Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Luns, 11 de marzo de 2019 Páx. 13608

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se aproba a lista provisional de puntuacións obtidas polas persoas participantes no concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia.

Mediante Resolución do 2 de xullo de 2018 esta secretaría xeral técnica convocou o concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia. O punto segundo da citada resolución establece que a súa tramitación se rexerá polo disposto nos artigos 22 e seguintes do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia (modificado polo Decreto 66/2018, do 14 de xuño), sendo de aplicación o baremo específico de méritos e criterios de valoración establecido no dito decreto, así como no anexo II da citada resolución.

Por medio de Acordo do 5 de novembro de 2018 fíxose pública a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas no citado concurso público, ao tempo que se requiriu todas as persoas concursantes admitidas definitivamente para a presentación dos documentos acreditativos dos méritos indicados no anexo IV presentado xunto coa súa solicitude de participación no concurso.

Unha vez achegada a documentación acreditativa dos méritos alegados, a comisión de valoración constituída para o efecto procedeu, de acordo co sinalado no artigo 23 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, á valoración provisional dos distintos méritos, consonte o disposto no baremo específico de méritos e criterios para a súa valoración. O resultado da dita valoración provisional recolleuse nunha proposta, que contén unha relación das persoas concursantes xunto coas puntuacións provisionais obtidas por cada unha delas.

Así pois, finalizadas as actuacións anteriores cómpre agora, en cumprimento do previsto no artigo 24 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, proceder á aprobación da lista provisional de puntuacións obtidas polas persoas participantes no concurso.

Xa que logo, á vista da proposta formulada pola comisión de valoración, e de conformidade co disposto no artigo 24.2 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, esta secretaría xeral técnica

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a lista provisional de puntuacións obtidas polas persoas participantes no concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia.

A citada lista poderá ser consultada na páxina web oficial da Consellería de Sanidade (www.sergas.es) desde o mesmo día da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. De acordo co sinalado no artigo 24.2 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, as persoas concursantes disporán dun prazo de 15 días hábiles, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular as reclamacións que consideren oportunas.

Para tal efecto, e en cumprimento do disposto no artigo 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas concursantes poderán tomar vista da valoración provisional individual que lle foi asignada tras a baremación dos distintos méritos, consonte a documentación achegada por cada un deles. O acceso aos documentos contidos no seu expediente efectuarase nas dependencias da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade en Santiago de Compostela, debendo para iso concertar cita previa no enderezo electrónico concurso.farmacia.2018@sergas.es

As reclamacións que se realicen irán dirixidas á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, e deberán presentarse por vía electrónica, consonte o sinalado no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, empregando para tal efecto o modelo xenérico de «alegacións» dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O citado documento se presentará debidamente cuberto, e nel farán constar, necesariamente, o código do procedemento (SA300A) e o número de rexistro do expediente relacionado, que será o que figure na solicitude de participación presentada no seu día. Ao dito modelo xuntarase a documentación acreditativa da reclamación efectuada.

As persoas non obrigadas á presentación electrónica poderán achegar as súas reclamacións do xeito indicado no parágrafo anterior ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, empregando en todo caso o formulario normalizado indicado (modelo xenérico de «alegacións»).

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2019

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade