Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Mércores, 23 de xaneiro de 2019 Páx. 4152

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á creación ou mellora de infraestruturas nos concellos de Galicia con poboación inferior a 50.000 habitantes, para o ano 2019 (código de procedemento MT300A).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, creada polo Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do establecido na súa disposición transitoria primeira e no artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, modificado polos decretos 177/2016, do 15 de decembro, e 106/2018, do 4 de outubro, é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, e conservación da natureza, conforme o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados na Constitución española e que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

O artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, establece que corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo a realización de actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

O modelo territorial galego caracterízase pola súa diversidade, pois xunto ás sete grandes cidades que concentran, na súa área de influencia, o 57 % da poboación galega, conflúen, por unha banda, un conxunto de vilas de pequeno e mediano tamaño que contribúen ao equilibrio territorial e á cohesión social e, por outra banda, un importante número de entidades singulares de poboación de tamaño desigual e de tipo diferente, distribuídas polo territorio de maneira dispersa, que dotan dunha especial singularidade o espazo rural da nosa comunidade autónoma.

O conxunto de vilas dispersas pola nosa xeografía articula e centraliza a vida económica, social e cultural do territorio que se atopa baixo a súa área de influencia. Constitúen verdadeiros motores de dinamización social e económica ao se converteren en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

A súa influencia vén determinada por diversos factores como accesibilidade ao núcleo, o nivel de servizos e actividades de lecer que subministra ao conxunto da poboación, e o seu papel como centro comercial para a economía da zona.

A finalidade perseguida é a de humanizar as vilas galegas, atendendo á realidade sociodemográfica de cada unha delas, aplicando unha nova visión sobre as nosas urbes enfocada no futuro e nas persoas.

Polo tanto, é preciso acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas e os servizos, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación, cos seguintes obxectivos:

1. Promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos con criterios de sustentabilidade económica, ambiental e social.

2. Mellorar as dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos, para ofrecer unha oferta de calidade e adecuada ás necesidades da poboación, co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos da nosa comunidade autónoma.

3. Fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico das vilas.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta orde tramítase na modalidade de concorrencia competitiva.

En virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas aos concellos de Galicia, con poboación inferior a 50.000 habitantes, para a creación e mellora de infraestruturas, e convocalas para o ano 2019.

A xestión das subvencións obxecto desta convocatoria realizarase de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios da subvención os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter unha poboación inferior a 50.000 habitantes. Para estes efectos, considerarase o número de habitantes recollido no último padrón municipal aprobado polo Real decreto 1039/2017, do 15 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2017. No caso de que na data de publicación desta orde estiver publicado o real decreto referido as cifras de poboación do ano seguinte, tomarase este último como referencia.

2. Ter remitido ao Consello de Contas a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario 2017 antes do remate do prazo de presentación da solicitude de axuda.

3. Non estar incursos en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

4. Acreditar a viabilidade do proxecto referido ao ámbito en que se pretenden realizar as actuacións obxecto da solicitude. Este requisito acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo II.

Para os efectos desta orde, entenderase que existe plena viabilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención dispoñan de todas as autorizacións e informes sectoriais que precise por razón da materia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos destinados á creación ou mellora de infraestruturas, dotacións e instalacións vinculadas á prestación dos servizos municipais que se indican a seguir:

a) Humanización e mellora urbanas de rúas.

b) Humanización e mellora de espazos públicos.

Para estes efectos defínese:

Actuacións de humanización: actuacións que supoñan aumentar a superficie do espazo público para o seu uso polos peóns en detrimento do seu uso por vehículos de motor.

Actuacións de melloras: obras que doten de redes de servizos urbanos (abastecemento, recollidas de augas, iluminación pública, soterramento de cables de telefonía e electricidade), reforma ou formación de beirarrúas en vías de titularidade pública, supresión de barreiras arquitectónicas e, en xeral, obras que melloren a utilización polas persoas dos espazos públicos.

2. Cada concello só poderá solicitar axuda para unha actuación das descritas anteriormente. Cando o órgano instrutor observe que un concello participa en máis dunha actuación, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

3. As actuacións para as cales se solicite a subvención deberanse iniciar no exercicio 2019 e os prazos da súa execución terán en conta as datas límite de xustificación que se especifican no artigo 14 desta convocatoria. Para tal efecto, o período de referencia para a imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de outubro de 2020, conforme as condicións que se especifican no artigo 14 desta orde de axudas.

En ningún caso serán obxecto de axuda:

a) A adquisición de terreos.

b) Os proxectos de redes de luz pública que consistan unicamente na substitución de lámpadas ou luminarias; ou aqueles destinados á colocación, substitución ou reparación de elementos e pezas illadas en mobiliario ou equipamentos.

c) Adquisición ou substitución de equipamentos para tratamento e xestión de residuos sólidos urbanos que non formen parte de xeito conxunto de proxectos relativos ás actuacións a) e b) do punto 1 do presente artigo.

d) Adquisición de vehículos.

Artigo 4. Crédito e importe máximo das subvencións

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2019 07 04 521A 7620 (proxecto 2015 00235) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019. Destínase para tal finalidade un total de dous millóns catrocentos corenta e seis mil catrocentos euros (2.446.400,00 €), distribuídos nas seguintes anualidades:

2019: 822.500,00 €.

2020: 1.623.900,00 €.

O Consello da Xunta, na súa reunión do 18 de outubro de 2018, aprobou o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, polo que, para os efectos da tramitación desta orde, resulta de aplicación o establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001; queda condicionada a concesión de subvencións ao abeiro desta convocatoria á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2019.

2. A axuda económica será o 80% do investimento subvencionable, co límite máximo de noventa e seis mil oitocentos euros (96.800,00 €) por concello (IVE incluído), ata o esgotamento do crédito a que se refire o punto anterior.

Artigo 5. Ampliación de crédito

Sen prexuízo do establecido no artigo 4, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; neste caso, o órgano concedente procederá a publicala nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias, financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

Artigo 6. Iniciación e prazo de presentación de solicitude

1. Os concellos presentarán a súa solicitude para acollerse a estas axudas, segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde, dirixida á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través de formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a presentación electrónica.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a presentación electrónica.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

6. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Declaración responsable do anexo I desta orde asinada pola persoa representante da entidade local solicitante, en que se faga constar o conxunto de todas as axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Certificación do anexo II da persoa que exerce a titularidade da secretaría da entidade local en que se faga constar:

b.1) O acordo do órgano competente da entidade local polo cal se solicita a subvención para as actuacións que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O acordo estará referido a todas as actuacións que integran o proxecto, polo que se deberá consignar a denominación e o orzamento de cada unha delas, así como o orzamento total.

O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

b.2) Que a conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario de 2017 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia. Deberase acreditar no certificado que a remisión da conta ao Consello de Contas se efectuou antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, polo cal se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas certificacións en que non se faga constar a dita data de remisión.

O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

b.3) A viabilidade do proxecto referido ao ámbito en que se pretenden realizar as actuacións obxecto da solicitude.

Para efectos desta orde, entenderase que existe plena viabilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención dispoñan de todas as autorizacións e informes sectoriais que precisen por razón da materia.

c) Memoria xustificativa da necesidade das actuacións para as cales se solicita a subvención, asinada pola persoa representante da entidade local. O contido desta memoria será obxecto de valoración no punto 6 do artigo 9 desta orde de axudas.

d) Nas solicitudes deberá achegarse o proxecto ou anteproxecto da/s obra/s que se vaian realizar co seguinte contido mínimo:

Memoria explicativa.

Orzamento detallado.

Planos a escala suficiente.

e) Informe emitido pola intervención da entidade en que se acrediten, de ser o caso, as alíneas a), b) e c) do artigo 9.4 desta orde para os efectos da valoración da solicitude.

f) Certificado emitido pola persoa responsable da Intervención ou Tesouraría da entidade do total dos dereitos recoñecidos netos dos capítulos I, II e III segundo o orzamento de ingresos liquidado de 2017, segundo establece o artigo 9.5 desta orde, para os efectos da valoración da solicitude.

7. O defecto nas solicitudes seralles notificado ás entidades solicitantes pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e daráselles un prazo máximo e improrrogable de dez días para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desisten da súa petición, logo da resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 7. Órganos competentes

O órgano instrutor será o Servizo Xurídico-Administrativo da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. A comisión de valoración, cuxa composición se especifica no artigo seguinte desta orde, é o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 9 desta mesma orde.

A persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditará, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda segundo establece a disposición adicional primeira desta orde, as resolucións relativas aos procedementos asociados a esta orde de subvención.

Artigo 8. Instrución

1. Unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se achegue con elas e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán elevados polo órgano instrutor á comisión para a súa valoración, de acordo cos criterios establecidos no artigo 9 destas bases reguladoras.

2. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución de inadmisión dos expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, na cal se indicarán as causas desta.

3. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 9, e de emitir informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada, en que conste a relación ordenada de todas as solicitudes valoradas con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas. Este informe remitirase ao órgano instrutor, que elevará este informe xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, órgano encargado da resolución.

4. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

1º. Presidente: a persoa titular da xefatura do Servizo de Planificación Urbanística I da Subdirección Xeral de Urbanismo da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2º. Vogal: a persoa titular da xefatura do Servizo de Obras e Supervisión de Proxectos da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

3º. Vogal: a persoa que ocupe o posto de arquitecto funcións facultativas do Servizo de Planificación Urbanística II da Subdirección Xeral de Urbanismo da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

4º. Secretario/a: a persoa que ocupe o posto base A1 do Servizo de Xestión Económica, Subvencións e Axudas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Se algún dos membros da comisión non pode participar nunha sesión por calquera causa, será substituído por un/unha funcionario/a da dirección xeral designado/a pola persoa titular desta.

5. Na proposta de concesión que formule o instrutor figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, ordenados segundo a valoración que se lle outorgue á súa solicitude no informe emitido pola comisión de valoración. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. O resto das solicitudes admitidas e valoradas pola comisión de valoración poderán ser atendidas seguindo a orde de puntuación, sen necesidade dunha nova convocatoria, co crédito que resulte dispoñible de producirse algunha renuncia no prazo establecido no artigo 11.1 desta convocatoria, e ata o límite do crédito dispoñible. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9. Criterios de valoración

Na valoración das solicitudes presentadas teranse en conta os seguintes aspectos, ata un máximo de 45 puntos:

1. Valoración da situación do planeamento. Só se valorará un dos seguintes puntos:

1.a) Actuacións en concellos que conten con plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente ao abeiro da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia: 6 puntos.

1.b) Actuacións en Concellos con plan xeral de ordenación municipal en tramitación, que teñan acadado a aprobación provisional: 4 puntos.

1.c) Actuacións en concellos con plan xeral de ordenación municipal en tramitación, que teñan a aprobación inicial: 2 puntos.

2. Valoración por tipo de actuación: Só se valorará un dos seguintes puntos:

2.a) Actuacións illadas de urbanización no solo urbano consolidado delimitadas no instrumento de planeamento definitivamente aprobado, ou no instrumento de planemento en tramitación, que conte con aprobación inicial ou provisional, estas últimas sempre que resulten executables de conformidade co planeamento vixente: 5 puntos.

2.b) Actuacións en espazos públicos no solo de núcleo rural histórico-tradicional que melloren a integración dese espazo no contorno en que se insire: 4 puntos.

2.c) Actuacións en espazos públicos no solo de núcleo rural común que melloren a integración dese espazo no contorno no que se insire: 2 puntos.

3. Valoración por localización: Só se valorará un dos seguintes puntos:

3.a) Actuacións en ámbitos delimitados como áreas de recualificación ao abeiro do Plan de ordenación do litoral no instrumento de planeamento definitivamente aprobado ou no instrumento de planeamento en tramitación, que conte con aprobación inicial ou provisional, estas últimas sempre que resulten executables de conformidade co planeamento vixente: 2 puntos.

3.b) Actuación en asentamento identificado no plan de ordenación do litoral como de núcleo de identidade litoral: 2 puntos.

3.c) Actuacións en ámbitos que figuren no planeamento como uso dotacional: 2 puntos.

4. Por acreditar unha boa xestión, ata 12 puntos. A valoración deste criterio realizarase con base nun informe emitido pola Intervención da entidade solicitante no cal se fagan constar os seguintes datos:

a) Que a entidade local rendeu as contas do exercicio 2017 dentro do prazo legalmente establecido: 4 puntos.

b) Que a entidade local cumpriu coa estabilidade orzamentaria no exercicio de 2017: 4 puntos.

c) Que a entidade local aprobou no prazo legalmente establecido o orzamento 2017 e non o prorrogou: 4 puntos.

5. A valoración do esforzo fiscal do concello ou concellos en atención á contribución media por habitante ao orzamento de ingresos liquidado de 2017, ata 10 puntos.

O esforzo fiscal calcularase dividindo os dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III) do orzamento de ingresos liquidado de 2017 entre o número de habitantes redondeando o cociente ata o segundo decimal. Nesta epígrafe asignarase un máximo de 10 puntos. A máxima puntuación outorgarase ao concello co esforzo fiscal máis elevado e o resto das solicitudes puntuaranse de xeito proporcional.

Para a valoración deste criterio remitirase certificado emitido pola persoa responsable da Intervención ou Tesouraría da entidade do total dereitos recoñecidos netos dos capítulos I, II e III segundo o orzamento de ingresos liquidado de 2017.

6. Memoria xustificativa da necesidade das actuacións para as cales se solicita a subvención: ata 10 puntos.

Neste punto valorarase a concreción e a adecuación aos obxectivos desta orde recollidos na exposición de motivos. A extensión máxima da memoria non excederá os 3 folios.

Unha vez valoradas todas as solicitudes pola comisión de valoración, se o outorgamento de todas elas implica un gasto superior ao crédito consignado nesta orde, no caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Maior puntuación no punto 4 dos criterios de valoración.

2º. Maior puntuación no punto 5 dos criterios de valoración.

3º. Menor número de habitantes no concello.

4º. Maior puntuación no punto 6 dos criterios de valoración.

Para a asignación de puntuacións naqueles criterios que incorporan referencias a datos de poboación, utilizaranse as cifras oficiais do último padrón municipal aprobado polo Real decreto 1039/2017, do 15 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2017.No caso de que na data de publicación desta orde estiver publicado o real decreto referido as cifras de poboación do ano seguinte, tomarase este último como referencia.

Artigo 10. Resolución, notificación e modificación

1. O prazo para a resolver e notificar os procedementos iniciados en virtude desta orde será tres meses, contado a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. A resolución notificaráselles a todos os concellos interesados, na forma prevista no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo o establecido no artigo 23.5 da mesma lei, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As resolucións ditadas ao abeiro da presente orde esgotan a vía administrativa e contra elas os concellos interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo.

4. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Unicamente se aceptarán como supostos que habiliten a modificación da resolución de concesión a modificación dun contrato vixente derivada de circunstancias sobrevidas e que fosen imprevisibles no momento de licitación do contrato, segundo o establecido no artigo 205, números 1 e 2.b) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 11. Aceptación

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei de subvencións.

3. Os concellos beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

4. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 12. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Proceder ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 14 desta orde.

c) Incumprimento da obriga de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de cinco anos.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sen prexuízo do establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

6. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos e reintegrar as cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre, antes de transcorridos cinco anos do seu remate, unha modificación que afecte a natureza do investimento.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 13. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións que integran o proxecto subvencionado e que constitúe o obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

3. A entidade beneficiaria deberá acreditar as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/a adxudicatario/a.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. As entidades beneficiarias deberán executar as actuacións subvencionadas e presentar a conta xustificativa, dentro dos prazos determinados na resolución de concesión da axuda e o consecuente recoñecemento das obrigas, conforme o establecido nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, segundo o seguinte procedemento:

1.1. Para as axudas que consideren só a anualidade de 2019, o prazo de execución material das actuacións será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2019, e o prazo de presentación da documentación xustificativa será ata o 15 de decembro de 2019.

1.2. Para as axudas cuxa contía se distribúa nas anualidades de 2019 e 2020, observaranse as seguintes regras:

a) Para a xustificación do importe da anualidade de 2019, o prazo de execución material das actuacións será o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2019, e o prazo de presentación da documentación xustificativa será ata o 15 de decembro de 2019.

b) Para a xustificación da anualidade de 2020, o prazo de execución material das actuacións será o comprendido entre o 1 de decembro de 2019 e o 31 de outubro de 2020, e o prazo de presentación da documentación será ata o 15 de novembro de 2020.

2. A conta xustificativa estará integrada polos seguintes documentos:

a) Declaración responsable asinada polo representante do concello beneficiario segundo o modelo do anexo III desta orde, en que se faga constar:

• O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

• De haber outros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse unha relación detallada de tales ingresos ou subvencións con indicación do importe e da súa procedencia.

• Que o concello beneficiario non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que as entidades locais beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non son debedoras por resolución de procedemento de reintegro.

b) Certificación emitida no modelo do anexo IV polo/a secretario/a do concello beneficiario relativa:

• Á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, na cal se faga constar de forma detallada: o cumprimento da finalidade da subvención e os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

• Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón na contabilidade do gasto correspondente á execución do proxecto subvencionado.

• Que, segundo informe do/a secretario/a do concello, a contratación se realizou consonte a normativa de contratación do sector público. Nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deberá facerse constar:

1) As tres ofertas que deben solicitar, de conformidade co establecido no artigo 48.2.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 13 desta orde.

2) Que se cumpriu o establecido nos artigos 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, especialmente que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 15. Libramento das subvencións

1. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, sempre que o beneficiario cumpra a obriga de executar o proxecto que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da execución da actuación obxecto de subvención.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión. Financiamento das actividades subvencionadas

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axuda, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Non obstante, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actuación subvencionada.

Artigo 18. Incumprimento de obrigas

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, a entidade beneficiaria comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquela, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Información relativa á orde de convocatoria

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

b) Nos seguintes teléfonos:

• Para consultas técnicas sobre os proxectos e documentación relativa eles: 981 54 43 82 e 981 54 45 47.

• Para consultas de tipo administrativo e xestión: 981 54 43 89 e 981 54 43 71.

c) No enderezo electrónico: sxurb@xunta.gal

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para actuar por delegación da persoa titula da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outros incidentes das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, recoñecer obrigas e propoñer os correspondentes pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, de 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido de la Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Asemade, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo as facultades sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativas aos procedementos de reintegro.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https:// www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file