Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Mércores, 23 de xaneiro de 2019 Páx. 4145

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 21 de decembro de 2018 de aprobación definitiva da modificación das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Arteixo, para a apertura da avenida Baldomero González no seu encontro coa travesía de Arteixo, no ámbito da UA-62.

O Concello de Arteixo remite a modificación puntual de referencia, para os efectos da súa aprobación definitiva, regulada no artigo 60.16 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), en relación co artigo 144.16 e seguintes do seu regulamento aprobado mediante o Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación subscrita polo arquitecto Fernando Pousada García, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Arteixo conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, o 23.3.1995 (NSP).

2. Con anterioridade foi tramitada outra modificación puntual co mesmo obxecto (expediente PTU AC 14 094) que foi aprobada provisionalmente o 30.7.2015. Presentada para a súa aprobación definitiva o 2.9.2015, foi requirida documentación ao abeiro do artigo 85.7 da LOUG o 21.9.2015. O concello, a raíz da resolución do órgano ambiental que establece a necesidade dunha nova avaliación ambiental estratéxica simplificada, iniciou a tramitación desta modificación.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 22.12.2016 informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

4. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación en data 18.1.2017 (DOG do 16 de febreiro), e resolveu non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria e estableceu determinacións para a modificación. Consta:

a) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 20.12.2016, no cal se indica que a modificación producirá efectos favorables sobre a paisaxe.

b) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do 25.11.2016 no cal se indica que a modificación non terá impacto nas súas actividades.

5. O arquitecto municipal emitiu informe favorable á aprobación inicial o 13.6.2017. A técnico de Administración xeral municipal, coa conformidade da secretaria xeral do concello, emitiu informe xurídico favorable á aprobación inicial o 16.6.2017.

6. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 29.6.2017. Foi sometida a información pública dous meses (El Ideal Gallego do 7 de outubro e Diario Oficial de Galicia do 26 de outubro de 2017); non foron presentadas alegacións.

7. No que afecta aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG) a DXOTU emitiu informe sobre o trámite o 28.2.2018. Así:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: o informe do 23.10.2017 indica a non necesidade de informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 12.1.2018, sen obxeccións.

• Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático: informe do 26.1.2018 en relación co POL (artigo 14 da súa normativa), favorable; e informe do 27.10.2017, en materia de solos contaminados, en que se sinala que non existen afeccións á calidade dos solos no ámbito da modificación.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 10.1.2018, desfavorable.

• Augas de Galicia: informe do 19.2.2018, desfavorable.

b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Culleredo e A Laracha, sen que respondesen en prazo.

Con posterioridade, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 26.6.2018 un informe favorable ao proxecto de xuño de 2018 para aprobación provisional. Augas de Galicia informou o 10.7.2018 e o 31.7.2018, favorable coas prescricións que sinalan.

8. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente consta:

a) Delegación do Goberno: escrito do 14.11.2017 no cal se manifesta que non se observa incidencia no Inventario de Bens e Dereitos do Estado.

b) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital: informe do 23.10.2017, favorable.

9. A interventora municipal emitiu informe de fiscalización favorable de data 7.11.2017.

10. O arquitecto e a secretaria municipais emitiron cadanseu informe en data 1.8.2018, favorables á aprobación provisional da modificación.

11. A modificación foi aprobada provisionalmente polo concello pleno de data 9.8.2018.

12. O concello solicitou a aprobación definitiva o 5.9.2018. Esta consellería requiriu a emenda de deficiencias o 5.10.2018. O concello remitiu o requirido o 5.10.2018.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O ámbito afectado é a parcela catastral 0147519NH4904N0001PG, situada entre a unidade de actuación UA-60, a vía AC 411, o río Arteixo e parcelas estremeiras. Ten unha superficie catastral de 2.676 m2. Deben sumarse as parcelas catastrais números 02, 20, 23 (estas dúas xurdidas da división da antiga parcela nº 20) e 22, que ven alterada a súa cualificación sinalando que xa pertencen ao concello de Arteixo.

2. O planeamento vixente prevé o remate da avenida Baldomero González, de nova apertura, a unha cota de 19,00 m, e xera un treito final de considerable pendente.

As superficies brutas son:

• Ordenanza URME 2: 297 m2.

• Ordenanza URTA 1: 2.379 m2, dos que 941 m2 son espazos libres públicos (VP).

3. A modificación ten por obxecto dar saída á rúa Baldomero González no seu encontro coa travesía de Arteixo á mesma cota, e detallar a ordenación dos terreos situados dentro do ámbito e cualificados como solo urbano non consolidado.

4. Os principais cambios introducidos no proxecto aprobado provisionalmente respecto do borrador informado pola DXOTU o 22.12.2016 son:

a) Redúcese a superficie edificable de 2.676 m2 a 2.643 m2, por mor da introdución dun chafrán no extremo sur do quinteiro cualificado coa ordenanza URME.

b) Altérase a parcela destinada a equipamento, que se dispón ao longo do viario (futura avenida Baldomero González) e cámbiase o seu uso ao de actividades culturais ao aire libre.

c) Prevese unha reserva para uso comercial de 264,30 m2 edificables.

d) Prevese unha reserva de vivenda suxeita a protección pública do 10 % (no canto do 30 %) que se materializará na área que se grafa en planos.

En canto ao POL, elimínase o obxectivo sinalado no borrador de precisar o ámbito do corredor ecolóxico previsto naquel.

III. Informe.

Logo de analizar a documentación remitida polo concello en relación coas observacións feitas no informe da DXOTU do 22.12.2016 e as alteracións que o proxecto aprobado provisionalmente supón respecto do borrador daquela presentado, obsérvase:

1. Razóns de interese público da modificación.

A resolución de problemas de circulación e a adaptación do novo viario previsto polas normas ás características dos terreos pode considerarse suficiente para a xustificación dunha modificación ao abeiro do artigo 93.1 da LSG.

2. Relación co Plan de ordenación do litoral aprobado mediante o Decreto 20/2011 (POL).

Constátase que se deu resposta ás observacións realizadas no seu momento. En todo caso, matizarase na ordenanza do equipamento público (punto 1.5.4.2) que a posible modificación do uso dotacional que se sinala, ao abeiro do artigo 45.2 da LSG, manterá a condición de actividade que se desenvolverá ao aire libre, coas obras e instalacións imprescindibles para o uso de que se trate, evitando novas edificacións que afecten á conectividade do corredor.

3. Réxime do solo aplicable.

En canto á disposición transitoria 1ª.2.a) da LSG, e ao preverse un proceso de urbanización, xustifícase o estado de execución das normas subsidiarias nas parcelas que rodean o ámbito reiterando que son municipais, segundo os puntos 2, 5 e 13 do informe técnico municipal do 13.7.2017, que detalla as vías polas que o concello ten a titularidade dos terreos.

4. Incidencia da modificación na superficie edificable (punto III.4 do informe da DXOTU do 22.12.2016). Dominio público hidráulico.

Constátase que o río non conforma o límite sur da parcela catastral, senón que a atravesa e reduce a súa superficie (aproximadamente en 92 m2), superficie que non pode ser computada para xerar edificabilidade nin como espazo libre público. Cómpre reaxustar a superficie máxima edificable e a do solo reservado para espazo libre público tendo en conta a posición real do dominio público hidráulico.

5. Normas de calidade ambiental e paisaxística.

A normativa aplicable aos terreos de espazos libres e zonas verdes (punto 1.5.4.3) debe axustarse ao indicado no 70.7 do RLSG en canto ás posibles construcións neles.

6. Alteracións que afectan a espazos libres públicos previstos nas normas vixentes (punto III.6 do informe da DXOTU do 22.12.2016).

O plano 7 especifica os cambios de cualificación que afectan a equipamentos e espazos libres. A referencia a que a modificación da cualificación de espazos libres precisa de informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia debe ser eliminada.

7. Outros.

O proxecto cualifica unha parcela con destino á reserva de vivenda protexida, e establece unha porcentaxe do 10 %, inferior ao 30 % establecido con carácter xeral polo artigo 42.9 da LSG para o solo urbano non consolidado en que sexan necesarios procesos de urbanización. De se pretender aplicar a porcentaxe de vivenda resultante da demanda real de vivenda protexida, na liña do acordo plenario do 9.8.2018 (inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, expediente PTU AC 18 113), cómpre establecelo expresamente así e non fixar unha porcentaxe fixa.

Os planos en planta números 1, 4, 5 e 7 carecen de indicación de escala. Nestes dous últimos, non se inclúe a definición das rasantes da rede viaria proposta.

O proxecto aprobado provisionalmente carece do plano do estado final da ordenación refundido sobre as follas 11 (escala 1/1000) e 19 (escala 1/2000) das normas subsidiarias, que son necesarios para a completa definición da ordenación proposta.

As referencias á superficie máxima edificable total permitida deben ser iguais en todo o documento: nalgúns puntos figuran 2.676 m2 (borrador) e noutros 2.643 m2 (como resulta da volumetría).

Na regulación dos espazos libres e zonas verdes (punto 1.5.4.3 da normativa) debe eliminarse a posibilidade de alterar o seu destino ao abeiro do artigo 42.5 da LSG, aplicable só aos equipamentos públicos.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Arteixo para a apertura da avenida Baldomero González no seu encontro coa travesía de Arteixo no ámbito da UA-62, condicionada ao cumprimento das observacións sinaladas nos números III.4 a III.7 desta orde, quedando condicionada a súa eficacia á elaboración dun documento refundido nos termos establecidos nos artigos 62 da LSG e 147 do seu Regulamento.

2. De conformidade cos artigos 62 e 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e os artigos 147 e 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o documento refundido da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Arteixo no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 62, 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento, unha vez inscrita a modificación puntual das NNSS no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello, e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda