CSV: R186ZWBQT0HZ70W3.

– CSV: NZNN9JME0V1WDKHD.

Cuarto. A xunta reitora da CMVMC de Zobra consta inscrita e en vigor na sección provincial do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común ata o 25.6.2022. Así mesmo, constan as comunicacións dos ingresos e reinvestimentos en montes veciñais en man común (ano 2017 presentada o 18.4.2018).

Quinto. Segundo resolución de clasificación e esbozo do estudo previo ambos os montes veciñais en man común resultan estremeiros. Como se indica na memoria achegada, esta liña de deslindamento non se corresponde coa liña divisoria entre concellos e provincias existente na cartografía actual do Instituto Xeográfico Nacional polo que se entende que o citado deslindamento entre os concellos do Irixo e Lalín non tivo finalmente carácter oficial.

A descrición da liña poligonal que determina o deslindamento de mutuo acordo entre os montes veciñais en man común do Irixo e Carballeda, Munín e Subirol está formada polos seguintes puntos (ETRS89/UTM29N):

Vértice

Coord. UTM (X)

Coord. UTM (Y)

Marco

Denominación

1

566.822,85

4,712.186,52

Marco número 1

A Rabexa

2

566.546,89

4,711.807,48

Marco número 2

Regalfol

3

566.193,16

4,711.586,96

Marco número 3

Os Bañeiros

4

565.151,60

4,711.220,96

Marco número 4

A Lagoa

5

564.398,11

4,710.534,01

Marco número 5

Pena do Campo do Medio

6

562.782,54

4.709.900,67

(Non existe marco)

Intersección das augas do rego da Balsada co río Deza

Marco entre Ríos

Tendo en conta o anterior e visto o informe emitido polo Servizo de Montes de Ourense, a xefa do Servizo de Montes de Pontevedra informa de xeito favorable este deslindamento nas zonas de condición de estremeiro (respectando os IVGA) entre a CMVMC de Zobra e a CMVMC de Carballeda, Munín e Subirol.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regula nos artigos 52 a 54 o procedemento de deslindamento de montes veciñais en man común e establece, entre outras, a obriga de publicar a resolución do Xurado no Diario Oficial de Galicia.

Segunda. Da documentación achegada polas comunidades e do informe técnico do Servizo de Montes desta xefatura territorial, conclúese que a avinza entre a CMVMC de Zobra e a de Carballeda, Munín e Subirol é congruente coas respectivas resolucións de clasificación e coas estremas nelas descritas.

Revisada a liña de deslindamento presentada, a documentación achegada, os informes técnicos e en atención ao disposto nos artigos 52 a 54 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, este xurado provincial por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Primeiro. Aprobar o deslindamento realizado entre as CMVMC de Zobra (Lalín) e a de Carballeda, Munín e Subirol (Ourense), respecto da súa estrema común, nos termos indicados no feito quinto, e de acordo cos planos topográficos achegados e validados mediante informe técnico do Servizo de Montes.

Segundo. Notificar este acordo ás comunidades propietarias afectadas e publicalo no Diario Oficial de Galicia para dar cumprimento ao disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 26 de febreiro de 2019

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra