Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Xoves, 14 de febreiro de 2019 Páx. 9438

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2019, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre clasificación do posto de colaboración denominado interventor/a adxunto/a como posto reservado a funcionarios de Administración local de habilitación de carácter nacional na Deputación Provincial de Lugo.

Con data do 11 de decembro de 2018, a Deputación de Lugo solicita á Dirección Xeral de Administración Local a clasificación da praza de nova creación denominada interventor/a adxunto/a como posto reservado a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O exercicio efectivo das novas competencias que corresponden á Intervención tras a entrada en vigor do Real decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno das entidades do sector público local, desenvolvendo as previsións da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, supón un incremento da carga de traballo e da responsabilidade da función interventora nas entidades locais que xustifica a creación deste posto de colaboración, xa que reforza o Servizo de Intervención da Deputación que conta soamente cun posto de traballo reservado.

O artigo 15 do Real decreto 128/2018 establece que as entidades locais poderán crear os postos de colaboración e dispón os criterios para a súa clasificación co obxecto de quedaren reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O expediente tramitado pola Deputación de Lugo é conforme co disposto no artigo 15 do citado Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, e no artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, e reúne os requisitos para a súa tramitación de conformidade co informe emitido con data do 28 de xaneiro de 2019 pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local.

Polo exposto, e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e o artigo 22 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

Primeiro. Clasificar o novo posto de traballo, denominado de interventor/a adxunto/a da Deputación Provincial de Lugo, para o exercicio das funcións de colaboración á Intervención, como posto reservado a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencentes á subescala de intervención-tesouraría, categoría superior.

Segundo. O sistema de provisión do posto, que ten asignado nivel 27 de complemento de destino, será mediante concurso de méritos.

Terceiro. Publicar esta resolución no DOG, así como remitir a publicación á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Política Territorial e Función Pública para os efectos da súa publicación no BOE.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2019

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local