Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Xoves, 7 de marzo de 2019 Páx. 12926

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 19 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Premio empregados/as públicos/as innovadores/as e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 442527.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da Resolución do 19 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Premio empregados/as públicos/as innovadores/as e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderá participar nesta convocatoria todo o persoal ao servizo da Xunta de Galicia e dos seus entes instrumentais, incluídos no ámbito de aplicación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (https://boe.es/boe/dias/2015/05/23/pdfs/BOE-A-2015-5677.pdf).

A forma de participación poderá realizarse a título individual ou conformando un equipo de traballo. O número máximo de persoas para conformar unha candidatura é de cinco persoas e, neste caso, indicarase expresamente a persoa física designada como portavoz do equipo, que será a encargada das comunicacións.

Segundo. Obxecto

A finalidade do premio é recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Xunta de Galicia, xa que fan posible unha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía (código do procedemento IN822D).

Tercero. Bases reguladoras

As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Cuarto. Contía

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A3.561A.480.0 do proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2019, ata un importe máximo de 17.000 euros coa seguinte estimación de detalle:

Asesoramento personalizado (60 horas): 5.000 euros.

Visita a un laboratorio de innovación internacional: 6.000 euros.

Curso personalizado de innovación (40 horas): 6.000 euros.

As persoas gañadoras recibirán o premio en especie e GAIN encargarase de contratar e pagar os gastos correspondentes ao premio de cada modalidade e aplicará as retencións fiscais que procedan sen superar en ningún caso os importes indicados.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2019

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación