Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Luns, 14 de xaneiro de 2019 Páx. 1854

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as asociacións profesionais de transportistas e de empresas de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada para acreditaren a súa representatividade co fin de revisar a composición do Comité Galego de Transporte por Estrada.

O Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada (Comité, en diante) e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, dispón no seu artigo 13 que a composición das distintas seccións do Comité será revisada cada 4 anos. Con este motivo, as distintas asociacións que formen parte de cada sección, así como as que desexen entrar no Comité, serán convocadas pola Dirección Xeral de Mobilidade no último semestre do cuadrienio, co obxecto de que dentro dun prazo non inferior a un mes xustifiquen a súa representatividade de conformidade coas regras establecidas para o efecto.

Tendo en conta que a última revisión da composición do Comité se realizou no ano 2013, faise necesario convocar de novo as asociacións que actualmente forman parte de cada sección do Comité, así como as que desexen entrar a formar parte dalgunha ou dalgunhas delas, co obxecto de que xustifiquen a súa representatividade.

Co obxecto de lograr unha axeitada representatividade no Departamento de Transporte de Viaxeiros, debe realizarse unha interpretación integradora dos artigos 6 e 11 do Decreto 251/1998, o cal implica necesariamente partir da base de que o decreto prevé a posibilidade de que se integren no Comité tanto as federacións coma as asociacións representativas do sector do transporte, coa única limitación de que, cando participen federacións no Comité, non poderán ter representación neste as asociacións que conformen as referidas federacións.

É consecuencia necesaria da lectura dos referidos preceptos entender que o artigo 6, ao referirse a asociacións, estende os seus efectos sobre as federacións ou confederacións de transportes que soliciten acceder ao Comité, pois este pretende, como así se establece na exposición de motivos do decreto, servir de canle de comunicación e colaboración do sector do transporte na busca dunha mellor xestión en beneficio dos propios transportistas e dos usuarios, en definitiva, da sociedade no seu conxunto.

De conformidade co exposto, esta dirección xeral entende que cumprirán cos requisitos establecidos no punto 2 do artigo 6 do Decreto 251/1998, do 10 de setembro, as federacións ou confederacións que gocen de implantación polo menos en tres provincias, e en cada unha das tres provincias alcancen ou ben o 10 % de afiliados ao conxunto das asociacións que soliciten formar parte da sección de que se trate ou ben o 15 % de vehículos autorizados que pertenzan aos socios afiliados a aquelas asociacións.

Na súa virtude, oído o Comité Galego de Transporte por Estrada,

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto da convocatoria

Esta resolución ten por obxecto convocar as asociacións profesionais de transportistas por estrada e de empresas de actividades auxiliares e complementarias do transporte que actualmente integran cada unha das seccións do Comité, así como as que desexen participar nel, para que acrediten ante a Dirección Xeral de Mobilidade a súa respectiva implantación no subsector empresarial que representan, de conformidade co disposto nesta resolución.

Con este fin, os interesados tramitarán unha solicitude á Dirección Xeral de Mobilidade manifestando o seu interese en participar, segundo as indicacións dos seguintes números e xuntarán a documentación requirida.

Segundo. Documentación das asociacións, federacións e confederacións

Para os efectos da súa constancia no Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte (regulado nos artigos 10 e 11 do Decreto 251/1998, do 10 setembro), no cal deberán inscribirse necesariamente todas as asociacións que desexen participar como membros do Comité, e co obxecto de acreditar a súa constitución, obxecto e fins, deberá achegarse por cada asociación e, se for o caso, federación e/ou confederación en que aquelas se integren, orixinal ou copia compulsada dos seguintes documentos:

a) NIF da asociación.

b) Acta de constitución da asociación.

c) Estatutos vixentes. Incluiranse igualmente as modificacións estatutarias habidas e que rexan na actualidade.

d) Poder ou representación que exerce a persoa ou persoas que vaian actuar en nome da asociación.

e) En caso de tratarse dunha federación e/ou confederación, denominación, domicilio e NIF das asociacións que a integren.

Deberá quedar acreditado, en todo caso, que a anterior documentación foi obxecto dos trámites precisos para a súa legalización conforme as normas aplicables.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada pola entidade interesada, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a Dirección Xeral de Mobilidade poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Terceiro. Disposición de persoal e locais

1. Co fin de acreditar o funcionamento efectivo das asociacións, federacións e/ou confederacións, deberá xustificarse a disposición dos locais e do persoal axeitado para o exercicio da súa actividade.

Abondará con que as asociacións e federacións que actualmente formen parte do Comité acheguen certificación do secretario xeral ou órgano equivalente en que conste que cumpren este requisito.

2. En relación con aquelas empresas que posúan varios centros de traballo repartidos polo territorio nacional, estando polo menos un deles no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de acreditar a representatividade neste Comité, unicamente se poderán computar aqueles dos seus vehículos habilitados para realizar transporte que estean radicados habitualmente en Galicia, o cal será obxecto de comprobación mediante os TC, sen que se teña en consideración un número de vehículos superior ao de persoal de condución dos ditos centros. Neste senso, respecto das empresas que conten con domicilio social fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán presentarse os TC1 e TC2 correspondentes, en formato electrónico.

Cuarto. Datos das entidades solicitantes e das súas empresas afiliadas

En cumprimento do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os solicitantes deben relacionarse coa Xunta de Galicia a través da súa sede electrónica.

Esta solicitude realizarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, presentando unha solicitude xenérica mediante o servizo PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado, a través do enderezo http://sede.xunta.es/tramitar/PR004A.

Co obxecto de facilitar a recollida dos datos e o seu posterior tratamento, esta dirección xeral promove que os solicitantes presenten os datos relativos ás súas empresas afiliadas cubrindo os formularios en formato Microsoft Excel e Libre Office elaborados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dispoñibles para a súa descarga e presentación no seguinte enderezo:

http://descargas.xunta.es/2ffa25c8-4630-467d-b657-e8e70c1c12ee1545225731513

Cando se trate de federacións e/ou confederacións, os datos deberán estar referidos a cada unha das asociacións que as integran.

Os referidos ficheiros deberán presentarse de forma diferenciada por cada un dos departamentos e para cada unha das clases de transporte por estrada e de actividades auxiliares e complementarias do transporte que constitúen seccións diferenciadas no Comité.

Tanto a relación de matrículas coma os certificados deberán ser presentados con data do último día do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo de que esta dirección xeral poida realizar aquelas comprobacións que considere convenientes e requirir a todos os solicitantes que presenten novamente os devanditos documentos nun momento anterior á data en que se dite a resolución de renovación do Comité.

En todo caso, os solicitantes poderán optar por achegar os datos de conformidade coas especificacións previstas no anexo do Decreto 251/1998, do 10 setembro.

Quinto. Estrutura dos ficheiros de datos

O ficheiro facilitado, que será anexado á solicitude, conta con tres bloques de formularios:

– Datos da entidade solicitante, cos formularios para identificar a asociación, federación ou confederación solicitante e, de ser o caso, as asociacións que a integran.

– Departamento de viaxeiros: onde se recollen os formularios que hai que cubrir para formar parte das correspondentes seccións.

– Departamento de mercadorías: onde se recollen os formularios que hai que cubrir para formar parte das correspondentes seccións.

Para cada departamento, de forma auxiliar á documentación requirida no punto segundo, deberá achegarse a seguinte información identificativa:

– Datos de identificación da asociación, federación ou confederación: denominación, NIF, clase, enderezo postal e electrónico, representante e teléfono.

– Datos das asociacións integradas (se é o caso): denominación, NIF, enderezo postal e electrónico.

A información específica estruturada por departamento e sección:

a) Departamento de Transporte de Viaxeiros.

a.1) Sección de transporte público regular de uso xeral interurbano de viaxeiros en autobús:

– Número de identificación fiscal de persoa física ou xurídica (NIF) de cada empresa relacionada.

– Denominación ou razón social, domicilio social e enderezo postal.

– Número da autorización de empresa da clase VD nacional.

– Número de copias da devandita autorización que cada empresa teña adscritas aos servizos de transporte regular de uso xeral de que sexa titular.

– Relación de matrículas dos vehículos.

a.2) Sección de transporte público de viaxeiros en vehículos de menos de 9 prazas incluído o condutor:

– Número de identificación fiscal de persoa física ou xurídica (NIF) de cada empresa relacionada.

– Denominación ou razón social, domicilio social e enderezo postal.

– Número da autorización de empresa da clase VT, VTC.

– Relación de matrículas dos vehículos.

a.3) Sección de transporte público discrecional interurbano de viaxeiros en autobús:

– Número de identificación fiscal de persoa física ou xurídica (NIF) de cada empresa relacionada.

– Denominación ou razón social, domicilio social e enderezo postal.

– Número da autorización a empresa da clase VD.

– Número de copias da devandita autorización.

– Relación de matrículas dos vehículos.

a.4) Sección de transporte urbano de viaxeiros en autobús:

– Número de identificación fiscal de persoa física ou xurídica (NIF) de cada empresa relacionada.

– Denominación ou razón social, domicilio social e enderezo postal.

– Relación de matrículas dos vehículos.

a.5) Sección de actividades auxiliares e complementarias de transporte por estrada:

– Número de identificación fiscal de persoa física ou xurídica (NIF) de cada empresa relacionada.

– Denominación ou razón social, domicilio social e enderezo postal.

– Relación de matrículas dos vehículos.

b) Departamento de Transporte de Mercadorías.

b.1) Sección de transporte público de mercadorías en vehículos pesados e de transporte público de mercadorías en vehículos lixeiros:

– Número de identificación fiscal de persoa física ou xurídica (NIF) de cada empresa relacionada.

– Denominación ou razón social, domicilio social e enderezo postal.

– Número da autorización de empresa da clase que corresponda.

b.2) Sección de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada:

– Número de identificación fiscal de persoa física ou xurídica (NIF) de cada empresa relacionada.

– Denominación ou razón social, domicilio social e enderezo postal.

– Número da autorización de empresa (da clase OT).

Sexto. Regras de cómputo para a validación dos datos

Con carácter xeral, para ambos departamentos, de transporte de viaxeiros e de transporte de mercadorías, do Comité, computaranse todas as empresas e autorizacións que, cumprindo os requisitos formais, se encontren en situación de alta no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte ou, de ser o caso, se encontren acreditadas nas preceptivas certificacións previstas nos puntos anteriores, na data de finalización do prazo de presentación.

Non se computarán aqueles vehículos dos cales non conste a matrícula, así como o número de autorización de cada empresa integrante da asociación federación ou confederación.

a) Transporte de viaxeiros:

– Transporte público regular de uso xeral interurbano de viaxeiros en autobús.

Neste ficheiro incluirase, dentro das autorizacións da clase VD, o número de copias autorizadas que cada empresa teña adscritas, con carácter de mínimo, aos servizos de transporte regular de uso xeral de que sexa titular. Se o número de copias presentado resulta superior ao número de vehículos que con carácter de mínimo figuren adscritas en cada contrato de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral da Comunidade Autónoma galega, de acordo cos datos que constan nos arquivos da Dirección Xeral de Mobilidade, computarase este último para os efectos de representación. No caso de que a entidade prestameira do contrato de xestión de servizo público de transporte sexa unha unión temporal de empresas (UTE), imputarase a cada unha das empresas que a conformen aqueles vehículos que lle correspondan de entre os adscritos co carácter de mínimos aos ditos contratos na data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Non serán tidas en conta as copias de autorizacións da clase VD que estean adscritas a contratos de xestión de ámbito estatal, nin as correspondentes a empresas que estean afiliadas a asociacións cuxo ámbito de actuación, segundo os seus estatutos, sexa unha provincia distinta daquela en que a empresa teña o seu domicilio social e/ou centro/s de traballo.

Tampouco se computarán os vehículos dedicados ao transporte urbano nin se computarán as empresas asociadas a varias asociacións, federacións ou confederacións que, para os efectos de outorgar representatividade no Comité, non elixiron unha soa destas.

– Transporte público discrecional interurbano de viaxeiros en autobús.

Neste ficheiro incluirase a autorización da clase VD de que cada empresa sexa titular. A Administración, para os efectos de cómputo, restará o número de copias que aparecesen relacionadas no ficheiro previsto no guión anterior do número de copias que con carácter de mínimo se adscriben en cada contrato de xestión da Comunidade Autónoma galega, de acordo cos datos que constan nos arquivos da Dirección Xeral de Mobilidade. Se o resultado é cero ou un número negativo, non se computará a empresa nin as súas copias nesta sección.

En relación coas autorizacións VD, é necesario que se anoten na folla do Excel relativa ao «DEPARTAMENTO DE VIAXEIROS: sección de transporte público discrecional de viaxeiros en autobús» os datos de todos os vehículos autorizados, con independencia de que se encontren, pola súa vez, adscritos a algún servizo público de transporte, de modo que os que estean adscritos deberán ser tamén cargados na correspondente sección.

– Transporte público urbano de viaxeiros en autobús.

O ficheiro de vehículos acompañarase dunha certificación acreditativa de que estes se encontran autorizados para a prestación de tales servizos expedida pola correspondente entidade local.

No caso dos autobuses urbanos que carezan de autorización VD e que sexan obxecto de anotación deberán achegar un certificado do concello en que se faga constar tanto o feito da adscrición como os datos identificadores do vehículo, entre os cales deberá figurar a matrícula.

– Transporte público de viaxeiros en vehículos de ata 9 prazas incluído o condutor.

– Estacións de transporte de viaxeiros, segundo o establecido no artigo 184.1 do Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres.

– Actividades auxiliares e complementarias de transporte por estrada.

Os solicitantes que sexan empresas de arrendamento de vehículos sen condutor e que desexen formar parte da sección actividades auxiliares e complementarias de transporte por estrada, achegarán, respecto das sucursais de que dispoñan, unha certificación acreditativa de que estas se encontran abertas ao público, conforme a lexislación que resulte de aplicación, expedida pola entidade local en que se domicilie.

b) Transporte de mercadorías:

– Transporte público de mercadorías en vehículos pesados e lixeiros.

Contabilizaranse todas as copias adscritas a vehículos pesados e lixeiros das autorizacións de empresa (das clases MDP ou MDL).

Non serán tidas en conta, unha vez efectuada a correspondente comprobación de acordo cos datos que consten no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte, aquelas autorizacións de empresas que non estean de alta no último día do prazo de presentación de solicitudes por estar en réxime de suspensión ou por outros motivos (renuncia, baixa, etc.).

– Actividades auxiliares e complementarias de transporte por estrada.

En relación coas empresas titulares de autorizacións de clase OT, cada asociación ou, se for o caso, federación ou confederación, indicará en cal das dúas seccións para cuxa actividade se require a mencionada autorización desexa que se compute mediante a súa inclusión na relación correspondente a esta, sen que poida aparecer simultaneamente en máis dunha sección nos ficheiros que para tales efectos presente.

Sétimo. Prazo de presentación

A documentación a que se refiren os puntos anteriores deberá presentarse no prazo comprendido entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o 15 de febreiro de 2019. Cando non se achegue a totalidade da documentación ou datos exixidos ou se acheguen de forma diferente á establecida nesta resolución, a Dirección Xeral de Mobilidade requirirá a asociación federación ou confederación para que, nun prazo de entre dez e quince días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución ou, se é o caso, non se computarán as empresas ou autorizacións en relación coas cales non se acheguen os datos na forma indicada ou sexan insuficientes.

Transcorridos os devanditos prazos, non se admitirá a presentación de nova documentación salvo que sexa requirida expresamente pola Dirección Xeral de Mobilidade.

Oitavo. Procedemento de verificación

Unha vez presentada a documentación citada nos puntos precedentes, a Dirección Xeral de Mobilidade realizará co auxilio, se é o caso, doutras entidades, as necesarias comprobacións dos datos facilitados polas asociacións, federacións ou confederacións.

Para os efectos de verificar os datos de empresas afiliadas, tomará unha mostra determinada obxectivamente en función do número total dos rexistros de cada relación, cuxo tamaño garanta, en todo caso, a mesma marxe de erro independentemente do número de afiliados que achegue cada asociación. Os resultados que se obteñan aplicaranse ao número total de empresas e autorizacións achegadas.

Cando os erros que se detecten alteren substancialmente a representatividade que lle correspondería á asociación de que se trate, a Dirección Xeral de Mobilidade, sen prexuízo de iniciar as actuacións oportunas que conduzan á depuración de responsabilidades de quen promoveu o expediente ou certificado sobre a súa veracidade, poderá arquivar a documentación achegada e non considerala para os efectos de participación no Comité.

Neste sentido, considérase que os erros alteran substancialmente a representatividade cando, en calquera das fases do procedemento, afecten polo menos o 60 % das empresas dunha asociación nunha determinada sección das que constitúen o Comité.

Noveno. Acordos sobre recoñecemento de representatividade

No suposto de que todas as asociacións e/ou federacións ou confederacións que pretendan formar parte dunha mesma sección do Comité se recoñezan mutuamente unha determinada porcentaxe de representatividade, e así o manifesten ante a Dirección Xeral de Mobilidade mediante escrito asinado polos seus respectivos presidentes, aquela aceptará provisionalmente tal repartición de representatividade.

Con independencia de que este acordo sexa aceptado pola Dirección Xeral de Mobilidade, as asociacións e federacións ou confederacións que o alcanzasen deberán, igualmente, achegar a documentación prevista na presente resolución.

Se antes da finalización do prazo establecido para a presentación de documentación no punto sétimo non se dirixe a esta dirección xeral ningunha outra asociación que pretenda formar parte desa mesma sección ou que disinta do acordo inicialmente alcanzado, elevaranse a definitivas as porcentaxes de representatividade acordadas polas asociacións.

Se algunha asociación non participa no acordo, este non será tido en conta e examinarase a totalidade da documentación requirida, para os efectos da determinación da representatividade que corresponda a unhas e outras conforme o procedemento xeral de contaxe.

Décimo. Protección de datos

As asociacións, federacións ou confederacións do sector de transporte por estrada deben cumprir os requirimentos establecidos na lexislación española de protección de datos.

Décimo primeiro. Falseamento de datos

O falseamento da documentación ou dos datos a que se refire esta resolución poderá determinar que non se teña en consideración a documentación presentada polas asociacións, federacións ou confederacións e que sexan sancionadas conforme a lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2018

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade