Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Xoves, 7 de marzo de 2019 Páx. 12908

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Premio empregados/as públicos/as innovadores/as e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) ten, entre os seus fins, o de fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas, a través do desenvolvemento de estratexias e programas de innovación eficientes.

O 30 de decembro de 2015 GAIN asinou un convenio marco co Ministerio de Economía e Competitividade (agora, Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades) para o fomento da Compra Pública de Innovación (CPI) en Galicia. Entre os compromisos adquiridos por GAIN nese convenio está o de fomentar a CPI nos diversos organismos públicos de Galicia. GAIN colabora coas entidades e organismos públicos de Galicia no desenvolvemento de licitacións de CPI e actúa como elemento catalizador na aplicación dos fondos de financiamento europeos do Programa operativo plurirrexional Feder de Crecemento Intelixente xestionados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través de GAIN, é a responsable de levar á práctica as actuacións recollidas no Programa integral de impulso da compra pública de innovación (Programa Innpulsa CPI), do que se deu conta no Consello da Xunta do 13 de xullo de 2017. Este programa busca consolidar Galicia como un referente neste instrumento que fomenta a innovación a través da contratación por parte da Administración de novas solucións e produtos. Así mesmo, GAIN debe coordinar e asesorar os diferentes departamentos da Xunta para identificar novas iniciativas de alto impacto en áreas de interese aliñadas coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3).

Un dos obxectivos do Programa Innpulsa CPI é o de «formar o persoal da Xunta de Galicia e outras administracións públicas no uso da CPI para contar con organizacións públicas innovadoras orientadas aos usuarios e con capacidades para anticiparse ao mercado. Ademais, o programa inclúe como unha actuación específica de difusión da CPI, a convocatoria do «Premio aos empregados/as públicos/as innovadores/as», co obxectivo de incentivar os comportamentos innovadores na Administración pública.

GAIN entende que son as persoas as que constrúen a innovación nas organizacións, polo que xorde a necesidade de desenvolver iniciativas que permitan motivar, sensibilizar e incentivar o persoal ao servizo da Administración pública que participa de forma activa nos diferentes procesos da innovación. En consecuencia, créase a I Edición do Premio empregados/as públicos/as innovadores/as, que busca recoñecer o compromiso e a actitude innovadora dentro da Administración.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras do Premio empregados/as públicos/as innovadores/as

Artigo 1. Finalidade

A finalidade do premio é recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Xunta de Galicia xa que fai posible unha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía.

Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse os premios ao abeiro destas bases (código de procedemento IN822D) (anexo I).

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderá participar nesta convocatoria todo o persoal ao servizo da Xunta de Galicia e dos seus entes instrumentais, incluídos no ámbito de aplicación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (https://boe.es/boe/dias/2015/05/23/pdfs/BOE-A-2015-5677.pdf).

2. A forma de participación poderá realizarse a título individual ou conformando un equipo de traballo. O número máximo de persoas para conformar unha candidatura é de cinco persoas e, neste caso, indicarase expresamente a persoa física designada como portavoz do equipo, que será a encargada das comunicacións.

3. Aínda cumpridos os requisitos recollidos na convocatoria, non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas en que concorran algunhas das causas de exclusión recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no artigo 13 da Lei 38/ 2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nas súas normas de desenvolvemento, ou en calquera das epígrafes da presente convocatoria.

Artigo 4. Categorías do I Premio empregados/as públicos/as innovadores/as

1. Identificación de oportunidades: premiarase a identificación de oportunidades ou retos de innovación dentro de Administración. A/s persoa/s interesada/s en participar nesta categoría deberán detallar e definir unha problemática, así como as razóns que motivan a necesidade de interese que tería a súa resolución.

2. Proxectos innovadores: nesta categoría premiaranse proxectos innovadores xa realizados ou en curso. A/s persoa/s interesada/s en participar nesta categoría deberán detallar o proceso do proxecto, expoñer os puntos considerados fundamentais e xustificar por que consideran o proxecto innovador fronte a outro. Nesta categoría búscase recoñecer dous aspectos por separado:

a) Temática máis innovadora: premiaranse aqueles proxectos coa temática máis vangardista e innovadora.

b) Mellor actitude innovadora: premiaranse aquela/as persoa/s polo bo facer dentro do proxecto, como, por exemplo, a innovación de procesos.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das postulacións

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Documentación que hai que presentar

1. As persoa/s interesada/s poderán achegar, de xeito opcional, xunto coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación complementaria:

a) Memoria que achegue máis información sobre a súa candidatura.

b) Vídeos presentando a súa candidatura ou presentacións sobre esta.

2. A/s persoa/s interesadas deberán cumprimentar o formulario (anexo I) no cal deben figurar os seguintes datos, dependendo da categoría na que se postulen:

a) Postularse como un equipo: nome do equipo, datos, cargo e número de teléfono da persoa designada como portavoz do equipo; nomes, apelidos, correo electrónico e entidade dos/as integrantes. Deberase cubrir a ficha de postulación, que conta coas seguintes epígrafes: motivo da postulación, explicación do proxecto ou necesidade, factores clave e factores innovadores. Ademais da ficha modelo de postulación, existirá unha epígrafe en que se poderá achegar documentación que presente máis información sobre a oportunidade identificada ou o proxecto innovador en soporte dixital e un vídeo optativo no cal se expliquen os motivos dela.

b) Postularse como persoa individual: nome, apelidos, correo electrónico, entidade cargo e número de teléfono da persoa interesada. Deberá cubrir a ficha de postulación, que conta coas seguintes epígrafes: motivo da postulación, explicación do proxecto ou necesidade, factores clave e factores innovadores. Ademais da ficha modelo de postulación, existirá unha epígrafe na cal se poderá achegar documentación que presente máis información sobre a oportunidade identificada ou o proxecto innovador en soporte dixital e un vídeo optativo no cal se expliquen os motivos dela.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento e logo de autorización do interesado/a, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) DNI ou NIE da persoa solicitante.

e) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Instrución e notificacións

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Área de Programas da Axencia Galega de Innovación, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta resolución. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, teráselle por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comité de avaliación

1. O exame das postulacións presentadas e, se é o caso, a proposta de adxudicación dos premios corresponderalle a un comité de avaliación, que estará composto por tres persoas cos seguintes perfiles:

a) Un avaliador/a da Xefatura do Departamento de Xestión da Innovación.

b) Unha personalidade de ámbito galego comprometida coa innovación na Administración.

c) Unha personalidade de ámbito nacional vinculada á promoción da innovación desde a demanda.

Procurarase que no comité de avaliación exista unha representación equilibrada de mulleres e homes con capacitación, competencia e preparación axeitada.

2. A composición nominal do comité de avaliación farase pública na páxina web de GAIN.

3. A proposta de adxudicación dos premios realizarase nun prazo non superior a dous meses contados desde o último día de prazo de presentación.

4. O comité de avaliación poderá propoñer deixar deserto o premio, cando ningunha das postulacións presentadas reúna os requisitos exixibles.

5. O comité de avaliación estará clasificado na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

6. O funcionamento do comité de avaliación regularase polas normas contidas na sección 3ª (órganos colexiados das distintas administracións públicas) do capítulo II, título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Artigo 10. Criterios de avaliación

No proceso de avaliación, o comité de avaliación terá en conta os seguintes criterios de valoración segundo as categorías:

1. Identificación de oportunidades: claridade na descrición da oportunidade que demostre a relevancia desta segundo o contexto ao que se fai referencia (puntuación 20 %), Identificación dos inconvenientes ou problemas actuais (puntuación 20 %), impacto sobre a contorna e efecto dinamizador sobre o escenario actual (puntuación 10 %), posibilidade de levar á realidade (puntuación 20 %), orixinalidade na postulación e presentación de proposta (puntuación 30 %).

2. Proxectos innovadores:

a) Temática máis innovadora: grao de innovación, diferenciación e orixinalidade do proxecto realizado. Entendendo a innovación como melloras substanciais fronte a outras posibles solucións, se é que existen, e promovendo cambios de modelo e de hábitos cara a outros máis sustentables e eficientes (puntuación 20 %). Impactos obtidos sobre o escenario actual (puntuación 10 %), calidade, capacidade e compromiso do equipo técnico e promotor (puntuación 20 %), replicabilidade (puntuación 20 %), orixinalidade na postulación e presentación de proposta (puntuación 30 %).

b) Mellor actitude innovadora: actitudes e hábitos que promoveron procesos de cambio baseados na aplicación do coñecemento adquirido (puntuación 20 %), emprego de técnicas e dinámicas de traballo innovadoras, que impliquen ao usuario (puntuación 20 %), creatividade e diferenciación na resolución de problemas, (puntuación 20 %), relación do equipo baseada na colaboración, cooperación e coordinación (puntuación 10 %), orixinalidade na postulación e presentación de proposta (puntuación 30 %).

Artigo 11. Resolución e réxime de recursos

1. A adxudicación dos premios realizarase mediante resolución da directora de GAIN, de acordo coa proposta do comité de avaliación.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución da directora de GAIN pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a directora de GAIN, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 12. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados a GAIN nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 13. Publicidade e entrega do premio

Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución deste procedemento.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web e redes sociais de GAIN.

Os premios entregaranse no transcurso dun acto público que se celebrará para o efecto.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, GAIN publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o premio concedido. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Galega de Innovación coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procemento e a actualización da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 16. Información e control

As persoas beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas, segundo a súa normativa propia.

Artigo 17. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladora

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

CAPÍTULO II

Convocatoria do I Premio empregados/as públicos/as innovadores/as
para o ano 2019

Artigo 18. Convocatoria

Convócase o I Premio empregados/as públicos/as innovadores/as para o ano 2019.

Artigo 19. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 20. Premios

Establécense os seguintes premios:

1. Para a categoría de identificación de oportunidades, as persoas gañadoras conseguirán un asesoramento personalizado de, aproximadamente, 60 horas, no cal se identificarán fontes de financiamento a nivel europeo e nacional, e se elaborará o material necesario para a solicitude de financiamento.

2. Para a categoría de proxectos innovadores, para ambos os aspectos recoñecidos, temática máis innovadora e mellor actitude innovadora, poderán optar a gañar unha visita a un laboratorio de innovación internacional, para coñecer outras iniciativas de innovación, e incluirase o desprazamento, o aloxamento e a axuda de custos.

Tamén poderán gañar a participación nun curso personalizado en innovación. Este dinamizarase a través de metodoloxías que fomenten a participación de ideación.

3. Todas as persoas premiadas das diferentes categorías do premio gozarán de recoñecemento público a través do acto de entrega, entrevistas para publicación e diploma acreditativo de tal condición.

Artigo 21. Financiamento

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A3.561A.480.0 do proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2019, ata un importe máximo de 17.000 euros coa seguinte estimación de detalle:

• Asesoramento personalizado (60 horas): 5.000 euros.

• Visita a un laboratorio de innovación internacional: 6.000 euros.

• Curso personalizado de innovación (40 horas): 6.000 euros.

As persoas gañadoras recibirán o premio en especie e GAIN encargarase de contratar e pagar os gastos correspondentes ao premio de cada modalidade e aplicará as retencións fiscais que procedan sen superar en ningún caso os importes indicados.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2019

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file