Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Xoves, 7 de febreiro de 2019 Páx. 7976

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 5 de febreiro de 2019 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada polas organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG no sector do transporte en ambulancia de persoas enfermas e accidentadas na Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolverá a partir do 8 de febreiro de 2019.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros e conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG comunicaron a convocatoria dunha folga dirixida a todos os profesionais das empresas e centros de traballo afectados polo convenio colectivo para as empresas e traballadores/as de transporte de enfermos/as e accidentados/as en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que se levará a efecto do xeito seguinte: entre as 0.00 horas do 8 de febreiro e as 24.00 horas do 11 de febreiro, entre as 0.00 horas do 18 de febreiro e as 24.00 horas do 24 de febreiro e entre as 0.00 horas do 4 de marzo e as 24.00 horas do 10 de marzo, e pasará a ter carácter indefinido a partir das 0.00 horas do 20 de marzo de 2019.

Con base no anterior, e logo da audiencia ao comité de folga e aos responsables das prestacións de transporte sanitario no ámbito da folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga dirixida ao persoal das empresas e centros de traballo afectados polo convenio colectivo de transporte de persoas enfermas e accidentadas en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que se iniciará o día 8 de febreiro de 2019 (e que se levará a efecto concretamente entre as 0.00 horas do 8 de febreiro e as 24.00 horas do 11 de febreiro, entre as 0.00 horas do 18 de febreiro e as 24.00 horas do 24 de febreiro e entre as 0.00 horas do 4 de marzo e as 24.00 horas do 10 de marzo, e pasará a ter carácter indefinido a partir das 0.00 horas do 20 de marzo de 2019), enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

O ámbito da folga abrangue:

1º. Transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias Galicia - 061 a través da RTSUG (Rede de transporte sanitario urxente de Galicia). O servizo préstase mediante:

– Ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (AA-SVA) medicalizadas ou UVI móbiles, é dicir, ambulancias tipo C concertadas pola FPUSG-061, que se corresponden cun total de 11 unidades, situadas en 11 bases (unha delas en período estival -xullo e agosto-). O horario de servizo é de 24 horas.

– Ambulancias asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB), é dicir, ambulancias tipo B concertadas pola FPUSG-061, que se corresponden cun total de 106 unidades. O número de bases por provincia é o seguinte: 36 bases na provincia da Coruña con 42 vehículos, 20 bases na provincia de Lugo con 22 vehículos, 15 bases na provincia de Ourense con 17 vehículos e 27 bases na provincia de Pontevedra con 35 vehículos.

2º. Transporte sanitario non urxente, tanto ambulatorio como hospitalario, e o hospitalario urxente organizado e xestionado polo Servizo Galego de Saúde. As modalidades de transporte sanitario que inclúe esta prestación son:

a) Transporte programado: traslados de enfermos/as ambulatorios/as aos centros sanitarios.

b) Transporte hospitalario: onde se consideran os ingresos hospitalarios, as altas hospitalarias, traslados interhospitalarios de consultas, probas e/ou tratamentos, traslados interhospitalarios para ingresos hospitalarios e o transporte interhospitalario urxente.

c) Traslados entre comunidades autónomas.

O Servizo Galego de Saúde, nas distintas estruturas organizativas de xestión integrada (EOXI), ten contratados para a realización deste transporte sanitario os seguintes medios:

– EOXI da Coruña: para a zona da Coruña 27 ambulancias non asistenciais e dúas ambulancias de soporte vital avanzado, mentres que para a zona de Cee conta con dúas ambulancias de soporte vital avanzado e 16 ambulancias non asistenciais. Coa seguinte cobertura hospitalaria:

• O transporte sanitario do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

• O transporte sanitario do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.

• O transporte sanitario dos pacientes autorizados polo Servizo Galego de Saúde nos centros concertados da zona.

– EOXI de Ferrol: tres ambulancias de soporte vital avanzado e 24 ambulancias non asistenciais con esta cobertura hospitalaria:

• O transporte do Complexo Hospitalario Universitario Arquitecto Marcide-Profesor Novoa Santos de Ferrol.

• O transporte sanitario dos pacientes autorizados polo Servizo Galego de Saúde nos centros concertados da zona.

– EOXI de Santiago de Compostela: unha ambulancia de soporte vital avanzado para a zona de Santiago de Compostela e outra para a zona da Barbanza, e 24 ambulancias non asistenciais para a zona de Santiago de Compostela e 18 para a zona da Barbanza. Coa seguinte cobertura hospitalaria:

• O transporte do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

• O transporte do Hospital da Barbanza.

• O transporte sanitario dos pacientes autorizados polo Servizo Galego de Saúde nos centros concertados da zona.

– EOXI de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos: a zona de Lugo conta con 41 ambulancias non asistenciais e unha de soporte vital avanzado, a zona da Mariña, con 10 ambulancias non asistenciais e unha de soporte vital avanzado e a zona de Monforte, con 11 ambulancias non asistenciais e unha de soporte vital avanzado. Con esta cobertura hospitalaria:

• O transporte hospitalario do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

• O transporte hospitalario do Hospital da Mariña.

• O transporte hospitalario do Hospital Comarcal de Monforte.

• O transporte sanitario dos pacientes autorizados polo Servizo Galego de Saúde nos centros concertados da zona.

– EOXI de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras: conta con 30 ambulancias non asistenciais e 3 de soporte vital avanzado para a zona de Ourense, 12 ambulancias non asistenciais e unha de soporte vital avanzado para a zona de Valdeorras e por último, para a zona de Verín, 13 ambulancias non asistenciais e unha de soporte vital avanzado. Coa seguinte cobertura hospitalaria:

• O transporte hospitalario do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

• O transporte hospitalario do Hospital Comarcal de Valdeorras.

• O transporte hospitalario do Hospital de Verín.

• O transporte sanitario dos pacientes autorizados polo Servizo Galego de Saúde nos centros concertados da zona.

– EOXI de Vigo: conta con 53 ambulancias non asistenciais e tres de soporte vital avanzado. Con esta cobertura hospitalaria:

• O transporte hospitalario del Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

• Os pacientes pertencentes ao Servizo Galego de Saúde do centro concertado Povisa, coa excepción das altas hospitalarias.

• O transporte sanitario dos pacientes autorizados polo Servizo Galego de Saúde nos centros concertados da zona.

– EOXI de Pontevedra e O Salnés: conta con 35 ambulancias non asistenciais, unha de soporte vital básico e dúas de soporte vital avanzado. Coa seguinte cobertura hospitalaria:

• O transporte hospitalario do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

• O transporte hospitalario do Hospital do Salnés.

• O transporte sanitario dos pacientes autorizados polo Servizo Galego de Saúde nos centros concertados da zona.

3º. Transporte sanitario prestado polas empresas que afecte enfermos/as ou accidentados/as na comunidade autónoma, non incluído nos puntos anteriores.

A Rede de transporte sanitario urxente de Galicia (RTSUG) está organizada en razón a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia, e sobre a base de que poden ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda. O número de ambulancias contratadas está axustado a esa finalidade. En consecuencia, para garantir a protección á saúde da poboación e dar resposta ao 100 % dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, neste ámbito imponse unha cobertura do 100 % das unidades.

O resto dos traslados que se consideran como esenciais, nos cales é necesario establecer o 100 % dos servizos solicitados, xustifícase no suposto do transporte interhospitalario cando os enfermos se atopen nunha situación de urxencia que implique risco vital ou dano irreparable para a saúde, así como o traslado ao centro hospitalario das patoloxías tempo-dependentes que, de non seren tratadas nun curto prazo de tempo, poden implicar un risco para a vida do/a paciente ou o seu estado funcional posterior, tal como se reflicte en programas tales como o Código Ictus, Código Sepse, Progaliam ou calquera outros programas de patoloxías tempo-dependentes, ademais dos casos de atención a pacientes críticos (como politraumatizados ou neurocirúrxicos).

Resulta necesario o 100 % dos servizos solicitados nos supostos en que a morbilidade e o prognóstico de determinados pacientes poden agravarse de forma significativa se se modifica a planificación asistencial. A historia natural de moitas enfermidades graves, como a insuficiencia renal crónica ou os procesos oncolóxicos, pode evitarse dando a resposta más áxil posible. Dada a gran variedade das patoloxías que se atende nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de realización ineludible o criterio do/a facultativo/a responsable da asistencia do/a enfermo/a. Con isto garántese a necesaria asistencia sanitaria inaprazable nos casos de urxencia e que debe prestarse aos doentes para tentar evitar complicacións e manter o seguimento necesario das súas patoloxías, tanto no transporte interhospitalario urxente, como nas consultas externas urxentes e probas diagnósticas do mesmo carácter.

Por outra banda, en canto á realización de traslados inter e intrahospitalarios de consultas e probas, ingresos hospitalarios e traslados entre as comunidades autónomas e doutros servizos que poidan ser demandados polos centros hospitalarios, establécese o 50 % dos recursos dispoñibles para cada EOXI. Esta porcentaxe xustifícase en que o traslado en ambulancia se realiza, na súa maior parte, en persoas con patoloxías crónicas avanzadas e situacións de importante vulnerabilidade. Polo que unha demora importante, tanto na realización de probas diagnósticas como nos ingresos hospitalarios en pacientes con estas características, podería producir un agravamento tal da súa situación clínica que lles provocaría unha situación de risco vital.

A citada porcentaxe considérase indispensable, xa que entre os servizos que poden ser demandados polas EOXI neste concepto inclúense as altas hospitalarias ao domicilio dos/das pacientes. Cómpre ter en conta que para garantir a asistencia hospitalaria á poboación os hospitais deben acadar o máximo número posible de camas dispoñibles, para o cal é precisa unha xestión rápida das altas ao domicilio. En relación directa co anterior, á vista das datas en que se convoca a folga e coa información da que dispón arestora a Administración sanitaria, valorouse que o andazo de gripe encontrarase en tendencia crecente nas vindeiras semanas, prevéndose por esta causa un número de ingresos hospitalarios elevados que requirirá dunha xestión áxil das altas aos domicilios. Esta circunstancia debe ser, así mesmo, ponderada nesta orde, máxime, tendo en conta que a folga se convoca con carácter indefinido.

Así pois, os servizos mínimos que se propoñen resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte sanitario a través das empresas e entidades afectadas pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde da cidadanía.

Os citados servizos mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ás persoas enfermas e accidentadas, que baixo ningún concepto poden quedar desasistidas, dadas as características do servizo dispensado.

Os criterios reitores para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida serán os seguintes:

1º. Unha cobertura do 100 % das unidades respecto da atención urxente prestada a través do 061, e do transporte interhospitalario urxente.

2º. O 100 % dos servizos de transporte para enfermos/as que requiran tratamentos continuados de oncoloxía, o que inclúe a aplicación de radioterapia e diálise, así como o transporte interhospitalario urxente, as consultas externas urxentes e as probas diagnósticas urxentes.

3º. O 50 % dos recursos dispoñibles para cada EOXI para a realización de traslados inter e intrahospitalarios de consultas e probas, ingresos hospitalarios e traslados entre as comunidades autónomas e doutros servizos que poderán ser demandados polos centros hospitalarios, incluíndo, de ser o caso, aquelas altas hospitalarias que segundo o criterio do persoal facultativo precisen inescusablemente dun traslado en ambulancia.

Os vehículos que resulten precisos para o mantemento dos servizos mínimos, consonte os anteriores criterios reitores, contarán coa dotación mínima de persoal establecida na normativa vixente.

Artigo 2

Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllense as bases e número de recursos asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB) e bases e número de ambulancias de soporte vital avanzado (AA-SVA) precisas para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios da correspondente empresa ou entidade con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será realizada pola dirección da empresa e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a profesional que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios dos servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Bases e número de recursos asistenciais de soporte vital básico (AA-SVB)
e de soporte vital avanzado (AA-SVA) precisas para cubrir os servizos mínimos
durante a folga

– Provincia da Coruña

A Coruña -3 bases (3 AA-SVB + 1 AA-SVB 12 horas + 2 AA-SVA)

Arzúa

Arteixo

As Pontes de García Rodríguez

Betanzos

Boiro

Cambre

Carballo (2 AA-SVB)

Cariño

Cee

Cedeira

Cerceda

Curtis

Ferrol -2 bases (2 AA-SVB + 1 AA-SVA)

Mazaricos

Melide

Muros

Narón (1 AA-SVB 12 horas)

Negreira

Noia

Oleiros

Ordes

Ortigueira

Padrón

Ponteceso

Pontedeume

Rianxo (1 AA-SVB 12 horas)

Ribeira

Sada

Santa Comba

Santiago de Compostela -2 bases (2 AA-SVB + 1 AA-SVA)

Vimianzo

Total provincia da Coruña: 36 bases/42 ambulancias.

– Provincia de Lugo

A Fonsagrada

A Pontenova

Becerreá

Burela

Chantada

Foz -2 bases (1 AA-SVB 12 horas + 1 AA-SVA)

Guitiriz

Lugo -2 bases (2 AA-SVB + 1 AA-SVA)

Mondoñedo

Monforte de Lemos

Meira

Navia de Suarna

O Corgo

Palas de Rei

Quiroga

Ribadeo

Sarria

Vilalba

Viveiro

Total provincia de Lugo: 21 bases/22 ambulancias.

– Provincia de Ourense

A Gudiña

Allariz

Bande

Carballiño, O

Castro Caldelas

Celanova

Maceda

O Barco de Valdeorras

Ourense -2 bases (2 AA-SVB + 1 AA-SVB 12 horas + 1 AA-SVA)

A Pobra de Trives

Ribadavia

Verín

Viana do Bolo

Xinzo de Limia

Total provincia de Ourense: 15 bases/17 ambulancias.

– Provincia de Pontevedra

A Cañiza

A Estrada

A Guarda

Arbo (1 AA-SVB 12 horas)

Baiona (1 AA-SVB 12 horas de luns a venres e 24 horas sábado e domingo –no mes de xullo–)

Bueu

Caldas de Reis

Cambados

Cangas

Lalín

Marín (1 AA-SVB 16 horas)

Moaña

Mos (1 AA-SVA)

Nigrán

O Grove

O Porriño

Ponteareas (1 AA-SVB + 1 AA-SVB 12 horas)

Pontevedra -2 bases (2 AA-SVB + 1 AA-SVA)

Portonovo

Redondela

Silleda

Sanxenxo (1 AA-SVA –no mes de xullo–)

Tomiño (1 AA-SVB 12 horas)

Tui

Vigo -2 bases (3 AA-SVB + 3 AA-SVB 14 horas + 1 AA-SVA)

Vilagarcía de Arousa (1 AA-SVB + 1 AA-SVB 12 horas)

Total provincia de Pontevedra: 28 bases/36 ambulancias.

Total Galicia: 99 bases/117 ambulancias.

Entre parénteses figura o número de recursos cando a base ten máis de un, así como a asignación horaria naqueles recursos cuxo tramo horario é inferior a 24 horas/día.