Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Luns, 18 de febreiro de 2019 Páx. 10182

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Rois

ANUNCIO da aprobación definitiva do Plan de sectorización Sobre das Grelas.

O Pleno do Concello, na súa sesión do 23 de xaneiro de 2019, aprobou definitivamente o Plan de sectorización Sobre das Grelas, segundo o documento refundido para a aprobación definitiva do Plan de sectorización Sobre das Grelas de outubro de 2018, promovido pola empresa Quintastone, S.A. e asinado polo enxeñeiro Javier Fernández Echeverria, colexiado nº 1969, presentado no Concello de Rois por rexistro de entrada o día 11 de xaneiro de 2019 (RXE 111).

No dito pleno adoptouse o acordo que literalmente se transcribe.

1º. Aprobar definitivamente o Plan de sectorización de solo rústico apto para urbanizar en Sobre das Grelas, Rois, promovido pola empresa Quintastone, S.A.

2º. O acordo de aprobación definitiva deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia no prazo dun mes desde a súa adopción e o documento que conteña a normativa e as ordenanzas no Boletín Oficial da provincia, de acordo co artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016 do solo de Galicia.

3º. Inscribir o instrumento de planeamento urbanístico no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, de acordo co artigo 88 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e os artigos 208 e 209 do Decreto 143/2016, de 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do solo de Galicia. O Concello remitirá á consellería competente en materia de urbanismo para a súa inscrición no citado rexistro un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado dos instrumentos de planeamento urbanístico, cuxa aprobación definitiva lles corresponda. O prazo para, de ser o caso, proceder ao requirimento de anulación de actos e acordos das corporacións locais segundo o previsto na lexislación de réxime local non comezará a computar ata a recepción completa da documentación no rexistro da consellería, e correspóndelle á persoa titular desta formular o correspondente requirimento.

4º. Realizar notificación individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados ás cales xa se lles tivese notificado a aprobación inicial.

Medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan de sectorización: coa notificación da aprobación definitiva do plan transmíteselles aos promotores:

– A obriga de incluír no proxecto de urbanización o cumprimento dos aspectos sinalados nos informes sectoriais e, en especial, o reflectido no informe de data 1 de abril de 2013 do director xeral de conservación da natureza, e cumprir os seus preceptos, no momento procesual que corresponda.

– A obriga que teñen os promotores do plan de remitir anualmente ao órgano ambiental, durante os cinco (5) primeiros anos tras o remate das obras de urbanización, os informes de evolución de variables das medidas preventivas e correctoras, de acordo coas medidas de seguimento da memoria ambiental.

– Completar, xustificar e investir axeitadamente –no proxecto de urbanización– nas variables económicas de viabilidade do plan en consonancia coas medidas do ISA.

Sen prexuízo do sinalado, o Concello velará por que se adopten todas as medidas incluídas nos documentos ambientais e se perpetúe no tempo o mantemento das medidas correctoras e a súa vixencia.

Enderezo no que figura o contido íntegro do Plan de sectorización a disposición do público: www.concelloderois.org.

En canto á integración ambiental do plan: no procedemento de avaliación ambiental estratéxica non se viron afeccións significativas sobre os valores naturais posto que o espazo natural Sistema fluvial Ulla-Deza xa foi protexido e, polo tanto, non existe prexuízo para a súa integridade (aínda que se atope a uns 60 m do río Sar, que forma parte do espazo natural protexido incluído na Rede natura 2000).

En canto ao estudo ambiental estratéxico: dentro do proceso de avaliación ambiental estratéxica fíxanse unha serie de medidas para adoptar, como son:

– Respecto para as árbores autóctonas presentes no ámbito do solo de espazos públicos, empregando na rexeneración igualmente especies autóctonas.

– Peche perimetral das instalacións con especies autóctonas.

– Medidas preventivas e correctoras por risco de contaminación do río Sar, con analíticas mensuais do efluente e do medio receptor.

– Prohibición de actuacións que poidan afectar especies ameazadas, de ser o caso.

– Prohibición de facer depósitos onde os escoamentos poidan contaminar as augas continentais.

– Prohibición de facer calquera vertedura que poida afectar a calidade das augas.

– Fixación de zonas de provisión de préstamos. Os vertedoiros de terras e as instalacións auxiliares situaranse en zonas de mínima afección ecolóxica, paisaxística e interese natural.

– Conservación da terra vexetal afectada polas obras para recuperar as zonas verdes.

– Estabilización de noiros para evitar procesos erosivos.

– Medidas axeitadas de seguridade para evitar derramamentos accidentais dos tanques de aceites, graxas e carburantes.

– Xestión de residuos, primando a reciclaxe fronte á vertedura.

– Integración estética ao medio das obras que se van executar, diminuíndo o impacto visual e paisaxístico.

– Revexetación con especies autóctonas.

– Limitación da corta da vexetación existente de forma exclusiva ás obras necesarias.

– Delimitar preventivamente as zonas anteriores para minimizar as alteracións vexetais.

– O tránsito da maquinaria farase polas vías para evitar o compactado do solo.

– Reducir ao estritamente necesario os movementos de terras para evitar erosións e escoamentos.

– Comunicación ao Servizo de Conservación da Natureza da Coruña do inicio e programación das obras.

No proceso de participación a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite informe cunha serie de consideracións, o promotor estima todas as observacións feitas, que se inclúen no ISA co seu correspondente estudo ambiental, así como na proposta de memoria ambiental, que se presentan.

No proceso de alegacións presentouse unha (Josefina Míguez Míguez) onde se pide a inclusión de tres parcelas da súa propiedade dentro do plan, que foi desestimada polo promotor, tendo en conta que o plan se fai por iniciativa particular ao abeiro da disposición décimo terceira da Lei 2/2010, do 25 de marzo, que permite delimitar os sectores cinguíndose ao asentamento industrial existente.

Non xurdiu ningunha discrepancia de consideración que teña relevancia para a súa constancia.

En canto á alternativa seleccionada: a alternativa seleccionada (A) foi elixida empregando un método cuantitativo subxectivo. Considérase esta a mellor, por acadar o maior valor de integración dos criterios establecidos, unha vez que se identifican os efectos esperados da execución da cada alternativa sobre cada unha das variables afectadas. Caracterízase con base na súa probabilidade, duración, frecuencia, reversibilidade, alcance espacial, magnitude, risco para a saúde humana, afección a concellos limítrofes, vulnerabilidade da zona, valor da zona, efecto acumulativo, efecto secundario, efecto sinérxico e natureza; e asígnanselles valores extremos inferiores, medios ou extremos superiores.

A eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do Plan de sectorización Sobre das Grelas quedan condicionadas á súa publicación de conformidade co establecido no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), á inscrición do instrumento no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 88 da LSG e ao que dispoña para tal efecto a lexislación vixente en materia de réxime local (artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, entrada en vigor logo do cumprimento dos trámites preceptivos e logo de transcorreren 15 días hábiles desde a publicación completa do texto no Boletín Oficial da provincia)

O plan de sectorización aprobado de xeito definitivo, como instrumento de planeamento urbanístico de desenvolvemento do Plan xeral de ordenación municipal será mediante executivo (artigo 84 da LSG) tras a súa entrada en vigor segundo o disposto no artigo 82 da LSG.

Os instrumentos de planeamento son disposicións de carácter xeral, polo que a súa aprobación definitiva non poderá ser obxecto de recurso na vía administrativa, senón só a través do correspondente recurso contencioso-administrativo, nos termos previstos na lexislación aplicable.

O que se publica para os efectos previstos nos artigos 82.2 da LSG e 199.2 do Decreto 143/2016, do 2 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da LSG.

Rois, 6 de febreiro de 2019

Ramón Tojo Lens
Alcalde