Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Mércores, 16 de xaneiro de 2019 Páx. 2547

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2018 pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade cun dereito mineiro, da liña de evacuación do parque eólico Pena Forcada-Catasol II, nos concellos de Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas (expediente IN407A 2016/877-1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. (en diante, o promotor), en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción, así como coa declaración de utilidade pública da liña de evacuación do parque eólico Pena Forcada-Catasol II (en diante, a liña de evacuación), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 15.6.2017 o promotor solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial da liña de evacuación.

Segundo. Por Acordo do 14 de agosto de 2017, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña (en diante, a Xefatura Territorial), someteuse á información pública a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da liña de evacuación. O citado acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5.9.2017, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 21.8.2017 e no xornal La Voz de Galicia do 29.8.2017.

Pola corrección de erros do Acordo do 14 de agosto de 2017, da Xefatura Territorial, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e o estudo de impacto ambiental da liña de evacuación. A citada corrección de erros do acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5.10.2017, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 5.10.2017 e no xornal La Voz de Galicia do 10.10.2017.

O citado acordo e a súa corrección de erros permaneceron expostos ao público nos taboleiros de anuncios do Concello de Zas, do Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña e da Xefatura Territorial durante 30 días hábiles. Así mesmo, o citado acordo e a súa corrección de erros permaneceron expostos ao público nos taboleiros de anuncios do Concello de Cabana de Bergantiños e do Concello de Laxe durante 20 días.

Durante o período de información pública presentáronse as alegacións que se indican no número 1 do anexo desta resolución, co contido que a seguir se resume:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, cos enderezos para os efectos de posibles notificacións e co tipo de aproveitamento.

– Solicitudes de cambio de trazado da liña de evacuación.

– Solicitude de ampliación da servidume afectada nunha das parcelas afectadas.

– Solicitudes de acceso á información pública do expediente.

– Solicitudes de información sobre as prestacións económicas relativas ás negociacións privadas entre o promotor e os afectados.

– Manifestan que o proxecto do parque eólico Pena Forcada-Catasol II e o da súa liña de evacuación é totalmente incompatible coa sustentabilidade natural, económica e social da contorna, especialmente coa conservación da paisaxe e co desenvolvemento dos sectores turístico e forestal, os cales teñen unha presenza importante nas parroquias afectadas, polo que solicitan o rexeitamento do proxecto.

– Manifestan defectos de tramitación canto ao incumprimento dos prazos de información pública.

– Poñen de manifesto unha ampla relación de valores naturais da zona incluídos na Rede Natura 2000 e na Rede Galega de Espazos Protexidos, entre eles: ZEPVN Costa da Morte, ZEPVN Costa da Morte (Norte), a paisaxe protexida Penedos de Pasarela e Traba, ZEC Costa da Morte, ZEPA Costa da Morte (Norte), así como as zonas húmidas Rego do Soesto, Trasdunas de Soesto, Lagoa de Traba, Mórdomo, Redondelo e Brañas Mouras, entre outras.

– Solicitan que emita informe a Consellería do Medio Rural sobre os valores forestais e silvícolas da zona afectada e as súas repercusións; Turismo, en relación co impacto no turismo do concello de Laxe e a súa área de afección; Augas de Galicia, en relación coa captación e vertedura de augas; Paisaxe, en relación cos impactos na paisaxe da área afectada; o Igape, sobre a viabilidade económica-financeira do proxecto eólico; e Natureza, en relación coa conectividade ecolóxica.

– Solicitan que se baralle a posibilidade da situación deste proxecto noutros concellos en que xa existen outros parques eólicos ou se opte por repotenciar outros existentes. Non se valoraron adecuadamente as alternativas existentes como a repotenciación dos parques eólicos máis antigos ou a revisión do plan sectorial eólico co fin de precisar máis a delimitación das áreas de aproveitamento eólico. Este plan sectorial non foi elaborado con criterios paisaxísticos e require dunha profunda revisión. Débese suspender a tramitación do proxecto en tanto non se produza a mencionada revisión e se repotencien outros parques máis antigos.

– Deficiente avaliación dos impactos do proxecto sobre a climatoloxía, a paisaxe, a flora e a fauna, especialmente sobre as aves e os morcegos. Solicitan mellora dos estudos de risco de mortaldade de aves e quirópteros, así como do programa de vixilancia ambiental do parque eólico proxectado e determinación dos obxectivos de conservación da biodiversidade.

– Solicitan que a empresa avalíe e cuantifique os efectos previsibles directos e indirectos, acumulativos e sinérxicos do proxecto sobre a poboación, a saúde, a flora, a fauna, a biodiversidade, a xeodiversidade, o solo, o subsolo, o aire, a auga, o clima, a paisaxe, o patrimonio cultural, os bens inmateriais e a interacción entre todos os ditos factores durante todas as fases do proxecto eólico.

– Manifestan a prevalencia da protección ambiental, paisaxística e forestal sobre o interese público da garantía de subministración eléctrica na avaliación do impacto dos parques eólicos.

– Estanse a tramitar cinco expedientes distintos para dous parques eólicos situados moi próximos entre eles en concellos limítrofes. A tramitación debería facerse de forma conxunta, pois que ambos están estreitamente relacionados pola liña de evacuación que os une.

– Alegan que non existe un interese público polo parque eólico, que o proxecto é prescindible, que o lugar elixido non é o apropiado e vulnera distintas directivas europeas de conservación de hábitats e aves, que provoca un impacto económico negativo para a economía dos veciños, efectos negativos sobre os campos electromagnéticos da liña de evacuación, sabotaxe do aforro enerxético, continuando coas políticas de promoción enerxética fronte á xestión da demanda e ausencia de aceptación social do proxecto, e que cómpre buscar unha mellor alternativa co medio ambiente para este proxecto eólico.

– Os parques eólicos deixan pouca renda no medio rural e os beneficios non reverten no espazo próximo a onde se producen.

– Presentan queixas sobre a limitación de acceso ao expediente en fase de información pública ao non poder facelo por web institucional.

– Solicitan que se revise a normativa sectorial para evitar unha desmesurada ocupación do territorio polos eólicos en detrimento dos valores paisaxísticos, turísticos, ambientais e forestais.

Terceiro. O 4.8.2017, a Xefatura Territorial remitiu, co fin de obter os correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos: Renovables Aragón, S.L.U., Telefónica, Concello de Laxe, Retevisión I, S.A., Concello de Cabana de Bergantiños, Unión Fenosa Distribución, S.A.U., Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Retegal, Deputación Provincial da Coruña e Concello de Zas.

Cuarto. O 18.8.2017 e o 12.3.2018, Renovables Aragón, S.L.U. manifestou a súa conformidade co proxecto.

Quinto. O 21.8.2017 Telefónica estableceu o correspondente condicionado técnico. O 26.9.2017 o promotor manifestou a súa conformidade.

Sexto. O 31.8.2017 o Concello de Laxe estableceu o correspondente condicionado técnico. O 26.10.2017 o promotor achegou a súa resposta.

Sétimo. O 4.9.2017 Retevisión I, S.A. estableceu o correspondente condicionado técnico. O 18.9.2017 o promotor manifestou a súa conformidade.

Oitavo. O 14.9.2017 o Concello de Cabana de Bergantiños estableceu o correspondente condicionado técnico. O 25.10.2017 o promotor manifestou a súa conformidade.

Noveno. O 15.9.2017 Unión Fenosa Distribución, S.A.U. solicitou documentación adicional. O 17.10.2017 o promotor achegou nova documentación. O 11.1.2018 Unión Fenosa Distribución, S.A.U. estableceu o correspondente condicionado técnico. O 14.2.2018 o promotor manifestou a súa conformidade.

Décimo. O 5.10.2017 Augas de Galicia estableceu o correspondente condicionado técnico. O 10.11.2017 o promotor manifestou a súa conformidade.

Décimo primeiro. O 16.10.2017 a Axencia Galega de Infraestruturas estableceu o correspondente condicionado técnico. O 2.11.2017 o promotor manifestou a súa conformidade.

Décimo segundo. O 26.2.2018 reiterouse a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico a Retegal.

Décimo terceiro. O 5.3.2018 reiterouse a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico á Deputación Provincial da Coruña.

Décimo cuarto. O 9.4.2018 reiterouse a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico ao Concello de Zas.

Décimo quinto. O 13.11.2017 o promotor solicitou a continuación da tramitación do expediente de acordo co procedemento establecido na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Décimo sexto. O 21.12.2017 o Consello da Xunta declarou de especial interese o proxecto do parque eólico Pena Forcada-Catasol II e o da súa liña de evacuación.

Décimo sétimo. O 13.4.2018 a Sección de Minas da Xefatura Territorial informou sobre a existencia dos seguintes dereitos mineiros no trazado da liña de evacuación: o permiso de investigación sección C Don Sebastián nº 7147, o permiso de investigación da sección C Jorge Reyes nº 7148 e o permiso de investigación da sección C Regalados nº 7099.

Décimo oitavo. O 16.4.2018 a Xefatura Territorial emitiu informe favorable en relación co expediente da liña de evacuación.

Décimo noveno. O 17.4.2018 a Xefatura Territorial remitiu o expediente da liña de evacuación á Dirección Xeral de Enerxía e Minas (en diante, a Dirección Xeral) para continuar coa tramitación do procedemento.

Vixésimo. Por requirimento da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do 15.5.2018, e para os efectos previstos no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, por Resolución do 24 de maio de 2018, da Dirección Xeral, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, de construción, e o estudo de impacto ambiental da liña de evacuación (DOG núm.112, do 13 de xuño de 2018).

A citada resolución permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas), da Xefatura Territorial e da Dirección Xeral durante 15 días hábiles.

Durante o período de información pública presentáronse as alegacións que se indican no número 2 do anexo desta resolución, co contido que a seguir se resume:

– Oposicións á declaración de interese especial do proxecto Pena Forcada-Catasol II.

– Manifestan que o proxecto do parque eólico Pena Forcada-Catasol II e o da súa liña de evacuación é totalmente incompatible coa sustentabilidade natural, económica e social da contorna, especialmente coa conservación da paisaxe e co desenvolvemento dos sectores turístico e forestal, os cales teñen unha presenza importante nos concellos afectados, polo que solicitan o rexeitamento do proxecto.

– Deficiente avaliación dos impactos do proxecto sobre a climatoloxía, a paisaxe, a flora e a fauna, especialmente sobre as aves e os morcegos. Solicitan mellora dos estudos de risco de mortaldade de aves e quirópteros, así como do programa de vixilancia ambiental.

– Solicitan que a empresa avalíe e cuantifique os efectos previsibles directos e indirectos, acumulativos e sinérxicos do proxecto sobre a poboación, a saúde, a flora, a fauna, a biodiversidade, a xeodiversidade, o solo, o subsolo, o aire, a auga, o clima, a paisaxe, o patrimonio cultural, os bens inmateriais e a interacción entre todos os ditos factores durante todas as fases do parque eólico.

– Manifestan a prevalencia da protección ambiental, paisaxística e forestal sobre o interese público da garantía de subministración eléctrica na avaliación do impacto dos parques eólicos.

– Estanse a tramitar cinco expedientes distintos para dous parques eólicos situados moi próximos entre eles en concellos limítrofes. A tramitación debería facerse de forma conxunta, pois que ambos están estreitamente relacionados pola liña de evacuación que os une.

– Alegan que non existe un interese público polo parque eólico, que o proxecto é prescindible, que o lugar elixido non é o apropiado e vulnerando distintas directivas europeas de conservación de hábitats e aves, que provoca un impacto económico negativo para a economía dos veciños, efectos negativos sobre os campos electromagnéticos da liña de evacuación, sabotaxe do aforro enerxético, continuando coas políticas de promoción enerxética fronte á xestión da demanda e ausencia de aceptación social do proxecto, e que cómpre buscar unha mellor alternativa co ambiente para este proxecto eólico.

Vixésimo primeiro. O 30.5.2018 a Dirección Xeral, en aplicación do disposto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, outorgou trámite de audiencia á comunidade de herdeiros de Eliseo Xullo Mato Abelenda e a Caolines de Vimianzo, S.A.U. Cavisa.

Vixésimo segundo. O 16.7.2018 o promotor deu resposta ás alegacións presentadas por María Obdulia Mato Insua, en nome da comunidade de herdeiros de Eliseo Xullo Mato Abelenda, titulares do permiso de investigación da sección C Regalados, nº 7099.

Vixésimo terceiro. O 17.8.2018 o promotor deu resposta ás alegacións presentadas, por Caolines de Vimianzo, S.A.U. Cavisa, titular das solicitudes dos permisos de investigación da sección C Don Sebastián nº 7147 e Jorge Reyes nº 7148.

Vixésimo cuarto. O 25.9.2018 a Dirección Xeral de Ordenación Forestal informou, no marco do establecido no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, que non existen aproveitamentos de especial interese forestal que poidan resultar incompatibles coa declaración de utilidade pública da liña de evacuación.

Vixésimo quinto. O 6.11.2018, a Xefatura Territorial emitiu informe sobre a compatibilidade da liña de evacuación cos permisos de investigación da sección C Don Sebastián nº 7147 e Regalados nº 7099, e a incompatibilidade coa solicitude do permiso de investigación da sección C Jorge Reyes nº 7148.

Vixésimo sexto. Para dar resposta ao informe da Xefatura Territorial do 6.11.2018, o promotor presentou, o 27.11.2018, o documento Estudio de compatibilidad entre la línea eléctrica de evacuación del parque eólico Pena Forcada Catasol II y la solicitud del permiso de investigación Jorge Reyes nº 7148.

Vixésimo sétimo. O 5.12.2018 a Xefatura Territorial informou de que o proxecto de liña eléctrica de evacuación é compatible co permiso de investigación Regalados nº 7099 e non presenta ningunha interferencia coa solicitude de permiso de investigación Don Sebastián, nº 7174. Por outra banda, existe unha interferencia entre ese proxecto e o contido da solicitude de permiso de investigación Jorge Reyes nº 7148; non obstante, non corresponde tomar unha decisión sobre a posible prevalencia dun proxecto sobre o outro ata que algunha das dúas solicitudes estea aprobada e, por tanto, sexa considerada de utilidade pública.

Vixésimo oitavo. O 12.12.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa á liña de evacuación.

Vixésimo noveno. O 20.12.2018 a Dirección Xeral propuxo as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade co dereito mineiro Regalados nº 7099, da liña de evacuación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución e resumidas nos antecedentes de feito segundo e vixésimo, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

2. Co obxecto de aclarar as alegacións de carácter ambiental (valores naturais, paisaxísticos, turismo, augas...) presentadas en relación cos procedementos realizados durante a tramitación do proxecto, así como os posibles efectos acumulativos ou sinérxicos, cabe indicar que este proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental que corresponde, e como resultado do cal a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o 12.12.2018 a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización da liña de evacuación, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que pode desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias. En concreto, tal e como se reflicte na citada declaración de impacto ambiental, o proxecto conta cos informes favorables do Instituto de Estudos do Territorio, da Dirección Xeral de Ordenación Forestal, da Dirección Xeral do Patrimonio Natural, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia.

3. No que respecta ás alegacións relativas ás modificacións do trazado da liña de evacuación, considérase o número 3 do artigo 153 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. No dito número ponse de manifesto a necesidade de acreditar na solicitude de variación do trazado a conformidade previa dos novos propietarios coa dita variación, debidamente documentada, así como o compromiso formal de sufragar todos os gastos que ocasione a súa realización.

4. Canto ás pretensións formuladas sobre a posibilidade da ampliación da servidume afectada, non se consideran por entender que son demasiado xenéricas, ao non acreditarse que as servidumes impostas á parcela alteran as condicións fundamentais da súa explotación.

5. Con respecto á fragmentación dos expedientes do parque eólico Pena Forcada-Catasol II e da súa liña de evacuación, así como dos parques eólicos sitos na zona, seguiuse e estanse a seguir os diferentes pasos exixidos na normativa sectorial de aplicación. En todo caso, exíxese ao promotor presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa o parque eólico coas infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

6. Con respecto á limitación de acceso a información á cidadanía, deuse cumprido trámite de información pública segundo a normativa sectorial correspondente, Lei 8/2009, do 22 de decembro, e segundo a normativa ambiental, Lei 21/2013, do 9 de decembro. No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar, e así se reflicte na declaración de impacto ambiental, que a normativa que rexe este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio de Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

De acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para a liña eléctrica de evacuación do parque eólico Pena Forcada-Catasol II, sita nos concellos de Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas, e promovida por Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución Proyecto oficial infraestructura eléctrica evacuación parque eólico Pena Forcada-Catasol II do 9.6.2017, asinado polo enxeñeiro industrial Francisco Javier Martínez Jiménez, colexiado nº 1.839 do Colexio Nacional de Enxeñeiros ICAI.

As características principais das instalacións recollidas no proxecto son as seguintes:

– Solicitante: Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U.

– Denominación: liña eléctrica de evacuación do parque eólico Pena Forcada-Catasol II.

– Orzamento da instalación: 3.127.006,95 €.

– Finalidade: evacuación da enerxía eléctrica producida no parque eólico Pena Forcada-Catasol II.

– Concellos afectados: Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas (A Coruña).

– Características técnicas da liña de evacuación:

• LMT a 20 kV, de 8.518 m, con orixe no CS do PE Pena Forcada-Catasol II proxectado (concello de Laxe) e final na ET PE Pena Forcada Catasol proxectada (concello de Cabana de Bergantiños). Esta liña divídese en 3 tramos:

1. LMTS a 20 kV S/C, de 40 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×400 mm2 Al, con orixe no CS do PE Pena Forcada-Catasol II proxectado e final no apoio nº 1 (PAS) proxectado.

2. LMTA a 20 kV S/C e D/C, de 8.448 m, condutor tipo LA-280 Al, con orixe apoio nº 1 (PAS) proxectado e final no apoio nº 37 proxectado. Desde o apoio nº 33 (PAS) a liña pasa a ser de dobre circuíto (D/C), correspondendo este á LMTS de evacuación proxectada (IN407A 2017/046-1) do PE Mouriños proxectado (IN661A 2011/010-1).

3. LMTS a 20 kV D/C, de 30 m, condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1×400 mm2 Al, con orixe no nº 37 proxectado e final na SET PE Pena Forcada Catasol proxectada.

• LATA a 66 kV D/C, de 92 m, condutor tipo LA-180 Al, con orixe (E/S) nos pórticos de amarre do parque de 66 kV da SET PE Pena Forcada Catasol proxectada e final nº 78 da LAT Cabana-Vimianzo de UFD.

• SET PE Pena Forcada Catasol do tipo PASS/GIS, cun transformador de potencia de 20 MW, un parque de 20 kV e outro de 66 kV con dúas posicións E/S.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto da liña eléctrica de evacuación do parque eólico Pena Forcada-Catasol II, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Cuarto. Declarar a compatibilidade da liña eléctrica de evacuación do parque eólico Pena Forcada-Catasol II co dereito mineiro do permiso de investigación da sección Regalados nº 7099.

A presente resolución axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados pola liña de evacuación na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 23.452,55 euros.

A dita fianza depositarase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución presentado pola empresa promotora, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U.

3. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguranza.

4. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro; o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio; así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

5. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, comunicando á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

6. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

Unha vez solicitada a autorización de posta en servizo, a xefatura territorial será a encargada de autorizala despois das comprobacións técnicas que considere oportunas.

7. Previamente ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación obxecto da presente resolución e as do parque eólico Pena Forcada-Catasol II, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

8. A liña de evacuación deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica que lle resulten de aplicación.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a Xefatura Territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da liña eléctrica.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. Esta resolución emítese sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. A presente resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación ou da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria
P.D. (Orde 10.6.2016; DOG núm. 131, do 12 de xullo)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito segundo:

Asociación Autonómica Cultural e Ambiental Petón do Lobo, Asociación Amigos e Amigas dos Bosques «O Ouriol do Anllóns» e Asociación Ambiental Cova Crea, o 22.8.2017; Comunidade de Augas Fonte do Rechabo de Corcoesto, o 28.8.2017; Santiago Ajuria Peón, o 7.9.2017, o 11.9.2017 e o 9.11.2017; Xosé Vázquez Labandeira, o 11.9.2017; José Vidal Pose, o 12.9.2017; Dolores Lema García, o 13.9.2017; Perfecto Castiñeira Vidal, o 19.9.2017; Carmen Pazos Rey, o 20.9.2017; Manuel Andrade Lema, o 21.9.2017; Pastora Nantón Martínez, no nome de herdeiros de Manuel Nantón Moreira, o 21.9.2017; María del Carmen Rivera Lema, o 22.9.2017; Pastora Nantón Martínez, o 23.9.2017; Manuel Martínez Fondo, o 23.9.2017; Perfecto Pose Pazos, o 26.9.2017; Manuel Andrade Lema, o 26.9.2017; Ramón Castiñeira Reymúndez e Francisco Allo Pose, o 27.9.2017; Emilio Lema Caamaño, o 28.9.2017; José Luis Oliveira Teijeira, o 29.9.2017; María Manuela Vidal Durán, o 4.10.2017; Matilde e Ana María Ajuria Peón, o 4.10.2017; Carmen Insua Muñiz, o 6.10.2017; María Pose Ramos, o 6.10.2017; Asociación Ambiental Cova Crea, o 27.10.2017 e o 26.12.2017; Asociación Amigos e Amigas dos Bosques «O Ouriol do Anllóns», o 27.10.2017 e o 28.12.2017; Asociación Autonómica Cultural e Ambiental Petón do Lobo, o 27.10.2017 e o 29.12.2017; Asociación Ambiental Contramínate, o 26.12.2017 e o 25.4.2018; José Álvarez Lema, o 14.12.2017; María del Carmen Cundíns Ramos, o 21.3.2018.

2. Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito vixésimo:

Asociación Autonómica Cultural e Ambiental Petón do Lobo, o 14.6.2018; Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana, o 26.6.2018; Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Cova Crea e Asociación Amigos e Amigas dos Bosques «O Ouriol do Anllóns», o 2.7.2018; Asociación Ambiental Contramínate, o 3.7.2018.