Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Venres, 8 de marzo de 2019 Páx. 13083

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 25 de febreiro de 2019 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención de nenas e nenos menores de doce anos a través do programa Bono coidado e se convocan para o ano 2019.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu artigo 3 os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais e inclúe entre eles o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Plan estratéxico rexional Galicia 2015-2020 recolle un paquete integral de medidas para avanzar no obxectivo de crear en Galicia un ambiente social favorable para vivir, para formar unha familia e para que cada quen poida ter os fillos e fillas que desexe.

A atención das necesidades de conciliación das familias galegas é unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), área que ten como obxectivo propiciar un ambiente social favorable no cal non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo e na cal se prevé, entre outras medidas, a posta á disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos.

Neste sentido, e para avanzar na posta á disposición das familias de solucións efectivas ás súas necesidades de conciliación, a Xunta de Galicia puxo en marcha en 2016 de xeito experimental o programa Bono coidado, unha axuda económica directa ás familias para colaborar no pagamento do importe de servizos de atención a nenos e nenas de ata tres anos de idade a domicilio como vía para a cobertura de necesidades puntuais de conciliación.

En 2017 ampliouse ata os doce anos o rango de idades dos e das menores polos/as cales se pode solicitar a axuda, así como o número de horas que se subvencionan para aquelas familias que teñan máis dun neno ou nena desas idades.

Esta nova convocatoria do Bono coidado pretende seguir avanzando na mellora da conciliación das familias galegas e ampliar a tipoloxía dos recursos a que dá cobertura, coa finalidade de que estas dispoñan dun abano amplo de servizos accesibles que dean resposta aos supostos de necesidade puntual; deste xeito, ademais da atención a domicilio, o Bono coidado subvencionará o uso de recursos de conciliación normativamente habilitados para prestar servizos de atención e coidado de maneira non continuada.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúeselle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normativa de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade autónoma de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para o cal foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás familias con nenos e nenas menores de doce anos que teñan a súa residencia en Galicia e precisen dun recurso para cubrir as necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e das responsabilidades familiares que se produzan entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de novembro de 2019 (código de procedemento BS412A), así como realizar a súa convocatoria.

As axudas previstas nesta orde tramitaranse de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e a finalidade das subvencións non será necesaria a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de un millón douscentos mil euros (1.200.000 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.1.

2. Realizarase unha desconcentración inicial do 50 % do crédito dispoñible entre as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social en función do número de menores de doce anos de cada provincia; para efectuar a repartición acudirase aos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). O crédito restante será desconcentrado sucesivamente en función das solicitudes presentadas en cada provincia de modo que se garanta que, no caso de que o crédito se esgote, se respecte en todo caso a orde de presentación de solicitudes no ámbito autonómico.

3. A Consellería de Política Social publicará no Diario Oficial de Galicia e no portal da Consellería de Política Social o esgotamento da partida orzamentaria e non admitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar excepcionalmente a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono coidado os pais/nais, titores/as ou as persoas que teñan en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva nenos/as menores de doce anos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:

a) Ter unha nena ou un neno nada/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2006 cando o servizo para o cal se solicita axuda se recibise no último trimestre do ano 2018, e con posterioridade ao 31 de decembro de 2007 para aqueles que se reciban durante o período subvencionable do ano 2019.

b) Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do ano 2017.

2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Tipo de axuda e contía

1. A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do importe de servizos de atención á infancia a domicilio e/ou de servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social para atender necesidades puntuais -ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia- previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, nos seguintes supostos convenientemente acreditados:

a) Enfermidade do/da menor e imposibilidade de ser coidado/a polos membros da unidade familiar.

b) Enfermidade da persoa coidadora habitual.

c) Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.

d) Situacións puntuais de carácter laboral ou de coidado, tanto do cónxuxe ou parella como de familiares ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, que impidan que os membros da unidade familiar atendan o/a neno/a.

Os servizos de atención á infancia subvencionados deben cumprir os requisitos establecidos no dito Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, e o establecido no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como, de ser o caso, na normativa de desenvolvemento.

2. Con carácter xeral, concederase un máximo de 80 horas por familia para a totalidade do período subvencionado. O número total de horas concedido incrementarase un 15 % por cada fillo/a menor de doce anos a partir do primeiro.

3. A contía da dita axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo cos seguintes tramos:

a) Renda per cápita familiar ata 3.750 euros: 14 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 100 % do importe facturado, cun límite de 5 €/hora para o resto de servizos previstos no punto 1.

b) Renda per cápita familiar superior a 3.750 e ata 7.500 euros: 11 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 80 % do importe facturado, cun límite de 4 €/hora para o resto de servizos previstos no punto 1.

c) Renda per cápita familiar superior a 7.500 e ata 10.000 euros: 9 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 65 % do importe facturado, cun límite de 3,25 €/hora para o resto de servizos previstos no punto 1.

d) Renda per cápita familiar superior a 10.000 e ata 13.500 euros ou superior dentro dos límites establecidos no artigo 3.1.b): 7 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 50 % do importe facturado, cun límite de 2,5 €/hora para o resto de servizos previstos no punto 1.

As mulleres vítimas de violencia de xénero recibirán en todo caso a axuda prevista na letra a).

4. O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de novembro de 2019.

5. A contía da axuda farase efectiva unha vez se presente a documentación establecida no artigo 15.

Artigo 5. Renda per cápita

1. Para os efectos de determinación da contía da axuda, a renda per cápita da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente ou con análoga relación de afectividade, e mais a formada por unha soa persoa proxenitora e:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de maneira independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

4º. As e os menores en situación de acollemento familiar.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da adición das rendas de cada un dos seus membros no exercicio 2017, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase entre número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a dita unidade familiar.

Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con quen manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

2. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 6. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de se percibiren outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberase efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, supere o custo do servizo recibido.

4. As familias deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.

Artigo 7. Solicitudes e documentación

1. As persoas interesadas deberán presentar unha solicitude, segundo o modelo oficial do anexo I, dirixida á xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia onde teñan o seu domicilio.

Os impresos de solicitude (BS412A) estarán dispoñibles nos enderezos electrónicos https://sede.xunta.gal e http://politicasocial.xunta.gal.

2. Xunto coa solicitude achegarase, ademais, a seguinte documentación:

a) Anexo II, relativo á comprobación de datos dos membros da unidade familiar.

b) Certificado de empadroamento das persoas menores que non dispoñan de documento nacional de identidade (DNI).

c) Copia do libro de familia ou, no seu defecto, dun documento que acredite oficialmente a situación familiar.

d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando se trate de adopcións formalizadas por outra comunidade autónoma.

e) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a situación de tutela, de ser o caso, só cando se trate de tutelas formalizadas por outra comunidade autónoma.

f) Copia da resolución administrativa de acollemento familiar, de ser o caso, cando se trate de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.

g) Documentación acreditativa da monoparentalidade, cando fose expedida por outra comunidade autónoma.

h) Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, nos casos de familias formadas por unha soa persoa proxenitora como consecuencia de separación legal, divorcio ou outras situacións análogas.

i) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia dela autenticada pola/o secretaria/o xudicial.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos os ditos documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo os presentou.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I farase constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta orde.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Que se está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Administración xeral do Estado e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Que se está ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que a persoa solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

5. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 8. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse preferentemente por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 31 de agosto de 2019.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. A Consellería de Política Social publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Política Social, epígrafe de axudas e subvencións (código de procedemento BS412A) o esgotamento da partida orzamentaria e non admitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, para tramitar este procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante, da persoa cónxuxe ou parella e das demais persoas membros da unidade familiar, de ser o caso.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, da persoa cónxuxe ou parella e das demais persoas membros da unidade familiar, de ser o caso.

c) Declaración do IRPF da persoa solicitante, da persoa cónxuxe ou parella e demais persoas membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao ano 2017.

No caso de non estar obrigada a presentar a declaración do IRPF algunha das persoas anteriormente citada, consultarase o nivel de renda para o ano 2017 segundo os datos que constan na Axencia Estatal Tributaria (AET).

d) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Administración xeral do Estado e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Resolución xudicial ou administrativa que declara a adopción ou a garda con fins adoptivos formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Resolución xudicial ou administrativa que declara a situación de tutela formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Resolución administrativa de acollemento formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificado de monoparentalidade expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta dos datos ou documentos elaborados polas administracións públicas, deberán facer constar a súa oposición expresa no cadro habilitado para o efecto no anexo I e no anexo II, de ser o caso, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde aos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

2. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no correlativo artigo 31.4, o órgano competente para tramitar o procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderalle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

3. En todo caso, non se admitirán a trámite, ditarase a resolución de inadmisión e arquivaranse, sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 11. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde, por delegación da conselleira de Política Social, ás persoas titulares das xefaturas territoriais da dita consellería, que deberán resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

2. A resolución fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses, contados desde o día seguinte á data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade, electrónica ou en papel, escollida para a notificación. No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por estes medios, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse ben o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta fose expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

No caso de interpor o recurso de reposición, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do dito recurso.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 15. Pagamento e xustificación da axuda

Notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias disporán dunha subvención de ata o máximo de horas estabcido no artigo 4, a cal se fará efectiva logo de achegar á xefatura territorial correspondente a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento (anexo III).

b) Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) dos gastos realizados, onde conste expresamente a identificación (nome e DNI) da persoa que recibe o servizo, o día e hora/s en que se prestou e o nome e NIF da persoa ou empresa que emite a factura e prestou o servizo.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

c) Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento da factura. Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un recibín do/da provedor/a asinado sobre a factura, con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e o seu DNI, para gastos inferiores a 1.000 euros, conforme o previsto no artigo 42.3 do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda: xustificante médico de enfermidade do/da neno/a, da persoa coidadora habitual ou do cónxuxe ou parella e de familiares ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade; certificado de asistencia a entrevistas de traballo ou cursos de formación; certificado da empresa acreditativo do motivo de carácter laboral que impide o coidado do/da neno/a ou declaración responsable, e documentos de alta censual (modelo 036) e de alta na Seguridade Social para o caso de traballadores/as autónomos/as.

No suposto de se producir algunha variación na renda da unidade familiar ou respecto do declarado no momento de presentación da solicitude, deberáselle comunicar á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente con carácter inmediato. Así mesmo, de non telo achegado coa solicitude, deberase indicar o número da conta corrente en que se debe ingresar a axuda.

Esta documentación deberá ser remitida á xefatura territorial correspondente con data límite do 5 de decembro de 2019.

Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a achegue debidamente.

2. As xefaturas territoriais realizarán as comprobacións necesarias antes do pagamento da axuda e poderán exixir xustificacións complementarias cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:

a) Facilitarlles aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 17. Reintegro

Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e de ser o caso nas normas reguladoras da subvención.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 a 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro parcial no suposto de non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión do servizo subvencionado, o que suporá a perda dun 5 % do importe da subvención concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, con anterioridade ao requirimento previo da Administración as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de mora, de acordo co previsto no artigo 34 Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 18. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Publicidade

1. De conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción previstos nas ditas normas.

2. Non obstante o anterior, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 20. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS412A, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no portal da Consellería de Política Social http://politicasocial.xunta.gal, na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, nos servizos de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, no teléfono 012, no enderezo electrónico demografiaeconciliacion@xunta.gal ou de maneira presencial.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias nas persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as instrucións que sexan necesarias para desenvolver esta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file