Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Martes, 5 de marzo de 2019 Páx. 12697

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2019 pola que se ditan normas para garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 8 de marzo de 2019.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño).

Os sindicatos pertencentes ao Comité Intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (CRTVG) formada pola Confederación Intersindical Galega (CIG), a Central Unitaria de Traballadores (CUT), o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras en Galicia (CC.OO.), a Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT) e a Unión Sindical Obreira (USO), ademais de outros axentes sociais de ámbitos nacionais e autonómicos, comunicaron diversas convocatorias de folga xeral con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o día 8 de marzo de 2019, que afectan a todos os traballadores e traballadoras da CRTVG e que se desenvolverá desde as 00.00 horas do 8 de marzo ata as 24.00 do mesmo día.

Desta forma, desde a CRTVG establécense servizos mínimos respecto dos sectores e actividades cuxa regulación e competencia poden afectar o desenvolvemento ordinario da actividade cidadá, no sentido do artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, é dicir, sanidade, seguridade, protección civil, transportes e comunicacións, medios de comunicación social, rexistros públicos, edificios, bens e instalacións públicas, asistencia social e educación, servizos de vixilancia e extinción de incendios e bombeiros.

A fixación dos servizos mínimos adoptados na CRTVG xustifícase en razón das seguintes circunstancias:

1) O carácter esencial que revisten os servizos de comunicación audiovisual, non só pola determinación expresa do lexislador (Lei 9/2011), senón tamén pola súa incidencia no exercicio dos dereitos fundamentais a comunicar e recibir información veraz por calquera medio de difusión (art. 20.1.d) CE ); a Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual, só reserva por norma o carácter de servizo esencial para o servizo público de comunicación audiovisual.

A condición de servizo esencial, distinto deste último de servizos de interese xeral, resérvase na actualidade para o servizo público de comunicación audiovisual (artigo 40 da Lei 7/2010), isto é, agora, para aqueles servizos de comunicación audiovisual que son de titularidade pública.

En plena concordancia co indicado, a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, di que o servizo público de radio e televisión de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia é (este si) un servizo esencial para a comunidade.

E así, por isto, a consecuencia sería que concorren neste caso os presupostos normativos establecidos no artigo 10 do Real decreto lei 17/1977, pois este refírese, como premisa para a fixación de servizos mínimos por parte da Administración, tan só a aquelas folgas que son declaradas en empresas encargadas da prestación de calquera xénero de servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade.

En efecto, o suposto de feito en que poden impoñerse medidas limitadoras componse de dous elementos: un, a cualificación do servizo («servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade») e outro, de carácter circunstancial («e concorran circunstancias de especial gravidade»), que debe concorrer en ambos termos da alternativa do primeiro elemento. Non basta así coa cualificación do servizo para xustificar as medidas limitativas, senón que estas, de ser o caso, deben axustarse ás circunstancias, que deben ser non só graves, senón de especial gravidade, como a urxencia de non asegurar a emisión e a comunicación informativa relevante cando é o único medio audiovisual de titularidade pública de Galicia.

2) A procedencia de precisar, dentro da total extensión da prestación destes servizos públicos esenciais, e aplicando un criterio o máis estrito posible, aqueles aspectos cuxo mantemento debe considerarse indispensable coa finalidade de asegurar a satisfacción do interese público afectado, daqueles outros que poden quedar suspendidos temporalmente como consecuencia da folga, sen mingua do interese xeral da comunidade.

De modo que a consideración dun servizo como esencial non pode supoñer a supresión do dereito de folga dos traballadores que tivesen que prestalo, senón a necesidade de dispoñer as medidas precisas para o seu mantemento ou, dito doutra forma, para asegurar a prestación dos traballos que sexan necesarios para a cobertura mínima dos dereitos, liberdades ou bens que satisfai o dito servizo, sen que exixa alcanzar o nivel de rendemento habitual nin asegurar o seu funcionamento normal.

En consecuencia, consideráronse necesarios entre outros servizos mínimos:

a) Garantir a produción e emisión dos programas informativos, que son considerados imprescindibles para o mantemento dos servizos públicos esenciais de información á comunidade.

A programación informativa que sexa establecida co dito carácter de servizo mínimo exixirá que queden debidamente expresadas ou identificadas as seguintes circunstancias ou datos, de feito que demostren na dita programación informativa o cumprimento destas dúas exixencias que seguen:

Por un lado, a súa necesidade para garantir, no mínimo que resulta exixible, os dereitos fundamentais de liberdade de expresión e de información do artigo 20 da Constitución; neste sentido, os efectivos que se presentan nesta resolución fan referencia aos mínimos indispensables para asegurar a emisión, produción e continuidade dos espazos considerados de contido informativo esencial:

• Na TVG:

- Bos días, espazo informativo matinal cunha duración habitual diaria de 3 horas, que queda reducido en servizos mínimos a 30 minutos.

- Galicia Noticias, informativo de proximidade comarcal e local, cunha duración habitual diaria de 30 minutos, que queda reducido en servizos mínimos a 15 minutos.

- Telexornal Mediodía, espazo informativo de actualidade en Galicia, España e o mundo; cunha duración habitual diaria dunha hora, que queda reducido en servizos mínimos a 30 minutos.

- Telexornal Serán, espazo informativo de actualidade en Galicia, España e o mundo; cunha duración habitual diaria dunha hora, que queda reducido en servizos mínimos a 30 minutos.

• Na Radio Galega:

- Galicia por diante, espazo informativo cunha duración diaria habitual de oito horas de duración, no que se tratan contidos informativos e de actualidade. En servizos mínimos considéranse uns 15 minutos de carácter informativo esencial.

- A Crónica das 2, espazo informativo ao mediodía de 45 minutos de duración; que en servizos mínimos queda reducido a 15 minutos.

- A Crónica das 8, espazo informativo de noite dunha hora de duración; que en servizos mínimos queda reducido a 15 minutos.

- Os boletíns horarios, de duración 4 minutos, que no total do día suman 60 minutos, mantéñense como información mínima.

• No canal G2, a redifusión dos espazos informativos mínimos da TVG.

– E, por outro, a súa proporcionalidade, isto é, que a actividade informativa mantida como servizo mínimo comporta unha diminución, non só da total actividade televisiva ou radiofónica de calquera clase de contido que é desenvolvida en circunstancias de normalidade, senón tamén nunha apreciable redución da actividade informativa que é realizada nesas mesmas circunstancias de normalidade.

Coa consideración anteriormente descrita, a redución dos programas informativos mencionados e a supresión doutros de carácter inminentemente informativo e de actualidade, prodúcese unha moi relevante diminución da actividade informativa habitual, proporcionando unha visibilidade moi notable á da folga e producíndose unha variación practicamente total na programación habitual diaria:

• En concreto, na TVG, dos habituais 480 minutos diarios dedicados a contido unicamente informativo, mantéñense como servizos mínimos 105 minutos.

• Na Radio Galega, dos habituais 1.080 minutos diarios de espazos informativos, redúcense a 105 minutos.

• No canal G2, habitualmente redifúndense ou emítense programas de contido informativo duns 323 minutos en total; pásese con estes minutos expostos aos 105 minutos que producirán os efectivos mínimos da TVG.

Así debe ser considerado, porque só así resultará visible á cidadanía a perturbación que provoca a folga na actividade onde é realizada, e só así, tamén, a folga cumpre esa virtualidade que lle corresponde, segundo recorda o Tribunal Constitucional, de actual como un eficaz medio de presión a través da exteriorización dos efectos que produce o paro laboral.

b) Asegurar a continuidade das emisións radiofónicas e televisivas, co obxecto de que por razóns de máxima urxencia e necesidade deba cubrirse algún acontecemento de actualidade que pola súa inmediatez obrigue á súa cobertura coa maior axilidade posible. Tal garantía exixe do necesario persoal de emisións e continuidade e da formación dun retén de garda informativa para a súa eventual cobertura.

Neste sentido, o soporte e mantementos das emisións inclúe efectivos dos departamentos de:

– Continuidade.

– Emisións.

– Retransmisións.

– Grupo soporte.

– Medios técnicos da Radio Galega.

– Operacións, emisións e mantemento técnico.

– Instalacións.

– Sistemas.

E, en fin, 3) a consideración da ampla extensión xeográfica e temporal da convocatoria de folga xeral que afecta a xestión dos servizos públicos esenciais de radiodifusión sonora e televisión.

Na adopción de tales medidas que garantan o mantemento dos servizos débese ponderar a extensión territorial e persoal, a duración prevista e as demais circunstancias concorrentes na folga, así como as concretas necesidades do servizo e a natureza dos dereitos ou bens constitucionalmente protexidos sobre os que aquela repercute.

Neste caso, a folga do 8 de marzo de 2019 é unha folga xeral convocada por diferentes axentes sociais e organizacións sindicais en todo o territorio nacional. CRTVG é o único medio de comunicación audiovisual de carácter público con cobertura autonómica, polo que, ao ser o resto do sector axentes privados, trátase do único medio con posibilidade de asegurar este servizo informativo esencial.

Así mesmo, cabe destacar que para o establecemento destes servizos mínimos se tivo unha sensibilidade especial de cara a visibilizar as reivindicacións e mensaxes xerais da maioría dos convocadores. Na relación nominal de establecemento dos servizos mínimos convocouse a traballadores, sempre que a quenda e as funcións o permiten, para permitir ás traballadoras exercer o dereito á folga.

En atención a todo o exposto, por proposta da CRTVG, establécense os seguintes efectivos para o cumprimento dos servizos mínimos:

I. Servizo de informativos.

I.I. Informativos.

I.I.I. Documentación e arquivo:

1 documentalista de mañá.

1 documentalista de tarde.

I.I.II. Redacción da Radio Galega:

1 auxiliar de redacción de mañá.

1 auxiliar de redacción de tarde.

1 locutor de mañá.

1 redactor de noite.

2 redactores de mañá.

1 redactor de mañá na Delegación da Coruña.

1 redactor de mañá na Delegación de Lugo.

1 redactor de mañá na Delegación de Ourense.

1 redactor de mañá na Delegación de Vigo.

I.I.III. Redacción de Televisión de Galicia:

11 redactores de mañá.

5 redactores de tarde.

1 redactor de mañá na Delegación da Coruña.

1 redactor de tarde na Delegación da Coruña.

1 redactor de mañá na Delegación de Ourense.

1 redactor de tarde na Delegación de Ourense.

1 redactor de mañá na Delegación de Vigo.

1 redactor de tarde na Delegación de Vigo.

1 redactor de mañá na Delegación de Lugo.

1 redactor de tarde na Delegación de Lugo.

1 redactor de mañá na Delegación de Madrid.

I.I.IV. Reporteiros gráficos:

6 reporteiros gráficos de mañá.

1 reporteiro gráfico de tarde.

1 reporteiro gráfico de mañá na Delegación da Coruña.

1 reporteiro gráfico de tarde na Delegación da Coruña.

1 reporteiro gráfico de mañá na Delegación de Vigo.

1 reporteiro gráfico de tarde na Delegación de Vigo.

1 reporteiro gráfico de mañá na Delegación de Ourense.

1 reporteiro gráfico de tarde na Delegación de Ourense.

1 reporteiro gráfico de mañá na Delegación de Lugo.

1 reporteiro gráfico de tarde na Delegación de Lugo.

I.II. Medios de produción.

I.II.I Cámaras:

1 control de cámara de mañá.

1 control de cámara de tarde.

1 cámara de primeira de mañá.

1 cámara de primeira de tarde.

I.II.II. Grafismo:

1 deseñador gráfico de mañá.

1 deseñador gráfico de tarde.

2 grafistas-tituladores de mañá.

2 grafistas-tituladores de tarde.

I.II.III. Iluminación:

1 iluminador de mañá.

1 iluminador de tarde.

1 técnico de iluminación de mañá

1 técnico de iluminación de tarde

I.II.IV. Maquillaxe:

1 maquillador de mañá.

1 maquillador de tarde.

I.II.V Produción:

2 axudantes de produción de mañá.

1 axudante de produción de tarde.

1 produtor de mañá.

1 produtor de tarde.

I.II.V. Realización:

5 axudantes de realización de mañá.

3 axudantes de realización de tarde.

3 realizadores de mañá.

1 realizador de tarde.

I.II.VI. Son:

1 operador produtor de son de mañá.

1 operador produtor de son de tarde.

1 técnico de son de mañá.

1 técnico de son de tarde.

I.II.VII. Operadores montadores de vídeo:

1 operador de posprodución de mañá.

1 operador de posprodución de tarde.

1 operador de posprodución de mañá na Delegación de Vigo.

2 operadores montadores de vídeo de inxesta PAM de mañá.

1 operador montador de vídeo de inxesta PAM de tarde.

1 operador montador de vídeo de inxesta MAN de mañá.

1 operador montador de vídeo de inxesta MAN de tarde.

1 operador montador de vídeo de edición avanzada de mañá.

1 operador montador de vídeo de edición avanzada de tarde.

2 operadores montadores de vídeo de media de mañá.

2 operadores montadores de vídeo de media de tarde.

1 operador montador de vídeo de mañá na Delegación da Coruña.

1 operador montador de vídeo de tarde na Delegación da Coruña.

1 operador montador de vídeo de mañá na Delegación de Lugo.

1 operador montador de vídeo de tarde na Delegación de Lugo.

1 operador montador de vídeo de tarde na Delegación de Vigo.

1 operador montador de vídeo de mañá na Delegación de Ourense.

1 operador montador de vídeo de tarde na Delegación de Ourense.

II. Soporte e mantemento das emisións.

II.I. Soporte e mantemento das emisións.

II.I.I. Continuidade:

1 operador montador de vídeo de noite.

1 operador montador de vídeo de mañá.

2 Operadores montadores de vídeo de tarde.

II.I.II. Emisións:

1 produtor de mañá.

1 operador montador de vídeo de mañá.

II.I.III. Retransmisións:

1 axudante de produción de mañá.

1 axudante de produción de tarde.

II.II Grupo soporte:

1 analista programador de mañá.

1 especialista de montaxe de mañá.

1 especialista de montaxe de tarde.

1 operador montador de vídeo de noite.

1 operador montador de vídeo de tarde.

II.III. Medios Radio Galega:

1 técnico de control de noite.

3 técnicos de control de mañá.

1 técnico de control de tarde.

II.IV. Operacións, emisións e mantemento técnico:

1 oficial técnico electrónico de mañá.

1 técnico electrónico de noite.

1 técnico electrónico de mañá.

2 técnicos electrónicos de tarde.

2 técnicos electrónicos de primeira de mañá.

1 técnico electrónico de primeira de tarde.

II.V. Servizo de instalación:

1 almacenista de mañá.

1 almacenista de tarde.

1 oficial técnico electricista de noite.

1 oficial técnico electricista de mañá.

1 oficial técnico electricista de tarde.

II.VI. Servizo de sistemas:

1 analista-programador de mañá.

1 analista-programador de tarde.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2019

Alfonso Sánchez Izquierdo
Director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.