Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Martes, 26 de febreiro de 2019 Páx. 11264

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2019, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Mos (expediente IN407A 2018/432-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: LMTS MOS705 a CT Igrexa.

Situación: Mos.

Características técnicas: instalación de liña de media tensión soterrada de 15 kV de 600 metros de lonxitude, con orixe na cela de liña libre existente no CT 36SSS4 e final na cela de liña do CT proxectado. Instalación dun centro de transformación (CT) de 250 kVA. As instalacións están situadas no lugar da Igrexa, na parroquia de Tameiga, en Mos (Pontevedra).

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 19 de decembro de 2018, no BOP do 27 de decembro de 2018, no xornal Faro de Vigo do 5 de decembro de 2018 e no taboleiro de anuncios do Concello de Mos. Tamén se notificou individualmente aos titulares coñecidos dos predios afectados pola instalación de acordo coa relación de bens afectados facilitada pola empresa peticionaria. Durante este trámite non se recibiron alegacións.

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e no capítulo II, título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministro e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), esta xefatura territorial, resolve:

Conceder autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados polo devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e as condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 6 de febreiro de 2019

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra