Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Luns, 4 de marzo de 2019 Páx. 12382

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 28 de febreiro de 2019 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso na escala superior de saúde laboral, subgrupo A1, do corpo facultativo superior de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición adicional do Decreto 124/2017, do 30 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 234, do 12 de decembro) establece a posibilidade de acumular á dita oferta as prazas de persoal funcionario non convocadas da oferta do ano 2016.

A oferta pública de emprego correspondente ao ano 2016, aprobada polo Decreto 19/2016, do 25 de febreiro (DOG núm. 45, do 7 de marzo), inclúe a oferta de 4 prazas pertencentes á escala superior de saúde laboral do corpo facultativo superior de Administración especial (subgrupo A1). A oferta pública de emprego correspondente ao ano 2017 inclúe a oferta de 3 prazas correspondentes á dita escala.

O artigo 3 do Decreto 124/2017, do 30 de novembro, establece un proceso de consolidación das escalas da Administración xeral e especial da seguridade e saúde laboral afectadas polo proceso extraordinario previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, e na disposición transitoria décimo cuarta do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo. Segundo o anexo II do dito decreto resérvanse 3 prazas para o proceso de consolidación a que fai referencia o artigo 3.

Por todo o anterior, de conformidade co establecido no Decreto 124/2017, do 30 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso na escala superior de saúde laboral, subgrupo A1, do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir 10 (dez) prazas da escala superior de saúde laboral, subgrupo A1, do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polas quendas de promoción interna e de acceso libre.

O número prazas reservadas á quenda de acceso libre é de nove (9) prazas.

O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna é unha (1) praza. Se esta praza non é cuberta por esta quenda acumularase á de acceso libre.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

I.1.1. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas: promoción interna ou acceso libre. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, serán excluídas das listas provisionais que se publiquen. De non emendar o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídas. As aclaracións ou correccións respecto ao cambio de quenda deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.2. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a LEPG e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

As persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira, os seguintes requisitos:

I.2.1. Para promoción interna.

I.2.1.1. Idade: ter feitos os dezaseis anos.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter a titulación de licenciado en Medicina ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de médico e especialidade de medicina do traballo ou diplomatura en Medicina de Empresa e título de técnico con formación en nivel superior, nas tres disciplinas preventivas, conforme o que establece o regulamento dos servizos de prevención, aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, ou norma que o substitúa.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se for o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.1.3. Pertencer como persoal funcionario de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo A2 da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo de xestión ou corpo facultativo de grao medio).

I.2.1.4. Ter prestado servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como persoal funcionario nalgún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo A2 da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo de xestión ou corpo facultativo de grao medio) desde o que participen, computados desde o ingreso ou desde a integración nel.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de familiares (artigos 167 e 176 da LEPG).

I.2.1.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións.

I.2.1.6. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.2. Para acceso libre.

I.2.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar as/os súas/seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos, ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter a titulación de licenciado en medicina ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de médico e especialidade de Medicina do traballo ou diplomatura en Medicina de Empresa e título de técnico con formación en nivel superior, nas tres disciplinas preventivas, conforme o que establece o Regulamento dos servizos de prevención, aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, ou norma que o substitúa.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se for o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións.

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.3. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á escala obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala, como exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para formalizar telematicamente as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Dentro do prazo que se sinala no parágrafo anterior, as persoas aspirantes deberán enviar á Dirección Xeral da Función Pública, xunto cunha copia da instancia formalizada, unha fotocopia compulsada da titulación exixida para o ingreso ou, se é o caso, documentación acreditativa de estar en condicións de obtela. Para calquera dúbida sobre a titulación exixida, as persoas aspirantes poderán informarse a través do número de teléfono 981 54 46 25, en horario de luns a venres, das 9.00 ás 14.30 horas, ou do seguinte enderezo de correo electrónico: issga@xunta.gal.

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Función pública»–«Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo expresamente na solicitude, e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Poderán solicitar, dentro do prazo de presentación de solicitudes, as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, e no Decreto polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Se a solicitude deriva dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se produza o feito causante.

Poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a persoa solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta de pagamento. Consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da publicación desta convocatoria no DOG e que na data de presentación da solicitude non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción, a persoa solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

• Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar onde conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

– Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

– Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A documentación presentarase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nas oficinas de Correos e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

No caso de que a persoa solicitante autorice a Administración para a consulta dos datos sobre discapacidade, familia numerosa ou desemprego, non terá que presentar a documentación a que se fai referencia.

Para o anterior deberá autorizar a Administración para a consulta nos recadros habilitados para estes efectos na solicitude de inscrición no proceso selectivo. A persoa aspirante imprimirá a solicitude e, debidamente asinada, deberá presentala nun dos lugares a que fai referencia o artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; se así non o fixer, figurará como excluída nas listas que se publiquen.

• Non exenta de pagamento. A persoa solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento electrónico:

• Sen certificado dixital: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e, nese momento, obterá o xustificante 730 correspondente.

• Con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e, nese momento, obterá o xustificante 730 correspondente.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento electrónico, considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Para a devolución da taxa aboada, as persoas solicitantes deberán figurar como excluídas nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola cal se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso ás persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático Cixtec no número 981 54 13 00, de luns a venres, das 8.30 ás 20.00 horas, e os sábados, das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos datos persoais que procedan, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das peticións de corrección entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública, que será publicada no DOG, pola cal se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo.

Cando da documentación que deben presentar tras superaren a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta orde.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas expresas que figuran no anexo I e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios:

II.1.1.1. Primeiro exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento oitenta (180) preguntas tipo test, propostas polo tribunal, das cales quince (15) preguntas corresponderán á parte común do programa, sesenta e cinco (65) á parte troncal e cen (100) á parte específica.

O cuestionario conterá ademais seis (6) preguntas de reserva, das cales dúas (2) corresponderán á parte común do programa, dúas (2) á parte troncal e dúas (2) á específica, que substituirán as ás preguntas anuladas de cada parte pola súa orde.

Cada pregunta do cuestionario conterá catro (4) respostas alternativas das cales só unha (1) delas será a correcta.

O exercicio terá unha duración máxima de douscentos trinta (230) minutos.

As persoas aspirantes da quenda de promoción interna estarán exentas neste exercicio da parte común do programa, polo que contestarán unicamente a cento sesenta e cinco (165) preguntas, máis as catro (4) de reserva, correspondentes ás partes troncal e específica.

O exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte (20) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal se terá en conta que cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Ao rematar a proba, cada persoa aspirante obterá unha copia das súas respostas.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicaranse o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A realización deste exercicio non terá lugar antes dos doce (12) meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

II.1.1.2. Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un ou varios supostos prácticos tipo test, cun máximo de sesenta (60) preguntas, das que vinte e cinco (25) corresponden á parte troncal e trinta e cinco (35) á parte específica, con catro (4) respostas alternativas das cales só unha (1) delas será a correcta.

O cuestionario conterá ademais catro (4) preguntas de reserva, das que dúas (2) corresponderán á parte troncal e dúas (2) á parte específica, que substituirán as preguntas anuladas de cada parte pola súa orde.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de cento cincuenta (150) minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte (20) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal se terá en conta que cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Ao rematar a proba, cada persoa aspirante obterá copia das súas respostas.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicaranse o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles e máximo de corenta (40) días hábiles desde o remate do exercicio anterior.

II.1.1.3. Terceiro exercicio: consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de trinta (30) preguntas tipo test con catro (4) respostas alternativas das cales só unha (1) delas será a correcta, máis tres (3) de reserva, mediante o cal se evidencie o coñecemento da lingua galega.

O exercicio terá unha duración de corenta (40) minutos.

O cuestionario deberá obrigatoriamente recoller contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua: léxico, sintáctico e gramatical, correspondentes ao nivel do Celga requirido no proceso selectivo.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar o resultado de apto.

Ao rematar a proba, cada persoa aspirante obterá copia das súas respostas.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicaranse o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal o tribunal faga públicas as cualificacións do primeiro exercicio, que posuían, antes do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo, o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Na quenda de promoción interna e para a exención deste exercicio, xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes en que figurarán aquelas que, por ter acreditado a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles e máximo de corenta (40) días hábiles desde o remate do exercicio anterior.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación iniciarase alfabeticamente pola primeira persoa aspirante da letra «K», consonte a Resolución do 20 de xaneiro de 2017 (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro) pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución do 3 de xaneiro de 2017, da Consellería de Facenda (DOG núm. 9, do 13 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente ás ofertas de emprego público para o ano 2016 e 2017.

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, as que integran o tribunal e as designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como persoal colaborador.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal para acreditaren a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial.

A comunicación deberá realizarse dentro dos dous (2) días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con dous (2) días hábiles, polo menos, de antelación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes ao da realización dun exercicio, anula algunha ou algunhas das súas preguntas ou modifica o modelo de resposta, publicarao no DOG.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicaranse no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal. Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento. No caso de que non se acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano que convoca, que publicará a orde que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exames, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria

II.2. Fase de concurso.

II.2.1. A fase de concurso consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos seguintes méritos:

II.2.1.1. Promoción interna.

II.2.1.1.1. Antigüidade: os servizos serán valorados por meses de 30 días a razón de 0,08 puntos/mes.

Para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables, dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,08 puntos.

Computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

A puntuación máxima por este epígrafe será de 26 puntos.

II.2.1.1.2. Grao persoal consolidado e formalizado. Outorgarase a seguinte puntuación segundo o grao persoal que se teña consolidado e formalizado a través do recoñecemento de grao pola autoridade competente no día de publicación desta:

– Grao 16: 1 punto.

– Grao 17: 1,5 puntos.

– Grao 18: 2 puntos.

– Grao 19: 2,5 puntos.

– Grao 20: 3 puntos.

– Grao 21: 3,5 puntos.

– Grao 22: 4 puntos.

– Grao 23: 4,5 puntos.

– Grao 24: 5 puntos.

– Grao 25: 5,5 puntos.

– Grao 26: 6 puntos.

– Grao 27: 6,5 puntos.

– Grao 28: 7 puntos.

No suposto no que non se teña formalizado ningún grao persoal, computarase, para os efectos de puntuación na presente epígrafe, o nivel mínimo 16, sempre que prestasen servizos continuados durante dous anos como persoal funcionario de carreira. Non obstante, se dentro do prazo para a presentación da solicitude de participación no proceso selectivo solicita ao órgano competente o recoñecemento do grao persoal, terase en conta o grao correspondente, sempre que a consolidación deste se producise con anterioridade ou no día da publicación da convocatoria do proceso selectivo no DOG.

II.2.1.1.3. Traballo desenvolvido. Outorgarase a seguinte puntuación segundo o nivel do posto de traballo que se ocupe con carácter definitivo o día da publicación desta convocatoria como funcionario do subgrupo A2:

– Nivel 16: 1,50 puntos.

– Nivel 18: 2 puntos.

– Nivel 20: 2,50 puntos.

– Nivel 22: 3 puntos.

– Nivel 24: 3,50 puntos.

– Nivel 25: 4 puntos.

– Nivel 26: 4,50 puntos.

– Nivel 28: 5 puntos.

A valoración efectuada nesta epígrafe non poderá ser modificada por futuras reclasificacións de nivel, con independencia dos seus efectos económicos.

O traballo desenvolvido en comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe do persoal funcionario, e ao persoal funcionario en adscrición provisional ou á disposición valoraráselle o nivel correspondente ao grao que teña consolidado e formalizado.

II.2.1.1.4. Formación: valorarase a asistencia e superación de cursos de formación organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, órganos técnicos en materia de prevención de riscos laborais doutras comunidades autónomas, Escola Galega de Administración Sanitaria, Academia Galega de Seguridade Pública, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, Inspección de Traballo e Seguridade Social, Servizo Público de Emprego Estatal, Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como os cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap).

Para cada curso de duración igual ou superior a 12 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1,5 puntos por curso.

• Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de persoal funcionario.

– A formación que habilita para o exercicio das funcións de nivel básico previstas no artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención, aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, e a formación que habilita para o exercicio das funcións de nivel intermedio previstas no artigo 36 do Regulamento dos servizos de prevención.

– Os estudos necesarios para acadar a titulación exixida como requisito nas bases I.2.1.2 e I.2.2.3, calquera que sexa a súa denominación. Non se valorarán en ningún caso formacións que poidan ser equivalentes ás exixidas no artigo 37 do Regulamento dos servizos de prevención.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe consideraranse como valorables as probas de avaliación de carácter libre organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

A puntuación máxima desta epígrafe é de 10 puntos.

II.2.1.1.5. Grao de coñecemento do idioma galego.

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

II.2.1.1.6. Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento (artigos 121 e 122 LEPG): 0,2 puntos.

– Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo (artigo 124 LEPG): 0,2 puntos.

– Redución de xornada do artigo 106.2 a) e b) da LEPG: 0,04 puntos/mes.

– Excedencia por coidado de familiares (artigo 176 LEPG): 0,04 puntos/mes.

Os meses serán computados por días naturais (30 días).

A puntuación máxima por esta epígrafe será de 2 puntos.

II.2.1.2. Acceso libre.

II.2.1.2.1. Servizos prestados:

a) Por cada mes completo de servizos prestados nas administracións públicas en materia laboral no exercicio das funcións recollidas nos artigos 7.1 e 9.2 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, como técnicos superiores de prevención de riscos laborais desenvolvendo funcións de vixilancia e control da saúde dos traballadores: 0,18 puntos, ata un máximo de 51 puntos.

b) Por cada mes completo de servizos nas administracións públicas no exercicio das funcións como técnicos superiores de prevención de riscos laborais desenvolvendo funcións de vixilancia e control da saúde dos traballadores: 0,10 puntos, ata un máximo de 51 puntos.

Para estes efectos computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

Para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables, dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,18 ou 0,10 puntos respectivamente.

Non se poderán acumular entre si períodos correspondentes a cada un dos puntos II.2.1.2.1.a) e II.2.1.2.1.b).

Os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente.

A puntuación máxima por esta epígrafe será 51 puntos.

II.2.1.2.2. Formación: valorarase a asistencia e superación de cursos de formación organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, órganos técnicos en materia de prevención de riscos laborais doutras comunidades autónomas, Escola Galega de Administración Sanitaria, Academia Galega de Seguridade Pública, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, Inspección de Traballo e Seguridade Social, Servizo Público de Emprego Estatal, Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como os cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap).

Para cada curso de duración igual ou superior a 12 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1,5 puntos por curso.

• Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de persoal funcionario.

– A formación que habilita para o exercicio das funcións de nivel básico previstas no artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención, aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, e a formación que habilita para o exercicio das funcións de nivel intermedio previstas no artigo 36 do Regulamento dos servizos de prevención.

– Os estudos necesarios para acadar a titulación exixida como requisito nas bases I.2.1.2 e I.2.2.3, calquera que sexa a súa denominación. Non se valorarán en ningún caso formacións que poidan ser equivalentes ás exixidas no artigo 37 do Regulamento dos servizos de prevención.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe consideraranse como valorables as probas de avaliación de carácter libre organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

A puntuación máxima por esta epígrafe será de 2 puntos.

II.2.2. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá superar os 53 puntos.

II.2.3. Os méritos deberán referirse á data de publicación desta convocatoria no DOG e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no DOG.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

II.2.4. Rematada a fase de oposición, desde a publicación polo tribunal das cualificacións do último exercicio, as persoas aspirantes deberán proceder de conformidade co sinalado no procedemento a que se refire o punto anterior para presentar a documentación relativa á fase de concurso, que irá dirixida á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

II.2.5. O tribunal baremará a fase de concurso coa colaboración técnica que precise do persoal da Dirección Xeral da Función Pública, e publicaraa no DOG, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación poderase presentar unha reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións, o tribunal publicará no DOG a baremación definitiva da fase de concurso.

II.3. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, no artigo 60 do TRLEBEP e no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección, aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007, e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das causas deberalle ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

III.3. A autoridade que convoca publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán a quen perdese a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus integrantes, con presenza en todo caso da presidencia e da secretaría deste.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e no resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da secretaría e o visto e prace da presidencia.

III.8. A presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo, agás aqueles en que estea prevista a lectura pública, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración das probas deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes a que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que considere pertinentes, que deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes aspirantes. Para tal fin estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3, as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e na fase de concurso. No caso de empate nas puntuacións acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

1) Puntuación obtida nos exercicios da fase de oposición pola súa orde de realización.

2) Puntuación obtida polos méritos alegados na fase de concurso seguindo a orde establecida na convocatoria.

3) Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

4) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de persoas aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu DNI. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación das persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:

a) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separada/o nin despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo de que foi separado ou inhabilitado, nin pertencer ao mesmo corpo, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de orixe, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

b) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. Quen teña a condición de persoal funcionario de carreira da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia estará exento de xustificar documentalmente as condicións e os demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

IV.4. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, que se publicará no DOG con indicación do destino adxudicado

IV.6. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1. Ao teor do disposto no artigo 80 da LEPG, as persoas aspirantes que ingresen pola quenda de promoción interna tomarán posesión da praza que viñesen desempeñando con carácter definitivo, cando esta, segundo os requisitos exixidos nas relacións de postos de traballo, poida ser desempeñada por persoal funcionario pertencente aos corpos e ás escalas a que accedan.

As persoas aspirantes que ingresen pola quenda de promoción interna terán preferencia sobre as da quenda de acceso libre para cubriren as vacantes correspondentes, de acordo co disposto no artigo 22.2 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

IV.7. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2019

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I

Parte común:

1. Constitución española do 27 de decembro de 1978.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: títulos preliminar, I, II, III, IV, V.

4. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: título preliminar: cap. I, cap. II (agás subsección 2ª da sección 3ª), cap. III, cap. IV, cap. V e cap. VI.

5. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia: títulos preliminar, I e II.

6. Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.

7. Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

8. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: títulos II e IV.

9. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: título preliminar, capítulo V, sección 1ª, e capítulo VIII do título I e título II.

10. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Parte troncal:

1. Marco normativo europeo en materia de seguridade e saúde no traballo: Acta única europea; aspectos correspondentes á seguridade e saúde no traballo. Directiva marco 89/391/ CEE, do 12 de xuño, relativa á aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e da saúde dos traballadores no traballo.

2. A Organización Internacional do Traballo: misión, órganos de goberno. Convenio OIT 155 sobre seguridade e saúde dos traballadores. Institucións europeas en materia de seguridade e saúde no traballo: misión, obxectivos e funcións da Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo; misión, obxectivos e funcións da Fundación Europea para a Mellora da Calidade de Vida de Traballo. A Rede europea de promoción da saúde no traballo: inicio, visión, misión, obxectivos.

3. A prevención de riscos laborais en España: na Constitución española, no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, e no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (I): exposición de motivos e estrutura.

4. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (II): obxecto, ámbito de aplicación, definicións e obxectivos da política.

5. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (III), dereitos e obrigas I: o dereito dos traballadores á protección fronte aos riscos laborais e os principios de acción preventiva. Técnicas preventivas: seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada e medicina do traballo.

6. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (IV), dereitos e obrigas II: plan de prevención de riscos laborais, avaliación de riscos e planificación da acción preventiva, equipamentos de traballo e medidas de protección, información, consulta e participación, formación dos traballadores, medidas de emerxencia, risco grave e inminente.

7. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (V), dereitos e obrigas III: vixilancia da saúde, documentación, coordinación de actividades, protección dos traballadores especialmente sensibles a determinados riscos, protección da maternidade, protección de menores, relacións de traballo temporais, de duración determinada e de traballo temporal.

8. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (VI): obrigas dos traballadores en materia de prevención de riscos laborais. A prevención dos riscos laborais e o traballo autónomo. Responsabilidades e sancións administrativas: disposicións concretas na Lei 31/1995, do 8 de novembro, e no texto refundido da lei de infraccións e sancións na orde social aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto. Responsabilidades na orde civil e penal.

9. Actuacións en prevención de riscos laborais das administracións competentes en materia laboral da Administración xeral do Estado (AXE): ministerio con atribucións en materia de traballo, Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e Inspección de Traballo e Seguridade Social.

10. Actuacións en prevención de riscos laborais das administracións públicas competentes en materia laboral da Xunta de Galicia: consellería con atribucións en materia de traballo e Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga). Competencias en prevención de riscos laborais da autoridade sanitaria, mineira e industrial.

11. Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) (I): creación, natureza, réxime xurídico, sede e ámbito de actuación, obxecto, finalidades, organización e estrutura administrativa.

12. Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) (II): funcións, áreas técnicas e planificación de actuacións.

13. Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) (III): réxime de xestión administrativa e funcional, réxime de patrimonio e contratación, recursos económicos e financeiros, persoal ao servizo do Issga, escalas de seguridade e saúde laboral.

14. Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) (IV): centros territoriais; laboratorio de referencia de hixiene analítica; a unidade de formación, divulgación e publicación; a Comisión para a Integración da Igualdade.

15. Actuación do persoal técnico habilitado das Comunidades Autónomas en materia de prevención de riscos laborais.

16. O Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST): creación, natureza xurídica, sede, ámbito de actuación, obxecto, finalidades, organización, estrutura e funcións.

17. A Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS): definición, estrutura territorial, dependencia orgánica e funcional en prevención de riscos laborais en Galicia, funcións e facultades en materia de seguridade e saúde no traballo.

18. Órganos de participación institucional: Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Comisión Consultiva Tripartita da ITSS de Galicia e Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.

19. Marco estratéxico da Unión Europea en materia de seguridade e saúde no traballo. A Estratexia española de seguridade e saúde no traballo: antecedentes, obxectivos, marco temporal e axentes implicados.

20. Planificación estratéxica da Xunta de Galicia en materia de seguridade e saúde no traballo: antecedentes, estrutura, obxectivos, marco temporal, axentes implicados no seu deseño e execución.

21. Formación que habilita para o exercicio das funcións de nivel básico, intermedio e superior en prevención de riscos laborais. A formación dos traballadores sobre os riscos específicos do posto de traballo. Formación dos recursos preventivos. Novas tendencias na formación en prevención de riscos laborais.

22. Consulta e participación dos traballadores: o deber de consulta do empresario. Os dereitos de participación e representación específica dos traballadores. Os delegados de prevención e o comité de seguridade e saúde laboral: competencias e facultades.

23. O Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención: a avaliación dos riscos, o seu contido, procedemento e revisión. A planificación da actividade preventiva: necesidade e contido. Presenza dos recursos preventivos. A organización de recursos para as actividades preventivas e as súas diferentes modalidades. Procedemento de acreditación dos servizos de prevención.

24. Integración da prevención de riscos laborais no sistema xeral de xestión da empresa: conceptos básicos; o sistema de prevención de riscos laborais: concepto e descrición, requisitos aplicables, sistemas normalizados segundo a Guía técnica para a integración da prevención de riscos laborais do INSST.

25. A auditoría do sistema de prevención: conceptos e obriga empresarial de someter o seu sistema de prevención a unha auditoría. Procedemento de exención de auditoría. Procedemento de autorización da actividade de auditoría dos sistemas de prevención das empresas.

26. Accidentes de traballo: definición legal, notificación e rexistro.

27. Enfermidades profesionais e enfermidades relacionadas co traballo: definición legal, notificación e rexistro.

28. Sinistralidade laboral: obxecto das estatísticas, principais índices e parámetros. Análise da sinistralidade laboral en Galicia: funcións e actuacións do Issga.

29. Investigación de danos para a saúde dos traballadores: obxectivos da investigación dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais. Actuacións do Issga.

30. A perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais.

Parte específica:

1. A especialidade de medicina do traballo: definición, obxectivos principais da formación e áreas de competencia da especialidade. Relación saúde e traballo e os seus factores determinantes.

2. Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2017-2020: principais obxectivos e liñas estratéxicas en saúde laboral. Funcións da área técnica de medicina do traballo do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga). Prestación de servizos sanitarios polo Issga.

3. Saúde laboral: definición de saúde e saúde ocupacional. Definicións, criterios e principios xerais da vixilancia da saúde na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención.

4. Os protocolos de vixilancia sanitaria específica e as guías de vixilancia da saúde laboral como ferramentas preventivas: relación publicada polo ministerio con competencias en materia de sanidade, os contidos básicos e a súa estrutura. A historia clínico-laboral: definición, contidos, requisitos e acceso.

5. Cadro de enfermidades profesionais do Real decreto 1299/2006, do 10 de novembro, polo que se aproba o cadro de enfermidades profesionais no sistema da Seguridade Social e se establecen criterios para a súa notificación e rexistro. Factores que inflúen no desenvolvemento das enfermidades profesionais e dificultades na determinación da orixe laboral. Principios e proceso de valoración das enfermidades profesionais.

6. O sistema de comunicación de enfermidades profesionais da Seguridade Social: utilidades e alertas. Incidencia das principais enfermidades profesionais en Galicia. Finalidades e obxectivos da investigación a enfermidade profesional. Actuacións da área técnica de medicina do traballo do Issga.

7. Acción protectora da Seguridade Social na enfermidade profesional: o período de observación e as obrigas especiais, normas específicas e responsabilidades por falta de recoñecementos médicos. A sospeita da enfermidade profesional: concepto, obxectivos e axentes implicados na súa comunicación. Intervención do Issga na comunicación da sospeita profesional á inspección sanitaria.

8. Principais patoloxías relacionadas co traballo: patoloxías non traumáticas causadas ou agravadas polo traballo. Incidencia das principais patoloxías derivadas do traballo en Galicia. Actuacións da área técnica de medicina do traballo do Issga.

9. Toxicoloxía laboral básica: concepto de tóxico, definición e clasificación dos contaminantes, vías de exposición, mecanismos de toxicidade, relación dose-efecto e dose-resposta a tóxicos e clasificación fisiopatolóxica dos contaminantes químicos.

10. Límites de exposición profesional para axentes químicos en España: conceptos e definicións, tipos de valores límite ambientais (VLA), límites de desviación, efectos combinados de axentes químicos, valoración da exposición e valoración do risco, axentes químicos sensibilizantes e axentes químicos canceríxenos e mutáxenos.

11. Control biolóxico da exposición: concepto de indicador biolóxico e de valor límite biolóxico (VLB), tipo de mostras, bases para o establecemento dos VLB, interpretación dos resultados, vantaxes, limitacións e aplicacións. Consideracións relativas aos axentes químicos sensibilizantes e aos axentes químicos canceríxenos e mutáxenos.

12. Utilización de equipos de protección individual. Concepto, condicións que deben reunir, selección de equipos, utilización e mantemento, formación e información, obrigas do empresario e do traballador.

13. Vixilancia da saúde dos traballadores expostos a axentes químicos, segundo o Real decreto 374/2001, do 6 de abril, sobre a protección da saúde e seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados cos axentes químicos durante o traballo e a súa Guía técnica de desenvolvemento.

14. Toxicidade laboral por exposición a praguicidas: vías de entrada ao organismo e efectos para a saúde. Vixilancia da saúde dos traballadores por exposición a praguicidas. Actuacións da área técnica de medicina do traballo do Issga.

15. Enfermidades profesionais da pel (I): concepto de dermatose laboral, factores de risco laboral e efectos sobre a pel. Clasificación das enfermidades dermatolóxicas laborais. Actividades profesionais principalmente afectadas por dermatoses laborais.

16. Enfermidades profesionais da pel (II): dermatite de contacto alérxica e irritativa, urticaria de contacto, cancro cutáneo profesional. Vixilancia sanitaria específica dos traballadores con risco de dermatose laboral.

17. Silicose: principais actividades de risco en Galicia. Vixilancia sanitaria específica dos traballadores expostos. Actuacións da área técnica de medicina do traballo do Issga.

18. Enfermidades profesionais por exposición ao amianto. Asbestose: principais actividades con risco en Galicia. Vixilancia sanitaria específica dos traballadores expostos.

19. Asma laboral e alveolite alérxica extrínseca: principais actividades laborais de risco e axentes implicados. Vixilancia sanitaria específica dos traballadores expostos.

20. Enfermidades profesionais osteomusculares (I): definición da carga física de traballo, principais factores e actividades laborais con risco de aparición de trastornos músculo-esqueléticos (TME). Principais enfermidades profesionais do brazo e cóbado: patoloxía tendinosa crónica do manguito rotador, epicondilite e a epitrocleíte. Vixilancia sanitaria específica dos traballadores expostos a movementos repetitivos, posturas forzadas e manipulación manual de cargas.

21. Enfermidades profesionais osteomusculares (II): a síndrome da canle de Guyon, síndrome do túnel carpiano, síndrome da canle epitrocleo-olecraniano por compresión do nervio cubital, parálise do nervio radial por compresión, tendinite e tenosinovite do polgar, como as principais enfermidades profesionais do pulso, man e dedos. Vixilancia sanitaria específica dos traballadores expostos a neuropatías por presión. Actuacións da área técnica de medicina do traballo do Issga.

22. Cancro laboral: neoplasias asociadas principalmente con exposicións laborais, principais actividades laborais con risco e axentes implicados segundo o Real decreto 1299/2006, do 10 de novembro, polo que se aproba o cadro de enfermidades profesionais no sistema da Seguridade Social e se establecen criterios para a súa notificación e rexistro. A vixilancia da saúde dos traballadores expostos a axentes canceríxenos segundo o Real decreto 665/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos e mutáxenos durante o traballo e a súa Guía técnica de desenvolvemento.

23. Axentes biolóxicos: definición regulamentaria de axente biolóxico e principais efectos para a saúde. O Real decreto 664/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo: obxecto e ámbito de aplicación, clasificación dos axentes biolóxicos, tipos de actividades con risco, vixilancia da saúde, información ás autoridades competentes e recomendacións prácticas para a vacinación. A vixilancia da saúde específica segundo a Guía técnica de desenvolvemento do Real decreto 664/1997.

24. A vixilancia da saúde específica dos traballadores expostos a radiacións ionizantes (I): etiopatoxenia e efectos biolóxicos das radiacións ionizantes. O Real decreto 783/2001, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento sobre protección sanitaria contra radiacións ionizantes: principios xerais, límites de doses para os traballadores expostos, persoas en formación e estudantes, en caso de exposición especialmente autorizada e durante o embarazo e a lactación.

25. A vixilancia da saúde específica dos traballadores expostos a radiacións ionizantes (II): o Real decreto 783/2001, do 6 de xullo: principios de protección dos traballadores, establecemento, clasificación e delimitación de zonas, clasificación dos traballadores expostos, o historial dosimétrico e a vixilancia sanitaria dos traballadores expostos.

26. Enfermidades laborais derivadas da exposición a factores de risco psicosocial: definición de estrés laboral e síndrome de estar queimado polo traballo e tipos de violencia no traballo. Vixilancia da saúde dos traballadores expostos aos factores de risco psicosocial: definicións, concepto e clasificación; protocolo médico específico e niveis de intervención segundo a Guía de recomendacións para a vixilancia específica da saúde de traballadores expostos a factores de risco psicosocial.

27. Vixilancia epidemiolóxica en saúde laboral: marco legal, concepto e obxectivos, tipos e requisitos dun indicador en saúde laboral. Vantaxes e limitacións dos estudos epidemiolóxicos: observacionais descritivos ou de prevalencia, de corte transversal, dos casos control e de cohorte. Medidas de frecuencia, de asociación e impacto.

28. Vixilancia da saúde específica dos traballadores en relación co uso de pantallas de visualización de datos: factores de risco e efectos sobre a saúde. O exame específico de saúde e o seu contido.

29. Vixilancia da saúde específica dos traballadores en relación coa exposición a ruído segundo o Real decreto 286/2006, do 10 de marzo, sobre a protección da saúde e a seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición ao ruído e a súa Guía técnica de desenvolvemento. Principais actividades laborais con risco por exposición a ruído e enfermidades profesionais. Actuacións da área técnica de medicina do traballo do Issga.

30. Vixilancia específica da saúde dos traballadores en relación coa exposición a vibracións mecánicas segundo o Real decreto 1311/2005, do 4 de novembro, sobre a protección da saúde e a seguridade dos traballadores fronte aos riscos derivados ou que poidan derivar da exposición a vibracións mecánicas e a súa Guía técnica de desenvolvemento. Principais actividades laborais con risco, alteracións e efectos na saúde laboral e enfermidades profesionais.

31. Principais riscos e danos para a saúde nas persoas traballadoras do sector pesqueiro. Singularidades en Galicia. Guía de vixilancia da saúde no sector pesqueiro elaborada polo Issga, o Instituto Asturiano de Prevención de Riscos Laborais, o Instituto Cántabro de Seguridade e Saúde no Traballo e o Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laborais: xustificación, obxectivos, alcance, metodoloxía, principais factores de risco e danos para a saúde laboral, as fichas de exploración médica por riscos e o exame específico de saúde.

32. Promoción da saúde no lugar de traballo: concepto, obxectivos, metodoloxía, estratexias e accións. Descrición dos principais programas de promoción da saúde no traballo. O proceso de recoñecemento pola Rede española como empresa saudable do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST). Actuacións da área técnica de medicina do traballo do Issga.

33. Idade e diversidade: impacto na xestión de prevención de riscos laborais. Traballadores especialmente sensibles e protección dos menores. Fundamentos e principais estratexias dun programa de retorno ao traballo tras enfermidade prolongada desde a área de medicina do traballo.

34. A vixilancia da saúde laboral desde a perspectiva de xénero. Actuacións do Issga en sectores produtivos feminizados ou con alta presenza de mulleres: tipos de estudos de saúde laboral e enfermidades profesionais realizados pola área técnica de medicina do traballo do Issga: colectivos, obxectivos, metodoloxía e principais patoloxías laborais detectadas.

35. Protección da maternidade: aspectos recollidos na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención. Esquema de actuación da empresa para traballadoras embarazadas ou en período de lactación natural. Actuacións do Issga en materia de protección da maternidade.

36. Normativa sobre a confidencialidade dos datos médicos de saúde na vixilancia da saúde laboral: o dereito á intimidade, a información e o consentimento informado e responsabilidades. Confidencialidade e segredo en medicina do traballo.

ANEXO II

Dª/D. ..., con domicilio en ..., e con DNI/pasaporte ... declara, para efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo superior de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de seguridade e saúde no traballo, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se atopa en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso á dita escala.

..., ... de ... de 202...

ANEXO III

Dª/D. ..., con domicilio en ..., e con DNI/pasaporte ... declara, para efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo superior de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de seguridade e saúde no traballo, que non se atopa inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

(País e localidade) ..., ... de ... 202...