Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Martes, 26 de febreiro de 2019 Páx. 11268

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2019, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vilagarcía de Arousa (expediente IN407A 2017/619-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A. (antes Unión Fenosa Distribución, S.A.).

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: LMTS, CT Cruceiro-Galáns.

Situación: Vilagarcía de Arousa.

Características técnicas: LMT subterránea a 20 kV, con condutor RHZ, de 110 metros de lonxitude, con orixe no apoio CH-1600/13 do tramo VAR803B0587 e final no centro de transformación proxectado. Centro de transformación a 250kVA, con R.T. 20 kV/400-230 V, situado na rúa Cruceiro de Galáns, Sobrán, Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 14 de marzo de 2018, no BOP do 12 de marzo de 2018, no xornal Faro de Vigo do 6 de marzo de 2018 e no taboleiro de anuncios do concello de Vilagarcía de Arousa. Tamén se notificou individualmente aos titulares coñecidos dos predios afectados pola instalación de acordo coa relación de bens afectados facilitada pola empresa peticionaria.

Durante o mencionado trámite, o 9 de abril de 2018, recibíronse as alegacións de Ramiro Brea Camba e Rosa Hermida Cores. O 10 de maio de 2018, José Coiradas Sambade en representación da empresa UFD Distribución Electricidade, S.A, entrega a esta xefatura territorial escrito de contestación de alegacións.

Unha vez examinados os escritos conclúese que:

Primeiro. Con relación ás alternativas propostas no informe pericial do 4 de abril de 2018, non consta no expediente administrativo consentimento expreso dos propietarios particulares afectados pola proposta de cambio de localización das instalacións proxectadas, nin consta autorización do Concello de Vilagarcía de Arousa para situar o centro de transformación nos viarios e espazos públicos propostos como alternativa ás instalacións proxectadas, polo que, estas alternativas non se poden entender viables.

Segundo. A valoración económica dos bens afectados forma parte do procedemento expropiatorio que se tramitará unha vez sexa declarada a utilidade pública da instalación, en que efectuada a ocupación das leiras se tramitará o expediente de expropiación nas súas fases de prezo xusto e pagamento.

Terceiro. Segundo o indicado no artigo 140 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e tendo en conta o anterior, procede a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministro e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), esta xefatura territorial resuelve:

Conceder autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados pola devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 6 de febreiro de 2019

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra