Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Xoves, 7 de marzo de 2019 Páx. 12899

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 25 de febreiro de 2019 de aprobación definitiva parcial do Plan xeral de ordenación municipal de Vilaboa.

O Concello de Vilaboa remite o Plan xeral de ordenación municipal para unha segunda resolución sobre a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG) e ás previsións ao respecto da disposición transitoria 2ª.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG).

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Vilaboa, e vista a proposta literal que eleva á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

O Concello de Vilaboa dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente o 16.1.1988 con dúas modificacións puntuais.

I.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

O termo municipal de Vilaboa está afectado polo Plan de ordenación do litoral de Galicia, aprobado definitivamente mediante o Decreto 20/2011, do 10 de febreiro.

I.3. Avaliación ambiental estratéxica.

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu, en data do 15.3.2016, considerar ambientalmente viable o PXOM de Vilaboa, sempre que incorpore as determinacións establecidas na memoria ambiental formulada nesa data.

I.4. Tramitación.

1. Con data do 17.7.2012 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu informe previo á aprobación inicial, de acordo co previsto no artigo 85.1 da LOUG.

2. Constan informes previos á aprobación inicial de: aparellador municipal, de datas 20.12.2010 e 23.11.2011; e secretaría municipal, de datas 14.10.2010, 21.5.2012 e 14.12.2012.

3. O Concello Pleno do 28.12.2012 acordou a aprobación inicial do plan, e o sometemento á información pública, mediante anuncios nos xornais Faro de Vigo do 17.1.2013 e Diario de Pontevedra do 18.1.2013; e no Diario Oficial de Galicia do 16.1.2013. Simultaneamente déuselle audiencia aos concellos limítrofes de Pontevedra, Marín, Soutomaior e Moaña.

4. A secretaría municipal emitiu informe previo á aprobación provisional en data do 17.3.2016, de carácter desfavorable.

5. O Concello Pleno do 18.3.2016 aprobou provisionalmente PXOM.

6. O 9.5.2016 entrou na Xunta de Galicia o plan para a súa aprobación definitiva de acordo co artigo 85.7 da LOUG. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo requiriu documentación ao concello en data do 8.6.2016.

7. A interventora municipal emitiu informe o 22.11.2016.

8. O Pleno do Concello aprobou de novo provisionalmente o plan o 21.12.2016.

9. En cumprimento da lexislación sectorial vixente solicitáronse e emitíronse informes de:

a) En materia de estradas:

Dirección Xeral de Estradas (Ministerio de Fomento): 12.7.2013 e 9.2.2016, favorable con condicións.

Axencia Galega de Infraestruturas: 25.9.2015 e 1.3.2016, favorable.

Deputación Provincial de Pontevedra: 31.5.2013.

b) En materia de costas:

Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar do 18.5.2011 e 6.5.2013 (art. 117.1 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas); e 30.9.2016 e 8.3.2017, favorable (art. 117.2 LC) da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 28.2.2013 (art. 117.1 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas); e do 5.5.2017 (art. 117.2 LC).

c) En materia de patrimonio cultural:

Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: 14.11.2013, 12.1.2015 e 20.1.2016, favorable condicionado.

d) En materia de augas:

Augas de Galicia: 31.7.2013 e 5.9.2016, favorable condicionado; e 8.6.2018 e 23.8.2018, de descrición do abastecemento.

e) En materia de ambiente:

Dirección Xeral de Conservación da Natureza: 23.5.2013.

f) En materia de telecomunicacións:

Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo): 22.2.2013 e 20.7.2016, favorable.

g) En materia de montes:

Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes: 15.3.2013 e 23.9.2015.

h) En materia de propiedades públicas:

Delegación de Economía e Facenda de Pontevedra (Ministerio de Facenda e Administracións Públicas): foi notificada o 20.4.2016.

Consellería de Facenda: foi notificada o 15.4.2016.

i) En materia de dereitos mineiros:

Consellería de Economía e Industria: 28.6.2011 e 30.5.2013.

j) En materia de paisaxe:

Instituto de Estudos do Territorio: 28.10.2015.

k) En materia de portos:

Portos de Galicia: 12.3.2013, 8.2.2016 e 18.2.2016, favorable.

Autoridade Portuaria de Vigo (Ministerio de Fomento): 6.2.2013 e 21.9.2015.

l) En materia de servidumes aeronáuticas:

Dirección Xeral de Aviación Civil (Ministerio de Fomento): 13.8.2012 e 1.4.2013.

m) En materia de ferrocarrís:

Ministerio de Fomento: 1.2.2013 e 8.9.2015, favorable.

Administrador de Infraestruturas ferroviarias (ADIF): 19.2.2013.

n) En materia de defensa:

Dirección Xeral de Infraestrutura do Ministerio de Defensa: 9.10.2013 e 14.11.2016.

10. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio emitiu Orde con data do 11.5.2017 pola que resolveu non outorgar a aprobación definitiva ao PXOM, e o Concello deberá redactar os documentos precisos para emendar as deficiencias sinaladas.

11. O Pleno do Concello de Vilaboa do 20.11.2018 aprobou o documento corrixido do PXOM.

II. Análise e consideracións.

1. Regulación urbanística.

Logo de analizar o expediente administrativo e os documentos que integran o Plan xeral de ordenación municipal, púidose observar que se corrixiron as deficiencias sinaladas no punto II da Orde da CMAOT do 11.5.2017 nas súas alíneas, a) Proxeccións do PXOM, b) Solo urbano, c) Solo de núcleo rural, d) Solo urbanizable, e) Estratexia de actuación e estudo económico e f) Documentación, coa seguinte excepción:

De acordo co informe de Augas de Galicia do 23.8.2018, os núcleos rurais de Casfalcón (Santo André de Figueirido), Sobreira (Santo Adrán de Cobres), Sabaxáns e Saxosa (Santa Comba de Bértoa) e A Graña e Novás (San Martiño de Vilaboa) carecen de abastecemento de auga con aproveitamento inscrito no libro de rexistro de Augas de Galicia.

Ese mesmo informe de Augas de Galicia indica que non se xustifica a existencia de aproveitamentos inscritos no libro de rexistro de Augas de Galicia que cubran a demanda indicada para os novos desenvolvementos urbanísticos APR-A1 e APR-A2 (solo urbano non consolidado) residencial UDR-1 e UDR-5 e industrial UDI-3 (solo urbanizable).

2. Plan de ordenación do litoral e normativa sectorial de costas.

Asemade, púidose comprobar que, na súa maior parte, foron atendidas as observacións referidas nos puntos g) Adecuación ao Plan de ordenación do litoral e h) Adecuación á lexislación sectorial de costas. Porén, mantense a necesidade de introducir as seguintes modificacións:

2.1. En tanto non se aproben os plans especiais previstos para os ámbitos de recualificación (PEP-02 e PEP-03) e o núcleo de identidade do litoral de Santadrán (PEP-01), incluirase dentro do réxime transitorio a prohibición de novas parcelacións co obxecto de evitar a aparición de novas edificacións desconformes co modelo territorial do POL nos ámbitos de recualificación, e de manter a tipoloxía edificatoria no NIL.

2.2. A delimitación do PEP02 inclúe terreos de solo rústico que non precisan de operacións de recualificación (terreos da Punta Conchido ou finca do Pazo de Larache) polo que cómpre excluílos. Pola contra, cómpre incluír as edificacións do crecemento disperso na ladeira do Monte do Cabalo do núcleo de Mangueiro, que se mencionan na ficha da unidade de paisaxe do POL como obxecto de recualificación.

2.3. Nas fichas dos plans especiais previstos para os ámbitos de recualificación (PEP-02 e PEP-03) precisaranse as actuacións que se consideren necesarias en cada caso (completamento de viario, reurbanización, soterramento de liñas eléctricas, integración das edificacións existentes, dotación de espazos libres ...), así como a necesidade de levar a cabo un estudo de impacto e integración paisaxística, segundo o disposto no artigo 71 da normativa do POL.

2.4. Nas fichas dos plans especiais e do solo urbanizable SUDR5 indicarase que o respectivo planeamento de desenvolvemento se remitirá para a verificación do cumprimento dos criterios e normas do POL para os núcleos de identidade do litoral, ámbitos de recualificación e desenvolvementos urbanísticos, respectivamente.

2.5. A reserva de aparcamento prevista asociada á praia de Deilán (E050SP) disponse sobre a área de protección costeira, onde é un uso prohibido. Segundo o artigo 90 da normativa do POL, resulta preferible resitualo na contorna inmediata do núcleo próximo do Muíño, dentro da área de mellora ambiental e paisaxística, de xeito que xere as mínimas afeccións e en previsión do seu apantallamento desde a praia.

2.6. Posto que o PXOM reaxustou a delimitación de varios corredores ecolóxicos, elaborarase unha cartografía en que se representen estas novas delimitacións, ás cales vai asociado o réxime de uso establecido na normativa do POL; incorporando a delimitación do NIL, áreas de recualificación, traza orientativa da senda dos faros e resto de áreas do POL.

2.7. O réxime de utilización dos terreos abranguidos no dominio público marítimo-terrestre e nas súas zonas de servidume de tránsito e protección, acceso ao mar e zona de influencia, debe entenderse axustado estritamente á normativa básica estatal vixente en materia de costas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Vilaboa, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas no punto II.2 anterior deixando en suspenso os ámbitos aos que se refire o punto II.1 anterior:

• Solo urbano non consolidado: APR-A1 e APR-A2.

• Solo urbanizable residencial: UDR-1 e UDR-5.

• Solo urbanizable industrial: UDI-3.

• Núcleos rurais de Casfalcón (Santo André de Figueirido), Sobreira (Santo Adrán de Cobres), Sabaxáns e Saxosa (Santa Comba de Bértoa) e A Graña e Novás (San Martiño de Vilaboa).

2. Neses ámbitos, o Concello deberá emendar as deficiencias sinaladas, elaborar un novo documento coas correccións indicadas, e logo da súa aprobación polo Pleno da Corporación, elevalo novamente ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vilaboa, 25 de febreiro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda