Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Luns, 4 de marzo de 2019 Páx. 12339

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 28 de febreiro de 2019 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de seguridade e saúde no traballo, especialidades de seguridade no traballo, de hixiene industrial e de ergonomía e psicosocioloxía aplicada.

A disposición adicional do Decreto 124/2017, do 30 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 (DOG núm. 234, do 12 de decembro) establece a posibilidade de acumular á dita oferta as prazas de persoal funcionario non convocadas da oferta do ano 2016.

A oferta pública de emprego correspondente ao ano 2016, aprobada polo Decreto 19/2016, do 25 de febreiro (DOG núm. 45, do 7 de marzo), inclúe a oferta de 8 prazas pertencentes ao corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala superior de seguridade e saúde no traballo (subgrupo A1). A oferta pública de emprego correspondente ao ano 2017 inclúe a oferta de 9 prazas correspondentes á dita escala.

O artigo 3 do Decreto 124/2017, do 30 de novembro, establece un proceso de consolidación das escalas da Administración xeral e especial de seguridade e saúde laboral afectadas polo proceso extraordinario previsto na disposición transitoria cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, e na disposición transitoria décimo cuarta do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo. Segundo o anexo II do dito decreto resérvanse 4 prazas para o proceso de consolidación a que fai referencia o artigo 3.

Por todo o anterior, de conformidade co establecido no Decreto 124/2017, do 30 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de seguridade e saúde no traballo, especialidades de seguridade no traballo, de hixiene industrial e de ergonomía e psicosocioloxía aplicada.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir vinte e unha (21) prazas do corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de seguridade e saúde no traballo, especialidades de seguridade no traballo, de hixiene industrial e de ergonomía e psicosocioloxía aplicada, polas quendas de promoción interna e de acceso libre.

O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna ascende a catro (4) prazas.

A distribución das prazas figura como anexo I desta orde de convocatoria.

As prazas reservadas á quenda de promoción interna que non se cubran acumularanse á quenda de acceso libre.

O sistema selectivo será o de concurso-oposición.

I.1.1. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas: promoción interna ou acceso libre. Se da instancia que presenten non se deduce a súa opción, serán excluídas das listas provisionais que se publiquen. De non emendar o defecto na solicitude, quedarán definitivamente excluídas. As aclaracións ou correccións respecto ao cambio de quenda deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.2. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a LEPG e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

As persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira os seguintes requisitos:

I.2.1. Para promoción interna.

I.2.1.1. Idade: ter feitos os dezaseis anos.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter a titulación que figura no anexo I.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se for o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.1.3. Pertencer como persoal funcionario de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo A2 da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo de xestión ou corpo facultativo de grao medio).

I.2.1.4. Ter prestado servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como persoal funcionario nalgún dos corpos ou escalas integrados no actual subgrupo A2 da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo de xestión ou corpo facultativo de grao medio) desde o que participen, computados desde o ingreso ou desde a integración nel.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de familiares (artigos 167 e 176 da LEPG).

I.2.1.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións.

I.2.1.6. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.2. Para acceso libre.

I.2.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadoras/es.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar as/os súas/seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos, ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter a titulación que figura no anexo I.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se for o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

I.2.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións.

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.3. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á escala obxecto desta convocatoria.

I.3. Solicitudes.

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala, como exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para formalizar telematicamente as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Dentro do prazo que se sinala no parágrafo anterior, as persoas aspirantes deberán enviar á Dirección Xeral da Función Pública, xunto cunha copia da instancia formalizada, unha fotocopia compulsada da titulación exixida para o ingreso na especialidade a que aspiran ou, se é o caso, documentación acreditativa de estar en condicións de obtela. Para calquera dúbida sobre a titulación exixida as persoas aspirantes poderán informarse a través do número de teléfono: 981 54 46 25, en horario de luns a venres das 9.00 ás 14.30 horas, ou do seguinte enderezo de correo electrónico: issga@xunta.gal

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Función pública»–«Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos», en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e, posteriormente, validalos e confirmalos.

As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo expresamente na solicitude e especificar o grao de discapacidade recoñecido polo órgano competente. Poderán solicitar, dentro do prazo de presentación de solicitudes, as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, e no Decreto polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Se a solicitude deriva dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes desde que se produza o feito causante.

Poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar, antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a persoa solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

• Exenta de pagamento. Consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da publicación desta convocatoria no DOG e que na data de presentación da solicitude non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Unha vez elixida esta opción, a persoa solicitante poderá imprimir a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos en que se atopen:

• Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar onde conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

– Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

– Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A documentación presentarase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nas oficinas de Correos e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Nestes supostos, considerarase como data válida a de presentación dentro do prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

No caso de que a persoa solicitante autorice a Administración para consulta dos datos sobre discapacidade, familia numerosa ou desemprego, non terá que presentar a documentación a que se fai referencia.

Para o anterior deberá autorizar a Administración para a consulta nos recadros habilitados para estes efectos na solicitude de inscrición no proceso selectivo. A persoa aspirante imprimirá a solicitude e, debidamente asinada, deberá presentala nun dos lugares que fai referencia o artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; se así non o fixer, figurará como excluída nas listaxes que se publiquen.

• Non exenta de pagamento: a persoa solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo AI) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento electrónico:

• Sen certificado dixital: deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

• Con certificado dixital: poderán realizar o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado desde a opción de pagamento electrónico e, nese momento, obterá o xustificante 730 correspondente.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento electrónico, considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Para a devolución da taxa aboada as persoas solicitantes deberán figurar como excluídas nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola cal se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso ás persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes poderán poñerse en contacto telefónico co centro informático Cixtec no número 981 54 13 00, de luns a venres, das 8.30 ás 20.00 horas, e os sábados, das 10.00 ás 14.00 horas.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos datos persoais que procedan, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das peticións de corrección entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública, que será publicada no DOG, pola cal se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo.

Cando da documentación que deben presentar tras superaren a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Fase de oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo II desta orde.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas expresas que figuran no anexo II e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG do nomeamento do tribunal.

Os exercicios correspondentes ás distintas especialidades poderán ser coincidentes en datas.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio: consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento oitenta (180) preguntas tipo test, propostas polo tribunal, das cales quince (15) preguntas corresponderán á parte común do programa, sesenta e cinco (65) á parte troncal e cen (100) á parte específica.

O cuestionario conterá, ademais, seis (6) preguntas de reserva, das cales dúas (2) corresponderán á parte común do programa, dúas (2) á parte troncal e dúas (2) á específica, substituíndo as preguntas anuladas de cada parte pola súa orde.

Cada pregunta do cuestionario conterá catro (4) respostas alternativas das cales só unha (1) delas será a correcta.

O exercicio terá unha duración máxima de douscentos trinta (230) minutos.

As persoas aspirantes da quenda de promoción interna estarán exentas neste exercicio da parte común do programa, polo que contestarán unicamente a cento sesenta e cinco (165) preguntas, máis as catro (4) de reserva, correspondentes ás partes troncal e específica.

O exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte (20) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal se terá en conta que cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Ao remate da proba cada persoa aspirante obterá unha copia das súas respostas.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicaranse o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A realización deste exercicio non terá lugar antes dos doce (12) meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

II.1.1.2. Segundo exercicio: consistirá en contestar por escrito un ou varios supostos prácticos tipo test, cun máximo de sesenta (60) preguntas, das cales vinte e cinco (25) corresponden á parte troncal e trinta e cinco (35) á parte especifica, con catro (4) respostas alternativas das cales só unha (1) delas será a correcta.

O cuestionario conterá, ademais, catro (4) preguntas de reserva, das cales dúas (2) corresponderán á parte troncal e dúas (2) á parte específica, substituíndo as preguntas anuladas de cada parte pola súa orde.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de cento cincuenta (150) minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de vinte (20) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal se terá en conta que cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Ao remate da proba cada persoa aspirante obterá copia das súas respostas.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicaranse o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles e máximo de corenta (40) días hábiles desde o remate do exercicio anterior.

II.1.1.3. Terceiro exercicio: consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de trinta (30) preguntas tipo test con catro (4) respostas alternativas das cales só unha (1) delas será a correcta, máis tres (3) de reserva, mediante o cal se evidencie o coñecemento da lingua galega.

O exercicio terá unha duración de corenta (40) minutos.

O cuestionario deberá, obrigatoriamente, recoller contidos relacionados cos niveis funcionais da lingua: léxico, sintáctico e gramatical, correspondentes ao nivel do Celga requirido no proceso selectivo.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar o resultado de apto.

Ao remate da proba cada persoa aspirante poderá obter copia das súas respostas.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicaranse o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal o tribunal faga públicas as cualificacións do primeiro exercicio, que posuían antes do día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Na quenda de promoción interna e para a exención deste exercicio, xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes en que figurarán aquelas que, por teren acreditado a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles e máximo de corenta (40) días hábiles desde o remate do exercicio anterior.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación iniciarase alfabeticamente pola primeira persoa aspirante da letra «K», consonte a Resolución do 20 de xaneiro de 2017 (DOG núm. 20, do 30 de xaneiro) pola que se publica o resultado do sorteo realizado segundo o disposto na Resolución do 3 de xaneiro de 2017, da Consellería de Facenda (DOG núm. 9, do 13 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente ás ofertas de emprego público para o ano 2016 e 2017.

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, as que integran o tribunal e as designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como persoal colaborador.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal para acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, e xuntarán á comunicación o correspondente informe médico oficial.

A comunicación deberá realizarse dentro dos dous (2) días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, con dous (2) días hábiles, polo menos, de antelación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes ao da realización dun exercicio, anula algunha ou algunhas das súas preguntas ou modifica o modelo de corrección de reportes, publicarao no DOG.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicaranse no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal. Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento. No caso de que non se acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano que convoca, que publicará a orde que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exames, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria

II.2. Fase de concurso.

II.2.1. A fase de concurso consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superaron a fase de oposición dos seguintes méritos:

II.2.1.1. Promoción interna.

II.2.1.1.1. Antigüidade: os servizos serán valorados por meses de 30 días a razón de 0,08 puntos/mes.

Para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables, dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,08 puntos.

Computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

A puntuación máxima por esta epígrafe será de 26 puntos.

II.2.1.1.2. Grao persoal consolidado e formalizado. Outorgarase a seguinte puntuación segundo o grao persoal que se teña consolidado e formalizado a través do recoñecemento de grao pola autoridade competente no día de publicación desta

– Grao 16: 1 punto.

– Grao 17: 1,5 puntos.

– Grao 18: 2 puntos.

– Grao 19: 2,5 puntos.

– Grao 20: 3 puntos.

– Grao 21: 3,5 puntos.

– Grao 22: 4 puntos.

– Grao 23: 4,5 puntos.

– Grao 24: 5 puntos.

– Grao 25: 5,5 puntos.

– Grao 26: 6 puntos.

– Grao 27: 6,5 puntos.

– Grao 28: 7 puntos.

No suposto en que non se teña formalizado ningún grao persoal, computarase, para os efectos de puntuación na presente epígrafe, o nivel mínimo 16, sempre que tivesen prestado servizos continuados durante dous anos como persoal funcionario de carreira. Non obstante, se dentro do prazo para a presentación da solicitude de participación no proceso selectivo solicita ao órgano competente o recoñecemento do grao persoal, terase en conta o grao correspondente, sempre que a consolidación deste se tivese producido con anterioridade ou no día da publicación da convocatoria do proceso selectivo no DOG.

II.2.1.1.3. Traballo desenvolvido. Outorgarase a seguinte puntuación segundo o nivel do posto de traballo que se ocupe con carácter definitivo o día da publicación desta convocatoria como funcionario do subgrupo A2:

– Nivel 16: 1,50 puntos.

– Nivel 18: 2 puntos.

– Nivel 20: 2,50 puntos.

– Nivel 22: 3 puntos.

– Nivel 24: 3,50 puntos.

– Nivel 25: 4 puntos.

– Nivel 26: 4,50 puntos.

– Nivel 28: 5 puntos.

A valoración efectuada nesta epígrafe non poderá ser modificada por futuras reclasificacións de nivel, con independencia dos seus efectos económicos.

O traballo desenvolvido en comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe do persoal funcionario, e ao persoal funcionario en adscrición provisional ou á disposición valoraráselle o nivel correspondente ao grao que teña consolidado e formalizado.

II.2.1.1.4. Formación: valorarase a asistencia e superación de cursos de formación organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, órganos técnicos en materia de prevención de riscos laborais doutras comunidades autónomas, Escola Galega de Administración Sanitaria, Academia Galega de Seguridade Pública, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, Inspección de Traballo e Seguridade Social, Servizo Público de Emprego Estatal, Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como os cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap).

Para cada curso de duración igual ou superior a 12 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1,5 puntos por curso.

• Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de persoal funcionario.

– A formación que habilita para o exercicio das funcións de nivel básico previstas no artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención, aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, e a formación que habilita para o exercicio das funcións de nivel intermedio previstas no artigo 36 do Regulamento dos servizos de prevención.

– Os estudos necesarios para acadar a titulación exixida como requisito nas bases I.2.1.2 e I.2.2.3, calquera que sexa a súa denominación. Non se valorarán en ningún caso formacións que poidan ser equivalentes ás exixidas no artigo 37 do Regulamento dos servizos de prevención.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe estimaranse como valorables as probas de avaliación de carácter libre organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

A puntuación máxima desta epígrafe é de 10 puntos.

II.2.1.1.5. Grao de coñecemento do idioma galego.

– Curso de nivel medio de linguaxe administrativa galega, curso de nivel medio de linguaxe administrativa local galega, curso de linguaxe xurídica galega, ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas ou Celga 5: 2,25 puntos.

– Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega ou curso de nivel superior de linguaxe xurídica galega: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

II.2.1.1.6. Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento (arts. 121 e 122 LEPG): 0,2 puntos.

– Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo (art. 124 LEPG): 0,2 puntos.

– Redución de xornada do artigo 106.2 a) e b) da LEPG: 0,04 puntos/mes.

– Excedencia por coidado de familiares (art. 176 LEPG): 0,04 puntos/mes.

Os meses serán computados por días naturais (30 días).

A puntuación máxima por esta epígrafe será de 2 puntos.

II.2.1.2. Acceso libre.

II.2.1.2.1. Servizos prestados:

a) Por cada mes completo de servizos prestados nas administracións públicas en materia laboral no exercicio das funcións recollidas nos artigos 7.1 e 9.2 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, como técnicos superiores de prevención de riscos laborais: 0,23 puntos, ata un máximo de 51 puntos.

b) Por cada mes completo de servizos nas administracións públicas no exercicio das funcións como técnicos superiores de prevención de riscos laborais: 0,10 puntos, ata un máximo de 51 puntos.

Para estes efectos, computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

Para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos distintos nomeamentos computables, dividirase o resultado entre trinta (30). O cociente enteiro, desprezando os decimais, multiplicarase por 0,23 ou 0,10 puntos, respectivamente.

Non se poderán acumular entre si períodos correspondentes a cada un dos puntos II.2.1.2.1.a) e II.2.1.2.1.b).

Os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente.

A puntuación máxima por esta epígrafe será 51 puntos.

II.2.1.2.2. Formación: valorarase a asistencia e superación de cursos de formación organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, órganos técnicos en materia de prevención de riscos laborais doutras comunidades autónomas, Escola Galega de Administración Sanitaria, Academia Galega de Seguridade Pública, Instituto Nacional de Administración Pública, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidades, Inspección de Traballo e Seguridade Social, Servizo Público de Emprego Estatal, Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como os cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Afedap).

Para cada curso de duración igual ou superior a 12 horas lectivas valoraranse con 0,01 puntos cada hora de formación, ata un máximo de 1,5 puntos por curso.

• Non se valorará:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares.

– As materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de persoal funcionario.

- A formación que habilita para o exercicio das funcións de nivel básico previstas no artigo 35 do Regulamento dos servizos de prevención, aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, e a formación que habilita para o exercicio das funcións de nivel intermedio previstas no artigo 36 do Regulamento dos servizos de prevención.

– Os estudos necesarios para acadar a titulación exixida como requisito nas bases I.2.1.2 e I.2.2.3, calquera que sexa a súa denominación. Non se valorarán en ningún caso formacións que poidan ser equivalentes ás esixidas no artigo 37 do Regulamento dos servizos de prevención.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe estimaranse como valorables as probas de avaliación de carácter libre organizadas pola EGAP ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

A puntuación máxima por esta epígrafe será de 2 puntos.

II.2.2. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá superar os 53 puntos.

II.2.3. Os méritos deberán referirse á data de publicación desta convocatoria no DOG e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no DOG.

Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.

II.2.4. Rematada a fase de oposición, desde a publicación polo tribunal das cualificacións do último exercicio, as persoas aspirantes deberán proceder de conformidade co sinalado no procedemento a que se refire o punto anterior para presentar a documentación relativa á fase de concurso, que irá dirixida á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

II.2.5. O tribunal baremará a fase de concurso coa colaboración técnica que precise do persoal da Dirección Xeral de Función Pública, e publicaraa no DOG, coa indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación poderase presentar unha reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no DOG.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, de ser o caso, as oportunas correccións, o tribunal procederá á publicación no DOG da baremación definitiva da fase de concurso.

II.3. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e na fase de concurso. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deduza que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, no artigo 60 do TRLEBEP e no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección, aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007, e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das causas deberalle ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

III.3. A autoridade que convoca publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán a quen perdese a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus integrantes, con presenza en todo caso da presidencia e da secretaría deste.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e no resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da secretaría e o visto e prace da presidencia.

III.8. A presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo, agás aqueles en que estea prevista a lectura pública, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración das probas deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás cales corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que considere pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes aspirantes. Para tal fin estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3, as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización das probas o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e na fase de concurso. No caso de empate nas puntuacións acudirase, por orde, aos seguintes criterios ata que se resolva:

1) Puntuación obtida nos exercicios da fase de oposición pola súa orde de realización.

2) Puntuación obtida polos méritos alegados na fase de concurso seguindo a orde establecida na convocatoria.

3) Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

4) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de persoas aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu DNI. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación das persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:

a) Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separada/o nin despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do que foi separado ou inhabilitado, nin pertencer ao mesmo corpo, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de orixe, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como Anexo IV a esta convocatoria.

b) Informe sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. Quen tiver a condición de persoal funcionario de carreira da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia estará exenta de xustificar documentalmente as condicións e os demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

IV.4. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, que se publicará no DOG con indicación do destino adxudicado.

IV.6. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1. Ao teor do disposto no artigo 80 da LEPG, as persoas aspirantes que ingresen pola quenda de promoción interna tomarán posesión da praza que viñesen desempeñando con carácter definitivo, cando esta, segundo os requisitos exixidos nas relacións de postos de traballo, poida ser desempeñada por persoal funcionario pertencente aos corpos e ás escalas a que accedan.

As persoas aspirantes que ingresen pola quenda de promoción interna terán preferencia sobre as da quenda de acceso libre para cubrir as vacantes correspondentes, de acordo co disposto no artigo 22.2 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

IV.7. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2019

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I

Especialidade

Libre

Promoción Interna

Consolidación

Titulación

Seguridade no traballo

5

2

1

Arquitecto, graduado ou máster que habilite para o exercicio da profesión de arquitecto, enxeñeiro ou máster nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de enxeñeiro, e título de técnico con formación en nivel superior, nas tres disciplinas preventivas, consonte establece o Regulamento dos servizos de prevención, aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, ou pola norma que o substitúa.

Hixiene industrial

6

2

2

Licenciado ou graduado en Bioloxía, licenciado ou graduado en Química ou licenciado en Farmacia ou graduado nunha titulación que habilite para a profesión de farmacéutico, e título de técnico con formación en nivel superior, nas tres disciplinas preventivas, consonte establece o Regulamento dos servizos de prevención, aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, ou pola norma que o substitúa.

Ergonomía e psicosocioloxía aplicada

2

0

1

Licenciado ou graduado nunha titulación de calquera rama e título de técnico con formación en nivel superior, nas tres disciplinas preventivas, consonte establece o Regulamento dos servizos de prevención, aprobado polo Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, ou pola norma que o substitúa.

ANEXO II

Parte común:

1. Constitución española do 27 de decembro de 1978.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: títulos preliminar, I, II, III, IV, V.

4. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: título preliminar: cap. I, cap. II (agás subsección 2ª da sección 3ª), cap. III, cap. IV, cap. V e cap. VI.

5. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia: títulos preliminar, I e II.

6. Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.

7. Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

8. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Títulos II e IV.

9. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: título preliminar, capítulo V sección 1ª e capítulo VIII do título I e título II.

10. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Parte troncal:

1. Marco normativo Europeo en materia de seguridade e saúde no traballo: Acta única europea; aspectos correspondentes á seguridade e saúde no traballo. Directiva marco 89/391/ CEE, do 12 de xuño, relativa á aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade e da saúde dos traballadores no traballo.

2. A Organización Internacional do Traballo: misión, órganos de goberno. Convenio OIT 155 sobre seguridade e saúde dos traballadores. Institucións europeas en materia de seguridade e saúde no traballo: misión, obxectivos e funcións da Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo; misión, obxectivos e funcións da Fundación Europea para a Mellora da Calidade de Vida de Traballo. A rede Europea de promoción da saúde no traballo: inicio, visión, misión, obxectivos.

3. A prevención de riscos laborais en España: na Constitución española, no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores e no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (I): exposición de motivos e estrutura.

4. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (II): obxecto, ámbito de aplicación, definicións e obxectivos da política.

5. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (III), dereitos e obrigas I: o dereito dos traballadores á protección fronte aos riscos laborais e os principios de acción preventiva. Técnicas preventivas: seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada e medicina do traballo.

6. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (IV), dereitos e obrigas II: plan de prevención de riscos laborais, avaliación de riscos e planificación da acción preventiva, equipos de traballo e medidas de protección, información, consulta e participación, formación dos traballadores, medidas de emerxencia, risco grave e inminente.

7. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (V), dereitos e obrigas III: vixilancia da saúde, documentación, coordinación de actividades, protección dos traballadores especialmente sensibles a determinados riscos, protección da maternidade, protección de menores, relacións de traballo temporais, de duración determinada e de traballo temporal.

8. A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais (VI): obrigas dos traballadores en materia de prevención de riscos laborais. A prevención dos riscos laborais e o traballo autónomo. Responsabilidades e sancións administrativas: disposicións concretas na Lei 31/1995, do 8 de novembro, e no texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto. Responsabilidades na orde civil e penal.

9. Actuacións en prevención de riscos laborais das administracións competentes en materia laboral da Administración xeral do Estado (AXE): ministerio con atribucións en materia de traballo, Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e Inspección de Traballo e Seguridade Social.

10. Actuacións en prevención de riscos laborais das Administracións públicas competentes en materia laboral da Xunta de Galicia: consellería con atribucións en materia de traballo e Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga). Competencias en prevención de riscos laborais da autoridade sanitaria, mineira e industrial.

11. Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) (I): creación, natureza, réxime xurídico, sede e ámbito de actuación, obxecto, finalidades, organización e estrutura administrativa.

12. Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) (II): funcións, áreas técnicas e planificación de actuacións.

13. Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) (III): réxime de xestión administrativa e funcional, réxime de patrimonio e contratación, recursos económicos e financeiros, persoal ao servizo do Issga, escalas de seguridade e saúde laboral.

14. Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) (IV): centros territoriais; laboratorio de referencia de hixiene analítica; a unidade de formación, divulgación e publicación; a Comisión para a Integración da Igualdade.

15. Actuación do persoal técnico habilitado das comunidades autónomas en materia de prevención de riscos laborais.

16. O Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Trabajo (INSST): creación, natureza xurídica, sede, ámbito de actuación, obxecto, finalidades, organización, estrutura e funcións.

17. A Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS): definición, estrutura territorial, dependencia orgánica e funcional en prevención de riscos laborais en Galicia, funcións e facultades en materia de seguridade e saúde no traballo.

18. Órganos de participación institucional: Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Comisión Consultiva Tripartita da ITSS de Galicia e Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.

19. Marco estratéxico da Unión Europea en materia de seguridade e saúde no traballo. A Estratexia española de seguridade e saúde no traballo: antecedentes, obxectivos, marco temporal e axentes implicados.

20. Planificación estratéxica da Xunta de Galicia en materia de seguridade e saúde no traballo: antecedentes, estrutura, obxectivos, marco temporal, axentes implicados no seu deseño e execución.

21. Formación que habilita para o exercicio das funcións de nivel básico, intermedio e superior en prevención de riscos laborais. A formación dos traballadores sobre os riscos específicos do posto de traballo. Formación dos recursos preventivos. Novas tendencias na formación en prevención de riscos laborais.

22. Consulta e participación dos traballadores: o deber de consulta do empresario. Os dereitos de participación e representación específica dos traballadores. Os delegados de prevención e o comité de seguridade e saúde laboral: competencias e facultades.

23. O Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención: a avaliación dos riscos, o seu contido, procedemento e revisión. A planificación da actividade preventiva: necesidade e contido. Presenza dos recursos preventivos. A organización de recursos para as actividades preventivas e as súas diferentes modalidades. Procedemento de acreditación dos servizos de prevención.

24. Integración da prevención de riscos laborais no sistema xeral de xestión da empresa: conceptos básicos; o sistema de prevención de riscos laborais: concepto e descrición, requisitos aplicables, sistemas normalizados segundo a Guía técnica para a integración da prevención de riscos laborais do INSST.

25. A auditoría do sistema de prevención: conceptos e obriga empresarial de someter o seu sistema de prevención a unha auditoría. Procedemento de exención de auditoría. Procedemento de autorización da actividade de auditoría dos sistemas de prevención das empresas.

26. Accidentes de traballo: definición legal, notificación e rexistro.

27. Enfermidades profesionais e enfermidades relacionadas co traballo: definición legal, notificación e rexistro.

28. Sinistralidade laboral: obxecto das estatísticas, principais índices e parámetros. Análise da sinistralidade laboral en Galicia: funcións e actuacións do Issga.

29. Investigación de danos para a saúde dos traballadores: obxectivos da investigación dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais. Actuacións do Issga.

30. A perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais.

Parte específica:

Especialidade de seguridade no traballo.

1. A disciplina de seguridade no traballo: aspectos característicos. Conceptos básicos en materia de seguridade no traballo: danos derivados do traballo e saúde laboral, concepto de risco laboral, protección e prevención, condicións de traballo en relación coa saúde e factores de risco. Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020: principais obxectivos e liñas estratéxicas en seguridade no traballo. Funciones da área técnica de Seguridade no Traballo no Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga).

2. Obriga de notificación dos accidentes de traballo: modelos de notificación de accidentes, cobertura e tramitación electrónica. Funcións e actuacións do Issga na tramitación. Obriga de notificación das enfermidades profesionais: modelo de notificación de enfermidades, cobertura e tramitación electrónica.

3. Estatísticas de sinistralidade laboral: elaboración, tratamento e análise. Principais índices para o control estatístico. Evolución da sinistralidade laboral en Galicia por gravidade e sectores 2004-2013.

4. Custos dos accidentes de traballo: procedemento de avaliación e xestión integral dos accidentes.

5. Investigación de accidentes de traballo: concepto, obxectivos. Metodoloxía: a árbore de causas. Funcións e actuacións do Issga.

6. Coordinación de actividades empresariais: artigo 24 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, Real decreto 171/2004, do 30 de xaneiro, polo que se desenvolve o artigo 24 da Lei 31/1995 en materia de coordinación de actividades empresariais.

7. O Real decreto 485/1997, do 14 de abril, sobre sinalización de seguridade e saúde no traballo: criterios para o emprego da sinalización, cores de seguridade e tipos de sinalización.

8. O Real decreto 486/1997, do 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo: condicións xerais de seguridade nos lugares de traballo; orde, limpeza e mantemento; iluminación dos locais; material e locais de primeiros auxilios.

9. Sistemas de protección colectiva: varandas, redes de seguridade, resgardos.

10. O Real decreto 773/1997, do 30 de maio, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas á utilización polos traballadores de equipamentos de protección individual (EPI): definición de equipamento de protección individual, obrigacións xerais do empresario, criterios para o emprego, condicións que deben reunir os equipamentos, elección dos equipamentos de protección individual, utilización e mantemento dos EPI, obrigas en materia de formación e información, obrigas dos traballadores.

11. Regulamento (UE) 2016/425 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016, relativo aos EPI e polo que se derroga a Directiva 89/686/CEE do Consello: obxecto e ámbito de aplicación, definicións, obrigacións de fabricantes, importadores e distribuidores, presunción e declaración UE de conformidade, regras e condicións de colocación da marcación CE, categorías de riscos e tipos de procedementos de avaliación da conformidade, documentación técnica dos EPI.

12. Risco eléctrico: efectos nocivos da electricidade e lesións producidas pola electricidade. Factores que inflúen no efecto eléctrico: tensión, intensidade, frecuencia, impedancia do corpo humano, percorrido da corrente, capacidade de reacción. Actuación inmediata en caso de accidente eléctrico.

13. Tipos de contactos eléctricos. Protección contra contactos eléctricos e medidas de protección.

14. O Real decreto 614/2001, do 8 de xuño, sobre disposicións mínimas para a protección da saúde e seguridade da traballadores fronte ao risco eléctrico: obxecto, ámbito de aplicación e definicións, instalacións eléctricas, técnicas e procedementos de traballo, traballos sen tensión, traballos en tensión, traballos en proximidade, traballos en localización con risco de incendio ou explosión. Electricidade estática.

15. Disposicións mínimas de seguridade e saúde no traballo nas obras de construción: designación dos coordinadores en materia de seguridade e saúde, o estudo e o plan de seguridade e saúde, obrigacións do coordinador en materia de seguridade e de saúde durante a execución da obra, obrigas dos contratistas, subcontratistas e traballadores autónomos, o libro de incidencias, a paralización dos traballos, presenza de recursos preventivos en obras de construción.

16. VI Convenio xeral do sector da construción: disposicións mínimas de seguridade aplicables nas obras de construción.

17. Aplicación do Real decreto 1627/1997, do 24 de outubro, polo que se establecen disposicións mínimas de seguridade e de saúde nas obras de construción a obras sen proxecto: tipos, xestión preventiva exixible, xestión da seguridade e saúde en obras sen proxecto nun centro de traballo con distinta actividade.

18. A Lei 32/2006, do 18 de outubro, reguladora da subcontratación no sector da construción: ámbito de aplicación, requisitos esixibles aos contratistas e subcontratistas, réxime da subcontratación, deber de vixilancia, Libro de subcontratación.

19. O Real decreto 1215/1997, do 18 de xullo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización dos equipamentos de traballo: obrigas xerais do empresario, comprobación dos equipamentos de traballo, formación e información, consulta e participación dos traballadores, disposicións mínimas aplicables aos equipamentos de traballo, disposicións mínimas relativas á utilización dos equipamentos de traballo.

20. O Real decreto 1013/2009, do 19 de xuño, sobre caracterización e rexistro de maquinaria agrícola: caracterización da maquinaria, rexistros oficiais da maquinaria agrícola. Prevención de riscos laborais na utilización de maquinaria agrícola: requisitos básicos mínimos en materia preventiva, seguridade viaria na condución de vehículos agrícolas. O tractor: riscos e medidas preventivas no manexo do tractor.

21. Seguridade nas tarefas agrícolas: enganche dos apeiros ao tractor, envorcadura e esmagamento entre partes do tractor e o chan, atrapamentos. Prevención fronte aos riscos no sector agroforestal: riscos e medidas preventivas do traballo coa motoserra, riscos e medidas preventivas do traballo coa rozadoira. Riscos e medidas preventivas no muxidura, manexo e administración de produtos veterinarios e na manipulación e aplicación de produtos fitosanitarios.

22. Seguridade e saúde nos traballos a bordo dos buques de pesca: riscos nos distintos departamentos, principais riscos en cubertas e espazos de traballo segundo a arte de pesca. Accesos aos buques de pesca, tipos e riscos.

23. O Real decreto 1216/1997, do 18 de xullo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde no traballo a bordo dos buques de pesca: equipamentos e mantemento, obrigas en materia de formación especializada das persoas que poidan mandar un buque, disposicións mínimas de seguridade e de saúde nos buques de pesca, tanto novos como existentes, disposicións mínimas de seguridade e de saúde aos medios de salvamento e supervivencia e aos equipos de protección individual.

24. O Real decreto 2177/2004, do 12 de novembro, polo que se modifica o Real decreto 1215/1997, do 18 de xullo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización polos traballadores dos equipamentos de traballo, en materia de traballos temporais en altura: escaleiras manuais, estadas e acceso e posicionamento mediante cordas.

25. Máquinas: definición de máquina e de zona perigosa. Medidas de seguridade en máquinas: análise de seguridade, estudo do perigo, selección das medidas de seguridade. Prevención intrínseca. Aplicación e deseño das medidas de protección.

26. O Real decreto 1644/2008, do 10 de outubro, polo que se establecen as normas para a comercialización e posta en servizo das máquinas: obxecto e ámbito de aplicación, comercialización e posta en servizo, avaliación da conformidade e marcación CE.

27. Riscos e medidas preventivas en máquinas do sector da madeira: tronzador-biselador, serra de cinta, escuadradora, cepilladora, tupí. Riscos e medidas preventivas en máquinas do sector do metal: cizalla de guillotina, pregadora de chapa, amoladoras angulares, fresadora e torno.

28. Riscos e medidas preventivas en equipamentos para elevar cargas: montacargas de obra, plataformas elevadoras, carretillas elevadoras automotoras, aparellos e cabrias. Riscos e medidas nos elementos auxiliares: cables e estrobos.

29. O risco de incendio (I): tetraedro do lume, cadea do incendio, medidas de prevención de incendios, métodos de extinción, clasificación dos lumes en función da natureza do combustible, sistemas automáticos de detección.

30. O risco de incendio (II). Medios de protección contra incendios: utilización de extintores portátiles e bocas de incendio equipadas; luces de emerxencia. O Real decreto 513/2017, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios: obrigas das empresas instaladoras, obrigas das empresas mantedoras, instalación, posta en servizo e mantemento das instalacións de protección, programas de mantemento dos sistemas de protección activa e persoal encargado das diferentes operacións que se van a realizar.

31. Explosións: conceptos de atmosfera explosiva e potencialmente explosiva. Clasificación e características das áreas en que se poden formar atmosferas explosivas. Medidas para evitar, limitar ou controlar a atmosfera explosiva. Aparellos e sistemas de protección para uso en atmosferas potencialmente explosivas: definicións, clasificación dos aparellos en grupos e categorías, criterios para a elección dos aparellos e sistemas de protección, marcación dos aparellos.

32. Espazos confinados: concepto, tipos e motivos de acceso. Riscos en espazos confinados e medidas de prevención da exposición a atmosferas perigosas. Técnicas de control: avaliación da atmosfera, ventilación, illamento do espazo, control de entradas.

33. Protección da maternidade: aspectos recollidos na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención. Esquema de actuación na empresa para traballadoras embarazadas ou en período de lactación natural. Actuacións do Issga en materia de protección da maternidade.

34. Riscos laborais e medidas preventivas en invernadoiros. Riscos laborais e medidas preventivas na viña, na vendima e nas adegas.

35. Marco conceptual dos riscos laborais viarios.

36. Riscos laborais e medidas de prevención e protección nas operacións de mantemento de aeroxeneradores.

Especialidade de hixiene industrial.

1. A disciplina de hixiene industrial: concepto de hixiene industrial, funcións e actuacións nesta disciplina. Funcións da área técnica de hixiene industrial no Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga). Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020: principais obxectivos e liñas estratéxicas en hixiene industrial.

2. Toxicoloxía laboral básica: concepto de tóxico, definición e clasificación dos contaminantes, vías de exposición, mecanismos de toxicidade, relación dose-efecto e dose-resposta e clasificación fisiopatolóxica dos contaminantes químicos.

3. Regulamento (UE) 2016/425 do Parlamento Europeo e do Consello do 9 de marzo de 2016 relativo aos equipamentos de protección individual (EPI) e polo que se derroga a Directiva 89/686/CEE do Consello: obxecto e ámbito de aplicación, definicións, presunción e declaración UE de conformidade, regras e condicións de colocación da marcación CE, categorías de riscos e documentación técnica dos EPI. Utilización dos EPI en hixiene industrial: definición de EPI, obrigas do empresario e dos traballadores.

4. Regulamento (CE) nº 1907/2006 do Parlamento Europeo e do Consello do 18 de decembro de 2006 - REACH-: obxectivo e ámbito de aplicación, aspectos básicos, usuarios intermedios e as súas obrigas e a ficha de datos de seguridade.

5. Regulamento (CE) nº 1272/2008 do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de decembro de 2008 - CLP- (I): obxectivo e ámbito de aplicación, perigos físicos, para a saúde e para o ambiente, criterios xerais de clasificación de mesturas.

6. Regulamento (CE) nº 1272/2008 do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de decembro de 2008 - CLP- (II): catálogo de clasificación e etiquetaxe, concepto de clasificación e etiquetaxe harmonizados e substancias candidatas a harmonización, información que debe reflectir a etiqueta. Réxime sancionador: Lei 8/2010, do 31 de marzo, pola que se establece o réxime sancionador previsto nos regulamentos (CE) relativos ao rexistro, á avaliación, á autorización e á restrición das substancias e mesturas químicas (REACH) e sobre a clasificación, a etiquetaxe e o envasado de substancias e mesturas (CLP), que o modifica: competencias administrativas e intercambio de información coas comunidades autónomas.

7. Os mapas de risco como ferramenta preventiva para a identificación do risco químico nas empresas: definición, fases e indicadores de risco. Mapa de risco químico-sector industrial, elaborado polo Issga: obxectivos, metodoloxía e conclusións.

8. Límites de exposición profesional para axentes químicos en España: conceptos e definicións, tipos de valores límites ambientais (VLA), límites de desviación, efectos combinados de axentes químicos, valoración da exposición e valoración do risco, axentes químicos sensibilizantes e axentes químicos canceríxenos ou mutáxenos.

9. Control biolóxico da exposición: concepto de indicador biolóxico e de valor límite biolóxico (VLB), tipo de mostras, bases para o establecemento dos VLB, interpretación dos resultados, vantaxes, limitacións e aplicacións.

10. Medición dos contaminantes químicos: puntuais e de media, persoais e ambientais. Clasificación dos equipamentos de medida: instrumentos de lectura directa e sistemas activos e pasivos.

11. Métodos de medición para axentes químicos: métodos de toma de mostra e análise, transporte e conservación das mostras, clasificación dos procedementos de medición, fiabilidade dos procedementos de medición e criterios xerais para a elección do método.

12. Avaliación cuantitativa do risco de exposición a axentes químicos por inhalación: obtención de información, elementos para ter en conta para definir unha adecuada estratexia de mostraxe, comparación co VLA-ED e co VLA- EC, obtención de conclusións e necesidade de medicións periódicas.

13. Avaliación cualitativa do risco de exposición a axentes químicos por inhalación: uso de modelos simplificados ou cualitativos, criterios de aplicación, fundamentos e limitacións do método COSHH Essentials e do método do INRS.

14. Control das exposicións fronte a axentes químicos: técnicas xerais, accións de control técnicas, accións de control organizativas e priorización das medidas preventivas. Técnicas de ventilación para o control dos axentes químicos: extracción localizada e ventilación por dilución.

15. Os equipamentos de protección individual fronte a axentes químicos: protección dérmica, protección das vías respiratorias, protección ocular, criterios básicos de selección, utilización e mantemento.

16. O Real decreto 374/2001, do 6 de abril, sobre a protección da saúde e seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados cos axentes químicos durante o traballo.

17. Axente canceríxeno e mutáxeno: concepto e clasificación en categorías. O Real decreto 665/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos e mutáxenos durante o traballo.

18. Axentes biolóxicos: características e principais efectos para a saúde. O Real decreto 664/1997, do 12 de maio, sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo: obxecto e ámbito de aplicación, clasificación dos axentes biolóxicos, tipos de actividades con risco, vixilancia da saúde, información e formación dos traballadores, aplicación das medidas de contención.

19. Identificación e avaliación da exposición a axentes biolóxicos: aspectos que hai que considerar en función da intención deliberada ou non de manipulación, aplicación do Real decreto 664/1997, do 12 de maio, segundo os resultados da avaliación. Principais medidas de redución dos riscos e medidas hixiénicas en actividades con exposición a axentes biolóxicos.

20. Os equipamentos de protección individual fronte a axentes biolóxicos: roupa de protección, equipamentos de protección respiratoria, luvas, protección facial e ocular, criterios básicos de selección, utilización e mantemento.

21. Ruído: fundamentos de acústica, efectos do ruído na saúde dos traballadores. O Real decreto 286/2006, do 10 de marzo, sobre a protección da saúde e a seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición ao ruído.

22. Medición do ruído: instrumentos de medición, principais estratexias de medida, parámetros para considerar no cálculo da incerteza e medición de ruído de impulso.

23. Protectores auditivos: selección e utilización, métodos para o cálculo da súa atenuación acústica. Comparación cos valores límite establecidos no Real decreto 286/2006, do 10 de marzo, e utilización de protectores auditivos.

24. Vibracións: física das vibracións, efectos das vibracións na saúde dos traballadores. O Real decreto 1311/2005, do 4 de novembro, sobre a protección da saúde e a seguridade dos traballadores fronte aos riscos derivados ou que poidan derivar da exposición a vibracións mecánicas.

25. Avaliación e control da exposición a vibracións: aspectos recollidos no Real decreto 1311/2005, do 4 de novembro, e na súa Guía técnica de desenvolvemento.

26. Ambiente térmico: ecuación do balance térmico, mecanismos de termorregulación e de intercambio de calor entre o organismo e o ambiente. Efectos da calor e o frío sobre o organismo. Principais actividades laborais con risco.

27. Fundamentos e criterios de valoración dos seguintes métodos: índice WBGT (wet bulbe globe temperature), índice de sobrecarga térmica, índice IREQ (illamento requirido da vestimenta) e valoración do risco por arrefriamento local. Principais medidas preventivas.

28. Radiacións non ionizantes: concepto e clasificación, principais efectos e riscos para a saúde e principais actividades laborais con risco. Pautas para a avaliación do risco e disposicións encamiñadas a evitar ou reducir a exposición recollidas no Real decreto 486/2010, do 23 de abril, sobre a protección da saúde e a seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a radiacións ópticas artificiais e no Real decreto 299/2016, do 22 de xullo, sobre a protección da saúde e a seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a campos electromagnéticos.

29. Radiacións ionizantes: concepto, tipos de radiacións ionizantes e os seus efectos, principais medidas de protección radiolóxica operacional dos traballadores expostos, axentes implicados na avaliación da exposición e na aplicación destas medidas segundo o Real decreto 783/2001, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de protección sanitaria contra radiacións ionizantes.

30. Fontes naturais de radiación: principais actividades laborais afectadas. Radon e lugares de traballo: mapas do potencial de radon, lugares de traballo en que pode haber risco, actuacións que se deben levar a cabo e autoridades competentes segundo a normativa vixente.

31. O Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto. Plans de traballo e a súa tramitación en Galicia.

32. Materiais con amianto e identificación de materiais con amianto e principais procedementos de traballo e medidas preventivas: disposicións recollidas no Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, e contido relacionado na súa Guía técnica de desenvolvemento. Equipamentos de protección individual nos traballos con amianto: protección respiratoria e roupa de protección.

33. Exposición á sílice cristalina e efectos sobre a saúde: principais sectores de risco, avaliación do risco, valores límite e principais medidas preventivas. Problemática específica dos compactos de cuarzo.

34. Protección da maternidade: aspectos recollidos na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención. Esquema de actuación na empresa para traballadoras embarazadas ou en período de lactación natural. Actuacións do Issga en materia de protección da maternidade.

35. Riscos hixiénicos e protección da maternidade: indicacións básicas para a avaliación inicial de risco segundo as directrices para a avaliación de riscos e protección da maternidade no traballo do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.

36. O sistema de comunicación de enfermidades profesionais da Seguridade Social: utilidades e alertas. Incidencia das principais enfermidades profesionais en Galicia. Finalidades e obxectivos da investigación a enfermidade profesional. Actuacións da área técnica de hixiene industrial do Issga .

Especialidade de ergonomía e psicosocioloxía aplicada.

1. Ergonomía: definición, áreas de especialización e temas de estudo segundo a Asociación Internacional de Ergonomía. Procedemento metodolóxico para a avaliación dos riscos ergonómicos segundo o Instituto Nacional de Seguridade e Sáude no Traballo (INSST).

2. Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020: principais obxectivos e liñas estratéxicas en ergonomía e psicosocioloxía aplicada. Funcións da área técnica de Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada no Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga).

3. Ergonomía do ambiente físico (I). Os factores ambientais no Real decreto 486/1997, do 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo: as condicións de iluminación mínimas dos lugares de traballo. Identificación de factores de risco polas condicións de iluminación do posto, avaliación e acondicionamento da iluminación en postos de traballo.

4. Ergonomía do ambiente físico (II). Os factores ambientais no Real decreto 486/1997: as condicións termohigrométricas mínimas dos lugares de traballo. Benestar térmico, avaliación do benestar térmico: os índices PMV e PPD.

5. Confort acústico: efectos do ruído desde o punto de vista ergonómico. Aspectos ergonómicos do ruído e a súa avaliación: método RC Mark II e método SIL. Medidas preventivas.

6. Aspectos ergonómicos das vibracións: características e clasificación das vibracións. O Real decreto 1311/2005, do 4 de novembro, sobre a protección da saúde e a seguridade dos traballadores fronte aos riscos derivados ou que poidan derivar da exposición a vibracións mecánicas.

7. Deseño de postos de traballo e antropometría: conceptos, bases antropométricas dinámicas e estáticas e medida dos datos antropométricos.

8. Criterios ergonómicos na selección de ferramentas manuais: análise postural e biomecánico. Medidas preventivas na utilización de ferramentas manuais.

9. Equipos de protección individual: o Real decreto 773/1997, 30 de maio, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas á utilización polos traballadores de equipos de protección individual. Aspectos ergonómicos a ter en conta segundo a guía técnica que desenvolve o Real decreto 773/1997.

10. Pantallas de visualización de datos: riscos derivados do seu uso e a súa prevención. O Real decreto 488/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas ao traballo con equipamentos que inclúen pantallas de visualización.

11. Avaliación do risco derivado do uso de pantallas de visualización de datos: metodoloxía para a avaliación específica dos riscos derivados do seu uso segundo a Guía técnica do Real decreto 488/1997, do 14 de abril, e acondicionamento dos postos de traballo con pantallas de visualización de datos.

12. Carga física de traballo: concepto, traballo dinámico e estático, consecuencias derivadas da carga física e a súa valoración. Cadro de enfermidades profesionais do Real decreto 1299/2006, do 10 de novembro, polo que se aproba o cadro de enfermidades profesionais no sistema da Seguridade Social e se establecen criterios para a súa notificación e rexistro: enfermidades profesionais causadas por posturas forzadas ou movementos repetitivos.

13. Os trastornos músculoesqueléticos de orixe laboral: concepto e identificación dos factores de risco. Os mapas de risco como ferramenta preventiva: definición, fases e indicadores de risco. Mapa de risco ergonómico desenvolvido polo Issga: obxectivos, metodoloxía e conclusións.

14. Manipulación manual de cargas: riscos asociados e a súa prevención. O Real decreto 487/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas á manipulación manual de cargas que entrañe riscos, en particular dorso lumbares, para os traballadores.

15. Avaliación do risco por manipulación manual de cargas: método da Guía técnica do Real decreto 487/1997, do 14 de abril, metodoloxía NIOSH e norma UNE-EN 1005-2.

16. Mobilización manual de persoas: factores de risco e identificación. Riscos asociados e a súa prevención.

17. Avaliación do risco por mobilización manual de persoas: método MAPO.

18. Posturas de traballo: factores de risco e identificación. Riscos asociados e a súa prevención.

19. Avaliación do risco asociado a posturas de traballo: método OWAS, método REBA e norma UNE-EN 1005-4.

20. Traballos repetitivos: factores de risco e identificación. Riscos asociados e a súa prevención.

21. Avaliación do risco por movementos repetitivos: método OCRA e ferramenta Checklist OCRA.

22. Carga mental de traballo: conceptos. Factores determinantes da carga mental de traballo. Consecuencias. Medidas de prevención.

23. Avaliación da carga mental: métodos subxectivos de valoración. O método NASA TLX.

24. Factores de risco psicosocial: o modelo demanda-control-apoio. Os aspectos relativos á organización do traballo e a súa contorna social. Riscos asociados e a súa prevención.

25. Avaliación dos riscos psicosociais: métodos cualitativos e cuantitativos. O método F-Psico do INSST. O método CoPsoQ-istas21.

26. Estrés laboral: definición e factores que o determinan. Consecuencias do estrés para a empresa e o individuo. Avaliación e prevención do risco derivado do estrés laboral.

27. Tecnoestrés: concepto, características e consecuencias. Estratexias de intervención psicosocial.

28. Síndrome de estar queimado polo traballo: definición, características e consecuencias. Avaliación e prevención do risco derivado do síndrome de estar queimado polo traballo.

29. Violencia no traballo: violencia ocupacional externa e interna. Acoso sexual e acoso por razón de sexo. Acoso discriminatorio. Prevención do risco derivado da violencia no traballo.

30. Acoso psicolóxico no traballo: definición, características e consecuencias. Avaliación e prevención do risco derivado do acoso psicolóxico.

31. Protocolo para a prevención, a detección, a actuación e a resolución de situacións de acoso laboral e outras discriminacións no traballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

32. Intervención psicosocial: acción e intervención sobre a organización, sobre o posto de traballo e a tarefa e sobre o individuo. Protocolos de actuación fronte ao risco psicosocial.

33. A organización do tempo de traballo: o traballo a quendas e o traballo nocturno, as súas características, inconvenientes e intervención; o tempo de traballo e as pausas de descanso.

34. Protección da maternidade: aspectos recollidos na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención. Esquema de actuación na empresa para traballadoras embarazadas ou en período de lactación natural. Actuacións do Issga en materia de protección da maternidade.

35. Axentes ergonómicos e psicosociais e protección da maternidade: factores de risco, consecuencias e medidas preventivas segundo as directrices para a avaliación de riscos e protección da maternidade no traballo do INSST.

36. Avaliación do risco ergonómico en traballadoras embarazadas: método Ergomater.

ANEXO III

Dª/D. ..., con domicilio en ..., e con DNI/Pasaporte ... declara, para efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo superior de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de seguridade e saúde no traballo, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se atopa en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso á dita escala.

..., ... de ... de 202...

ANEXO IV

Dª/D. ..., con domicilio en ..., e con DNI/pasaporte ... declara, para efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo superior de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de seguridade e saúde no traballo, que non se atopa inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ..., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

(País e localidade) ..., ... de ... 202...