Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Luns, 28 de xaneiro de 2019 Páx. 5276

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2019 pola que se convoca a xornada A revisión dos actos e disposicións nulas de pleno dereito e a declaración de lesividade.

Conforme aos fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 20/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar a xornada A revisión dos actos e disposicións nulas de pleno dereito e a declaración de lesividade, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

A cuestión relativa á revisión de oficio dos actos administrativos e demais institucións xurídicas relacionadas, como a declaración de lesividade, a revogación, ou os límites á revisión de oficio constitúen temas clásicos en dereito administrativo, pero que se atopan en permanente actualidade pola súa crecente utilización debido a factores como a adopción de novos criterios xurídicos de valoración ou a perentoriedade dos prazos procesuais e a maior sensibilidade da cidadanía na procura de xustiza na correcta aplicación da lei.

Cun importante compoñente práctico, a xornada abordará os procedementos regulados nos artigos 106 e 107 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, mediante a realización dun estudo da doutrina do órgano consultivo autonómico sobre estes procedementos nos anos comprendidos entre 2005 e a actualidade.

2. Contidos.

Entre outros temas analizarase especialmente a doutrina do Consello Consultivo de Galicia ao redor dos seguintes aspectos:

• Obxecto do procedemento.

• Os motivos de nulidade de pleno dereito.

• Competencia para revisar e declarar a lesividade.

• A lexitimación.

• O procedemento: inicio, admisión, instrución, resolución e efectos (caducidade).

• O procedemento de declaración de lesividade.

• A responsabilidade patrimonial derivada da anulación.

• Límites á revisión.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto de xustiza como autonómica e local, dos entes instrumentais da comunidade autónoma e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

4. Desenvolvemento.

Data: 6 de febreiro de 2019.

Horario: das 10.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública. Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Duración: 7 horas lectivas.

5. Número de prazas: 70.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 30 de xaneiro de 2019.

Todas as persoas solicitantes deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, achegando a certificación acreditativa do cumprimento dos requisitos establecidos no punto 3. Serán excluídas aquelas solicitudes que non acompañen a citada certificación ou que sexa recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, isto é, 30 de xaneiro de 2019.

Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 ata as 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 - 981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. No punto desta xornada da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde o día da súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase, no devandito espazo, a listaxe definitiva das persoas admitidas na xornada.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao comezo da actividade formativa, achegando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nos parágrafos a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar, en ningún caso, o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da súa finalización. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia á actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública