Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Xoves, 14 de febreiro de 2019 Páx. 9424

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2019 pola que se modifica a Resolución do 9 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa primeira convocatoria para os anos 2018-2019, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Na data do 18 de xullo publicouse a Resolución do 9 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa primeira convocatoria para os anos 2018-2019, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Na sección 2ª, acórdase a convocatoria para os exercizos 2018 e 2019, conforme o disposto no artigo 5 das bases reguladoras.

No artigo 33, «Financiamento», disponse que «O crédito máximo recollido nas aplicacións orzamentarias poderá ser redistribuído entre estas en función do carácter das distintas entidades beneficiarias e tendo en conta a proposta de concesión da Comisión de valoración. Segundo o artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a alteración da distribución entre os distintos créditos orzamentarios non precisará dunha nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, se ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 18 das bases reguladoras.

3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver».

Na data do 5 de decembro de 2018 tivo lugar a Comisión de valoración, constituída segundo o disposto nas bases reguladoras, e pola que se acorda a proposta de concesión de subvencións tendo en conta o disposto no artigo 18 das bases reguladoras. Con base nesta proposta de concesión de subvencións e, en atención á natureza das entidades beneficiarias, cómpre proceder á redistribución dos créditos recollidos nas aplicacións orzamentarias.

Tendo en conta que a concesión da subvencións, logo da correspondente tramitación dos expedientes, se produce en 2019, faise necesario modificar os prazos de xustificación previstos inicialmente e que se recollen no artigo 37, configurando uns prazos que permitan o desenvolvemento dos proxectos presentados en relación cos que se conceden as subvencións.

Asemade, faise necesario modificar o prazo previsto no artigo 38 con relación ao pagamento anticipado do 80 % do importe da subvención concedida, tendo en conta que o prazo inicialmente previsto na convocatoria está vencido e corresponde establecer un novo prazo acorde á data da resolución definitiva pola que se conceden as subvencións.

Con base no anterior e, en uso das competencias atribuídas no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia,

RESOLVO:

Único. Modificar a Resolución do 9 de xullo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa primeira convocatoria para os anos 2018-2019, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Un. O artigo 33, «Financiamento», no seu punto 1 queda redactado da seguinte maneira:

«1. As subvencións que se concedan imputaranse ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Aplicación orzamentaria

04.A1.571A.781.0

Anualidade 2019

300.000,00 €

Aplicación orzamentaria

04.A1.571A.745.0

Anualidade 2019

100.000,00 €

Aplicación orzamentaria

04.A1.571A.760.0

Anualidade 2019

300.000,00 €

Aplicación orzamentaria

04.A1.571A.744.0

Anualidade 2019

100.000,00 €

Dous. O artigo 37, «Xustificación da execución», nos seus puntos 1 e 2, queda redactado da seguinte maneira:

«1. A execución dos investimentos subvencionables levarase a cabo antes do 15 de novembro de 2019.

2. A documentación xustificativa do cumprimento da finalidade da subvención deberá presentarse en todo caso antes do 1 de decembro de 2019».

Tres. O artigo 38, «Pagamento anticipado e garantía», no seu punto 1, queda redactado da seguinte maneira:

«1. As persoas beneficiarias recibirán un pagamento anticipado do 80 % do importe da subvención concedida de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Con data límite do 1 de abril de 2019 as persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa do plan e comezo do proxecto con relación a este anticipo. O pagamento do importe restante (20 %) realizarase unha vez xustificado o cumprimento da finalidade da subvención».

Disposición adicional primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a Área de Modernización das Administracións Públicas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para que dite as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Un. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

Dous. A presente resolución entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia con efectos desde o 19 de xullo de 2018.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2019

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia