Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 19 de decembro de 2018 Páx. 52985

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de decembro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación do monte denominado Da Mina, solicitada a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cesantes, na parroquia de Cesantes, do concello de Redondela (Pontevedra).

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión do día 8 de novembro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado da Mina, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cesantes, na parroquia de Cesantes, do concello de Redondela, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 20.12.2017 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra aproba unha resolución que clasifica como veciñal en man común as parcelas A, C e D do monte denominado da Mina a favor da Comunidade de Montes da parroquia de Cesantes, pertencente ao concello de Redondela, e non clasifica as parcelas E e F.

Segundo. A Comunidade de Montes de Cesantes, o 27.2.2018, presenta recurso de reposición contra a citada resolución no tocante á non clasificación da parcela E, argumentando que esta mesma recoñece a integración desta parcela no monte veciñal histórico da parroquia, o que é causa suficiente para a clasificación, achegando referencia da sentenza do Tribunal Supremo.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as súas resolucións, en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC).

Segunda. Procede admitir os recursos de reposición interpostos de contrario por concorreren os requisitos fixados nos artigos 123 e 124 da LPAC.

Terceira. O recurso de reposición presentado alega que o informe pericial achegado ao expediente pola Comunidade de Montes demostra a pertenza da parcela E ao monte da Mina, da cal tamén se achega documentación histórica que demostra o seu carácter veciñal. Alega que este punto queda recoñecido na resolución de clasificación, polo que entende que é condición suficiente para a clasificación polo Xurado da citada parcela. Tamén presenta referencia da Sentenza do Tribunal Supremo do 7 de marzo de 2001 (recurso 2675/1995), que entende de aplicación neste caso. Ademais, alega que o propio artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establece que son montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais...», o que non pode ser desvirtuado por simples actos de roza de propietarios da parcela estremeira.

Non obstante, existe una sólida xurisprudencia que establece que o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, con independencia de titularidades ou dereitos históricos, consonte o propio artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, que establecen que son montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños». O informe preceptivo elaborado polo Servizo de Montes e que consta no expediente, informa verbo disto que «a zona norte da parcela está ocupada e parcialmente pechada cunha malla pola ampliación dunha leira particular que estrema coa parcela polo leste. Esta parcela está rozada polos propietarios dos predios particulares estremeiros».

A Comunidade de Montes de Cesantes non presentou durante a tramitación do expediente ningunha documentación que indicase un aproveitamento actual en comunidade da citada parcela, e tampouco achegou neste recurso de reposición documentación ningunha en tal sentido.

En consecuencia, vistos os feitos, as consideracións legais e técnicas, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Desestimar o recurso de reposición presentado pola Comunidade de Montes de Cesantes, confirmando en todos os seus termos a resolución impugnada.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo con disposto nos artigos 114.c) e, 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra 3 de decembro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra