Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Luns, 14 de xaneiro de 2019 Páx. 1852

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 174/2018, do 20 de decembro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construcción Mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito: Camiño Francés-Monte do Gozo, de clave AC/17/012.10.1, no concello de Santiago de Compostela.

Antecedentes:

Primeiro. O día 18 de xullo de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 137) o Anuncio do 10 de xullo de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o documento básico Mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito: Camiño Francés-Monte do Gozo, de clave AC/17/012.10.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise das alegacións, certificados e informes presentados, o 17 de decembro de 2018 aprobouse o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción Mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito: Camiño Francés-Monte do Gozo, de clave AC/17/012.10.1.

Este proxecto de construción ten por obxecto acadar unha imaxe identitaria internacional común ao longo do Camiño, concretamente para mellorar a integración do peregrino na entrada da cidade de Santiago de Compostela, facilitando a dita percepción e diminuíndo a tensión de tráfico sobre o Camiño, así como favorecendo a mobilidade peonil nesta área ao lle dar prioridade ao peregrino sobre o tráfico rodado.

Máis concretamente, preténdese acadar a reordenación do itinerario do Camiño de Santiago ao seu paso polo Monte do Gozo ata o paso da N-634 sobre a AP-9, mellorando a visual do peregrino ao longo do trazado do camiño e reducindo o tránsito de vehículos. Tamén cabe destacar a grande importancia que a dita actuación terá para os veciños do lugar.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, neste caso, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Por outra banda, o artigo 80 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, determina que a aprobación da delimitación dos Camiños de Santiago levará implícita a declaración de interese social e a de necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos para os fins de expropiación forzosa, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes tanto dos tramos necesarios para a funcionalidade do trazado coma dos bens localizados no seu ámbito delimitado necesarios para a conservación, protección ou servizo do Camiño.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de decembro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción Mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito: Camiño Francés-Monte do Gozo, de clave AC/17/012.10.1.

Santiago de Compostela, vinte de decembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade