Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Mércores, 27 de febreiro de 2019 Páx. 11448

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pola que se publican os requirimentos de emenda da documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se convoca o procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

A Consellería de Política Social convocou a través da Resolución do 28 de decembro de 2018 (DOG núm. 10, do 15 de xaneiro de 2019) o procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra (procedemento BS213B).

O parágrafo cuarto do anexo I da Resolución do 28 de decembro de 2018 establece o prazo e a forma de presentación das solicitudes, indicando que as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que corresponde ao anexo III, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no prazo de 20 días contados a partir do día seguinte ao da publicación da dita resolución no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, no parágrafo quinto determínase a documentación que se xuntará coa solicitude.

O parágrafo noveno do anexo I da dita resolución establece que se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, tamén se indica no dito parágrafo noveno que, de conformidade co previsto no artigo 45 da dita lei, os requirimentos de emenda notificaranse por publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de solicitudes que non están debidamente cubertas e/ou non achegan a documentación preceptiva exixida segundo o establecido nos anexos I e II da Resolución do 28 de decembro de 2018. Esta relación figura como anexo desta resolución.

Segundo. Facer indicación expresa a todas as entidades solicitantes recollidas no anexo de que son requiridas para que, no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos conforme se establece na dita resolución. De non o facer, teranse por desistidas na súa petición, logo de resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Terceiro. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de emenda da documentación das solicitudes, poderán dirixirse ao Servizo de Xustiza Penal Xuvenil a través da conta de correo menores.conflicto@xunta.gal

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2019

María Amparo González Méndez
Directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

ANEXO

Nº de expediente

Área do recurso

Solicitante

NIF

Documentación que se require

BS213B-2019-1

Ciema Pontevedra

Asociación Arela

G36846152

Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social ou que no dito rexistro esta se atribúa a persoa distinta á designada.

BS213B-2019-4

Ciema Ourense

Asociación Arela

G36846152

Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social ou que no dito rexistro esta se atribúa a persoa distinta á designada.

BS213B-2019-5

Ciema Lugo

Fundación Educativa e Social Dignidade

G27473677

Memoria de recursos humanos, de acordo cos requisitos mínimos establecidos para o Ciema Lugo no parágrafo 2.2.2.a) do anexo II da resolución, tendo en conta que a referencia efectuada a cada unidade se corresponde cun profesional a xornada completa.