Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Xoves, 14 de febreiro de 2019 Páx. 9410

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a innovación no sector pesqueiro cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convoca para o ano 2019, tramitado como expediente anticipado de gasto.

BDNS (Identif:): 439207.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os propietarios de buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, así como organizacións ou asociacións dos anteriores, incluídas as confrarías de pescadores, que teñan un ámbito autonómico.

Segundo. Finalidade

As axudas terán como finalidade:

1. Proxectos innovadores, entendendo por tales os que teñan como obxectivo desenvolver ou introducir produtos e equipamentos novos ou substancialmente perfeccionados, procesos ou técnicas novas ou perfeccionadas ou sistemas de xestión ou organización novos ou perfeccionados no sector extractivo, tamén na transformación e comercialización.

2. Operacións innovadoras relacionadas coa conservación dos recursos biolóxicos mariños que teñan como obxectivo desenvolver ou introducir novos coñecementos técnicos ou organizativos que reduzan os efectos da pesca sobre o ambiente, en particular mediante técnica de pesca perfeccionadas e a selectividade das artes, ou que teñan por obxectivo lograr un uso máis sustentable dos recursos biolóxicos mariños e a coexistencia cos predadores protexidos.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a innovación no sector pesqueiro cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convoca para o ano 2019, tramitado como expediente anticipado de gasto.

Cuarto. Importe

Para o ano 2019 as axudas concederanse de acordo coa seguinte desagregación, que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2019, e tramitaranse de forma anticipada.

Aplicación orzamentaria: 15.02.723A.770.0. Importe: 733.000,00 € para proxectos innovadores.

Aplicación orzamentaria: 15.02.723A.770.0. Importe: 300.000,00 € para operacións innovadoras relacionadas coa conservación dos recursos biolóxicos mariños.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2018

Mª Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar