Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Mércores, 16 de xaneiro de 2019 Páx. 2562

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de decembro de 2018, polo que se aproba definitivamente o proxecto da infraestrutura eléctrica denominada Subestación colectora xeración 132/400 kV Ludrio e liña colectora Ludrio eixe sur: tramo 1 132 kV-SET Ludrio-SET parque eólico Monciro, como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como as disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 27 de decembro de 2018, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Subestación colectora xeración 132/400 kV Ludrio e liña colectora Ludrio eixe sur: tramo 1 132 kV-SET Ludrio-SET parque eólico Monciro, promovido por Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U.

Segundo. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Castroverde, Pol e Castro de Rei queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado Subestación colectora xeración 132/400 kV Ludrio e liña colectora Ludrio eixe sur: tramo 1 132 kV-SET Ludrio-SET parque eólico Monciro.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Proposta de modificación dos plans afectados.

Cando se formule o plan municipal das mencionadas institucións adaptado á Lei 2/2016, do solo de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano adxunto ao presente proxecto e cualificarase como solo rústico de especial protección de infraestrutura enerxética coa seguinte normativa:

1.1. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos as zonas delimitadas no plano de cualificación destinadas á instalación dun sistema xeral de infraestruturas, vinculadas ao transporte e distribución de enerxía eléctrica.

O uso permitido ou autorizable é o de liñas eléctricas de alta tensión. Para poder implantarse nesta categoría de solo deberá contar coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido nos artigos 22 a 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e contar coa correspondente declaración de impacto ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Segundo o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, establécese que:

Artigo 158. Servidume de paso de enerxía eléctrica

Establecida nos planos (franxa de afección que será continua ao longo da traza da liña) segundo a necesidade da liña obxecto do presente proxecto sectorial. A servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica comprenderá:

a) O voo sobre o predio servente.

b) O establecemento de postes, torres ou apoios fixos para a sustentación dos cables condutores de enerxía eléctrica e instalación de postas a terra dos ditos postes, torres ou apoios fixos.

c) O dereito de paso ou acceso para atender ao establecemento, vixilancia, conservación, reparación da liña eléctrica e corte de arboredo, se for necesario.

d) A ocupación temporal de terreos ou outros bens, se é o caso, necesarios aos fins indicados no parágrafo c) anterior.

Artigo 162. Relacións civís

1. A servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servente cercalo, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade. Poderá, así mesmo, o dono solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, correndo pola súa conta os gastos da variación, incluíndose nos devanditos gastos os prexuízos ocasionados.

2. Entenderase que a servidume foi respectada cando a cerca, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte o seu contido e a seguridade da instalación, persoas e bens de acordo co presente real decreto.

3. En todo caso, e para as liñas eléctricas aéreas, queda limitada a plantación de árbores e prohibida a construción de edificios e instalacións industriais na franxa definida pola proxección sobre o terreo dos condutores extremos nas condicións máis desfavorables, incrementada coas distancias regulamentarias a ambos os dous lados da devandita proxección.

1.2. Condicións de edificación.

Dada a singularidade e demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura.

Para tales efectos, darase cumprido seguimento ao trasladado cando se formulen os plans municipais dos concellos afectados, recollendo a delimitación sinalada e as prescricións técnicas de aplicación.

De acordo co disposto no artigo 34.4 da LSG, o réxime de solo rústico de protección de infraestrutura enerxética proposto aplicarase de xeito complementario a outras categorías de solo rústico vixentes no ámbito.

2. Prazo de adecuación dos plans urbanísticos afectados.

A adecuación do plan urbanístico municipal vixente ao proxecto sectorial deberá realizarse coa redacción e tramitación:

• Da redacción do plan urbanístico municipal.

• Da revisión do plan urbanístico municipal.

• Da adaptación do plan á Lei 2/2016, do solo de Galicia, e as súas posteriores modificacións.

3. Eficacia da proposta sectorial.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, á marxe de cando se adecue o plan municipal, implica que as súas determinacións terán forza vinculante para as administracións públicas e particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente.

4. Cualificación das instalacións (carácter territorial).

En concordancia co establecido no Decreto 80/2000, capítulo I, artigo 3, e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, no seu texto modificado pola Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e posteriormente pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que a derroga, o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras e instalacións da liña colectora Ludrio eixe sur, tramo 1 e a subestación colectora xeración 132/400 kV Ludrio.

En consecuencia, non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas no proxecto sectorial que aprobe o Consello da Xunta de Galicia.