Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Venres, 18 de xaneiro de 2019 Páx. 3587

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2019 pola que se dá publicidade ao Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 20 de decembro de 2018 polo que se aproba a política de sinatura electrónica e de certificados deste organismo.

O Pleno do Consello de Contas, na súa reunión do día 20 de decembro de 2018, adoptou o acordo polo que se aproba a política de sinatura electrónica e de certificados do Consello de Contas de Galicia.

Para o seu coñecemento xeral e ao abeiro das competencias que me corresponden conforme o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas,

RESOLVO:

Dispoñer a publicación do acordo polo que se aproba a política de sinatura electrónica e de certificados do Consello de Contas de Galicia, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2019

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo do Pleno polo que se aproba a política de sinatura electrónica e de certificados do Consello de Contas de Galicia

Segundo o glosario de termos do anexo do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica (BOE do 29 de xaneiro de 2010), unha política de sinatura electrónica é o conxunto de normas de seguridade, de organización, técnicas e legais para determinar como se xeran, verifican e xestionan sinaturas electrónicas, incluíndo as características exixibles aos certificados de sinatura.

O artigo 18 do dito Real decreto 4/2010 establece que as administracións públicas aprobarán e publicarán unha política de sinatura electrónica e de certificados partindo da norma técnica aprobada pola Resolución do 19 de xullo de 2011 (BOE do 30 de xullo) da Secretaría de Estado para a Función Pública.

En desenvolvemento da citada norma, con data do 30 de maio de 2012, a Comisión Permanente do Consello Superior de Administración Electrónica aprobou a versión 1.9 da política de sinatura electrónica e de certificados da Administración xeral do Estado e dos seus organismos públicos (OID 2.16.724.1.3.1.1.2.1.9).

Por Resolución do 29 de novembro de 2012, da Secretaría de Estado das Administracións Públicas (BOE do 13 de decembro de 2012), publicouse o Acordo de aprobación do Consello Superior de Administración Electrónica e anunciouse a publicación íntegra dos documentos comprensivos da política na sede do punto de acceso xeral da Administración xeral do Estado.

Neste contexto, a Norma técnica de interoperabilidade de política de sinatura electrónica e de certificados da Administración Xeral do Estado, aprobada por Resolución do 27 de outubro de 2016, da Secretaría de Estado de Administracións Públicas, na súa sección II, sobre interacción con outras políticas, establece que cada organización valorará a necesidade e conveniencia de desenvolver unha política propia fronte á posibilidade de utilizar unha política marco existente.

Examinada a política de sinatura electrónica e de certificados da Administración xeral do Estado, considérase plenamente asumible polo Consello de Contas nos seus aspectos técnicos e conveniente para os efectos dunha axeitada interoperabilidade entre os sistemas de información das diferentes administracións públicas.

Consonte o exposto e no exercicio da competencia que lle atribúe o artigo 7 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia, e o artigo 5 do Regulamento de réxime interior, o Pleno do Consello de Contas

ACORDA:

Primeiro. Adoptar como política de sinatura electrónica e de certificados do Consello de Contas de Galicia a política de sinatura electrónica da Administración electrónica do Estado, do 29 de novembro de 2012 e publicada no BOE de 13 de decembro de 2012, así como as súas posteriores modificacións.

Segundo. Publicar integramente os documentos da política de sinatura electrónica e de certificados (OID 2.16.724.1.3.1.1.2.1.9), constituídos polos anexos I (Política de sinatura electrónica e de certificados da Administración xeral do Estado) e II (Perfís de certificados electrónicos), na sede electrónica do Consello de Contas de Galicia (https://sede.consellodecontas.es). Os cambios que puideren producirse faranse públicos na citada sede.

Terceiro. O presente acordo entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.