Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Martes, 5 de febreiro de 2019 Páx. 7392

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se convocan as subvencións do Programa Rehaluga, dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación no marco do Programa de vivendas baleiras, para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 437614.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables.

Segundo. Obxecto

Estas subvencións están dirixidas ás persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en que se realizaron actuacións para a súa incorporación ao Programa de vivendas baleiras, no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020.

Serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) Obras de conservación e mantemento.

b) Obras de rehabilitación precisas para garantir a habitabilidade da vivenda, así como o correcto funcionamento das súas instalacións ou a súa adaptación á normativa vixente.

c) Axustes na distribución interior da vivenda que non impliquen unha alteración substancial da súa configuración.

d) Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas pola Orde do 14 de marzo de 2018, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 62, do 28 de marzo, modificada pola Orde do 20 de decembro de 2018 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2019).

Cuarto. Orzamento

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.780.7 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, por un importe de 100.000 euros.

A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As actuacións subvencionaranse polo gasto xustificado, sen que o importe desta axuda poida superar a cantidade de 8.000 euros en ningún caso.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará cando se esgote partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 29 de novembro de 2019.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo