Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Luns, 28 de xaneiro de 2019 Páx. 5281

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a establecementos hoteleiros para a adquisición de materiais para a reforma dos establecementos (Reforma-Tur 19), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 5 de decembro de 2018, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes, a aprobación das bases reguladoras das axudas do Igape a establecementos hoteleiros para a adquisición de materiais para a reforma dos establecementos (Reforma-Tur 19), que inclúe o procedemento de selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a establecementos hoteleiros para a adquisición de materiais para a reforma dos establecementos (Reforma-Tur 19), que inclúe o procedemento de selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión; e convocar para 2019 o dito réxime de axudas.

Segundo. A convocatoria de axudas tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2019. Na súa virtude a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. As entidades colaboradoras do Programa Reforma-Tur 19 son as encargadas de tramitar as solicitudes de axuda (facer a reserva do crédito, presentar a solicitude e acompañar a documentación xustificativa das adquisicións).

Para poder ser beneficiario das axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo de formulario normalizado que se inclúe como anexo II destas bases.

As solicitudes deberán presentarse polas entidades colaboradoras obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde as páxinas web http://tramita.igape.es,
http://www.igape.es/reformatur, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de adhesión das entidades colaboradoras será de dous meses a partir do día hábil seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (procedemento do Igape co código IG258).

O prazo de presentación de solicitudes de axuda (que inclúen a documentación xustificativa e a solicitude de cobramento) comezará ao mes desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30.4.2019, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia (procedemento do Igape co código IG259).

O prazo de execución do proxecto, entendido como o prazo en que se deben ter adquiridos os bens subvencionables, rematará o 30.5.2019.

O prazo de xustificación da axuda estenderase ata o 15.6.2019.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

2019

09.A1-741A-7706

3.000.000,00 de euros

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar axudas por contía superior a que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Poderase obter documentación normalizada ou información adicional sobre os procedementos administrativos que soportan esta convocatoria no Igape, a través dos seguintes medios:

1. Guía de procedementos e servizos: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos

2. Páxina web do Igape: http://www.igape.es

3. O teléfono de información do Igape: 900 81 51 51.

4. O enderezo electrónico: informa@igape.es

5. Presencialmente, nas oficinas do Igape indicadas no seguinte enderezo:
http://www.igape.es/es/que-e-o-igape/onde-estamos

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Sexto. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Oitavo. Publicar o convenio de colaboración para as axudas a establecementos hoteleiros para a adquisición de materiais para a reforma dos establecementos (Reforma-Tur 19), a que se deben adherir as entidades colaboradoras.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a establecementos hoteleiros para a adquisición de materiais para a reforma dos establecementos (Reforma-Tur 19), que inclúe o procedemento de selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión

A crise económica iniciada no ano 2008 foi especialmente traumática na actividade da construción por mor da importante burbulla creada nos anos anteriores ao ano 2008 así como pola facilidade crediticia que nese eido e no da promoción inmobiliaria se produciu ata a chegada da crise.

Como consecuencia, moitas actividades industriais e comerciais que se desenvolven arredor da actividade da construción foron gravemente afectadas no período de crise chegando ao peche ou a situacións de redución por sobrecapacidade que afectaron a xeración de emprego no conxunto da actividade económica; á situación endóxena sumóuselle ademais a contracción da demanda interna e a falta de decisión de compra por parte dos consumidores.

Co gallo de incrementar e incentivar a demanda interna e tratar de repercutir con ela nos sectores industriais e comerciais sobre castigados polo parón e descenso da actividade de construción, a Consellería de Economía e Industria convocou nos anos 2015, 2016 e 2017, de acordo cos representantes das asociacións empresariais de materiais en Galicia, un incentivo temporal á demanda para a adquisición de materiais de rehabilitación e reforma, así como pezas de mobiliario de cociña e baño. Este incentivo levou a unhas vendas inducidas polo programa de máis de 25 M€, e efectos indirectos estimados nunha cantidade similar derivada da súa instalación. A avaliación positiva que por parte dos consumidores e do sector tivo o programa, así como a convicción de que o papel do Igape é buscar fórmulas que poidan incrementar o beneficio da actividade económica, e tendo en conta o potencial do sector turístico e a súa importancia en Galicia, así como a necesaria preparación dos establecementos para actualizarse e dar cumprida resposta ás exixencias dos viaxeiros, especialmente de cara ao vindeiro ano Xacobeo 2021, leva á posta en marcha dun novo programa para o 2019. Neste programa, ademais de seguir dinamizando o sector de materiais de construción e outro equipamento, búscase ademais o efecto directo destes incentivos no sector turístico en Galicia, particularmente nos establecementos de menor dimensión e capacidade.

A competencia do Igape para a tramitación destas axudas vén dada, segundo o exposto anteriormente, pola Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, onde se indica como unha das funcións do ente a promoción, fomento e potenciamento das actividades económicas que favorezan o desenvolvemento equilibrado e integrado tanto en termos sectoriais como territoriais.

As convocatorias desta liña de axudas serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Polo seu obxecto e finalidade e por non corresponder avaliación algunha das solicitudes, senón a mera comprobación dos requisitos dos beneficiarios, as axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A preparación e presentación por parte da entidade colaboradora de solicitudes será necesariamente telemática, en beneficio de ambas as partes, e dado que as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios técnicos axeitados.

Artigo 1. Obxecto

As presentes bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape destinadas a incentivar a adquisición de materiais para a reforma de establecementos hoteleiros en Galicia, co fin de incrementar e incentivar a compra e tratar de repercutir con ela nos sectores industriais, comerciais e turísticos galegos (procedemento IG200D), así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión (procedemento IG200C).

O Igape publicará na súa páxina web www.igape.es/reformatur a relación actualizada en todo momento dos establecementos de venda adheridos ao programa.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

2. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro).

3. A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no Diario Oficial de Galicia, e tamén na páxina web do Igape a dita circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Actuacións, gastos subvencionables e contía das axudas

1. Serán subvencionables as operacións de adquisición de materiais dirixidos á rehabilitación e reforma de establecementos hoteleiros situados en Galicia, realizadas nun establecemento de venda adherido, que cumpran as seguintes condicións:

a) Adquisición dun ou varios bens obxecto de subvención nalgún dos establecementos de venda adheridos á presente iniciativa.

b) Para ser subvencionable unha operación de compra individual deberá acadar un custo mínimo de 10.000 euros (sen incluír IVE).

c) A subvención máxima que se percibirá por beneficiario e establecemento será de 25.000 euros nunha ou varias operacións de compra. No caso de que un mesmo beneficiario sexa titular de máis dun establecemento subvencionable en Galicia, poderá beneficiarse das axudas cos seus límites aplicados a cada establecemento.

d) Bens que poden ser obxecto de axuda:

– Materiais para rehabilitación de envolventes: fachadas, cubertas, porches, etc.

– Materiais e mobiliario suxeito a instalación de fixación, para a reforma de interiores e exteriores, cuartos de baño e cociñas.

– Sistemas de climatización, ventilación e auga quente sanitaria.

– Sistemas de iluminación.

– Sistemas domóticos.

e) Os bens obxecto de axuda deberán ser empregados na reforma mediante instalacións fixas e constituír un compoñente da obra a realizar. Non se subvencionarán elementos non fixos.

f) Os bens obxecto de axuda deberán ser destinados, nun prazo de 6 meses desde a solicitude, á reforma ou nova instalación no enderezo do establecemento indicado na solicitude de axuda. A obriga de destinar os bens obxecto da axuda á reforma no establecemento indicado na solicitude recae en primeira instancia no beneficiario da axuda, sen prexuízo de que este poida demostrar a imposibilidade de realizar a dita reforma en prazo por retrasos ou outras causas achacables ao establecemento colaborador en cuxo caso, e de quedar acreditadas as ditas circunstancias, procederase a incoar procedemento de incumprimento de condicións ao establecemento colaborador, que poderá rematar cunha resolución de revogación da axuda.

g) Os establecementos de venda deberán identificar claramente os bens susceptibles de axuda conforme ao establecido nestas bases.

h) Quedan expresamente excluídos: a man de obra da reforma e os electrodomésticos.

i) Só se admitirán pagamentos en que unha entidade bancaria certifique que o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto, identifique claramente o receptor e o emisor do pagamento e a súa data efectiva. En particular, non se admitirán pagamentos en efectivo.

2. Non se considerarán subvencionables os gastos e custos financeiros que sexan consecuencia do investimento nin os gastos realizados en bens usados.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día da convocatoria das bases reguladoras e o derradeiro día do prazo de execución.

4. O IVE (imposto sobre o valor engadido) non se considerará gasto subvencionable, dado que os beneficiarios son empresas. Para calcular a contía da subvención terase en conta o prezo dos bens impostos excluídos.

5. A contía da axuda será dun 25 % sobre o prezo dos bens, impostos excluídos, e antes do desconto requirido no seguinte parágrafo, cun máximo acumulado de subvención de 25.000 euros por beneficiario e establecemento hoteleiro.

A axuda do Igape virá condicionada a un desconto realizado polo establecemento de venda, que será realizado sobre a base impoñible da factura, de importe polo menos da mesma contía que a axuda outorgada polo Igape.

Polo tanto, a rebaixa resultante para o comprador dos bens obxecto de axuda será do 50 % desta, cos límites expostos, mediante o desconto e a subvención á compra, sen prexuízo de calquera desconto adicional que se puidese obter por políticas concretas de venda ou promocións dos establecementos ou fabricantes.

6. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao seu valor do mercado.

Artigo 4. Financiamento e concorrencia

1. A concesión destas axudas, que terán a modalidade de subvención, outorgaranse con cargo aos orzamentos do Igape segundo a distribución establecida na convocatoria da axuda.

2. En todo caso, a concesión de axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

O Igape informará as entidades colaboradoras adheridas, mediante un anuncio inserido na súa páxina web, da data en que finalicen os fondos asignados para este programa de axudas.

3. As subvencións que se outorguen ao abeiro destas bases serán compatibles con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Non obstante, o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou doutros organismos internacionais, supere o 100 % do gasto subvencionable.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais.

4. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase do solicitante unha declaración sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

5. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 17 destas bases reguladoras.

Artigo 5. Entidades colaboradoras

1. As entidades colaboradoras actuarán de enlace entre os solicitantes das axudas e o Igape. Serán as encargadas da venda e promoción dos bens subvencionables indicados no artigo 3.1.d).

Na súa relación co Igape, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

a) Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda.

b) Realización ante o Igape dos trámites para solicitar a axuda.

c) Desenvolvemento das accións vinculadas ao programa.

d) Xustificación da axuda e a súa certificación ante o Igape.

2. Para os efectos destas axudas, poderán ser entidades colaboradoras os establecementos de venda de calquera dos bens especificados no artigo 3.1.d). Deberán ser entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, ou ben empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia (non poderán ser entidades colaboradoras as sociedades civís, as comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica propia) e acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Igape. As características técnicas exixibles poderán consultarse na oficina virtual do Igape (http://tramita.igape.es).

3. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten nos prazos que se indican na convocatoria, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria destas bases no Diario Oficial de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas das sinaladas no punto 2 deste artigo, nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. As entidades colaboradoras seleccionaranse de acordo co procedemento que se establece no artigo 6 destas bases, con suxeición á normativa que resulte de aplicación.

De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán adherirse ao convenio de colaboración entre elas e o Igape, en que se regularán as condicións e as obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo IV destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

6. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de inspección e control que o Igape poida efectuar respecto á xestión destas axudas, e que permitan a xustificación financeira perante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Contas, así como as comprobacións previstas na lexislación do Consello de Contas, de acordo co establecido na letra d) do artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Dar a adecuada publicidade do carácter público do cofinanciamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, deberán facer constar na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado o cofinanciamento pola Xunta de Galicia a través do Igape, así como colocar carteis indicativos e visibles nos establecementos onde consten con notoriedade os logotipos da Xunta de Galicia e do Igape.

d) Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión, e deberán restituír as cantidades percibidas nos casos en que concorra causa de reintegro.

e) Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Igape.

f) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables das operacións de venda subvencionadas así como dos importes aboados polo Igape, de acordo co establecido no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda, que inclúe a documentación xustificativa, a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

b) Vender no marco da iniciativa só os produtos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.

c) Aplicar os descontos correspondentes ao establecemento de venda e á subvención conforme o establecido nas bases, o cal reflectirá adecuadamente na correspondente factura.

d) Facilitar canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.

e) Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do programa.

Artigo 6. Adhesión de entidades colaboradoras

1. Forma e lugar de presentación da solicitude de adhesión (procedemento IG200C).

As entidades colaboradoras interesadas deberán acceder á aplicación informática accesible desde a oficina virtual do Igape (http://tramita.igape.es) ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, para cubrir obrigatoriamente segundo o procedemento do Igape co código IG258 a solicitude de adhesión (anexo I), en que se declarará a vontade de adherirse ao convenio publicado como anexo IV destas bases.

Nesta aplicación deberá enumerar un conxunto de persoas da súa organización que serán as autorizadas por parte da entidade colaboradora para tramitar telematicamente e asinar electronicamente as solicitudes de axuda e cobramento das subvencións. Para poder realizar estas tarefas, as persoas citadas deberán estar provistas de certificado X509v3 dunha das entidades certificadoras das admitidas pola Consellería de Facenda (consultar en tramita.igape.es).

O usuario e contrasinal utilizado para o acceso á oficina virtual do Igape serán, unha vez adherida a entidade, os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda, e para ver o seu estado.

Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá a entidade colaboradora para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. As entidades colaboradoras interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

b) Certificado de situación censual emitido pola AEAT no caso de estar exento do imposto de actividades económicas (IAE).

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

De conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

3. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

4. Prazo de presentación das solicitudes de adhesión.

O prazo para a presentación das solicitudes de adhesión será o establecido na convocatoria.

5. Emenda.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos exixidos, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Os requirimentos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que informará da posta á disposición do requirimento. Pode acceder ao citado requirimento co seu usuario e contrasinal. Entenderase rexeitado cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición do requirimento sen que se acceda ao seu contido.

6. Instrución do procedemento e audiencia.

Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de 10 días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

Poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

7. Competencia.

É competente para a instrución do procedemento de selección de entidades colaboradoras a Área de Competitividade do Igape e, para a súa resolución, a persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

8. Resolución.

O prazo máximo para resolver sobre as adhesións é dun mes desde a solicitude. Transcorrido o dito prazo, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. A resolución ditarase individualmente para cada unha das solicitudes, e notificarase seguindo estritamente a súa orde de presentación, salvo que se deba emendar, momento en que se terá en conta a data de presentación da emenda.

Tendo en conta os prazos anteriores, aquelas solicitudes de adhesión que á data de fin de prazo de presentación de solicitudes de axuda dos particulares non estiveran adheridos serán arquivados ao abeiro do previsto no artigo 84 da Lei 39/2015 ao non ser materialmente posible executar o obxecto principal da colaboración por ter rematado o período deste.

Sen prexuízo do anterior, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos ao Programa Reforma-Tur 19.

9. Notificación das resolucións.

As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). A partir dese momento, a entidade colaboradora poderá operar na aplicación para solicitar as axudas.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Na páxina web do Igape (http://www.igape.es/reformatur) poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

Artigo 7. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de:

a) Establecementos hoteleiros cun máximo de 40 prazas, definidos no capítulo II, artigo 4 (concepto de hoteis), artigo 6 (concepto de hoteis balneario) e artigo 7 (hotel talaso) do Decreto 57/2016, do 12 de maio, situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os establecementos de Turismo Rural segundo o Decreto 191/2004, do 29 de xullo, situados no Camiño de Santiago.

c) Os albergues privados situados no Camiño de Santiago.

Os establecementos deben estar autorizados ou clasificados conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT), cunha antigüidade no exercicio da actividade no establecemento para o que se solicita a subvención non inferior a cinco anos á data de publicación da convocatoria da axuda.

Os beneficiarios deben adquirir os bens subvencionables descritos no artigo 3.1.d) nunha entidade colaboradora adherida ao Programa Reforma-Tur 19 e instalalos no seu establecemento no prazo indicado no artigo 3.

Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión.

Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Os provedores (entidades colaboradoras) non poderán estar vinculados (segundo os termos recollidos non artigo 3.3 do anexo I ao Regulamento (UE) nº 651/2014) co beneficiario da axuda nin cos seus órganos directivos ou xestores.

Os beneficiarios obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida polo Igape no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Mediante a presentación da solicitude os beneficiarios aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora, que será así mesmo a encargada de informar puntualmente o interesado sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas desta, e das notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 15.2.

Artigo 8. Obrigas

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as seguintes:

a) As descritas no artigo 5.6, letras a), b), c), d) e f), obrigas comúns ás entidades colaboradoras.

b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data na que deban ser presentadas ante o Igape. O pagamento corresponderá ao importe total da factura emitida pola entidade colaboradora descontando a axuda outorgada polo Igape. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como establece o artigo 9 destas bases.

d) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención, así como colaborar e achegar a documentación á entidade colaboradora.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

As entidades colaboradoras do Programa Reforma-Tur 19 son as encargadas de tramitar o procedemento IG200D (presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).

1. O comprador dirixirase a unha entidade colaboradora e seleccionará un conxunto de bens para adquirir que cumpra os requisitos mínimos exixidos no artigo 3 destas bases.

Na páxina web do Igape (http://www.igape.es/reformatur) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras do Programa Reforma-Tur 19.

2. Unha vez tomada a decisión de adquisición de bens subvencionables coas condicións establecidas no artigo 3, a entidade colaboradora terá que:

a) Comprobar que o comprador cumpre cos requisitos establecidos no artigo 7 para poder ser beneficiario da axuda.

b) Cubrir un formulario na oficina virtual do Igape, descritivo das circunstancias desa operación, co fin de confirmar a existencia de crédito. No caso de que un mesmo beneficiario solicite axuda para varios establecementos hoteleiros, deberase cubrir unha solicitude distinta para cada un deles. Non se admitirá, pois, que unha solicitude faga referencia a bens que se instalarán en varios establecementos hoteleiros.

3. Os servizos do Igape examinarán o formulario e, de ser correctos os datos, reservarán o crédito correspondente. Cando a aplicación informática reflicta o estado de «Crédito reservado» significa que existe crédito reservado, e indicarase a contía deste. A partir dese momento xa se pode levar a cabo a operación. De non existir crédito, a aplicación non permitirá a presentación de solicitudes.

4. Unha vez facturados e pagados os bens, a entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática accesible desde a oficina virtual do Igape (http://tramita.igape.es) ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, para presentar a solicitude de axuda (procedemento IG259) asinada polo beneficiario, mediante o formulario normalizado de remisión, que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática, e que se xunta como anexo III a estas bases a título informativo.

A entidade colaboradora deberá achegar xunto co formulario de remisión da solicitude a seguinte documentación:

a) Solicitude do beneficiario asinada (anexo II) que se imprimirá por duplicado obrigatoriamente desde a aplicación informática, correspondendo un exemplar ao comprador e outro á entidade colaboradora.

b) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución da entidade solicitante, e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

c) Acreditación, por calquera título válido en dereito, da titularidade do establecemento hoteleiro por parte do solicitante da axuda.

d) Factura xustificativa, que reflicta con claridade os seguintes datos:

1º. Data de emisión.

2º. Nome ou razón social e CIF ou NIF do beneficiario.

3º. Descricións dos bens acorde coa solicitude.

4º. Importe neto dos bens.

5º. Desconto do Programa Reforma-Tur 19, do comercio, calculado como o 25 % do importe neto total. Na factura debe figurar o importe do desconto, debe aplicarse a detracción ao importe neto total e debe constar o seguinte literal:

«Programa Reforma-Tur 19: 25 % de desconto da entidade colaboradora».

6º. Base impoñible.

7º. IVE e total da base impoñible máis IVE.

8º. Axuda do Programa Reforma-Tur 19, do Igape, polo mesmo importe que o desconto. Na factura debe figurar o importe da axuda, aplicarse a detracción á base impoñible+IVE e constar o seguinte literal:

«Programa Reforma-Tur 19: axuda do Igape como cesión de crédito do beneficiario á entidade colaboradora».

9º. Total que ten que pagar o beneficiario (o beneficiario ten que pagar o total IVE incluído menos a axuda do Igape).

Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.

e) Xustificante bancario do pagamento. No caso da banca electrónica deberá vir selado pola entidade financeira ou dispoñer dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade financeira. No caso de que exista financiamento para o cliente o establecemento deberá conservar o documento xustificativo de que o cobramento da operación se realizou na súa totalidade no prazo establecido polas bases reguladoras Reforma-Tur 19. A dita documentación xustificativa poderá ser requirida polo Igape durante a tramitación da operación ou en actuacións posteriores de inspección e control. En ningún caso serán gastos subvencionables os gastos financeiros.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

De conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

5. En virtude do artigo 29.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar tres ofertas para gastos superiores a 15.000 euros, por canto o gasto se realizará con anterioridade á solicitude de subvención, nunha das entidades colaboradoras.

6. Co obxecto de executar o máximo do orzamento, unha vez que a contía reservada sexa equivalente á cantidade máxima destinada a esta convocatoria, poderán seguirse cubrindo formularios de solicitude de axuda ata o límite de 150.000 euros. Estas solicitudes aparecerán no estado «Listaxe de espera (número na listaxe)» e, de ser o caso, segundo se vaian liberando fondos como consecuencia da cancelación de actuacións reservadas ou da ampliación de crédito, pasarán ao estado «reservada».

7. A aplicación informática informará en tempo real sobre a dispoñibilidade de crédito, impedindo, de ser o caso, a presentación de solicitudes, quedando así a entidade colaboradora informada en tempo real da imposibilidade de seguir propoñendo aos seus clientes operacións subvencionables polo Programa Reforma-Tur 19, despois de consumido o crédito disposto polo Igape para o programa.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento de adhesión de entidades colaboradoras consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, relativos á empresa que solicita ser entidade colaboradora:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) NIF da entidade solicitante.

e) Certificado da AEAT de alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE) da entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. Para a tramitación do procedemento de concesión de axuda consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos, relativos ao solicitante de axuda:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) NIF da entidade solicitante.

e) Información do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas relativa á titularidade do establecemento e cumprimento dos requisitos de beneficiario.

f) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

i) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. Emenda.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a instancia non viñese acompañada da documentación citada no artigo 9.4 destas bases, requirirase a entidade colaboradora para que no prazo de 10 días hábiles emende a falta ou acompañe os documentos, con indicación de que en caso contrario teráselle por desistida da solicitude, procedéndose ao arquivamento do expediente.

Os requirimentos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que informará da posta á disposición do requirimento. Pode acceder ao citado requirimento co seu usuario e contrasinal. Entenderase rexeitado cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición do requirimento sen que se acceda ao seu contido. A documentación requirida deberase presentar así mesmo por vía electrónica.

No caso de que a solicitude sexa arquivada debido a que a entidade colaboradora non cumpriu dilixentemente as súas obrigas de comprobación e tramitación, será da súa exclusiva responsabilidade a recuperación do desconto equivalente ao importe da axuda aplicado ao seu comprador.

2. Concesión.

A concesión das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde da data da solicitude efectuada na aplicación informática, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

As reservas que están na listaxe de espera serán atendidas co crédito que quedase libre se se produce algunha cancelación ou modificación das actuacións reservadas. Para este efecto, se un solicitante renuncia ao crédito reservado para a súa solicitude, a entidade colaboradora deberá enviar un escrito asinado por esta e polo solicitante en que comunique este feito, para o efecto da cancelación desa reserva e liberar os créditos correspondentes.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Existencia de crédito.

A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no DOG e tamén na páxina web do Igape a dita circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 12. Órganos competentes

A Área de Competitividade do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e o seu pagamento. Corresponde ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 13. Audiencia

Instruído o procedemento e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 14. Prazo máximo de resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 30 días hábiles contados desde a data da solicitude na aplicación informática. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 21 da Lei 39/2015. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Resolución e notificación das resolucións

1. Unha vez comprobada a documentación, a Dirección da Área de Competitividade do Igape elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral do Instituto, que resolverá a concesión ou denegación de cada axuda, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O procedemento e contido da resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. As notificacións realizaranse ás entidades colaboradoras e estas terán a obriga de notificarlles aos beneficiarios das axudas.

As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

A resolución dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nestas bases esgotará a vía administrativa. O interesado, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderá interpoñer contra ela recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer no prazo dun mes desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, recurso de reposición, que resolverá o mesmo órgano que ditou o acto administrativo impugnado se fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que de acordo co establecido nestas bases reguladoras se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 13.

Artigo 18. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015.

Artigo 19. Pagamento das axudas

Unha vez concedida a axuda, o Igape, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

A continuación, o Igape aboaralle directamente ao establecemento que realizou a operación de compravenda e, polo tanto, anticipou a subvención do Igape ao beneficiario da axuda, os importes correspondentes ao conxunto de operacións presentadas pola entidade e aprobadas polo Igape, nun prazo medio de 30 días desde a presentación da solicitude de axuda para expedientes sen incidencias, nas contas especificadas polo establecemento no momento da súa adhesión, quedando constancia nos seus rexistros contables de acordo co establecido no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Incumprimento, reintegro e sancións

1. Serán causas de revogación e reintegro da subvención as establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, será causa de revogación e reintegro a non instalación dos bens no prazo de 6 meses desde a presentación da solicitude de axuda.

O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e título V do regulamento, sendo competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dite resolución pola que se declare a dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puidesen ser constitutivos de infracción administrativa.

2. As cantidades que se reintegrarán terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará aplicable para o seu cobramento o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios e entidades colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

4. Se no procedemento de reintegro quedase acreditada a infracción grave destas bases pola entidade colaboradora ou o establecemento de venda, o Igape poderá resolver a revogación da súa colaboración e o reintegro das cantidades aboadas polo Igape por conta dos beneficiarios. A exixencia de reintegro aos beneficiarios procederá nos supostos en que concorra algunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O Igape reserva para si o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Se no curso destas verificacións se detectase que os beneficiarios da subvención ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas no Programa Reforma-Tur 19, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, a obriga de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

6. Cando se realizasen descontos por parte das entidades colaboradoras adheridas en concepto de axuda obxecto deste programa a titulares dunha solicitude e se comprobase posteriormente por parte do Igape que non se cumpriron as condicións establecidas para recibir a devandita axuda por parte dos beneficiarios ou, de ser o caso, que houbo incumprimentos por algunha entidade colaboradora das bases da convocatoria, a entidade asumirá os devanditos descontos e non llos poderá reclamar ao Igape.

Ademais, o incumprimento por parte dunha entidade colaboradora adherida consistente en aprazar o pagamento da axuda ao cliente final ata despois de que o Igape llo ingrese a el, en lugar de descontalo no momento do pagamento, suporá o incumprimento destas bases coas consecuencias previstas neste artigo.

7. Efectuado o pagamento das subvencións polo Igape, o incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Artigo 21. Control

1. Os beneficiarios das axudas e as entidades colaboradoras, quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape, que poderán incorporar visitas ao establecemento hoteleiro sinalado para a instalación dos bens subvencionados.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Publicidade

De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 23. Interpretación

Corresponde á persoa titular da dirección xeral do Igape a facultade de ditar as disposicións necesarias para a aplicación das normas de tramitación previstas nestas bases, así como para resolver as dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.

Artigo 24. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Artigo 25. Remisión normativa

1. Para o non establecido nestas bases aplicarase o previsto:

a) Na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) No Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) No Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) No Regulamento (CE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis.

f) No resto da normativa que resulte de aplicación.

2. En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 e outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Convenio de colaboración entre o Igape e a entidade colaboradora .......................... para a xestión de axudas relativas ao Programa Reforma-Tur 19

Dunha parte, Juan Manuel Cividanes Roger, director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con CIF Q6550010J, domiciliado no Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela. Está facultado para este acto en virtude da delegación de facultades do 23 de decembro de 2016 do presidente del Igape, feita pública mediante Resolución do 25 de xaneiro de 2017 (DOG nº 23, do 2 de febreiro).

Doutra parte, ..., con NIF ..., actuando en nome e representación da entidade ... con NIF ..., debidamente facultado para subscribir este convenio,

Expoñen:

I. Que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para o Programa Reforma-Tur 19, estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre o Igape e os beneficiarios das axudas do programa.

II. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto da colaboración

O presente convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre a entidade ...e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), de acordo coa Resolución do 20 de decembro de 2018 pola que se establecen as axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a establecementos hoteleiros para a adquisición de materiais para a reforma dos establecementos (Reforma-Tur 19), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro de 2019) (en diante, as bases reguladoras do Programa Reforma-Tur 19).

Segunda. Condicións das operacións, axuda do Igape e procedemento de tramitación

As condicións das operacións de compravenda de materiais e compoñentes, os requisitos dos beneficiarios e das entidades colaboradoras, a axuda do Igape e o procedemento de tramitación das solicitudes, a dotación orzamentaria, a xustificación e o aboamento da subvención, modificacións, incumprimentos e reintegros, establécense nas mencionadas bases reguladoras da axuda.

Terceira. Entidade colaboradora

A entidade ... é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido nos artigos 5 e 6 das bases reguladoras do Programa Reforma-Tur 19, que acredita o cumprimento dos requisitos e as condicións de solvencia económica e técnica previstas nas mencionadas bases reguladoras.

Cuarta. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais de ao establecido no artigo 5 das bases reguladoras do programa, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

a) Divulgar a liña de axudas do Igape e dar información fidedigna dos bens subvencionables e as porcentaxes de rebaixa sobre o prezo dos produtos, e darlle publicidade á iniciativa mediante a colocación de carteis indicativos e visibles nos establecementos, onde consten con notoriedade os logotipos da Xunta de Galicia e do Igape. Co obxecto de lograr maior coordinación, os proxectos e campañas publicitarias que, de ser o caso, realicen as entidades colaboradoras sobre este convenio, deberán comunicarse previamente ao Igape.

b) Desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das subvencións, poñer todos os medios dispoñibles para facilitarlles o acceso a esta liña de axudas aos beneficiarios e colaborar na difusión deste programa.

c) Cumprir as obrigas previstas para as entidades colaboradoras no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Comprobar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos nas bases reguladoras para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así coma a corrección da documentación que se lles exixe para percibir a subvención.

e) Realizar a venda acollida ao Programa Reforma-Tur 19 unicamente cando o estado da aplicación informática lle indique a existencia de crédito e a corrección da información introducida para o expediente.

f) Tramitar ante o Igape, por conta do beneficiario, as solicitudes de axuda e cobramento para operacións de compra dos bens subvencionables. A tramitación destas solicitudes será obrigatoriamente por vía electrónica, para o que é necesaria a sinatura dixital das persoas para tal efecto designadas, así coma a provisión por parte da entidade colaboradora dos medios técnicos necesarios (ordenador convenientemente configurado, escáner, conexión á internet, etc).

g) Comunicar aos solicitantes, dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro telemático, a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (dous meses desde a remisión da solicitude do comprador) e os efectos do silencio administrativo (negativo).

h) Descontar nos bens suxeitos ao Programa Reforma-Tur 19 un 25 % do seu importe antes de impostos, co límite de 25.000 euros para a axuda, por establecemento, e anticipar mediante desconto adicional en factura a axuda do Igape pola mesma contía, que será, en todo caso, a indicada pola aplicación informática de xestión do programa.

i) Reflectir nas facturas dos bens obxecto de subvención os citados descontos, emitíndoas coa información requirida polo artigo 9.4 das bases reguladoras do Programa Reforma-Tur 19.

j) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables das operacións de venda subvencionadas, así como dos importes aboados polo Igape, de acordo co establecido no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Custodiar durante o prazo de cinco anos desde a finalización dos expedientes a documentación correspondente ás operacións realizadas, de que remitirán copia dixitalizada ao Igape para proceder á resolución e cobramento das axudas, segundo o previsto no artigo 9 das bases reguladoras da axuda.

l) Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

m) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento dos requisitos e das obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

n) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais dos compromisos establecidos no artigo 6 das bases reguladoras, a entidade colaboradora comprométese a:

a) Coñecer o contido das bases reguladoras do programa e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

b) Ter o domicilio social ou un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Posuír a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 6 das bases reguladoras do programa.

d) Consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Igape nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

e) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Comunicará ao Igape calquera variación que se poida producir nos datos recollidos nos documentos presentados.

Sexta. Obrigas do Igape

O Igape obrígase a aboar por cada operación aprobada e debidamente xustificada ao abeiro deste convenio e das bases reguladoras da axuda, a prol do beneficiario, a través da entidade colaboradora adherida, o importe da axuda que corresponda segundo as bases reguladoras do Programa Reforma-Tur 19.

Sétima. Control

Tanto as entidades colaboradoras, como os beneficiarios das axudas, quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións acollidas a este convenio e sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estas actuacións de control poderán incorporar visitas ao domicilio sinalado para a instalación dos bens subvencionados.

Oitava. Publicidade dos datos

De conformidade co previsto no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro das bases reguladoras e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades colaboradoras para os efectos da aprobación da operación, e a referida publicidade.

Novena. Procedementos internos para a tramitación de operacións

As partes adheridas ao convenio comprométense a seguir as normas de procedemento interno que se establezan, de ser o caso, necesarias para asegurar a maior axilidade na tramitación das operacións, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia.

En particular, o Igape resérvase a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da Oficina Virtual, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio.

Décima. Denuncia do convenio

Será causa suficiente para a resolución do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da outra cun mínimo de 30 días de aviso previo. A resolución suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte aos beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Décimo primeira. Natureza

Este convenio ten natureza administrativa e considérase incluído no artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que queda fóra do ámbito da súa aplicación, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios desta lei para resolver as dúbidas e lagoas que puidesen presentarse. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse polo director xeral do Igape, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativo.

Décimo segunda. Vixencia

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura polo director xeral do Igape e estenderá a súa vixencia ata o 31.12.2019 sen prexuízo das prórrogas, que, se é o caso, así se pactasen por acordo expreso das partes, unha vez tramitadas as habilitacións oportunas.

Décimo terceira. Remisión normativa

Para todo o non previsto neste convenio aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares (DOG nº 82, do 30 de abril), na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Data, sinatura e selo

Data, sinatura e selo

Juan Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego
de Promoción Económica

..........................................

O/a representante legal da
entidade colaboradora