Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Venres, 1 de marzo de 2019 Páx. 11948

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 19 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria dos premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2017/18 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida tamén desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado de ensino universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

A promoción, desenvolvemento e mellora da calidade do Sistema universitario de Galicia implica asemade apreciar e incentivar a excelencia académica dos seus estudantes como aposta de futuro do noso país.

Con data do 9 de novembro de 2017 o Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou o Plan de excelencia do Sistema universitario de Galicia para o trienio 2018-2020, que permitirá dar un novo salto de calidade ás universidades galegas para seguir avanzando nun camiño de vangarda e excelencia.

No conxunto de medidas de excelencia do plan inclúese, entre outras, a posta en marcha dos premios de excelencia académica para o alumnado de grao que obteña as mellores cualificacións en cada curso da traxectoria académica.

Con esta nova liña de axudas ao estudo a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional quere motivar o alumnado universitario para mellorar o seu currículo ao recoñecer a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo e o seu mérito e esforzo no estudo. Estimular o aproveitamento académico significa seguir apostando pola construción dun Sistema universitario de Galicia excelente, competitivo e de calidade.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar os premios de excelencia académica de grao co obxecto de incentivar o alumnado do Sistema universitario de Galicia con aproveitamento académico excelente.

Artigo 2. Persoas destinatarias

Estes premios destínanse ao alumnado universitario de grao oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2017/18 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 3. Orzamento

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional financiará estes premios con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, cunha contía global de 440.000 euros.

Artigo 4. Ámbito de aplicación

No ámbito de aplicación desta convocatoria están incluídos:

1. Os graos oficiais cuxos plans de estudo estean estruturados en 4, 5 ou 6 cursos académicos.

2. Os programas de simultaneidade de graos cunha organización docente superior a 4 cursos académicos.

Artigo 5. Requisitos para obter os premios

1. Concederase un premio por cada titulación oficial de grao ao alumnado que finalizase os estudos de primeiro, segundo e terceiro curso nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Para o alumnado dos graos oficiais con máis de catro cursos, segundo o plan de estudos das ditas titulacións, estenderase o premio ata o cuarto curso para os graos de 5 anos e ata o quinto curso para o grao de 6 anos.

Para o alumnado dos programas de simultaneidade estenderase o premio ata o penúltimo curso da organización docente.

2. O alumnado deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Non estar en posesión dunha titulación universitaria oficial.

b) Nos graos oficiais será necesario:

• Ter superado no curso académico 2017/18 con aproveitamento excelente a totalidade dos créditos correspondentes ao curso completo, segundo o plan de estudos de cada titulación de grao, e estar matriculado nos mesmos estudos no curso 2018/19 do seguinte curso completo que corresponda segundo o plan de estudos.

• Ter no curso académico 2017/18 a nota media igual ou superior a 8 puntos.

c) Nos programas de simultaneidade de graos para os efectos da obtención deste premio será necesario:

• Ter superado no curso académico 2017/18 con aproveitamento excelente a totalidade dos créditos correspondentes ao curso completo, segundo o seu programa de simultaneidade, e estar matriculado nos mesmos estudos no curso 2018/19 do seguinte curso completo que corresponda segundo o programa de simultaneidade.

• Ter no curso académico 2017/18 unha nota media igual ou superior a 8 puntos.

d) A nota media do curso completo obterase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro) e na Resolución do 13 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dispón a publicidade do acordo da Comisión de seguimento do protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos.

Para a obtención desta nota media non se valorarán as cualificacións recoñecidas, convalidadas ou adaptadas.

e) Para os efectos da obtención do premio non terán a consideración de materias recoñecidas as superadas en condición de mobilidade regulada a través dun convenio onde conste o recoñecemento para efectos plenos.

Artigo 6. Dotación do premio

Cada persoa premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

Artigo 7. Procedemento para a determinación dos premios: obrigas das universidades

Os premios outorgaranse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.

A Secretaría Xeral de Universidades requirirá ao órgano competente en materia de xestión académica de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia, a remisión dos datos correspondentes á persoa coa nota media máis alta en cada un dos cursos da titulación de grao, así como dos programas de simultaneidade de grao, que cumpra os requisitos fixados nesta orde, debidamente certificados.

As universidades, unha vez determinadas as persoas que cumpren os requisitos establecidos, comunicaranlle a súa condición de premiadas, e deberán manifestar estas a súa aceptación expresa segundo o modelo que se publica como anexo a esta orde.

O prazo de remisión do requirimento xunto coa aceptación expresa, aos que se fai referencia nos parágrafos anteriores, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa recepción.

Artigo 8. Proposta de resolución

Unha vez analizada a documentación remitida polas universidades do Sistema universitario de Galicia, a Secretaría Xeral de Universidades elevará un informe-proposta á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional para a adxudicación dos premios mediante a correspondente resolución.

Artigo 9. Resolución

1. A resolución incluirá a listaxe das persoas beneficiarias dos premios e a contía destes.

2. A resolución de concesión dos premios publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, pola que se entenderán notificadas, para todos os efectos, as persoas premiadas. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (www.edu.xunta.gal).

3. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10. Pagamento

O aboamento dos premios farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a alumno/a.

Artigo 11. Compatibilidade e reintegro dos premios

1. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. As persoas beneficiarias deberán devolver o premio no caso de que se probe que foi outorgado indebidamente.

Artigo 12. Réxime xurídico

En todo aquilo que non se prevexa nestas bases é de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1, a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file