Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Martes, 5 de febreiro de 2019 Páx. 7410

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 4 da Coruña

EDICTO (1077/2015-MA).

Na Coruña, 10 de xaneiro de 2019.

Nicolás E. Pita Lloveres, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 4 da Coruña, vistos os presentes autos seguidos neste xulgado co nº 1077/2015 en que foron parte, dun lado, como demandante, José Manuel Edreira Oseira, asistido polo letrado Sr. Pousa Meréns e, doutro, como demandada, a empresa Inter House Stone, S.L., que non comparece, con intervención do Fondo de Garantía Salarial, asistido pola letrada Sra. Prosper Montalvo, sobre reclamación de cantidade, pronunciou en nome do rei, a seguinte sentenza:

«Antecedentes de feito.

Primeiro. José Manuel Edreira Oseira presentou, con data do 10 de novembro de 2015, ante o xulgado decano demanda que foi repartida a este xulgado o 11 de novembro do mesmo ano, en que despois de expor os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza en que se condenase a demandada ao aboamento da cantidade de 6.624,50 euros polos conceptos indicados.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, celebráronse os actos de conciliación e xuízo o día 8 de xaneiro de 2015, coa asistencia da parte demandante, a cal ratificou a súa demanda, opoñéndose a demandada comparecida polas razóns que constan en autos; as partes comparecidas propuxeron proba documental e interrogatorio de parte, e uníronse aos autos, logo de declaración de pertinencia, os documentos presentados; o resto da proba proposta e admitida practicouse co resultado que, de ser o caso, se mencionará; seguidamente, as partes fixeron uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e os autos quedaron vistos para sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos seguíronse todos os trámites legais.

Feitos probados.

Primeiro. José Manuel Edreira Oseira prestou servizos para a empresa Inter House Stone, S.L. do 17 de xuño de 2014 ao 19 de decembro de 2014, con categoría de encargado, percibindo un salario mensual de 1.606,40 euros, con inclusión da parte proporcional das pagas extraordinarias.

Segundo. Con data do 19 de decembro de 2014 finalizou a relación laboral por despedimento do traballador.

Terceiro. O traballador reclama a cantidade de 6.624,50 euros que se desagrega da seguinte maneira: –Salario outubro de 2014, 1.606,40 euros. –Salario novembro de 2014, 1.606,40 euros. –Salario decembro de 2014 (3 días), 145,57 euros. –Vacacións devindicadas e non desfrutadas, 807,74 euros. –Paga extra de Nadal, 1.421,97 euros. –Indemnización por despedimento, 1.036,42 euros.

Cuarto. O 10 de novembro de 2015 tivo lugar ante o SMAC da Coruña acto de conciliación que, ante a ausencia da empresa demandada, se considera intentado sen efecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O traballador reclama a cantidade de 6.624,50 euros que se desagrega da seguinte maneira: -Salario outubro de 2014, 1.606,40 euros. –Salario novembro de 2014, 1.606,40 euros. –Salario decembro de 2014 (3 días), 145,57 euros. –Vacacións devindicadas e non desfrutadas, 807,74 euros. –Paga extra de Nadal, 1.421,97 euros. –Indemnización por despedimento, 1.036,42 euros.

Fronte á dita pretensión, o Fondo solicita una sentenza axustada a dereito cuestionando a cantidade reclamada en concepto de indemnización por despedimento.

Segundo. A relación fáctica anterior quedou acreditada en virtude da proba documental achegada polas partes e o interrogatorio de parte e valorada no seu conxunto. En concreto, o feito probado segundo, en virtude do certificado de empresa achegado pola parte demandante.

Terceiro. En relación coas cantidades reclamadas en concepto de salarios, ao non ter comparecido a empresa demandada citada en legal forma aos actos de conciliación e xuízo, e ter demostrado a demandante a relación laboral coas súas circunstancias, a través da documental presentada, así como da ficta confessio, procede a condena da demandada ao pagamento dos conceptos salariais reclamados, pois ao demandante lle basta con acreditar a relación laboral para que xurda o dereito ao salario, e á empresa algún feito impeditivo, extintivo ou excluínte (artigo 217 da LAC), o cal non verificou.

Polo que se refire á cantidade en concepto de indemnización con causa no despedimento, débese estimar a oposición realizada pola entidade xestora en canto que esta consta en dous documentos, un a carta de despedimento e outro documento de liquidación e quitanza, de cuxa autenticidade, dada a ausencia de sinatura, selo, rúbrica ou de calquera outro elemento que permita comprobar a súa autoría, pode dubidarse, polo que non procederá a estimación da demanda no que a este punto se refire.

Resolución.

Estímase parcialmente a demanda interposta por José Manuel Edreira Oseira fronte á empresa Inter House Stone, S.L., con intervención do Fondo de Garantía Salarial e, en consecuencia:

– Condénase a empresa Inter House Stone, S.L. a aboar a José Manuel Edreira Oseira a cantidade de cinco mil cinco centos oitenta e oito euros con oito céntimos de euro (5.588,08 euros).

Notifíquese a presente resolución ás partes.

Contra esta resolución cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal deberá anunciarse neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes ao da notificación desta resolución, para o cal abondará a manifestación da parte ou do seu avogado, graduado social colexiado ou representante dentro do indicado prazo.

Se o recorrente non goza do beneficio de xustiza gratuíta deberá, ao tempo de anunciar o recurso, ter consignado a cantidade obxecto de condena, así como o depósito de 300 euros na conta de depósitos e consignacións que ten aberta este xulgado, facendo constar no ingreso o número de procedemento.

Así o acorda, manda e asina Nicolás E. Pita Lloveres, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 4 da Coruña».