Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 21 de decembro de 2018 Páx. 53332

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 30 de novembro de 2018 pola que se fixa o importe do crédito dispoñible na convocatoria de 2019 para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), tramitada como anticipado de gasto.

O 2 de setembro de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 3 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), e se convocan as correspondentes ao ano 2016.

O artigo 13 da devandita orde establece que as axudas se concederán con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEMP 2014-2020 sinale a correspondente lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. Fixarase en cada anualidade sucesiva, por unha orde complementaria, o crédito plurianual existente con esa finalidade e poderán ser incrementados os créditos de cada ano, se é o caso, coas incorporacións dos remanentes de exercicios anteriores que legalmente correspondan.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no correspondente proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao de disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Para a finalidade da presente orde, existe no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, na aplicación 15.03.723C.780.1, crédito adecuado e suficiente.

Por todo o anterior, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Crédito orzamentario para concesión de axudas na convocatoria de 2019

O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) tramitadas durante o exercicio do ano 2019 e a plurianualidade asociada alcanza o importe de trescentos dez mil euros (310.000,00 €), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:

Partida orzamentaria

2019

2020

TOTAL

15.03. 723C.780.1

250.000,00 €

60.000,00 €

310.000,00 €

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria indicada, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e a concesión destas axudas condicionarase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación.

Artigo 2. Ampliación do crédito

1. O importe fixado no artigo anterior, así como as aplicacións ás cales se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no punto 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

2. As axudas mencionadas contan co financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca nun 85 % e da Comunidade Autónoma nun 15 %.

3. Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2018

Rosa Maria Quintana Carballo
Conselleira do Mar