Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Xoves, 14 de febreiro de 2019 Páx. 9510

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Sada

ANUNCIO da publicación do texto íntegro e do acordo de aprobación do Convenio de execución urbanística para a obtención anticipada de terreos destinados a viario no ámbito da APR-PERI-D3.6.

De acordo co previsto no artigo 403.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que foi aprobado o regulamento da Lei do solo, procédese a publicar (salvo os datos de carácter persoal) o texto íntegro do citado convenio aprobado mediante o Decreto 1296/2018, do 27 de xuño, da alcaldía:

«Convenio de execución urbanística para a obtención anticipada de terreos destinados a viario no ámbito da APR-PERI-D3.6.

Sada, 27 de xuño de 2018

Reunidos:

Dunha parte, Óscar Benito Portela Fernández, alcalde do Concello de Sada, en representación da dita corporación en virtude das facultades que lle confire o artigo 21.1.j) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e asistido polo secretario do Concello, Emilio Seijo Frías.

Doutra parte, Antonio, maior de idade, con DNI núm. ..., Mª Elena, maior de idade, con DNI núm. ... e José Manuel, maior de idade, con DNI núm. ..., que actuan en nome propio, con domicilio para os efectos de notificacións, en tf., en calidade de propietarios dos terreos que se describen no expoñendo I.

Ambas as partes, recoñecéndose respectivamente competencia e capacidade suficiente para a formalización deste convenio,

Expoñen:

Primeiro. O obxecto deste convenio é a obtención anticipada dos terreos destinados a viario na fronte da rúa Abegondo, de Sada, e incluídos no ámbito do APR-PERI-D3.6, do Plan xeral de ordenación municipal de Sada aprobado definitiva e parcialmente pola Consellería de Medio Ambiente e Territorio o 11 de outubro de 2017, para os efectos de regularizar a dita rúa e eliminar unha construción en situación de fóra de ordenación, permitindo continuar o tránsito peonil en condicións de seguridade coa execución dunha nova beirarrúa. A obra consiste na substitución das redes de auga, saneamento e pluviais e reurbanización das rúas Cambre, Culleredo, Abegondo e a avenida da Coruña na zona das Brañas en Sada, así como calquera outra actuación pública compatible co destino urbanístico do solo.

Os terreos obxecto deste convenio teñen a referencia catastral 0499111NH6909N0001FO, e descríbense da seguinte forma na escritura outorgada en data 8 de novembro de 1965 co número de protocolo 938 ante o notario Julián Marcos Alonso:

B. Finca matriz resultante:

Solar al sitio de A braña de ciento cuarenta y siete metros cincuenta decímetros cuadrados. Linda: norte, parcela segregada; sur, camino serventio que separa campón de herederos de Aguiar; este, carretera de Sada al Espíritu Santo y oeste, juncal de herederos de Manuel Aguiar, zanja en medio”.

Segundo. A obtención dos ditos terreos supón o recoñecemento aos seus propietarios do aproveitamento urbanístico recoñecido no PXOM do Concello de Sada, cun coeficiente de edificabilidade de 0,50 m2/m2 cun aproveitamento tipo de 0,50 UTC e referido á tipoloxía de vivenda plurifamiliar en bloque aberto, a materializar no ámbito da área de planeamento remitido APR-PERI-D3.6.

Terceiro. O expediente de convenio urbanístico foi exposto ao público téndose publicado o texto íntegro do convenio no Diario Oficial de Galicia nº 51, do 13 de marzo de 2018 e na sede electrónica do Concello de Sada e anuncios no xornal La Opinión A Coruña do 4 de abril de 2018 (corrección de erros publicada no mesmo xornal o 14 de abril de 2018) e apertura do período de información ao público no DOG nº 74, do 17 de abril de 2018.

O texto definitivo do convenio foi aprobado pola Alcaldía ao abeiro do previsto no artigo 21.1.j) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, mediante decreto da Alcaldía desta data.

Os ditos propietarios manifestan a súa decisión de non efectuar alegacións nin achegar novos documentos ou xustificacións ao texto definitivo do dito convenio que é o que se reflicte neste documento.

Para os efectos de posibilitar a actuación sinalada, as partes subscriben este convenio, nos termos das seguintes cláusulas:

Primeira. Os propietarios dos terreos descritos no expoñendo I ceden neste acto ao Concello de Sada, libre de cargas e gravames, a propiedade da parcela catastral referida, clasificada como solo urbano non consolidado e destinada a viario e zona verde, sen prexuízo da realización dun levantamento topográfico que acredite a realidade física da superficie que se vai ocupar.

O Concello de Sada recoñece aos cedentes o aproveitamento urbanístico de 0,50 m2 de uso característico residencial na APR-PERI-D3.6 correspondentes a superficie realmente existente consonte a medición que se vai realizar. En calquera caso, será obxecto de cesión o 10 % do aproveitamento urbanístico consonte os deberes establecidos na Lei 2/2016 para os propietarios de solo urbano non consolidado.

Os gastos de demolición da construción preexistente, así como os de urbanización da superficie cedida e incluida na dita APR-PERI-D3.6, serán asumidos polo Concello de Sada e posteriormente repercutidos, coa actualización debida, como gastos de urbanización imputables a dito ámbito e con cargo aos propietarios deste, de conformidade co réxime de reparto de cargas e beneficios para a dita categoría de solo.

O convenio, en todo caso, estará suxeito aos límites establecidos na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e ao Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que foi aprobado o Regulamento da Lei do solo e realízase consonte o previsto nos artigos 129.3.e) e 167 da LSG/2016 e no artigo 400 do dito Regulamento da Lei do solo.

Segunda. Facúltanse expresamente os propietarios para inscribir o correspondente aproveitamento urbanístico resultante deste convenio, consonte o previsto no artigo 33 e seguintes do Real decreto 1093/1997, do 4 de xullo, polo que foi aprobado o Regulamento para inscrición no Rexistro da Propiedade dos actos de natureza urbanística e consonte o previsto no artigo 403.3 do Regulamento da Lei do solo, unha vez realizado o levantamento topográfico ao que se refire a cláusula primeira.

Terceira. O presente convenio de execución urbanística ten natureza administrativa e as cuestións litixiosas que poidan derivarse del corresponderán á xurisdición contencioso-administrativa.

E como proba de conformidade, asínase este convenio en triplicado exemplar, no lugar e data ao comezo sinalados.

O alcalde, o secretario, os propietarios».

Sada, 16 de novembro de 2018

Óscar Benito Portela Fernández
Alcalde